Vinte ideas online para agasallar este Nadal
Libros, bombóns, roupa, xogos, abonos para festivais ou mesmo un curso online de pandeireta. Recompilamos aquí vinte ideas para agasallar este Nadal, que podemos mercar no comercio online galego. Poñede un ollo na lista (non patrocinada), que este ano vén cumpridiña. E se gustades dos contidos que facemos podedes darnos un chisco de apoio e cariño cunha achega a VINTE e/ou PRAZA. Grazas por nos ler!
Libros, bombóns, roupa, xogos, abonos para festivais ou mesmo un curso online de pandeireta. Recompilamos aquí vinte ideas para agasallar este Nadal, que podemos mercar no comercio online galego. Poñede un ollo na lista (non patrocinada), que este ano vén cumpridiña. E se gustades dos contidos que facemos podedes darnos un chisco de apoio e cariño cunha achega a VINTE e/ou PRAZA. Grazas por nos ler!
- 01
Axenda Cartoné
18,90 €
Este ano a axenda Cartoné rende homenaxe na súa capa á poeta estadounidense Emily Dickinson, de cuxo herbario persoal extraen as imaxes que compoñen o collage. Tamén da poeta é a cita da contracapa, «O sempre componse de moitos agoras», un convite a recollermos todos os pequenos momentos que compoñerán o vindeiro 2025.
- 02
Libro infantil 'Números'
22 €
'Números' é un libro editado por Fabulatorio para nenas e nenos de 0 a 6 anos que permite un achegamento lúdico ao mundo dos números mediante a estimulación dos sentidos do tacto e a vista. O libro, idea de Cibrán Rico López e Jesús Vázquez Gómez, propón unha experiencia de lectura compartida en familia e promove interaccións diferentes que fomentan a imaxinación das nenas e nenos, xa sexa contando os buracos do papel cos dedos, pasando as páxinas, ou despregándoas e creando un espazo de xogo e sorpresa. As ilustracións son de Álvaro Valiño.
- 03
Paraugas sustentable Matisse
39 €
Paraugas con mango en forma de pato de LaBöcöque. Con estampado abstracto multicolor inspirado na obra de Matisse. Os materiais que o compoñen son de orixe sustentable, reciclados, reciclables e biodegradables. O mango é madeira de bidueiro de orixe sustentable con certificado FSC. O tecido está feito a partir de botellas de plástico recicladas. É un paraugas de tamaño compacto (35 cm de longo pechado) con botón de apertura automático.
- 04
Xogo A Noite do Meigallo
36 €
Era unha vez un grupo de meigas que se xuntaron para facer do seu mundo un lugar mellor. Cos seus coñecementos de maxia, de herbas e de cantigas ancestrais comezaron a xuntar ingredientes nun pote para ver que pasaba. E o que pasou foi que lograron crear un mundo especial no que a lúa, as estrelas e os planetas se aliñaron de maneira marabillosa. O xogo de Brazolinda consiste en ir resolvendo adiviñas polo taboleiro adiante e obter os ingredientes necesarios para elaborar os meigallos.
- 05
Manta de bebé D-Leite
150€
Estas mantas de bebé feitas á man nos teares de RIR&CO, en Allariz, pódese personalizar. A artesá Inés Rodríguez e obtivo un Premio Nacional de Artesanía na Categoría de Produto por esta mantiña, feita co «despoxo» da fibra láctea, a caseína, que non é apta para consumo humano e que ten que pasar unha transformación para o seu uso téxtil. O resultado é unha manta «hipoalerxénica, sen ningún tipo de aditivo e agradable ao tacto, que reforza o vínculo do bebé coas persoas coidadoras», segundo explica Rodríguez a VINTE.
- 06
Novela 'Tres irmáns'
15,68 €
«Todo estaba coma sempre. A porta pechada, as fiestras entornadas, a cheminea fumegando... Algo, non obstante, pesado e inmaterial abafábame: era un presentimento inda que externo a min. Atopei a meu pai tirado no medio da cociña boca abaixo, sobre unha poza de sangue». Así comeza a nova novela de Carlos Meixide Tres irmáns.
- 07
Abono Festival Osa do Mar
40 €
O Festival Osa do Mar vén de anunciar as súas primeiras confirmacións: Ortiga, Pipiolas, Mujeres ou Repion. A cita será o 5 de setembro de 2025 no concello de Burela. E xa están á venda os primeiros abonos para este festival que organiza a Asociación Cultural Fanto Fantini.
- 08
Lote ToxalRiba
25,50 €
Directamente de Lugo veñen estes produtos artesáns e naturais. Un lote composto dun tarro de 250 gramos de mel multifloral dos Ancares ToxalRiba, dous xabóns naturais feitos con glicerina vexetal, mel, cera, caléndula, romeu e camomila e unha vela de cera de abella sen perfumes con motivos florais de tamaño mediano. Mel ToxalRiba nace en 2021 en de Navia de Suarna da man de Manuel Tejedo, un apaixonado da apicultura.
