Ramón Romero Nogueira © Elena Veres
Ramón Romero Nogueira (Cambados, 1992) é autor do poemario Millennialismo ou sátira dunha xeración (Xerais, 2026), unha “intranet de versos sen postureo nin filtros”, pero con moita retranca. Un libro que achega a todo tipo de lectorado o ‘universo’ desta xeración, que se adoita limitar ás persoas nadas entre 1981 e 1996. Trátase da considerada primeira xeración de “nativos dixitais”, aínda que haxa abundantes diferenzas entre os propios millennials e resulte difícil xeneralizar.
[Aquí, unha millennial entrevistando a outro millennial, a ver que pasa!]
Ramón, resposta rápida. Doraemon ou Shin Chan?
Shin Chan.
Tik Tok ou Instagram?
Tik Tok.
Tosta de aguacate ou pan con chocolate?
Pan con chocolate.
Xabarín ou Luar?
Xabarín.
Pratos combinados ou Mareas vivas?
Difícil, pero... Mareas vivas.
Disociación ou FOMO (fear of missing out, medo a perderse algo)?
Disociación.
Un vídeo de Youtube de rutina de skincare ou un directo da Kings League?
Ningún dos dous!
Unha chamada ao móbil ou unha mensaxe de WhatsApp?
Unha chamada ao móbil.
iPhone ou Nokia sen redes?
Nokia sen redes!
IA (intelixencia artificial) ou barbarie?
Socialismo.
Funko pop ou tazos de Pokémon?
Tazos de Pokémon, sen dúbida.
Na introdución do libro refíreste a que vivimos nunha sociedade de consumismo salvaxe, competencia infinita e desconcerto. Tres ingredientes moi presentes no discurso millennial, non sei se tanto no da Xeración Z, pois dende fóra dá a sensación de que están menos desconcertados...
Si, é que a Xeración Z xa se criou nisto. A nosa xeración vive entre dous mundos, que é algo ao que me refiro moito no poemario, e non encaixa en ningún. E eles están criados nun mundo novo, é o seu mundo; e semella que nós formemos parte dunha especie de paréntese, ou que esteamos nun limbo... Agora, tamén hai que sinalar que a nosa adaptación é absoluta. Tanto na precariedade laboral, como nos cambios tecnolóxicos como no coñecemento do campo da informática e a tecnoloxía somos os máis adaptables das últimas xeracións e das próximas, sen ningunha dúbida.
Cando soubeches que estabas escribindo este poemario? Houbo unha vontade dende o inicio de abordar este tema, ou era algo que che atravesaba e rematou por ter forma de poemario?
Absolutamente. Eu tamén escribo contos de nenos, é unha cousa da que gozo moito. Pero todo o que escribía para adultos era dun xeito máis intimista, se cadra menos crítico ou máis persoal. O poemario foi nacendo só. Nace en Madrid, porque estiven vivindo alí e traballando nunha multinacional de 2016 a 2021; e foi unha experiencia, sendo de Cambados, a cidade máis grande na que vivira era Santiago... Digamos que alí atopei un mundo máis como o que vía pola televisión. Todo era estar rodeado de xente pero estar só. Unha sensación que foi creando en min certo desasosego. E, para máis inri, traballaba na Fnac, o peche do círculo do sistema capitalista e de consumo tolo. Así nace Millennialismo, entre metros, buses e ruído.
"A Xeración Z xa se criou nisto. A nosa xeración vive entre dous mundos, que é algo ao que me refiro moito no poemario, e non encaixa en ningún", subliña o autor
Nun dos poemas, dis: “Que présa temos por chegar a ningún sitio”.
Si, creo que nos resume bastante. Somos unha xeración que temos présa continuamente porque temos que estar aí, pero tampouco sabemos cara a onde imos porque o futuro non lle pertence a ninguén. O futuro non está escrito, e parece que temos que chegar a el sen pasar polo día de hoxe. É unha maneira de vivir que eu non comprendo, non me cabe. Aí é onde transmutan as redes e se pode observar como é máis importante ensinar a viaxe que fixeches que o feito de desfrutala mentres estás alí. Todo pasa por venderse. É ser unha mercancía todo o tempo.
E ti sentes esa pulsión, esa loita entre estar presente, como se di agora, e facer a foto para partillar nas stories?
