Este mércores 13 preséntase en Barcelona a curtametraxe Farruca. Esta historia que fala das nosas mulleres do rural serve para apoiar unha colección téxtil creada por unha galega residente na cidade condal.
Na dirección de Farruca está Virginia Expósito, que á súa vez, tamén está detrás da firma téxtil Playa de Anza. Esta galega de Vigo leva xa sete anos en Barcelona e na súa marca vese a influencia de dúas das súas paixóns: Marrocos e Galicia. A última colección presentouna hai dous meses, chámase Farruca, e está inspirada na muller do rural galego.
Como audiovisual de apoio a esta colección, Virginia creou unha curtametraxe do mesmo nome que toca no persoal: “Neste caso, contar a historia da miña nai serve para proxectar o que foi e é a vida de moitas mulleres en Galicia, que non distan de ser casos moi diferentes”.
Ao igual que nas creacións de Playa de Anza, Marrocos está moi presente en Farruca para Virginia. “Amo a cultura do magreb e todo o que dela deriva dunha forma tan inexplicable que sempre quixen buscarlle unha explicación”, relata. Esa explicación da que fala apareceu por casualidade hai un ano. “Empecei a ir a clases de flamenco e descubrín o pau da farruca. Cando a miña profesora mencionou o nome deste baile e comentaba que estaba vencellado a Galicia, a miña cabeza fixo moitos curtocircuítos. Acordeime de que a miña nai me chamaba así e quixen investigar o seu significado. Farruca provén do árabe faruq que significa ser valente, obstinada, terca. Solapáronse moitas coincidencias atlánticas e creouse esta idea”.
A presentación de Farruca contará ademais con outros alicientes. Por unha parte haberá unha instalación floral de Carolina Spencer, que reinterpretará toda a súa simboloxía. Haberá tamén ilustracións de Begoña García-Alén. E por último unha selección musical especial con música do magreb a cargo de Alicia Carrera de Hivern Discs e de Phran de Vimana Radio. A presentación de Farruca, e todo o acto acontecerá este mércores 13 a partir das 19:30 con entrada de balde na sala Nica Bonay de Barcelona.
Playa de Anza xa ten un ano e medio de vida, e con esta marca Virginia quere poñer en valor a figura da costureira, que en cidades grandes está desaparecendo: "Agora mesmo hai moita xente moi boa en deseño, pero cada vez hai menos que saiba de técnica e de confección tradicional". Esa formación adquiriuna Virginia en Barcelona, despois de estudar Ciencias Políticas 4 anos en Santiago. Baseouse sobre todo no sistema Martí que é o que utiliza en Playa de Anza. As prendas que elabora son exclusivas por tres motivos: son deseños limitados (só fai 2 prendas de cada modelo e a partir de aí por encarga), son tecidos de alta calidade e preferentemente orgánicos (utiliza moito o liño), e son prendas moi versátiles e reversibles.
Máis galegos en Barcelona
"Ao final acabamos xuntándonos todos para sentírmonos máis arroupados", comenta Virginia. O certo é que Farruca está producido por Playa de Anza e pola produtora Omen. Omen é unha empresa que foi creada en Barcelona polo galego do Hío Nico Martínez Millán, polo vigués Carlos Martínez e polo catalán Arnau Abella. Desde Cataluña traballan en múltiples ámbitos do audiovisual pero tamén levan adiante historias galegas. Unha delas foi Fóra do continente, unha curtametraxe documental ben interesante sobre os últimos habitantes das illas Ons, e en concreto sobre Chefa e Victoria, as últimas mulleres. Foi dirixida por Nico Martínez Millán e no seu momento presentárase no museo Massó de Bueu. Pódese mercar neste enlace da tenda on line da librería Abrente de Bueu.
O último proxecto galego de Omen é Sós, unha longametraxe que se atopa en posprodución. Nela cóntase unha historia do mar e da emigración galega en Namibia. Neste caso é a historia de Benjamín, un galego que leva 25 anos no país africano e que agora ten que volver á casa ao quedar cego.