Marcelo DoBode: “Quería quitarlle esa negra sombra á música galega”

Tras moitos anos na música tradicional Marcelo DoBode (Pontevedra, 1980) lanzou o seu proxecto en solitario co disco Turoqua, no que fusiona o folclore con sons funk e soul para levar a música galega a novos públicos e novas sonoridades. Pero ante todo, para “bailar e alegrarlle a vida a xente”. Para alguén que se criou entre as súas tías pandereteiras de Soutomaior e unha tenda de discos onde escoitaba a Santana e Led Zeppelin, esta fusión xa a traía de serie. 

 

Con tanto percorrido como xa tes no mundo da música tradicional, que te moveu a iniciar un proxecto como o de Turoqua?

Eu crieime co folk e coa tradición pero tamén con moitos músicos internacionais que me encantan como Santana, e son moi fan de Jamiroquai, o soul, o funk... No meu interior sempre fusionaba un pouco a música tradicional con algo mais moderno, mais soul, e hai uns 4 anos dixen: temos que achegar a música nosa á xente nova dunha forma que o vexan totalmente actual. Como está facendo Baiuca, Aliboria e moitos artistas en Galicia. Penso que nesta xeración démonos de conta de que nós podemos mamar da tradición ata certo punto pero chega un momento no que nós xa somos tradición dalgún xeito, somos os encargados de que a música avance, como fixeron as pandereteiras e todo o mundo. A música popular sempre se actualizou ao momento no que estaba. E é importante que lle chegue a xente nova. Estou contento porque sei que é así, escríbenme moitos rapaces de vinte e poucos anos dicindo qu elles gusta moitísimo. E tampouco perde a esencia porque coa miña música ti podes seguir bailando unha jota ou unha muiñeira aínda que teña un son máis actual.

Outros proxectos que tratan de levar a vangarda a tradición optaron pola electrónica. Ti apostas por unha banda. Que tipo de son buscabas?

Eu buscaba esa aposta polo soul e polo funk porque me parece unha música moi traballada, con moito gusto. É unha musica que chega á alma e toca o corazón, e é alegre. Eu o que quería era quitarlle esa negra sombra á música galega. Nós adoramos a tradición pero moitas veces é moi escura, porque vén dunha época que era a que era. Eu quería quitarlle esa tristura, é como cando arranxas un moble vello, lle quitas o pó e o vernizas para que volva brillar e recupere ese garbo que tiña.

"Nesta xeración démonos de conta de que nós podemos mamar da tradición ata certo punto pero chega un momento no que nós xa somos tradición dalgún xeito, somos os encargados de que a música avance."

Falas do baile e si que parece que duns anos para aquí o baile tradicional está máis vivo ca nunca entre a xente nova, como o ves?

É un momento xenial, eu creo que se pode bailar danza galega, non tradicional, en calquera sitio, eu teño bailado en discotecas,  é un 6x8 que entra en moitas caixas rítmicas do techno. O que é guai é saber facer de todo, e que veña transmitido dos nosos antergos. Aínda que saibas catro pasos son moi útiles para cando queres bailar calquera cousa por aí. Ao final a música e a danza é porque vive a terra e nós vibramos con ela. Coa nosa música podes bailar o que queiras mentres te sintas libre facéndoo.

Ademais escribes as letras, algunhas delas ligadas á actualidade. De que che interesa falar?

De moitas cousas. Do que máis me interesa falar é de que cada persoa intente ser un/ha mesmo/a. Do amor sempre falo porque son un romántico e estou todo o tempo namorandome e desenamorándome, o amor é a chispa da vida. E á parte diso tamén do que pasa socialmente en Galicia: co rural, o despoboamento, os lumes… e tamén do ámbito máis persoal, do ser de cada un. De como buscarnos a nós mesmos para poder ser felices. Cando atopas o teu camiño, todo é luz.

