Tantos anos xirando por Galicia e polo estranxeiro, tantos bolos nos que conviven a poesía, o humor e a música, e Aldaolado, o dúo formado polas poetas Lucía Aldao e María Lado, aínda non tiña ningún álbum gravado. Agora presentan Casa!, o seu primeiro traballo discográfico, un EP con media ducia de cancións que o público dos seus concertos máis recentes xa tivo ocasión de escoitar. Imos debullalas coa axuda das súas creadoras.
Foto de portada: Nacho Morán
Quen asistise a algún dos centos de recitais que levan feito Aldaolado sabe que son un formato feito para o directo, con moita improvisación, ritmo e comunicación do público. «Pero moitos dos números centrais do recital, eses que levan música e poesía, están ensaiados e pechados, e cremos que tiña todo o sentido que a xente os puidese escoitar nas súas casas. Ademais, botamos unha chea de anos facendo versións (no que á música se refire) e agora estamos animadísimas facendo temas propios», explica Lucía Aldao sobre a orixe deste disco que sae do confinamento. O seu título, Casa! pronúnciase así berrando, «como cando nun xogo de pillar chegas ao lugar seguro. É que estabamos na casa cando se nos ocorreu a idea, pechadas na casa, e naqueles momentos de incertidume Aldaolado era o noso lugar seguro ao que subirnos para que ningún mal nos pillase»
Da produción encargouse Mig Seoane, a metade de IgMig, «e foi moi bonito traballar as tres xuntas». Conta María Lado que «o propio feito de sentar a compoñer fíxonos moito ben. Porque se podemos traballar os tres aspectos á vez (a composición da música, da letra da canción e do poema) todo queda máis redondo, mellor pegado». A pandemia obrigounas a parar e foi o momento ideal para abordar este proceso, que era algo que perseguían desde hai tempo: «Unha das razóns principais polas que fixemos o disco foi para vernos na obriga de compoñer e escribir temas e poemas novos. O ritmo de bolos e doutros traballos creativos nos últimos anos papounos enteiras, así que sempre andamos buscando estratexias para non deixar de escribir para nós e para aldaolado. O disco é unha delas», engade a poeta.
«Botamos unha chea de anos facendo versións (no que á música se refire) e agora estamos animadísimas facendo temas propios»
«Pensabamos -anota Lucía– que estabamos nun punto da nosa carreira como Aldaolado no que xa precisabamos dar máis de nós, explorar algo novo, procurar novos camiños anque non fosen moi separados do que é en esencia o proxecto. Facer temas propios, facelo xuntas, con poemas específicos para eles é algo que tiñamos na cabeza dende hai tempo». E ademais é un camiño que pensan continuar: «Eu creo que si, que seguiremos facendo temas propios. Ás veces mesmo fantaseamos con levalos ao directo cunha banda, pero por agora isto é só fantasía, claro. Pero si, este camiño gustounos. Agora as cancións son máis Aldaolado, represéntanos mellor.»
Imos logo mergullarnos nesta media ducia de cancións, guiadas polas propias Aldaolado:
1. "Froita ofrecida"
Aldao: María máis eu fixémonos amigas o día que afundiu o Prestige. Case vinte anos de aventuras compartidas (dezaseis como parella artística) ben merecían unha canción. Froita ofrecida está dedicada a nós mesmas, á nosa amizade, que é das cousas máis bonitas que temos. A letra é unha enumeración de vivencias e batallitas. Isto permítenos contar polo miúdo a que máis nos preste no momento do directo.
Lado: Veña, unha historieta!: efectivamente a fin de semana que o Prestige ía a pique Aldao e Lado estabamos nun congreso da AELG en Mondoñedo e alí comezamos a facernos amigas. O domingo, despois dunha fin de semana de literatura e festa eu non baixei a tempo para xantar. Entrei no comedor, cando xa toda a xente estaba tomando o café e, de entre todas as cabeciñas que me miraban entrar tarde e agotada, apareceu a man de Lu cunha laranxa: «toma, gardeiche unha laranxa, para que comeses». E pareceume un xesto tan fermoso e cheo de amor que decidimos e esa froita ofrecida podía ser o título da canción.
