Lúa Mosquetera: "Antes ser antifascista era un consenso social"

Lúa Mosquetera © Andrea Sánchez

Quen queira ver a Lúa Mosquetera en directo nun recital ten que anotar a data do 11 de xullo no seu calendario porque está a piques de baixar dos escenarios por un tempo. A causa é boa e vai da man da maternidade, como tantos dos seus poemas. Con ela falamos desa transición de filla a nai e de todo o que trae consigo nestes tempos

 

A artista multidisciplinar de Miño Lúa Mosquetera está a piques de subirse ao escenario para o seu último recital nun tempo. Como creadora e autónoma, explica os axustes co seu xestor para garantir unha prestación suficiente durante o seu inminente permiso por maternidade. O sábado 11 de xullo, ás 21 horas, no Teatro Colón da Coruña terá lugar este especial recital poético no que ás veces duran máis as presentacións que os propios poemas, pero no que todo é realmente poesía porque Lúa toca coa súa poesía un material vivo e en constante cambio, que é ela mesma e toda a tribo de afectos que a rodea.

El latido es un baile que siento que me estoy perdiendo é o seu cuarto poemario, que optou por editar ela mesma e para o que acaba de encargar unha exitosa reimpresión. Antes publicou Aunque seas rara y seas pájaro, Rasrás, Espíderman (Galaxia) e a novela ¡Yo vivo! (La Moderna).

Entón, en canto quedas embarazada xa tes que empezar a facer contas?

Polos cartos, si. De feito, eu soño cun parto vaxinal en vez de cunha cesárea simplemente pola recuperación, para estar ben canto antes. Porque en principio, se podo, estarei só un mes de baixa total, senón é insostible... Estar catro meses cobrando menos da metade do que gaño cando traballo e cun pequeno, ademais. Pódese pedir como a metade da baixa, como unha media xornada, así que imaxino que optarei por iso para ir empezando co tema do bordado. De poeta... a ver despois desta transición da maternidade, deste parón, canta xente chama para contratar e canto tempo teño para escribir, tamén.

Autorretrato de Lúa Mosquetera © Lúa Mosquetera

Uf.

É duro, si. Pero non pode gañar a máquina, non? O capitalismo non me pode gañar a min, non pode ser que a máquina estea por riba da vida e do que de verdade é importante, non do que nos queren facer crer que é importante. A máquina non poder por riba de formar unha familia, de ter tempo cos teus, de ter felicidade. Entón, tampouco o penso moito e tiro cara a adiante. Non vou deixar de ter un fillo polos cartos, iso nunca vai pasar.

"Xa en xeral na miña vida boto moito de menos a miña nai, pero no proceso do embarazo moitísimo"

Xa non pasaba antes, non?

Non, pero é que agora parece que tes que telo todo tan amarrado para ter un fillo... E o meu xa está considerado como un ‘embarazo xeriátrico’, non podía agardar máis. Pero non me podo queixar, en canto o decidimos xa foi case á primeira e estou tendo un embarazo bastante sinxelo dentro do que cabe. O malo é que é un neno, eu quería unha nena. Xa sei que non se pode escoller, pero igual cambia el, así que estupendo. Eu creo moito no progreso e agora hai un mundo mellor no que pode escoller o que queira.

Converterte en nai é tamén unha cuestión moi ligada a algo que te movía moito artisticamente, pola perda da túa nai.

Escoitara moito que cando estás embarazada, a pesar de que non son das que le moito e está todo o tempo buscando información, que incluso se tes un entorno agradable sentes certa soidade porque hai unha parte de incomprensión por parte dos demais (que non senten o mesmo ca ti, nin sequera outras nais porque cada embarazo é distinto). Neste caso, a miña soidade é máis grande. Teño a miña irmá, que ela xa ten dous nenos, pero si que se nota moito. Xa en xeral na miña vida boto moito de menos a miña nai, pero no proceso moitísimo, moitísimo. A verdade é que se nota moito.

Pasar de filla a nai é unha cousa máis rara. Aínda non o teño asumido. Supoño que ata que o teña en brazos, non vou ser consciente. Eu aínda sinto que teño un embarazo adolescente, sabes? Pero non, xa sou unha persoa maior. Non quero medrar.

© Andrea Sánchez

Pero cantos anos terás cando naza o bebé?

