Vinte agasallos para mercar na rede polo día dos namorados
Un San Valentín en pandemia é problemático: pódese vivir en parella (buscando a chispa despois de pasar case un ano xuntos sen saír da casa), solteira/o sen interaccións sociais, co/a amante vivindo noutro concello… o achegamento físico é un desafío pero quédanos o contacto virtual, o consumo por aburrimento e a entrega a domicilio. Se non sabes que regalarlle á túa namorada ou namorado, aquí van algunhas suxestións de produtos locais e artesáns que se poden mercar online, especialmente acaídos para estas datas. Son recomendacións xenuínas: non temos acordos con ningunha destas marcas pero si ganas de mostrarvos produtos singulares e de apoiar o consumo de proximidade na rede.
Un San Valentín en pandemia é problemático: pódese vivir en parella (buscando a chispa despois de pasar case un ano xuntos sen saír da casa), solteira/o sen interaccións sociais, co/a amante vivindo noutro concello… o achegamento físico é un desafío pero quédanos o contacto virtual, o consumo por aburrimento e a entrega a domicilio. Se non sabes que regalarlle á túa namorada ou namorado, aquí van algunhas suxestións de produtos locais e artesáns que se poden mercar online, especialmente acaídos para estas datas. Son recomendacións xenuínas: non temos acordos con ningunha destas marcas pero si ganas de mostrarvos produtos singulares e de apoiar o consumo de proximidade na rede.
- 01
Flores feitas para durar
35,50€
Se queres que o símbolo do voso amor non murche, ou murche pero dignamente ata facerse eterno, este ramo de flores para secar é perfecto. Chámase “Quérote” e leva follas de fieito e e de eucalipto e tamén pampas, paniculata e crisantemos. Prepáraos Verónica Souto no seu taller Floradeira. Mercar.
- 02
Dillo con viño do Morrazo
17,99€
A tinta femia é un tipo de uva que se dá nun lugar moi concreto, a parroquia de Cela en Bueu. Alí cepas centenarias e tradición mariñeira producen este viño, que se adoita atopar nas tabernas da zona pero que tamén comercializa a adega Videiras no Mar coa etiqueta “Namorado”, así que tedes unha excusa para probalo esta fin de semana. Mercar.
- 03
Unha carteira-arnés de inspiración 'bondage'
280€
Aquí xa imos a outro prezo pero é que o fetichismo e a artesanía valen cartos. Jatafarta, a marca de deseño en coiro de Edita Oca, saca unha nova colección de complementos variados inspirados no bondage e no fétiche que inaugura con esta carteira-arnés en dúas pezas que xa está á venda na súa tenda online. Mercar.
- 04
Un xogo de café rosa
75€
Parécennos fermosísimos estes pocillos esmaltados en rosa a raias, coma se fose un pixama de seda, que a fotógrafa e agora tamén ceramista Olalla Lojo pon á venda desde o seu novo taller Misoco canda outras pezas ben interesantes. Mercar.
- 05
Un fotolibro carnal (e entroideiro)
12€ - 30€ - 60€ - 110€
Encarnados, de Tono Arias, é un dos proxectos imprescindibles da fotografía contemporánea galega máis recente e está editado en varios formatos: o fotolibro custa 30€ e o pack premium de 110€ contén ademais unha colección de postais, unha lámina e os libros Desxeo e Preto, do mesmo autor. Acaído para namorados por aquilo de vermello e da carne, mais tamén para estes días porque ao final é un traballo sobre o Entroido. Para petos máis lixeiros, tedes as postais soltas por 12€. Todo á venda en Dispara, a tenda especializada (online e física na Estrada) creada polo propio Tono Arias e que é unha referencia internacional no seu ámbito. Mercar.
- 06
Carne, sen máis metáforas
Desde 31€
É tempo de darlle a todo tipo de carnes e en especial ás de porco, pero se temedes que meterlle un cocido completo poida ser obstáculo a un serán de paixón, probade cun anaco de carne de vitela ao punto ou un steak tartare. Iso si, ten que ser da máxima calidade, como a que vende a domicilio a cooperativa A Carqueixa, directa desde pequenos gandeiros dos Ancares. Haina en varios formatos e lotes para conxelar e ir tirando ata despois da Coresma. Mercar.
- 07
Unha liga para medias de home
22€
Lencería, un clásico. Pois aquí vai esta liga en fucsia en vermello para medias de home, no traxe tradicional. Haina en máis cores pero gustounos esta que vende Bulideira na súa tenda online, onde tedes un desconto especial San Valentín do 10%. Mercar.
- 08
Camiseta de corazóns
17€
Literais e coloridos son estes cos que ViraVira Estudio deseñou esta camisola que vende na súa recén estreada tenda en Etsy. Unisex, en varios talles e made in Betanzos. Mercar.