Mentres estabamos no estudio, con Mig Seoane, que é un estudio que temos na casa, fomos facendo a letra da canción ao mesmo tempo que o poema. Recordo que moitas das imaxes do poema apareceron da nosa propia historia de amizade, pero para comezar a escribir o poema empreguei unhas fotos de Pela del Álamo que saquei do seu Instagram. Porque tiña que empezar a escribir por algún sitio e non tiña moita cousa, así que lle escribín a Pela dicíndolle que ía traballar sobre elas. Ese verso que di «estaba a montaña aí e ninguén a vía», que se repite varias veces, é un dos versos que naceu dunha das fotos de Pela.
2. "Por que non hai flores?"
Aldao: É a nosa homenaxe a Elisa e Marcela, ás que lles temos moita admiración. Poucas historias de amor son tan inspiradoras coma a delas, valente e truculenta. Non sei se Galicia necesitaba unha balada-bollo co seu poema precioso e todo, pero aquí lanzamos unha proposta. Dan ganas de apurar a casar, agora que aínda se pode.
Lado: Este tema xa nacera antes do disco, pero eu creo que cos arranxos de Mig gañou moito e o poema que o acompaña tamén o fomos pulindo mentres estabamos no estudio. Intentamos, coma nos outros, que o poema e a letra da canción tivesen unha conexión estreita, como se fosen practicamente un só texto.
3. ""Tirámonos en bomba"
Aldao: Gústanos moito o traballo que fixo Mig con este tema. É como un arrolo turbio.
Lado: Si, a verdade é que cos arranxos os temas gañan unha dimensión inesperada e sorprendente. Eu podo contar deste poema que foi escrito tamén nos días en que estabamos traballando no estudio. Comeza dicindo “pode parecer que foi feito para safar” porque iso era o que sentía cando me sentei a escribilo, en plan “veña, teño que facer un poema, anque sexa para safar” pero agora é un dos meus poemas preferidos. Este e o de froita ofrecida están moi relacionados, na escrita, no estilo, e no tema cos poemas de Gramo Stendhal, que é o meu último libro e que, pola altura, acababa de saír. Así que para min son como unha ponte entre o traballo dese libro e Aldaolado.
O título é un dos versos do poema. Fala da capacidade asombrosa que temos para facer voar as nosas vidas polos aires. É dicir, chegamos a un sitio precioso, cun lago que reflicte o ceo coma se fose un espello e que se nos ocorre? Tirarnos en bomba e defacer o reflexo, facer estalar a fermosura da paisaxe en mil anacos. Creo que, en certa maneira, eso é algo que representa parte da nosa personalidade, da de Lu e da miña.
4. "O amor prehistórico"
Aldao: O amor é un tema recorrente cando escribimos, máis tamén nos speech que botamos nos directos entre poema e poema. Eu adoito tirar de historias simpáticas por desastrosas e moitas veces esquezo outro tipo de experiencias que son simplemente fermosas, riquiñas. Son inocentes e sinxelas e non dan para rirs dunha mesma, e iso tamén está ben. O poema de Andrea é un exercicio de arqueoloxía amorosa para darlle a man ao pasado cun sorriso.
5. "Prohibido pintar"
Lado: Este poema escribino para Nove Noel, un muralista e ilustrador ao que admiro moito e co que teño unha amizade ben bonita. O poema como tal xa existía antes do disco, pero Mig compúxolle unha música para acompañalo que creo que lle é moi acaída, que o representa. O poema naceu hai uns anos, cando Nove Noel estaba pintando un mural en Vigo, preto do Berbés. Escribino para que incluíse parte del nun vídeo onde se mostraba o proceso e sempre me gustou recitalo porque está cheo de rabia e ten unha mala hostia moi divertida para ler en público.
6. "Atractivas e talentosas"
Aldao: Moito se bota de menos, no disco, á xente que nas salas e garitos berrou tantas veces con nós iso de “atractivas e talentosas”. Por certo, en breve levaremos aos bolos calcomanías con esa frase deseñadas polas rapazas de A muller de 6 ollos. Supoño que esta é unha boa ocasión para reparar no resto da letra e chegar aos futuros directos con ela sabida.
Esta canción é un regalo para o noso queridísimo público. Despois de todas as anécdotas marabillosas que nos teñen proporcionado ben a merecían.