Vinte agasallos para este Nadal que podes mercar sen saír da casa

VINTE

Rematou o Black Friday, chegou decembro e é hora de mercar con sentidiño pensando no comercio electrónico de proximidade. Cada vez hai máis marcas galegas que fan produtos artesáns de calidade cos que podes quedar de marabilla coa túa xente querida, e para todos os petos. O caso é descubrilas e escoller, pero para iso xa fixemos nós unha escolma das moitas posibles, aplicando o noso ollo editorial aos mellores agasallos que se poden comprar na rede. 

Co patrocinio de

Rematou o Black Friday, chegou decembro e é hora de mercar con sentidiño pensando no comercio electrónico de proximidade. Cada vez hai máis marcas galegas que fan produtos artesáns de calidade cos que podes quedar de marabilla coa túa xente querida, e para todos os petos. O caso é descubrilas e escoller, pero para iso xa fixemos nós unha escolma das moitas posibles, aplicando o noso ollo editorial aos mellores agasallos que se poden comprar na rede. 

  • 01

    Bol “Rede” de Sargadelos deseñado por David Chipperfield.

    20€

    A nosa primeira suxestión é algo mainstream, mais é difícil resistirse a esta vaixela especial de Sargadelos deseñada por David Chipperfield, o famoso arquitecto inglés con casa –e agora tamén bar– en Corrubedo. A colección chámase “Rede” e achega novas cores á paleta tradicional da firma, con xogos e pezas soltas a distintos prezos, como este bol amarelo mostarda. Ver produto.  

  • 02

    Correas portalibros de Jatafarta.

    58€

    Se en VINTE somos tan fans de Jatafarta é porque sempre nos sorprende con propostas orixinais e deseños cada vez máis avanzados. Esta correa para levar os libros (e que a xente saiba o que estás a ler, non como na opaca bolsa tote de festival) é un agasallo perfecto para quen guste dos libros e das correas de elegante coiro en negro. Ver produto.

  • 03

    'Fotografía etnográfica 1960-1980', de Carlos Valcárcel. Editorial Canela.

    35€

    Hai uns días faleceu aos 92 anos Carlos Valcárcel, fotógrafo lugués que retratou escenas cotiás da vida galega, especialmente nos anos 60 e 70, que en 2019 a Editorial Canela recompilou neste volume que tamén vende online. Tal como explica Miguel Pardo neste obituario de Praza, «As súas fotografías en branco e negro, boa parte tomadas na cidade de Lugo e a súa contorna, mais tamén en puntos da Costa da Morte ou da Barbanza, fálannos de paisaxes desaparecidas, de oficios, da vida. Da xuventude a mocear na Feira de Santos de Monterroso ou dos zoqueiros a vender o seu produto no San Froilán. Dos bailes nas festas ou dos sorrisos entre sacrificadísimos traballos do agro». Ver produto

  • 04

    'Campo de plumas', Jesús Castro Yáñez. Sushi Books.

    15€

    Outro libro, especialmente interesante para agasallar a xente nova, é esta escolma de poemas LGBT+ de todos os tempos que Sushi Books editou este ano. «Dende Safo a Mary Jean Chan, gran cantidade de poetas compuxeron ó longo do tempo versos que daban conta de diversas identidades e orientacións sexuais. En Campo de plumas, o tamén poeta Jesús Castro Yáñez escolle algúns deles e dálles forma en galego, con gran coidado e sensibilidade. Nesta escolma os poemas manteñen unha relación fluída e natural entre si e dialogan coa mocidade de hoxe». Ver produto.

  • 05

    Pack ‘Concheiros Sunset’, con obra pictórica de Lúa Gándara e xoias de Milena Colella.

    60€

    Coleccionar pequenas obras de arte de novas artistas a prezo asequible é posible grazas a que algunhas delas o poñen fácil en internet. É o caso de Lúa Gándara, que ademais de vender obras súas en formato lámina desde 9 euros, aliouse coa creadora de xoias Milena Colella en Lúa Colella, un proxecto que definen así: «Milena intervén as pinturas de Lúa colocando exactamente dous pendentes e un pin, todos diferentes entre eles e creados específicamente para este proxecto. Son coma caramelos.» Na tenda ofrecen tres propostas e nós quedamos con esta, Concheiros Sunset, en homenaxe á rúa compostelá das obras de nunca acabar. Ver produto.   

  • 06

    ‘PAVA’, escultura de Laura Pazos para o disco de Lucía Aldao.