Eu non. Teño a sorte, ou a desgraza segundo se mire, pero deixei as redes persoais hai moito tempo: en 2012. Pouco despois de que morrera Tuenti, quedei co Facebook e logo deixeino. O que fixen é ser un voyeur de internet. Fago un uso como do internet antigo, de ter un nick e ser anónimo. Pero uso as redes sociais, consúltoas moito. E logo tamén me gusta moverme polo mundo dos foros e así. Son un usuario de internet, mais non mostro a miña vida privada, e intento non mostrala nunca. Agora teño unha conta de Instagram que creei hai uns anos polo tema da poesía, pois como poeta necesitas sempre que se che lea, ou que a túa mensaxe transcenda máis alá da túa casa... Pero o único que subía era sobre poesía.
"Traballaba na Fnac, en Madrid, o peche do círculo do sistema capitalista e de consumo tolo. Así nace Millennialismo, entre metros, buses e ruído", asegura Ramón Romero
Controlando que o algoritmo non entre na túa vida privada.
Exacto, que a miña pegada en internet fose mínima. Eu vía unha cousa nas conversas con amigos ou estando coa familia, e nas redes vía outra. E iso que aínda estaban bastante ‘puras’, porque en Tuenti subiámolo todo, sen filtro.
Había máis inocencia.
Iso é o que creo que se perdeu totalmente, esa inocencia de usas as redes como se estiveras coa túa xente na rúa. Ao Tuenti subías as fotos da festa e da borracheira do día anterior e non pasaba nada, ao contrario, era a normalidade desa redes social, ensinar o que facías, fora como fora. Agora ese coidado, esa perda de inocencia ou como lle queiramos chamar, provoca que haxa unha maquillaxe para mostrar só o que se quere, e de maneira moi coidada. É postureo, que non deixa de ser unha mentira absoluta.
Consideras que agora é máis difícil mostrarse sen filtros coa xente, xa non só nas redes, senón no cara a cara?
Si. Noto que empeza a haber un problema moi grave, se cadra nas xeracións máis novas que a nosa, co tema da estética. Vexo copias. Nós non estabamos tan homoxeneizados no aspecto, nin en gustos ou actividades. Incluso, penso que a xeración dos nosos país era aínda menos homoxénea que a nosa, porque tamén tiñan un mundo novo coa chegada da democracia.
Coa retranca que temos en Galicia, fáltanos incorporala máis aos da nosa xeración?
Si, si. Aínda que no fondo penso que rimos bastante de nós mesmos. E creo que rimos do malo: “Volvéronche despedir? Veña que non pasa nada!”. Se cadra, tamén nos queixamos moito e habería que integrar a retranca máis aínda, pode ser...
O retrato de que somos a “xeración da queixa” é moi popular...
Porque os tempos pasados, si que foron mellores, que lle imos facer... Houbo aí un oasis, e nós vivímolo sendo cativos.
"Noto que empeza a haber un problema moi grave, se cadra nas xeracións máis novas que a nosa, co tema da estética. Vexo copias", di Romero
Ese “oasis de fartura” que mencionas no poemario.
Efectivamente.
Que no poemario, ademais, abordas a nostalxia millennial como o ben de mercado no que se converteu.
Teño un poema que fala de que vendemos recordos. Wallapop, Vinted... Vendes a chaqueta do teu pai, os xoguetes da túa infancia... Uns porque si e outros supoño que por necesidade.
Nun poema pregúntaste que como vai ser isto progreso se non sabemos os nomes dos nosos veciños e veciñas.
Na presentación que fixen en Vigo, Carlos Lema díxome que isto xa se escribira no século XIX, pero creo que se refería máis ás grandes cidades. O problema é que agora pasa tamén nas vilas. Eu intento todo o posible que iso non me pase. Incluso en Santiago cheguei a ter un grupo de xente que eran as miñas amigas do bus, coas que coincidía todas as mañás de camiño ao traballo. Pero si, así estamos, rodeados de xente pero sós.
Son unha presa adurmiñada / neste páramo baleiro / cheo de followers e likes. Pareceume que estes versos do poema número 19 sintetizan moi ben o ánimo do poemario.
Pois iso, como a maioría do mundo somos ninguén.
A min non me funan os haters / pero tampouco son o crush de ninguén.
Este pode ser o resumo dos millennials, estamos todos metidos neste mare mágnum de followers e likes e tampouco sabemos ben que facemos aí, pero non marchamos... Con todo, creo que somos unha xeración moi forte, que sabemos erguernos cada vez que caemos. Temos o futuro por diante, e algún día será noso.