Chema Díaz. O deseñador do Grove viste as Spice Girls no seu retorno

© Álvaro Toribio

Deseñador de moda, DJ e emprendedor graduado en estudos ingleses, Chema Díaz (O Grove, 1990) leva un tempo revolucionando a escena queer e hardcore londinense. En xaneiro presentou a súa colección ‘Bandido’ e agora está no equipo creativo que fixo os estilismos para a xira de reencontro das Spice Girls, que comezou a semana pasada cun concerto en Dublín. 

O Grove, Madrid, Londres e Túnez: catro lugares radicalmente diferentes que serviron como perfecto caldo de cultivo para que a incomprendida moda do deseñador grovense Chema Díaz estivese sempre na punta de lanza da vangarda, rachando moldes, conxugando mundos antónimos e creando un selo orixinal que callou na escena queer e hardcore londinense.

Chema Díaz non superaba a maioría de idade cando xa facía as súas propias camisetas na península meca que o viu crecer, apuntando, xa desde adolescente, a un savoir faire que precisaba de expansión e de liberdade. Durante a súa etapa en Madrid, onde cursou Estudos Ingleses, atopou unha comunidade que catapultou a súa creatividade, que continuou en evolución constante e expansión cando decidiu ir vivir para Londres.

Compaxinou diversos traballos "do seu" coa ansia por crear roupa, como as camisetas de J'adore Hardcore ou Balenciagay que vestía cando facía de DJ. Pero a súa vida cambiou no momento no que decidiu deixar o seu traballo de oficina para se dedicar por completo á creación da súa primeira liña de roupa. Así naceu “2007”, cuxas prendas levaron Javier Calvo en Operación Triunfo, Soyunapringada, King Jedet, Miss Nina ou o cantante de Years & Years, entre outros moitos. Mais todo isto só era a antesala para a gran Fashion Rave na que presentou en xaneiro na capital inglesa a súa colección Bandido, que conxuga mediante a reapropiación estereotipos da España cañí con iconas como La Veneno, nunha sorte de fusión queer, hardcore e futurista que ben podería levar posta na súa xira a cantante Rosalía, e que foi fraguada con curtidores tunecinos.

Eu non desboto que un día Chema Díaz reciba unha chamada da artista catalana con nome de poeta galega. Mentres, de quen si recibiu unha chamada inesperada foi do girl group máis famoso do mundo: as Spice Girls.

Como remata un mozo do Grove que estuda inglés en Madrid facendo a roupa da xira de reencontro das Spice Girls?

Levo organizando eventos desde que teño 18 anos e todas as pequenas manifestacións artísticas que realicei ata o de agora, xa fose na música ou na moda, axudáronme a proxectar o meu traballo e a coñecer a diversidade de persoas coas miñas mesmas inquedanzas. O punto de inflexión, e ao que me levaron as experiencias anteriores, foi a presentación da colección de Bandido. Durante a preparación da mesma o deseñador Derek Anthony Purcel, do estudio Bang London, foi un dos meus grandes apoios. Cando lle ofreceron traballar na xira das Spice Girls quixo contar conmigo para crear os estilismos que levarían postos. 

Entón foi el quen te chamou?

Si. El traballou para celebridades internacionais coma Beyonce, Rita Ora, Kate Moss ou algunhas participantes de RuPaul's Drag Race. Eu visitaba o seu estudio cada semana e sempre me sentín moi identificado con el e co seu traballo porque tamén comezou desde cero, con 19 anos, sen nada.

Supoño que unha xira destas dimensións implicaría un enorme traballo…

Foron xornadas maratonianas de traballo. Ten en conta que non só tivemos que facer sete estilismos para as Spice Girls, tamén fomos os encargados de traballar con 150 traxes diferentes para todos os bailaríns e bailarinas do espectáculo. Faciamos a revisión de toda a roupa, xa que levaban cristais de Swarovski que nós colocabamos, realizabamos tamén o que se lle chama embellishment… Eramos os encargados de facer que brillasen como nunca antes.

Unha das imaxes que me veu á mente foi das Festas do Carme do Grove. Eu era un cativo e mercara nos postos de venda ambulante un anel das Spice Girls, que logo caeu ao mar, cando fomos nun catamarán de paseo pola ría. E agora, moitos anos máis tarde, tíñaas xusto diante miña, vinte anos despois da súa separación. 

 

Como foi ese primeiro contacto coas Spice Girls?

