Os vídeos do 18F. A campaña vai con ritmo e sobre ‘ruedas’

En VINTE somos moi de montarnos películas e vimos nesta campaña unha auténtica ‘road movie’, na que un autobús que conduce un candidato percorre Galicia e parece que funciona, pero pincha unha ‘rueda’. Entón os pasaxeiros son recollidos por outro candidato que os leva moi amablemente. Ao final, o primeiro candidato volve coller o autobús, pero xa vai sen rumbo e acaba chocando. A banda sonora desta historia estaría composta por Juan Pardo, Village People e a Banda da Loba. 

Vaia por diante o noso recoñecemento á creatividade dos equipos de campaña das diferentes formacións políticas, que para estas eleccións galegas deixaron verdadeiras xoias audiovisuais persuasivas. 

Co obxectivo de decidir o voto dos galegos e as galegas os partidos afánanse na creación e difusión de vídeos de pequena duración cos que buscan impactar e convencer o electorado. 

Velaquí a nosa escolma desas creacións audiovisuais electorais feitas para este xa moi próximo 18 de febreiro.  

Comezamos coa música. En primeiro lugar, e sen máis preámbulos, cómpre dar paso a Gonzalo Pérez-Jácome , líder de Democracia Ourensana, que canta e baila ao ritmo dos Village People. O vídeo é dos máis virais da campaña, con 478.000 visualizacións só en Twitter. Sen palabras...

Alfonso Rueda, o candidato do PP, non se atreveu a bailar e cantar como Jácome, pero a súa formación tirou dun hit dos 80 para poñerlle música a esta campaña electoral. O PP facía a súa versión do “Xuntos”, de Juan Pardo, para disgusto da Familia Caamagno, que xa fixera a súa.

O BNG, pola súa parte, elaborou varias perlas audiovisuais para esta campaña e o videoclip coa canción “Fabricando luz”, da Banda da Loba, merece a nosa atención. Con case 200.000 visualizacións en Twitter, nesta peza podemos ver tamén bailando á candidata, Ana Pontón

Agora que xa temos a banda sonora desta película que é a campaña electoral podemos falar do argumento. Todo comezou cunha viaxe en autobús, que conducía Alfonso Rueda. O candidato publicou este vídeo polo Nadal. 

Mais pronto o autobús pincha unha roda. Afortunamente, aparece o candidato do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, ao volante doutro vehículo, e rescata os pasaxeiros porque «Rueda de reposto non hai. Nin de coña hai Rueda». Besteiro conduce unha furgoneta onde soa “You're simple the best” e o camiño continúa.

Cando pensabamos xa que a road movie tiña un final aberto, á expensas do que aconteza o domingo, o BNG lanzou toda unha xoia audiovisual con aires de South Park e moita retranca. Na nosa película, Rueda volve coller o volante do autobús, mais quen dirixe é Feijóo, que consulta tamén con Isabel Díaz Ayuso. Alí soben os dirixentes de Vox, Jácome e mesmo Baltar, despois de que o pare a Garda Civil. Ese autobús circula sen rumbo e acaba chocando. Ao día seguinte da súa plublicación o vídeo xa se convertía no máis mirado da campaña, ao superar as 500.000 reproducións.

Nesta campaña sobre ‘ruedas’ tamén hai sitio para as novas emprendedoras, e así coñecemos da existencia de Transportes Lois, da man de Sumar Galicia, que moi amablemente facilita ‘A mudanza de Rueda’. No vídeo, un operario saca caixas de San Caetano e lévaas a unha furgoneta que conduce unha moi sorrinte Marta Lois.

Se tivésemos que elixir un servizo de cátering para a rodaxe desta película, o candidato máis axeitado para rexentalo sería, sen dúbida, Besteiro, que xa amosou a súa maña na cociña o día de Fin de Ano, cando compartiu unha receita de polo.

O candidato socialista tamén amosou que non lle dá mal aos postres e foi quen de facer orellas de Entroido, xunto a Salvador Illa, mentres falaba cos compañeiros de Ou Ké!

Tamén Alfonso Rueda animouse coa cociña nesta campaña, e meteu as mans en fariña para facer pan nun obradoiro de Boqueixón.

Os guionistas desta película puxeron especial énfase en dar a coñecer os protagonistas dun xeito máis persoal, nun afán de achegarse máis ao electorado. 

