A iniciativa da viguesa Noemí Díaz Patiño ofrece a posibilidade de mercar online prendas que tiveron vidas anteriores. Máis que unha tenda de segunda man, é un “proxecto de recuperación téxtil” que busca prolongar a vida de cada peza e concienciar sobre o absurdo de estar mercando roupa nova todo o tempo.
Antes de te botar esta fin de semanas ás rebaixas pensa: cantas prendas de roupa que non usas tes na casa? Cantas veces en verdade vas poñer ese top de abalorios a tan bo prezo? É mellor meter 20 euros nun xersei rebaixado de calquera marca low-cost ou gastalos nunha prenda de maior calidade aínda que non sexa do trinque?
Ás veces o que nos bota para atrás nunha tenda de segunda man é non saber de onde vén unha prenda, cal foi a vida que tivo antes. #Adoptaunaprenda fai ese exercicio narrativo contándonos de maneira honesta a historia detrás de cada peza de roupa dispoñible, e os motivos polos que se puxo á venda. Moitas delas veñen de mercados ou tendas vintage de Londres, outras de festas de intercambios de roupa, e outras foron mercadas para ocasións especiais e só se puxeron unha ou dúas veces.
Unha vez recollida, gardada e coidada o que fai #adoptaunaprenda é un exercicio de rebranding de cada peza, á que lle pon un nome de muller (traxe Carme, vestido Delia, xersei Águeda…) e lle fai unhas sesións de fotos poñendo a roupa a lucir en modelos como se se tratase dun catálogo de novidades de moda, con editoriais fotográficas moi coidadas.
Para algo a súa impulsora Noemí Díaz Patiño (itrynottothink) é fotógrafa, deseñadora gráfica, realizadora audiovisual e xestora de comunicación e sustentabilidade, un concepto para o que se formou en Londres da man traballando para a organización Fashion Revolution, que avoga internacionalmente contra a industria da fast fashion e a explotación humana e ambiental que provoca. De aí saíron campañas como #whomademyclothes a raíz do derrubamento do edificio Rana Plaza en Bangladeh, no que morreron máis de mil persoas que traballaban para fábricas de textil subcontratadas por multinacionais famosas.
Ao seu regreso de Londres Noemí montou Coclub, un proxecto para divulgar a moda sustentable a través de distintas iniciativas, e #Adoptaunaprenda é a plasmación última da súa ansia por prolongar a vida da roupa, que cada vez ten ciclos de consumo máis curtos. A plataforma botou a andar a finais do ano pasado grazas a unha campaña de crowdfunding e ten máis de 70 pezas de roupa á disposición de quen queira mercalas na tenda online. O seu compromiso social, ademais, é que por cada prenda que se venda na web, doarán outra a Grupo Emaus Fundación Social. Tamén podemos dirixirnos a eles para facerlles chegar a roupa que a nós non nos sirva, sempre que teña unha historia interesante detrás.
Ademais é moi importante o compromiso ambiental, de xeito que “buscamos sempre a mellor opción para a entrega das nosas prendas, tanto en temas relacionados co empaquetado como coa distribución e a loxística”. Unha das grandes preocupacións do movemento slow fashion é precisamente esa, a cantidade de residuos que xera a industria da moda en todos os seus procesos: desde a fabricación de tecidos con compostos químicos ata a súa distribución por todo o mundo, por non falar da propia roupa que acaba no vertedoiro: 14 millóns de toneladas, segundo os datos que achega #adoptaunaprenda. Por iso é importante que non consideremos a roupa como algo de usar e tirar.
O labor de Coclub non remata na web, senón que organizan de cada pouco festas ‘swap’ de intercambio de roupa e están presentes en mercados e outros eventos, canda compañeiros de viaxe nisto da moda sustentable en Galicia como son Xiro Denim ou La Canalla Ethical Clothes. Para estar ao tanto de todas estas actividades podedes seguilos no Facebook ou no Instagram.