Tamén lle dedicaches un tema ás vítimas da Covid19, especialmente á xente maior, cun videoclip do tema "Rosalía" no que musicas Adiós Ríos Adiós Fontes. Como conectas a Rosalía con esta crise?

A conexión foi porque eu realmente non sufrín a situación coma moita outra xente, confineime na miña casa, que está nun val e tiña bastante marxe de movemento na natureza que tiña arredor. Todo o tempo me viña esta composición que fixen de Rosalía. Esa mestura é porque nesa época a varios amigos meus lles morreron as nais, e viñéronme varios sentimentos: o sentimento da nai terra e tamén o de ver como se nos estaban indo os nosos maiores, dos que tanto mamei eu, que tanto nos ofreceron coas mans abertas sen pedir nada. Entón si que tiven aí unha pena, e díxenme que cando rematase o confinamento faría un vídeo dedicado a eles para que a xente non esqueces. É unha forma de mostrarlle á xente maior o respecto cara a eles. E a Rosalía eu adóroa, creo que en vez de chorar berraba, e que ás veces interpretan os seus poemas como moi apenados. Eu penso que non é pena, é unha forma de denunciar a situación daquela época, que para min é moi parecida á de hoxe en cuestións como a da emigración. Seguimos marchando: a xente con máis talento vaise porque aquí non accede a ter unha vida digna. Está dedicado a todos eles tamén.

Como acabou colaborando Kiko Veneno no teu disco?

Coñecémonos o ano pasado, actuabamos Baiuca, el e mais eu nun concerto dos Xoves de Martín Codax, e a partir de aí fixémonos moi amigos porque sentimos a música moi igual, somos dous músicos moi de chan, que aprezamos a música como algo que serve para alegrar a xente, sen ego ningún. Ás veces é difícil atopar xente así neste ámbito, coa que se comparta esa sensibilidade especial. E a partir de aí chamámonos moitísimo, querémonos moito. Estaba co meu produtor, Adrián Saavedra, no estudio, e pensei que este tema era ideal para que el participase. É un tema dedicado a todas as mulleres que deciden pechar a porta e abrir unha ventá enorme onde poidan ser felices. Báilalo, transmútalo, esa é a idea. Quita iso de enriba, busca o teu sitio e se feliz, que é o máis importante. Axudándonos os uns aos outros porque ao final todos somos un.

Ás veces os proxectos que optan pola fusión cústalles atopar o seu público, ou non teñen tan definido. Cal dirías que é o público de Marcelo Dobode?

É moi variado, hai dende xente nova a xente de 60 anos. O disco ten un punto moi rock, funk, soul dos anos 80 e 90 así que tamén lle chega moito á xente da miña xeración, entre os 40 e os 50. Eu busquei esa fusión para que tivese unha música de calidade, por dicilo así, onde a xente se vise identificada. Despois teño moito público que vén do tradi, xente que xa me escribía dicindo que tiña moitas ganas de vir aos nosos concertos a bailar. Agora veñen connosco aos concertos as irmás Montero de Aliboria, que xa colaboran con Baiuca e coas que xa traballara no espectáculo Lorca namorado. Conectamos moito e pasámolo pipa os tres. Danlle unha enerxía moi boa ao noso espectáculo.

Como se presenta o verán en canto a concertos? Que outros plans tes?

Eu aínda teño sorte, que teño cinco bolos por diante, hai xente que non ten absolutamente nada. O confinamento si que me entristeceu un pouco porque en febreiro fora a Brasil, estaba a facer alí unha produción e iamos empezar unha xira alá. Temos a sorte de que coa nosa lingua énos relativamente fácil achegarnos a ese mercado. Estaba funcionando moi ben, empezabamos a ter concertos, eu ía botar unha temporada alí, presentando o disco, movéndome polo país. No Brasil a xente está afeita a pagar pola cultura, e mínimo a un concerto vanche mil persoas. Para poder recuperar ben os cartos que se invisten en facer un disco e no teu proxecto, aquí é moi complicado, á xente cústalle pagar unha entrada. Pero alá non é así, a cultura págase. Entón ía intentar ir alá para facer unha hucha coa que poder facer o meu seguinte traballo, que xa estou con el. Estou con iso e tamén con outros dous traballos retomando a parte tradicional, é unha sorpresiña.