Terei 37, é que é unha cousa que se atrasou moito. Pero é que a vida está pensada para producir. Xa non falo de ter fillos, senón de parar, desfrutar, descansar... Non hai nada que reme a favor diso. E iso que eu son unha persoa que vive bastante a modo e que pode gozar das cousas pequenas porque son autónoma: precaria, si, pero dona do meu tempo.

"No club de bordado bórdase moito pero fálase moito máis. É un espazo seguro, para desconectar"

Pero ti tamén creaches espazos para outras persoas, como o club de bordado, que son espazos onde a xente vai a parar e a estar con outro ritmo, non?

Si, a darlle importancia a cousas que que nos queren facer pensar que non a teñen. No club de bordado bórdase moito pero fálase moito máis. É un espazo seguro, para desconectar, veñen moitas nais de feito. A verdade é que é das mellores cousas que me pasaron na vida, creeino xa hai preto de 9 anos e non parei dende entón. Todas as semanas teño sesións e é un traballo incrible e moi esixente, sobre todo polos desprazamentos porque vou a moitos sitios. Ves como se forman amizades e é unha pasada, rapazas que se coñeceron no club e agora van de viaxe xuntas. Eu teño un grupo dende hai moito tempo que viñeron á miña voda, son as miñas amigas, e todo naceu alí. Ao final, como o ritmo da vida non che permite, digamos, establecer un horario reservado para amizades, as relacións máis íntimas créanse en espazos así. Son espazos onde compartes tempo con outras mulleres e falas de cousas máis profundas e máis íntimas que con calquera persoa da túa contorna diaria, créanse lazos moi fortes, é moi bonito. Ademais, son súper necesarios eses espazos que estean á marxe do consumo, que parece que o sistema non se decata igual de que están aí. Non é unha moda, é unha vía de escape que estamos a precisar todos e todas.

Como viviches a reacción agresiva cara a ti coa campaña do 8M que deseñaches para o BNG?

Esperaba certos comentarios, sempre digo que a min ódiame a xente axeitada. Estou moi orgullosa de que ao home medio de dereitas non lle guste o meu traballo, significa que o estou facendo ben. Entendo que é comprometido para unha artista facer un cartel do 8M que é para un partido político en concreto, e sei que hai outras artistas ás que se lle propuxo este traballo e que preferiron non facelo porque non se vira comprometido o seu traballo.

"Eu considero que se alguén ten que posicionarse politica e ideoloxicamente é unha persoa visible, para que a xente poida tomar exemplo e posicionarse tamén, cada un no lado que crea oportuno"

No meu caso, eu aceptei sen dubidalo, só dubidei polo tipo de traballo que era, pois sobre todo era un traballo de ilustración e non é o campo no que máis destaco. Ao longo do tempo que levo mostrándome publicamente, nunca me importou posicionarme e coido que hai que facelo. Eu considero que se alguén ten que posicionarse politica e ideoloxicamente é unha persoa visible, para que a xente poida tomar exemplo e posicionarse tamén, cada un no lado que crea oportuno. Esconderse e facer que non che interesa a política ou o que está pasando paréceme o máis hipócrita. Aí segue estando o capitalismo detrás, porque ten que ver con intereses económicos.

Por outro lado, non teño medo a posicionarme porque tampouco teño medo a non ter traballo. Que me importa colocarme nun sitio se no contrario non me vai chamar ninguén nunca? Xa polo meu discurso, un concelleiro do PP non me vai chamar para un recital. Pero en fin, eu entendo que o cartel era arriscado porque sae unha esvástica. 

O deseño de Lúa Mosquetera para o 8M de 2025 CC-BY-SA BNG

Mais a idea era chamar a atención, non?

A min non me deron absolutamente ningunha directriz. Só me dixeron que era un cartel para o 8M que dende o BNG querían defender que o feminismo non dese un paso atrás con esta onda de forzas de dereita e reaccionarias que está collendo forza. De feito, o lema ‘nin medo nin vergoña’ tamén o puxen eu. Quería representar como unha patada a este tipo de movementos de ultradereita e pareceume que todo o mundo ía entender que a esvástica representaba isto. Antes ser antifascista era un consenso social e agora... é unha cousa moi rara, hai xente votando a Trump e a Milei, que vou dicir! Cando mandei o cartel ao Bloque pensei que ao mellor me dicían que era moi duro, pero vírono perfecto. Para min foi todo moi ben e moi fácil. Tampouco tiña que ir á rolda de prensa de presentación, pero quixen ir e defender o traballo que fixera porque non tiña problema. Todo foi ben ata que a cousa chegou ás redes sociais e comezaron os comentarios de odio. Realmente sorprendéronme comentarios de compañeiras ou xente que eu coñezo, coas que tiña mensaxes (e en galego).

