Detalle do cartaz deste vinte aniversario do certame © Gloria Pavía
O Premio de Narración Curta do Concello de Curtis fai vinte anos rodeado dunha comunidade escritora de todas as idades. Un fito para un certame literario, máis aínda cando busca que participen persoas que nunca pensaran en escribir, ademais das que xa están afeitas a comunicarse a través da palabra escrita
A artista Lucía Aldao é a responsable destes premios dende a súa sexta edición, cando introduciu na dinámica a cuestión temática: uns anos propón un tema concreto e outros deixa liberdade nese eido pero apunta a unha frase que empregar, como é o caso desta edición, na que os relatos teñen que rematar coa sentenza: vinte anos, nin máis nin menos!.
"Durante uns cantos anos non me consta que houbese outros certames con referencias temáticas, penso que serviu para darlle pulo e axudar a colocar a Curtis no mapa cultural", explica Aldao, vinculada a esta terra pola súa nai.
"Eu fun unha nena de Premios Minerva, lembro o que era comezar o verán con cartos da poesía", conta para afondar en que nestes premios procuran chegar aos públicos máis diversos. Lanzan categorías para escolares e para persoas adultas, e nos últimos anos tamén dúas seccións específicas para veciñas e veciños de Curtis. "Gran parte do traballo é facer chegar o premio a diferentes sitios, lugares de encontro de asociacións, espazos gastronómicos que acollen a moita xente distinta... E o traballo coas profesoras e profesores, canle imprescindible para que o premio chegue á rapazada", salienta.
Ata o 20 de outubro é posible presentarse nunha das categorías destes premios. A categoría A, para xente dos centros de ensino, a partir dos 12 anos; e a categoría B, que é para xente adulta. Despois están as categorías especiais para quen ten algún tipo de vínculo co Concello de Curtis, que reside ou traballa alí.
"Escribir é patrimonio de todo o mundo. Non soamente da xente que xa temos un interese por comunicarnos a través de escrita. Escribir está guai, é un exercicio super digno, cundente e aproveitable. Tanto como exercicio de clase, como un momentiño ou unhas horas que dedicas á tarde para pasalo ben facendo unha actividade. Está moi ben que a rapazada teña acceso a este feito de poder escribir dun xeito máis amable, como é recibindo unha pauta. Entendo que dá como máis medo enfrontarse a un tema libre, sobre todo se non tes interese en escribir. Este certame é para xente que ten interese en escribir e para a quen non o ten. Moitas veces a frescura do relato de quen non está afeito a escribir gaña por enriba de textos tecnicamente máis perfectos", debulla Lucía Aldao.
A coordinadora celebra que nestes anos o certame de Curtir converteuse en "punto de encontro para amantes e practicantes da literatura". Estes premios son, grazas tamén ao facer de Lucía Aldao, un espazo seguro para os relatos escritos dende a diversidade e as disidencias. "A diversidade afectivo-sexual está moi presente, así como as vidas disidentes e as experiencias de colectivos marxinais ou marxinados", conta.
Isto só se pode considerar un triunfo e unha demostración da necesidade de crear espazos seguros, máis alá da teoría. "Escribir é de todas", incide Aldao, que está pendente desta circunstancia en todos os aspectos da vida. "Pola miña parte, sempre pretendín que o certame fora un espazo seguro, como tamén quero que o sexan todos os sitios, pero é certo que como moitos dos relatos tiran do experiencial é preciso ser moi respectuosas, sobre todo na adolescencia. A literatura merece respecto, pero sobre todo as persoas", di.
"Eu pásoo de marabilla, sobre todo por esa comunidade que noto que xa está creada arredor do premio, hai unha comunidade anónima e despois están os que xa se coñecen porque teñen a sorte de que resultan seleccionados noutros certames e van coincidindo. Hai unha comunicación con certa confianza con moita xente que se presenta e, por suposto, xente nova que chega todos os anos", detalla Aldao.
A imaxe gráfica dos premios tamén busca unha identidade propia cada ano, contando con artistas do país como Antón Lezcano, María Álvarez Hortas, Cristina Cotelo, Antón López Bazarra, Lucía Corral, Luís Sendón, Diego Delgado e este ano Gloria Pavía.
Reciben entre 80 e 130 traballos en cada edición, na que o reto é ampliar a xente á que chega a convocatoria para que se animen a escribir un relato entre 3.000 e 5.000 caracteres (espazos incluídos).
Toda a información da vixésima edición pode consultarse aquí.