 

Marcelo DoBode participa no ciclo ‘En3vistas’ organizado pola Concellaría de Normalización Lingüística de Pontevedra. O venres 24 de xullo estará na Ponte do Burgo desta cidade ás 20h conversando sobre lingua coa actriz e música Cora Velasco.

© En3vistas
María Yáñez

María Yáñez

Xornalista. Levo vinte anos traballando na rede e no audiovisual. Adoro as revistas en todos os seus formatos. Agora dirixo VINTE da man de Praza.gal.

Máis En3vistas

  • Sabela: "Encantaríame que Galicia liderase unha vangarda ecoloxista"

    Sabela Ramil (Ourol, 1993) está en fase de transición no seu proxecto musical. Un proceso de cambio acelerado pola pandemia, que trastocou boa parte dos plans de xira do seu primeiro disco, ‘Despedida’, pero que nos traerá novo material contra finais de ano. O prioritario para ela é sentar unha base sólida para os seguintes pasos da súa carreira. E tamén aproveitou esta parada para colaborar na Radio Galega. Di que ten moito que contar e expresar, por iso o fai a través das cancións. Pero tamén nas redes, ou nesta entrevista que nos contesta por teléfono desde As Pontes. 

    Música
  • María Mera: “Grazas a ver ‘O sabor das Margaridas’ en Netflix hai xente de todo o mundo descubrindo o galego”

    Actriz, presentadora e mamá. Así se presenta María Mera (Boqueixón, 1986) nas canles dixitais polas que se comunica para compartir historias sobre o seu traballo e a súa maternidade, e recomendar produtos que compartan os seus valores de proximidade e responsabilidade. Non se considera influencer aínda que teña máis de vinte mil seguidores en Instagram de todo o mundo debido ao éxito en Netflix da serie que protagoniza, ‘O sabor das margaridas’. A eles diríxese sempre en galego.

    Pantallas
  • Javier Olleros: “Galicia pode ser un exemplo de sostibilidade alimentaria, ambiental e turística se facemos as cousas ben”

    É un dos cociñeiros máis aprezados do panorama galego e tamén na rede internacional que teceu desde Reboredo, O Grove, onde abriu en 2009 Culler de Pau. En 2012 obtivo a súa primeira estrela Michelín, algo que non o guindou á estratosfera senón que o pegou á terra máis ca nunca, e á defensa dos pequenos produtores, dos labregos, da pesca artesanal e dun sector primario que “foi o que nos salvou” durante o confinamento e que é a clave do éxito da súa proposta. Contesta as nosas preguntas desde o restaurante, onde están xa funcionando “a tope”. 

    Gastronomía
  • Adrián Ben: “O deporte é un entretemento, o importante agora é curar a pandemia para que axiña poidamos gozar del”

    Unha lesión mantén o atleta Adrián Ben (Viveiro, 1998) na súa vila natal da Mariña, onde se recupera na casa de seus pais para volver a Madrid nas próximas semanas. Alí vive e adestra cunha bolsa no Centro de Alto Rendemento, mentres estuda Fisioterapia. A súa carreira deu un chimpo o pasado mes de outubro cando quedou sexto na final de 800 mestros do mundial de atletismo. Os deste ano podían ter sido os seus primeiros Xogos olímpicos pero a covid trastocou estes plans. 

    Deporte

Faite de vinte

A partir de 5€ mensuais podes suscribirte a VINTE e colaborar para que sigamos a producir contidos de calidade pagando dignamente as colaboracións de vídeo, fotografía, ilustración, xornalismo e creación de todo tipo.