"Non vou deixar de falar galego nin de defender a lingua. O galego na miña vida é moi importante, aínda que eu fale castelán na miña casa"

Comprendo, e celebro, que cando un movemento medra haxa debate. Eu, como feminista, son transincluínte porque para min é a única maneira de ser feminista. Podía esperar o debate, pero non o ataque. Non representei a unha muller ao uso porque hai mulleres con moitos corpos e realidades distintas e non quería representar a normatividade. Fixen unha gatiña principalmente porque eu só debuxo animais, e porque me parecía que simbolizaba un sentimento feminino de loita. Era máis unha representación dun movemento. 

A outra crítica que houbo foi que non son ilustradora profesional, que foi o que pensei eu cando mo encargaron. Pero logo dixen, se me chaman a min para facelo, por que non o vou facer? Houbo moita xente falando a este respecto... moita titulitis.

A crítica que máis me doeu é a de ‘como pode o BNG encargarlle un cartel a unha persoa que non é galegofalante?’. Doeume moito e non a esperaba. A xente baseouse en publicacións en redes sociais en castelán e en poemas en castelán. A realidade é que eu falo castelán, na miña casa ensináronme a falar castelán. Que beneficios ten para o galego, que está en situación de emerxencia, que unha persoa co castelán como lingua materna non o fale? Non sei, eu non vou deixar de falar galego nin de defender a lingua. O galego na miña vida é moi importante, aínda que fale castelán na miña casa. Son bilingüe completamente e na escola decidín estudar Filoloxía galega precisamente porque non mo ensinaran na casa. Que máis ten que facer un neofalante? Non sei, eu creo que un neofalante o único que ten que facer e poñerse a falar en galego, que iso é o que salva un idioma.

Ana G. Liste

Ana G. Liste

Xornalista viguesa do 90. Traballei en medios como Faro de Vigo, El País e Europa Press. Formo parte da Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e son unha máis en Xornalistas Galegas. Agora estou entre Praza.gal e VINTE.

Tamén che interesa

  • Enterro ou comparsa, "O enterro da sardiña" é un videopoema de Lúa Mosquetera

    Lúa Mosquetera traslada o poema "O enterro da sardiña” do libro Espíderman, que sairá publicado pola editorial Galaxia nas vindeiras semanas, e dálle vida ás imaxes e os sons que apuntan os seus versos –que son lembranzas do seu dó– coas músicas de Pablo Seijas e as pandereteiras Lilaina, protagonizado pola súa irmá Zeltia Mosquera e baixo a dirección de Bastian Rodríguez. 

  • Lúa Mosquetera. Poemas de cuadrilátero

    Muller renacentista do século vinteún, Lúa Mosquetera é unha desas persoas que non poden estar quedas nunha única faceta. O seu caso en particular abraia pola naturalidade coa que é capaz de compaxinar poesía, música e negocio téxtil. Por Marcos Gendre.

    Literatura
  • Vinte no patio Café Derby 21. Temporada 3

    Café Derby 21. O ROMPEDOR, con Lúa Mosquetera e Anxela Baltar de BALA

    Esta semana puxémonos en modo fogar e non marchamos a ningún directo, senón que recibimos na casa a dúas convidadas coas que tiñamos moitas ganas de parolar. Con Lúa Mosquetera, artista 360º e amiga do programa, e Anxela Baltar, metade do grupo BALA, falamos do rompedor, iso que racha co establecido e aporta un novo vento e, entre outros temas, achegámonos á poesía Beat e o trato que se deu ás mulleres do movemento co paso do tempo, lembrando as súas historias e como foi aquel tempo convulso e excitante.  

    Podcast

    Co patrocinio de

Faite de vinte

A partir de 5€ mensuais podes suscribirte a VINTE e colaborar para que sigamos a producir contidos de calidade pagando dignamente as colaboracións de vídeo, fotografía, ilustración, xornalismo e creación de todo tipo.