    40€

    Máis arte asequible, a dúo e de edición limitada: a poeta e Lucía Aldao vén de sacar PAVA, o seu proxecto musical en solitario. Un EP que podedes escoitar nas plataformas e que, en vez de sacar a edición física en formato disco ou CD, preferiu facelo con estas esculturas que a artista Laura Pazos elaborou en exclusiva para o proxecto: «Coa súa compra recibirás un código de descarga para levar contigo as 5 cancións de PAVA. Trátase dunha edición limitada (só 100!) que conecta o obxecto artístico co proxecto musical. A PAVA, que representa esa porcentaxe de cigarro encetado que se comparte, está elaborada en resina de poliuretano policromada e vernizada. Ten- unhas medidas de 11 x 2,5 cm e érguese sobre unha- base de madeira de 8 cm de diámetro». Disque aínda quedan algunas, –poucas– pavas nesta tiraxe, así que estás a tempo de conseguir a túa. Ver produto

  • 07

    Caixa regalo de rutina facial de Kooch Green Cosmetics.

    95€

    Hai quen lle pide ao Apalpador ou aos Reis Magos produtos cosméticos que se saen algo do orzamento cotián, pero por que facelo con grandes multinacionais dos potingues de luxo, podendo facelo con cosmética feita en Tui, orgánica e vegana? A marca galega Kooch ofrece –rebaixado– este pack de coidado facial con auga micelar, unha muselina reutilizable, un sérum nutritivo e rexenerante e unha crema hidratante natural. Para empezar a probar a cosmética responsable e de proximidade non está nada mal. Ver produto

  • 08

    Pack de coidado infantil “Aloumiños no berce”, de Argaia Biocosmética.

    24,75€

    Argaia é outra marca de cosméticos galega, creada por Pamela e Estefanía, dúas emprendedoras de Burela que cultivan no Valadouro as plantas coas que fabrican produtos ecolóxicos en cinco liñas: facial, capilar, corporal, infantil e solar. Na súa tenda online ofrecen diversos packs de agasallo, dos que destacamos este para crianzas que inclúe xabrón, aceite de masaxes e ungüento, todo con ingredientes naturais. Ver produto

  • 09

    Túnica para crianzas de Racataplan.

    15€

    Outro agasallo ideal para crianzas é esta túnica de voos artesanal, ecolóxica e de produción local que vende a marca galega Racataplan na súa web, xunto con outras pezas ben lindas a bo prezo, e que ademais están pensadas para que as criaturas xoguen cómodas e se movan con liberdade. A prenda que escollemos vén en varias cores e está rebaixada a só 15 €. Ver produto

  • 10

    ‘Miñoca e coello’, de Ramón D. Veiga e Iván R., Merlín Comics (Xerais).

    12.20€

    «Miñoca atópase con coello e, aínda que ao principio parecen non facer boas migas, axiña se decatan de que a amizade está moi por riba das diferenzas... Ou, se cadra, non tanto». Esta é a presentación editorial de Miñoca e coello, un libriño infantil que vén de lanzar Xerais, e en simultáneo a editorial Takatuka tamén en catalán e castelán. «Un cómic sobre a amizade cheo de cacas, pizza e chistes malos», resumían os seus autores en Twitter. Difícil resistirse. Ver produto.

  • 11

    Un camión do leite de madeira, de Artesanía Silvent.

    64€

    En Caldas de Reis o obradoiro Silvent fai xoguetes artesáns de madeira, coma este camión do leite “galego 100%” formado por dúas pezas de bidueiro: unha cabeza tractora e un remolque cisterna. Disque lles axuda ás crianzas a desenvolver a habilidade motriz e a destreza, e que aumenta notablemente a súa imaxinación. Iso si non abonda con que sexa leite 100% galego: tenlles que pagar tamén prezos xustos aos gandeiros. Ver produto

  • 12

    ‘Pequeno álbum de Nova York en inverno’, da editorial Rodolfo e Priscila.

    15€

    Os escritores Carlos Meixide e Berta Dávila viaxaron a Nova York  pouco antes da pandemia e trouxeron de volta un feixe de dibuxos feitos por ela, outro de textos feitos por el, e a idea de montar un pequeno selo editorial que chamarían Rodolfo e Priscila, editora indecisa. Froito daquilo é a primeira publicación desta editora, unha xoia de libriño perfecto para agasallar alguén querido e para ler ao quente en calquera tarde de inverno, viaxando á gran mazá con eles sen saír da casa. Ver produto

  • 13

    Pendentes NYork, de Rosa Méndez.

    35€ 

    Seguimos viaxando por aquela cidade mais con xoiería artesá galega, a da colección NYork I da compostelá Rosa Méndez, que ofrece varios modelos de delicados pendentes, aneis e colgantes inspirados nos rañaceos de Manhattan. Postos así xuntos os pendentes mesmo recordan as torres derrubadas hai vinte anos. Están feitos con latón e vidro reciclado de fiestras e hainos en varios modelos. Ver produto

  • 14

    Mitóns cortiza, de Boina Galega

    35€

    Unha prenda que este inverno pode agradecer calquera que, por exemplo, traballe na casa diante dun ordenador e queira aforrar calefacción, son estes estilosos mitóns feitos de la merina, disque moi fina e confortable. Son da marca artesá Boina Galega e teñen boina a xogo, para quen queira o conxunto completo. Ver produto.