Pois obviamente era un momento importante e os nervios estaban a flor de pel. Pero unha vez estás no lugar de traballo, realizando as probas de vestiario, rodeado de profesionais… elas dedícanse á música e nós á moda, todo flúe. É dicir, non cheguei a entrar en ningún momento de pánico. Aínda que claro, foi todo moi emocionante. Mel B foi incriblemente próxima, preocupábase moitísimo polo noso traballo. Presentounos a súa familia e ata nos pedía lume! 

E viríanche recordos do pasado, de cando as comezabas a escoitar.

Casualmente unha das imaxes que me veu á mente foi das Festas do Carme do Grove. Eu era un cativo e mercara nos postos de venda ambulante una anel das Spice Girls, que logo caeu ao mar, cando fomos nun catamarán de paseo pola ría. E agora, moitos anos máis tarde, tíñaas xusto diante miña, vinte anos despois da súa separación. 

Onde traballabades para realizar os traxes?

Nun enorme hangar militar, co obradoiro de deseño e todo o escenario. Alí realizaban os ensaios xerais. De feito mentres ensaiaban unha das cancións, “If you can't dance”, durante a parte na que rapean en castelán todos os anglófonos comezaron a facer o que nos faciamos cando cantabamos “Wannabe” sen ter idea de inglés, e a min que sabía o rap perfectamente deume por cantalo, e claro, viñéronme todos preguntar como era quen de facelo... foi un momento moi simpático por que non tiñan nin idea do que din no rap, e se o buscas en Internet verás que non é moco de pavo. En calquera caso, foi un pracer traballar con todo o equipo a de Bang London, un grupo tremendamente diverso, de todo o mundo, de todas as siglas LGTBIQ e transxeracional, que é o que defenden as Spice Girls: “the true colours of the world”, as verdadeiras cores do mundo. 

Todo isto foi posible debido a un traballo previo. Esperabas que colección de ‘Bandido’ tivese tanta repercusión?

A verdade é que despois de Bandido foi todo moi complicado porque quedei arruinado, sen cartos. Tiven moita repercusión en prensa, con entrevistas en diversos medios, puiden realizar diversos editoriais de moda e colaborar en videoclips e artistas, pero eu non tiña aforros. Eu dependo do que vendo na miña tenda en liña e investín todo o que tiña na creación de Bandido. Mais todos estes meses posteriores á presentación e todo o esforzo que supuxo levala para a adiante pagaron a pena, xa que agora o meu traballo puidérono ver máis de 80.000 persoas, no estadio de Dublín onde actuaron as Spice Girls e onde tivemos que traballar in situ tres días antes de comezar a xira. 

A presentación de 'Bandido' non foi convencional. Realizaches unha “fashion rave” en Londres, non? 

Eu sempre traballei en locais nocturnos, como DJ e organizando diferentes eventos. Parecíame o máis lóxico que Bandido fose presentado nunha discoteca, nun night club, e non nunha pasarela. Ademáis miña nai foi un apoio importantísimo para realizala. Eu quería que fose unha presentación moi persoal e que tivese que ver conmigo e o meu contexto, polo que había tortilla, ensaladilla rusa, conservas de mexillón da ría… todo feito pola miña nai, que botou eses días comigo en Londres. Os asistentes fliparon, claro, na London Fashion Week non poñen para picar. 

Que representa ‘Bandido’ e por que fixeches esta colección?

Todo comezou no verán do 2018, cando me propuxeron realizar una serie de camisetas para presentar en Londres e conseguir así algo de difusión para a miña marca. Mais comecei a darlle voltas ao que quería realizar e decateime de que logo de 7 anos vivindo en Londres a miña visión sobre España, o que a min me chegaba de alá era a través de cantantes como Rosalía, Bad Gyal ou La Zowi: non consumo televisión. E que a miña idea de España non era nin a que tiñan os que viven alí nin a que teñen os ingleses. En Inglaterra normalmente adcríbese a bandeira española á paella, ao flamenco e aos saraos, pero eu quixen amosar en Londres unha visión diferente. Apropiarme dos elementos asociados á dereita conservadora e combinalos coa miña visión de emigrante gay español.

Look da colección 'Bandido' inspirado nos traxes de luces dos toureiros. A súa intención era crear o toureiro máis camp e queer posible. © Iolsi para HTFgroup

De aí vén “Fuck me, I'm an inmigrant”, e supoño que terá que ver tamén co Brexit.

