Quen fixo a miña roupa? Nace o colectivo FENTO para reivindicar a moda sustentable en Galicia

© FENTO

Cada vez máis persoas deciden apostar por un consumo de roupa máis consciente, e en Galicia xa hai varias empresas e iniciativas dentro do movemento chamado ‘slow-fashion’. O colectivo FENTO vén de nacer para agrupalas e preséntase estes días en Vigo no marco da Fashion Revolution Week, que lembra en todo o mundo as vítimas do Rana Plaza.

Desde hai 5 anos celébrase a finais de abril en todo o mundo a Fashion Revolution Week, para non esquecer a traxedia do derrubamento do edificio Rana Plaza en Bangladesh, no que morreron 1.130 persoas, a maioría delas traballadoras de subcontratas de multinacionais téxtiles, e que puxo o foco nas condicións laborais nun sector tan globalizado como é o da moda. Ante os problemas laborais e ambientais que produce a industria da fast-fashion (da que temos un importante estandarte en Arteixo), o movemento pola moda sustentable cada vez colle máis forza a nivel global. En Galicia levamos anos vendo distintas iniciativas, que agora desembocan en FENTO, un colectivo que se presenta estes días e que organiza en Vigo as actividades da Semana da Moda Sustentable. 

Estas actividades dan comezo o venres 26 pola mañá cun tour gratuíto polos talleres de artesáns e deseñadores de moda sustentable da cidade, e pola tarde con distintas accións de concienciación na rúa do Príncipe, entre elas un flashmob que terá como punto de partida a Porta do Sol.  Ás 19h presentarase públicamente a iniciativa FENTO coa lectura do seu manifesto, que busca converterse nun referente en Galicia para impulsar a produción e consumo da moda sostible. Para finalizar a xornada haberá unha “mesa circular” na que distintons axentes do sector da moda en xeral poderán compartir os seus diversos puntos de vista e responderán as preguntas do público asistente.  

Manifesto fundacional de FENTO. © FENTO

O sábado 27 de abril porase fin á progamación cunha “Sesión Vermuda” durante la mañá, na Praza de Ronda Don Bosco, na que se poderá disfrutar de buena música, coñecer os produtos dos artesáns téxtiles que forman parte do FENTO, e mesmo probalos, e colaborar na creación dunha prenda de roupa colectiva. Nesta xornada participarán tamén a Fundación Emaús e a escola viguesa de moda Pin Factory.

© FENTO

FENTO xa está presente en Facebook e en Instagram. Nace da man de deseñadoras, artesás, creadoras e axentes do sector da moda sustentable de toda Galicia, que co apoio da rede global de innovación social e emprendimiento Impact Hub Vigo construíron este colectivo co obxectivo de promover a produción e o consumo de moda consciente, e poñer en valor o trabajo que desempeñan desde hai bastantes anos. As súas impulsoras defíneno como “unha grande iniciativa que nutrirá de posibilidades a demanda dentro do sector da moda e impulsará a economía artesanal de Galicia”. 

Ente os talleres e marcas que están vinculados a FENTO podemos atopar El Laboratorio Taller Textil, Oui Jane,  Cose que te Cose, Alfiler Mágico, La Canalla, Monoke, Le Chanelas, Mico Diseño Textil, Fenosita, Xiro Atlantic Denim, My Little Piura ou Mandacarú, ademais de Noemí Díaz Patiño, responsable da iniciativa #AdoptaUnaPrenda, da que xa falamos en VINTE. Se visitamos as súas redes estes días todos estan a tope coa campaña “Quen fixo a miña roupa?”, un dos lemas do movemento Fashion Revolution, que estes días vive a súa semana de reivindicación. 

© FENTO

Máis moda sustentable

  • Melania Freire: arte e moda a partir de panos, cadros e cobertores

    A deseñadora Melania Freire presenta o 24 de xaneiro na pasarela EGO da Madrid Fashion Week a súa colección "Merquei unha postal de David Hockney". Esta artista nacida en Lugo en 1991 conta para VINTE como fixo esta colección e tamén outros proxectos nos que investiga a tradición téxtil das casas galegas (roupa, cobertores e sobre todo panos da cabeza) para traelas á contemporaneidade a través do deseño, da fotografía e da intervención artística.  

    Moda

Faite de vinte

A partir de 5€ mensuais podes suscribirte a VINTE e colaborar para que sigamos a producir contidos de calidade pagando dignamente as colaboracións de vídeo, fotografía, ilustración, xornalismo e creación de todo tipo.