  • 15

    Curso de iniciación ao surf na praia de Patos

    Desde 30€

    Entramos no apartado das experiencias, unha opción para sorprender cun agasallo diferente que ademais se pode compartir, por exemplo, coa persoa que agasalla. Como estes cursos de iniciación ao surf na praia de Patos, en Nigrán, de Prado Surf Escola. Perfectos para perderlles o medo ás ondas mentres miramos as Cíes e valoramos se paga a pena repetir a experiencia e pedirlles aos reis a táboa de surf o ano seguinte. Ver produto

  • 16

    Bono regalo ‘Trasmallo’ para o restaurante Solla.

    Desde 98€

    Outra experiencia inesquecible, e que se pode compartir, é a de comer nun dos restaurantes de cociña de autor en Galicia, como o de Pepe Solla en Poio, que ofrece na súa web un bono-agasallo moi feito con sorpresa incluída e posible dedicatoria, ademais dun menú especial que se pode reservar nos seis meses seguintes. Tendo en conta que moitos dos locais de alta cociña falan de subir os prezos a partir do ano que vén, ir mercando este bono– que tampouco é que sexa barato– pode ser un aforro. Ver produto.

  • 17

    Cesta gourmet “Aguinaldo artesán”.

    29€

    Máis cousas de comer: o mundo das cestas de Nadal estase sofisticando. Temos moitas opcións con produtos gourmet do país, artesáns e de alta calidade que se saen un pouco do sota, cabalo e rei. Que tal esta cesta composta por unha botella de viño da Terra de Betanzos (a recuperada uva Branca Lexítima é a última moda vinícola na zona da Coruña), un queixo cremoso de cabras dos montes de Caldelas, chourizos elaborados nun obradoiro artesanal de Vilaboa e unha lata de filetes de anchoas do Cantábrico dunha conserveira familiar da comarca de Ortegal?  Ver produto

  • 18

    Pack da montaña “Son de Lugo”.

    43€

    Se queremos ir ás montañas de Lugo tamén temos este pack que inclúe un kg de filete de contra de Tenreira Galega Suprema da cooperativa A Carqueixa, dúas cervexas artesanais Colmo, feitas nos Ancares, mel de uz e varias pezas de Embutidos Suarna. Luxo de produtos e compromiso co rural. Ver produto.  

  • 19

    Caixa regalo “Gosto das ilustradoras galegas”, de Carabuñas.

    Diversos prezos

    Detrás de Carabuñas están Eva e Nelson, “Os do sabugueiro”, que en 2012 puxeron a andar o seu proxecto en Vilar de Santos para cultivar sabugueiro ecolóxico e elaborar produtos derivados del como a marmelada, pero tamén licor, xelea, cervexas, bombóns, infusións… Agora venden na súa tenda online unhas estupendas caixas regalo de produtos gourmet artesáns, que ademais este ano inclúen láminas de ilustradoras como Clara Cerviño, Luz Beloso, Ana Paradade A Trave ou Xoana Almar. Talento galego e cousas ricas de comer feitas no rural, quen quere máis? Ver produto

  • 20

    Mandil “Óxido Gris” de Bria Concept.

    54,70€ 

    E xa que vai de comer rematamos cun agasallo total para quen guste de cazolear na cociña. Bria Concept é unha marca de mandís deseñados, estampados e elaborados no seu estudio de serigrafía e deseño en Mondoñedo, Estudio Estampa. Traballan con deseños e tecidos baseados na tradición, con tiras en coiro ou algodón, como as deste modelo que chamaron Óxido. Ver produto

Tamén che interesa

  • Vinte agasallos para mercar na rede polo día dos namorados

    Un San Valentín en pandemia é problemático: pódese vivir en parella (buscando a chispa despois de pasar case un ano xuntos sen saír da casa), solteira/o sen interaccións sociais, co/a amante vivindo noutro concello… o achegamento físico é un desafío pero quédanos o contacto virtual, o consumo por aburrimento e a entrega a domicilio. Se non sabes que regalarlle á túa namorada ou namorado, aquí van algunhas suxestións de produtos locais e artesáns que se poden mercar online, especialmente acaídos para estas datas. 

    Compras

    Co patrocinio de

Faite de vinte

A partir de 5€ mensuais podes suscribirte a VINTE e colaborar para que sigamos a producir contidos de calidade pagando dignamente as colaboracións de vídeo, fotografía, ilustración, xornalismo e creación de todo tipo.