O BNG, por exemplo, gravou un 'Plano Secuencia' onde Ana Pontón responde a unha morea de cuestións de tipo persoal mentres camiña pola rúa.

Pontón tamén quixo achegar á cidadadía o seu sitio favorito de Chorente, o seu lugar de procedencia. 

A candidata de Sumar Galicia, Marta Lois, pola súa banda, explica nun vídeo en primeira persoa que existen 3.000 persoas co seu apelido e fai un pequeno balance da súa traxectoria nun vídeo de 40 segundos.

Baixo o título ‘Alfonso, a persoa detrás do presidente’, o equipo de campaña de Rueda montou un vídeo de case seis minutos no que participan familiares e amigos do candidato e no que coñecemos, por exemplo, que é impuntual.

E onde se desenvolve esta historia? Segundo o PP o lugar é a Illa de Estabilidade, un “sitio seguro onde a xente ten sentidiño”. Vídeo que, por certo, foi retirado pola Xunta Electoral por telo difundido en xaneiro, antes de que comezase a campaña e ter claro contido electoral.

Vanesa Vázquez

Vanesa Vázquez

Viguesa do Calvario. Comecei e aprendín en Atlántico Diario, Radio Vigo e Expansión. Cada día conta e agora contámolo en VINTE e Praza.gal. 

Tamén che interesa

  • 18F na Xeración Z. A mocidade matina no seu voto

    Como está a vivir a xente moza as eleccións galegas? En VINTE saímos na procura de membros da Xeración Z para preguntarlles por isto das eleccións, porque a mocidade tamén vota. Sen ánimo demoscópico, mais si moito interese nas súas opinións, achegámonos ao Campus Universitario de Vigo para falar co alumnado sobre as súas sensacións nesta campaña electoral cara á cita do 18 de febreiro. 

  • Café Derby 21. Temporada 4

    Café Derby 21. As eleccións, con Iván Iglesias

    Galicia vai a eleccións o #18F. Aínda non sabías nada disto? Quizais eras a última persoa do país. En calquera caso, un evento tan relevante para o futuro e a cultura tiña que ter o seu oco no Café Derby 21, pero desde o noso propio terreo. Por iso, contamos co xornalista, comunicador político e director de Ou Ké!, Iván Iglesias, para parolar sobre as eleccións️, pero as de todos os tipos.

    O equipo de Ou Ké! está cubrindo a campaña e as semanas previas ás eleccións galegas, por iso xuntámonos con Iván Iglesias para coñecer a importancia de Ourense nestes comicios, as posibilidades de goberno alternativo de esquerdas ou os candidatos. Tamén tratamos as outras ️eleccións️ que nos tocan de preto: a canción "Zorra" de Nebulossa a Eurovisión, a final de Operación Triunfo e as eleccións vitais (tomadas ou non) que non traen ata onde estamos.

    Podcast

    Co patrocinio de

  • E-leccións galegas. Como os partidos afrontan a campaña máis dixital

    Ben sexa porque hai unha pandemia que impide que se poidan celebrar actos con moita xente ou ben porque estamos no 2020 e as redes son cada vez máis determinantes na transmisión da información, desta vez as formacións que se presentan ao 12-X tomaron bastante en serio a súa comunicación dixital. Imos ver como andan de seguidores, de presenza e de creatividade en internet.

     

    VINTE na rede

    Co patrocinio de

  • Blondiemuser: Cando a rabia galega viraliza a crise dos ‘pellets’ (e mobiliza os medios)

    Para que serve unha influencer? Na crise medioambiental dos ‘pellets’ que estamos a vivir en Galicia desde hai semanas a alerta en redes sociais lanzada pola divulgadora de contido @blondiemuser  foi o punto de partida para poñer o foco no problema. 

    A asociación Noia Limpa xa viña denunciando a situación nas súas redes nos días anteriores mais o poder de difusión dun perfil con 1,8 millóns de seguidores en Tik Tok foi clave. O 3 de xaneiro subiu o seu estupor polo desastre ambiental ás redes e ao día seguinte a Xunta deu explicacións por vez primeira. Este vídeo acumula case 1,9 millóns de visualizacións en Instagram e foi compartido máis de 6.700 veces. 

    VINTE na rede

Faite de vinte

A partir de 5€ mensuais podes suscribirte a VINTE e colaborar para que sigamos a producir contidos de calidade pagando dignamente as colaboracións de vídeo, fotografía, ilustración, xornalismo e creación de todo tipo.