Si, pero sobre todo ten que ver cun dobre significado da frase, pois “fuck me” é a vez “merda, son un inmigrante”, ou “fódeme, que son un inmigrante”, amais de ter relación coas camisetas que realizara Paris Hilton no 2000, de “Fuck me, I'm famous”. Critican e fan mofa do acento dos inmigrantes para logo fetichizarnos e querer foder en nós. Ademais é o resultado ou consecuencia dos case oito anos que levo vivindo e cotizando en Inglaterra, pero aínda non podo demostralo e non podo acceder a axudas do Estado, por exemplo, e non son tratado como o resto. 

Segundo teño entendido, Túnez ten algo que ver tamén nesta colección. 

Eu fun varias veces de vacacións a Túnez e adoitaba ir ás curtidorías para que me fixesen prendas para min, para eu levar postas. Era, segue a ser, toda unha experiencia pois ías ás casas da xente, tomabas o té coa familia mergullado entre francés, inglés e árabe. Cando tiven a idea de realizar Bandido pensei que sería perfecto realizala en coiro, xa que tiña confianza con algúns curtidores de alí. Pero dado que Bandido tamén é unha denuncia da tauromaquia non me parecía o máis axeitado utilizar coiro nas prendas. Polo que rematei facendo nunha semana os estilismos da colección en PCV sintético, nun garaxe con dous curtidores tunecinos. Logo trouxen as prendas para Londres e grazas á colaboración dos meus amigos puidemos rematar a colección a tempo no meu propio cuarto.

Dispós dunha tenda en liña dos teus produtos. Como de importante son para o teu negocio as redes sociais?

Pois é a parte máis importante do meu negocio. Comecei facendo camisetas para levar eu postas nos  meus eventos como DJ, e cando fixen deseños como o de “J'adore Hardcore” a xente preguntábame onde as mercara e decateime de que podía empezar a vendelas. Logo en Londres estiven traballando moito tempo na promoción en liña de marcas de roupa, que gañaban moitos cartos á miña costa, polo decidin crear o meu propio produto e vendelo do xeito máis honesto posible. Ademais as redes sociais permítenne falar directamente cos meus clientes, pois eu son o que fai todo, así que tamén agradecen ter esa proximidade co creador. 

Chema Díaz na 'Fashion Rave' de presentación de 'Bandido'. © Ben Cole

Puidemos ver a pezas da colección de ‘Bandido’ en referentes internacionais coma Brooke Candy, e agora que acabas de traballar coas Spice Girls, que é o seguinte? Ou que che gustaría que fose o seguinte?

Nunca penso en con quen me gustaría colaborar pero obviamente morrería por traballar con cantantes como Lady Gaga, aínda que disfruto moito traballando con artistas emerxentes como Samantha Hudson. O seguinte que vou realizar é o estilismo dunha película, en agosto en Berlín. É a primeira vez que traballo en cine, e estou moi emocionado. Trátase da película Boy Meets Boy, de Daniel Sánchez López. Faime moita ilusión ademais, xa que coñezo a Daniel desde hai 11 anos. Estamos ambos e outros colegas nun punto moi interesante no que todo o traballo que levamos realizado durante máis dunha década comeza a dar os seus froitos. 

Para rematar, como o ven todo isto na túa casa? A túa avoa e a túa nai.

Estou tremendamente agradecido á mi nai e á miña avoa. Vivín con ellas toda a vida e hai grandes trazos de ambas personalidades en min. Miña nai, solteira e emprendedora, loitou sempre polo que quixo e transmitiume ese espírito. A miña avoa é o máximo, o seu sentido da estética é algo que me marcou toda a vida. A súa forma de prepararse cada mañá para saír á rúa, a súa forma de vestir, de maquillarse. E, como contei antes, a miña nai estivo moi implicada na presentación de Bandido en Londres: fixo a comida coma se fose aquilo un furancho, pois eu quería que os que asistisen á fashion rave comesen o mesmo e vivisen o que me alimentou gran parte da miña vida. 

 

 

Manuel Turnes Fernández

Manuel Turnes Fernández

Manuel Turnes Fernández (1988, O Grove) Licenciado en Xornalismo Audiovisual e Dixital pola USC, é guionista, director e coordinador de formatos para televisión, profesión que compaxina co seu alter ego Manu Tf DJ, e o grupo musical SU SA NA.  

Máis moda galega

Faite de vinte

A partir de 5€ mensuais podes suscribirte a VINTE e colaborar para que sigamos a producir contidos de calidade pagando dignamente as colaboracións de vídeo, fotografía, ilustración, xornalismo e creación de todo tipo.