Vinte agasallos que podes mercar no pequeno comercio sen saír da casa

VINTE

Querido Apalpador: estamos fartas de centros comerciais, de aglomeracións no centro das cidades, de mercar en grandes tendas online que escravizan os seus traballadores…  Este ano queremos agasallos orixinais, feitos en Galicia e que se poidan mercar por internet. O comercio electrónico de proximidade tamén existe e aquí fixemos unha selección de cousas para regalar que poden ser túas, cuns poucos clics e outros poucos euros. 

Querido Apalpador: estamos fartas de centros comerciais, de aglomeracións no centro das cidades, de mercar en grandes tendas online que escravizan os seus traballadores…  Este ano queremos agasallos orixinais, feitos en Galicia e que se poidan mercar por internet. O comercio electrónico de proximidade tamén existe e aquí fixemos unha selección de cousas para regalar que poden ser túas, cuns poucos clics e outros poucos euros. 

  • 01

    Camiseta debuxada por Pepa Prieto Puy

    12€

    Pasa de Inditex e faite unha peza textil deseñada por unha das novas ilustradoras galegas máis prometedoras a nivel internacional: Pepa Prieto Puy.  A camiseta está serigrafiada cun deseño a partir dunha das páxinas do fanzine "Botella". Comprar

     

  • 02

    Unha noite nas casas do Ulla

    100€

    Ao pé da ponte colgante do Xirimbao sobre o río Ulla temos estas fantásticas cabanas que funcionan como aloxamento turístico para quen queira unha escapada á natureza e ao confort da arquitectura e deseño contemporáneos. Reservar.

  • 03

    O anel de Rosalía

    94€

    Sabías que os aneis que leva Rosalía na portada do seu disco El mal querer están feitos por unha deseñadora galega?  Son de Carla López, que desde As Pontes deseña complementos que adoran as celebritis, e que ti tamén podes ter se aforras uns cartiños. Os aneis 1 e 2 están á venda na súa tenda online. Ver

  • 04

    Pandeireta con ferreñas de chapa de botella

    50€

    Musical JR comercializa a pandeireta Baiuca, que leva no sitio das ferreñas once pares de chapas de botella. Os fabricantes din que é moi boa para tocar na casa ou na taberna, pois permite cantar sen forzar moito na voz, nin espantar os veciños. Comprar

  • 05

    Crebanoces de madeira

    18€

    Este orixinal crebanoces de madeira de freixo e de bidueiro deseñouno e torneouno con agarimo Isabel Neira, de Atalanta Madera Artesana, un obradoiro da Estrada que traballa na creación en madeira de menaxe de cociña. Téñeno a vender nada menos que na Tate Modern de Londres pero tamén na tenda online Faragulla de Sada, especializada en trebellos de cociña.  Comprar.

  • 06

    Coitelo de chef de Taramundi

    85€

    En Taramundi, a aldea asturiana veciña da Pontenova (Lugo), teñen fama de facer as mellores navallas. Pero tamén fan coitelos ceboleiros pensados para pequenos e grandes chefs. Se tes un na casa podes mercarlle o grande por 85€ en Faragulla

  • 07

    Táboas de cortar artesás

    37,50€

    Como complemento ao coitelo tamén temos estas táboas de cortar ou servir aperitivos, feitas en madeira de faia ou de carballo (a elixir) por Miolos Design. Mercar.

  • 08

    Camisola da Unión Soviética Futsal

    29,99€

    Se liches a nosa reportaxe sobre a Unión Soviética Futsal de Sigüeiro seguro que xa es fan deste equipo, que vende en exclusiva a través da tenda Pijus Magníficus (en Compostela e na rede) a camiseta que conmemora o centenario da revolución soviética. Comprar.

  • 09

    Galiña de Mos de peluche

    19,90€

    Non hai moitos peluches de raza autóctona galega, verdade?  Pois a casa de xoguetes Galileo Nenos fabricou, en colaboración con BOAGA (Federación de Razas Autóctonas de Galicia) esta pita de Mos bonitísima, e tamén unha ovella galega que dan ganas de abrazar. Ver.

  • 10

    Caderno de Vigo

    10€

    A tenda de deseño Vaidhe vende estes cadernos deseñados polo estudio Ultramarinos, cos símbolos máis emblemáticos da cidade olívica, incluíndo animais fantásticos como o Sireno ou o Vigoseto. Comprar.

  • 11

    Xarrón Kama Sutra 'made in' Sargadelos

    190€

    O estudio de Nova York Viso Project deseña e comercializa estes xarróns con posturas do Kama Sutra, que foron fabricados en Sargadelos coas cores e o acabado caracerísticos da súa cerámica. Xa se podían vender aquí tamén e non só nesta tenda online de Berlín. Comprar.