- 09
Conto infantil ‘Xa non son malo’
17,50 €
Lobo Feroz vive nas Fragas Floridas co seu amigo Ourizo Rufo. Xuntos vixían os bosques e reciclan o lixo que atopan polo camiño. Aínda así, algúns desconfían del. Lobo Feroz xa non é malo, pero… será quen de demostralo? Xa non son malo, é unha historia sobre a natureza, a amizade, e sobre todo, sobre as segundas oportunidades. O texto é de Paula Merlán con ilustracións de Blanca Millán. Coa adquisición do libro Antela Editorial entrega de agasallo, un exemplar do caderno de actividades en papel.
- 10
Suadoiro CALE, SEÑOR!
36 €
Suadoiro de moza, de corte amplo “oversize” e non moi longo, con ombreiros caídos. En cor rosa chicle e serigrafía en tinta negra. Está elaborado nun 80% de algodón orgánico e un 20% algodón reciclado. Está á venda a través da web de Estudio Brétemas.
- 11
Curso online de pandeireta
30 €
Con este obradoiro online en galego da plataforma Na Utopía poderás adquirir a técnica necesaria para tocares os ritmos máis básicos de pandeireta da man de Gabi Reboredo. Son catro aulas con acceso ilimitado.
- 12
Libro 'Anos 80. Movida, atlantismo, vangardismo, underground'
32 €
Fernando Fernández Rego traza un percorrido por esa década intensa e rupturista que marcou o futuro da música e das artes en Galicia. Aínda que a música é o eixe central do libro, fanse paradas na contracultura, o “faino ti mesmo”, os fanzines, o audiovisual, a poesía e a plástica. Son tempos novos e efervescentes en que proliferaron os camiños alternativos e subterráneos, e onde ten lugar unha transformación radical, tanto da sociedade como das artes.
- 13
Bolso de tea ilustrado
60 €
Escollemos da tenda Deica! Creacións este divertido bolso de tea coa ilustración Silva. Ilustrado, deseñado e confeccionado por Iria Ribadomar. Con forro interior e dúas asas de 75cm. Dimensións: 38 x 41 cm.
- 14
Caixa agasallo 'Naide'
39,90 €
Esta caixa agasallo da tenda Afouta de Moaña contén no seu interior: unha camiseta co deseño de Naide Sabe do Noso (100% algodón), unha libreta de Denantes mortos que escravos, unha taza metálica co deseño Povo, un gorro co logo Terra do Solpor,un chaveiro 25 Abril e chapas de Rosalía, Castelao e Verbas.
- 15
Xenia de froitas e flores Fina Rei
45 €
Da gorentosa tenda online que ofrece a repostaría de Allariz Fina Rei escollemos este estoxo con cinco variedades de bombóns artesáns, para agasallar este Nadal ou para deleitarse, sen máis. A caixa que garda estas delicias está feita con madeira de castiñeiro, que ten certificada a súa procedencia de montes sostibles, segundo explican desde a histórica tenda.
- 16
Novela 'Os Anos Tranquilos'
19,50 €
Llerena Perozo Porteiro constrúe na súa segunda novela, Os anos tranquilos (Xerais), a historia de vida de María García, que atravesa o século XX sendo testemuña de grandes fitos históricos que ocorren no mundo, e que achega a súa ollada crítica sobre todo iso. O mundo visto a través dos ollos desta narradora protagonista resulta moi próximo para quen le hoxe, pois esta muller non fala como se espera que o faga unha vella.
- 17
Abono FIV Vilalba
42 €
Xa queda menos para a nova edición do festival de Vilalba, que se celebrará os días 25 e 26 de abril de 2025. O FIV vén de poñer os abonos á venda e tras esgotar os primeiros tramos a prezos rebaixados aínda se poden adquirir por 42 euros.
- 18
Damas de madeira maciza
40 €
Xogamos unha partida? A sociedade cooperativa galega Miudiño propón esta reprodución artesanal do clásico xogo en taboleiro mediano de madeira maciza e fichas elaboradas con diferentes paus de poda (maceira e sabugueiro). Inclúe bolsa e indicacións de xogo.
- 19
Anel de pedra rosa
30 €
Anel de gres de alta temperatura en cor rosa liso. Tamaño da pedra afacetada 1,5 x 1,5 cm. Cada anel é diferente e único porque están feito á man un a un no obradoiro de Abi Castillo. Inclúe caixa e sobre de tela serigrafado.
- 20
Matryoshka Mouchos
17€
Matryoshka Mouchos é un conxunto de seis pezas que se ensamblan unhas dentro doutras e que serven tanto para xogar como para decorar calquera espazo grazas ao deseño de Ingela P. Arrhenius para a firma Omm Design. Con este colorido xogo os máis pequenos da casa poderán divertirse e aprender.