- 09
Un anel de latón
12€-15€
Son de latón, material humilde pero deseños sinxelos e feitísimos. Por estes prezos hai varios modelos na tenda online de Latonta y Larubia, que é o proxecto de xoiaría artesá que montaron hai máis de dez anos Ramón e e Núria, un manchego e unha catalá que viven en Galicia. Se queremos algo máis especial tamén fan alianzas por encarga, para quen queira casar ou renovar os votos. Mercar.
- 10
Todos os desexos posibles
18€
Este volume colectivo que presentou Através Editora o pasado ano é un compendio de voces diversas e disidentes que se presentaba como “lugar de encontro para diferentes corpos e subjetividades, dispost@s a fornecer à sociedade galega um livro-lugar em que poda ter registo, debate e problematização da questão sexual”. Coordina Daniel Amarelo e temos textos de xente coma Afonso Becerra, Gena Baamonde, Xácia Ceive, Danny Barreto, Antón Lopo, Andrea Nunes ou Jesús Castro. Mercar.
- 11
O disco de Néboa
15€
Para quen siga regalando discos, propoñemos este de Néboa, que irromperon hai uns meses no panorama musical cun traballo onde mesturan electrónica, pop e jazz con versos de José Angel Valente ou o alalá das Mariñas. Romántico non sabemos, pero si cheo de sensibilidade e emoción. Mercar.
- 12
J'adore hardcore
50€
O deseñador do Grove Chema Díaz (falamos hai tempo con el en VINTE) arrasa na escena queer e hardcore de Londres con provocadoras coleccións que reivindican e subverten símbolos nacionais e sexuais, con lemas como “fuck me, I’m inmigrant” ou este “J’adore hardcore” que preside varias prendas. Destacamos, por suposto, este mesh bodysuit do que só quedan na súa tenda online 4 exemplares. Mercar.
- 13
Xersei de Outsiders Division.
96€
Se sodes máis frioleiros ofrecemos aquí esta prenda doutro deseñador galego, o vigués David Méndez Alonso, afincado en Barcelona e que tamén triunfa internacionalmente á fronte de Outsiders Division. Escollemos este xersei que nos chifla e que tedes rebaixado, ou esta bufanda de algodón de similares motivos patchwork. Mercar.
- 14
Corazón de rinchón
7,50€
Chámalles rinchóns, roxóns, chicharrones ou pulled pork :agora veñen en lata listos para poñer no medio do pan, e con este deseño de Casa da Avoa, unha empresa de conservas de Outes de recente creación que tamén ofrece latas de chourizo con grelos con debuxos cuquis para captar novos clientes no mundo das conservas gourmet. Mercar.
- 15
"Quixera verte" cun lote de doces artesáns
27€
Outra pequena empresa que reivindica o artesán, neste caso innovando con produtos a partir do sabugueiro, é Carabuñas, que tamén se pon romántica para ofrecer este lote de marmelada, bolachas, paté e bombóns, que non podían faltar nunha lista de San Valentín. E ademais chamáronlle “Quixera verte”. Para amores na distancia. Mercar.
- 16
Centola da ría
32€
Sabedores das propiedades afrodisiacas do marisco e de que a centola está no seu mellor momento, parécenos un agasallo ideal para compartir neste día, e máis con tantas opcións de produtores e lonxas que cha mandan á casa fresca ou cocida. Eliximos ao chou unha tenda de peixe online para mercala e saiunos esta, que tamén ten de temporadas as ostras, os camaróns ou o lumbrigante Mercar.
- 17
Pack de té ecolóxico Orballo "All my loving"
21,95€
Outros que se apuntan á estética cuqui para vender o seu produto -uns tés de alta calidade cultivados en Paderne- son os de Orballo, que ofrecen este pack por San Valentín de dous mugs e dúas infusións, unha para durmir en modo cunquiña, e outra vigorizante para antes ou despois. Mercar.
- 18
Un taller de stencil ou serigrafía
45€
Amorote é unha empresa de Ames que se dedica á serigrafía e estampado artesán e que comercializa produtos téxtiles e do fogar, pero tamén kits DIY para que o fagas na casa ou estes obradoiros que se poden mercar en liña e, como agasallo, son un investimento a longo prazo: se á persoa que recibe se lle dá ben, teremos garantidas camisolas personalizadas como regalo de volta. Mercar.
- 19
Lenço de namorados
12€ - 32€ - 63€ - 122€
Non sabemos cando poderemos volver baixar ao Porto e visitar unha das nosas lojas favoritas, A vida portuguesa, mais teñen activa a súa tenda online con obxectos lindísimos de deseño tradicional e vintage. Como estes lenços de namorados bordados en cores, en varios tamaños e con diferentes cantos ao amor e á amizade. Mercar.
- 20
Unha noite no bosque
150€
Para cando poidamos volver saír do noso concello e facer unha escapada de fin de semana temos estes bonos regalo para durmir nas Cabanas do bosque de Outes, que levaron recentemente o Premio Nacional de Arquitectura. O plan xa é romántico per se mais podemos engadirlle adubíos como champán ou bombóns á chegada, un almorzo para dous ou esa cousa tan hortera dos pétalos de rosa na cama. Unha fantasía para o post-confinamento. Mercar.