  • 12

    Fotolibro ‘Nueva Galicia’, de Iván Nespereira

    40€

    Os fotolibros están de moda e hai unha vaga de artistas que traballan neste formato buscando novas maneiras de compoñer visualmente e crear discurso coa fotografía, poñéndoa en valor sobre o papel impreso. Iván Nespereira gañou este ano o premio Photoespaña ao mellor libro autoeditado con Nueva Galicia, unha investigación que segue a pista dos europeos que se asentadon á beira do Amazonas para extraer caucho. O libro contén fotografías pero tamén mapas, apuntes xeográficos, manuais de cultivo, arquivos familiares e pregos de herbarios. Comprar.

  • 13

    Kit Antimorriña de Embutidos Lalinense

    30€

    “Contra a distancia, substancia!”  Así proclama Embutidos Lalinense a venda do seu novo kit antimorriña, un paquete que inclúe unha lata de cocido en conserva, un salchichón, un paquete de chourizos e outro de “potaje gallego” que inclúe un anaco de lacón, outro de panceta e un chourizo. Só faltan as fabas, as patacas e os grelos para facer un bo caldo no sitio da emigración onde te atopes. Comprar.

  • 14

    Lote vegano de produtos gourmet

    22,94€

    Tamén podemos vencer a morriña gastronomicamente sen ter que molestar a ningún animal con este lote de produtos veganos feitos por pequenos produtores galegos. Crema de grelos, salsa de tomate negro de santiago feito nas brasas, castañas ecolóxicas en almíbar, boletus en aceite ou mermelada de kiwis é unha das opcións de lote vegano que propón Ego Galego, unha tenda de Barcelona especializada en produtos gourmet do país e que tamén vende na rede. Comprar.

  • 15

    Loción facial de Muuhlloa

    28€

    Os cosméticos de Muuhlloa non son precisamente veganos pero están feitos con leite de vacas ecolóxicas criadas na Granxa Maruxa de Monterroso, que é o lugar onde se celebra o festival Agrocuir desde hai algúns veráns. A Granxa Maruxa xuntouse con Milulloa, unha cooperativa que traballa as plantas medicinais e aromáticas, e no caso do seu famoso leite corporal ao leite das vacas sumáronlle aceite de milenrama, con propiedades rexeneradoras e cicatrizantes. Este ano incorporaron novos produtos como a crema facial, que ademais leva extracto de sidra de Ribela, extracto de alga de Mar de Ardora e aceite esencial de romeu. Comprar.

  • 16

    Xenebra rosa Carpers Gin

    20€

    Os gintonics agora tamén veñen de coloríns e Carpers, unha empresa da Terra Cha, decidiu lanzar a primeira xenebra rosa galega, feita a partir de castañas e de froitos do bosque. 100% natural, artesanal e feita na parroquia de Román, en Vilalba. Comprar.

  • 17

    Calcetíns de Somos Océano

    9€

    O Apalpador non sabemos, pero os Reis Magos é raro que non traian roupa interior na súa saca. Se lles vas pedir calcetíns, polo menos que leven debuxos chulos como os de Somos Océano: polbos, nécoras, vacas, hórreos, landras, percebes… Veñen ademais nunhas latas moi xeitosas que se poden reutilizar. Comprar.

  • 18

    A cunca de Tojeiro

    9,95€

    Hai clásicos entre os clásicos, e esta cunca para o café, ou máis ben o colacao, co discurso enteiro de José Tojeiro segue a estar dispoñible nas tendas de Rei Zentolo. Reciten connosco: “En cuanto entraron… el saludo ya amoroso…” e fáganse cun dos mellores agasallos posibles este nadal. Ou se non, xa saben: Dinero mucho mejor. Comprar.

  • 19

    Matamoscas de coiro

    15€

    A falta de rabo como as vacas, a mellor maneira de matar moscas no verán é con este fermoso matamoscas deseñado por Jatafarta. Mais o certo é que nos gusta moito máis como obxecto decorativo que para liquidar insectos. Comprar.

  • 20

    Axenda 2019 das Irmás Cartoné

    17,50€

    Non podía faltar nesta lista unha axenda, e a que fan as Irmás Cartoné é unha marabilla. Este ano está inspirada nos planos das cidades. Ademais de editaren uns libros preciosos con traducións de clásicos da literatura universal, as irmás fabrican esta axenda e tamén cadernos de escritura que paga a pena coleccionar.  Comprar.

Faite de vinte

A partir de 5€ mensuais podes suscribirte a VINTE e colaborar para que sigamos a producir contidos de calidade pagando dignamente as colaboracións de vídeo, fotografía, ilustración, xornalismo e creación de todo tipo.