Letras Galegas 2026 Begoña Caamaño (radio edit)

Montaxe cunha foto escolar de Begoña Caamaño sobre un micro de radio. CC-BY-SA VINTE/Arquivo de Begoña Caamaño

Antes de comezar debería facer unha advertencia. A miña visión da radio e de Begoña Caamaño é nesgada, subxectiva e todo o que non debería ser o bo xornalismo. Vaia maneira de renderlle homenaxe.

Neste ano das Letras Galegas recordamos a Begoña Caamaño (Vigo, 1964), unha xornalista e escritora. Autora de dúas obras fundamentais da nosa literatura, coas que moitas espertamos ao feminismo, como son Circe ou o pracer do azul e Morgana en Esmelle (Galaxia, 2009 e 2012).  A Real Academia Galega quixo reivindicar tamén nestas Letras de Begoña o seu traballo como xornalista (nalgunha entrevista deixou claro que era máis xornalista que escritora). Os seus artigos en revistas e prensa forman parte tamén da súa obra. E se nos atrevemos a abrir as orellas, descubriremos que, en realidade, a súa obra fundamental está na radio.

 

Tic tac

Na Habana, en Cuba, existe unha emisora chamada Radio Reloj, que emite desde 1947 cunha misión: contar as noticias do seu país e doutros lugares de Hispanoamérica e dar a hora. Dous locutores, un home e unha muller normalmente, radian boletíns informativos, sucesos, temas de cultura e avisos meteorolóxicos sen pausa. Non hai música, só a banda sonora, hipnótica e case que soporífera, do tic tac dun cronómetro. Cada sesenta segundos dan a hora e os minutos exactos na Habana. Á medianoite, informan da hora en máis de vinte capitais do mundo. “¿Qué horas son, mi corasón?”, que canta Manu Chao. A resposta, dánlla desde Radio Reloj.

Este é un caso anecdótico e único no mundo, pero en verdade a boa radio debería ser algo así, que acontece en paralelo á vida. Cando prendemos a radio, entramos na dinámica dun fluxo que xa estaba en marcha e que segue o seu camiño sen deterse. Máis ala dos espazos informativos, as radios xeralistas abren unha ventá ao mundo en cada hora en punto para actualizarnos as noticias. Antes de presentar unha sección, no medio dunha entrevista ou á volta de publicidade, a locutora ou locutor do momento recórdanos en que hora vivimos. A radio é a representación cotiá do paso do tempo.

Begoña Caamaño durante unha entrevista a María do Cebreiro na Radio Galega. CC-BY-SA Arquivo de Begoña Caamaño

Esa característica sen dúbida fai da radio un medio especial, con certo romanticismo, implacable ante as tendencias, atemporal. Pero esa condición do efémero e fuxidío non debería ser, porén, unha barreira para o estudo, a memoria e a historia. Con todo, eses obstáculos están aí. O son é algo que pasa desapercibido nas historiografías e que incluso se ve penalizado fronte o texto e a imaxe cando facemos unha busca en Google. 

“Eu son xornalista”

Neste ano das Letras Galegas recordamos a Begoña Caamaño (Vigo, 1964), unha xornalista e escritora. Autora de dúas obras fundamentais da nosa literatura, coas que moitas espertamos ao feminismo, como son Circe ou o pracer do azul e Morgana en Esmelle (Galaxia, 2009 e 2012). Os dous libros, coas súas míticas portadas (As amigas de Klimt e A sedución de Merlín de Burne-Jones), volven encher nesta primavera os escaparates das librarías, os postos nas feiras do libro e as nosas mesas de noite. 

A Real Academia Galega quixo reivindicar tamén nestas Letras de Begoña o seu traballo como xornalista (nalgunha entrevista deixou claro que era máis xornalista que escritora). Os seus artigos en revistas e prensa forman parte tamén da súa obra. E se nos atrevemos a abrir as orellas, descubriremos que, en realidade, a súa obra fundamental está na radio

A reedición da obra da autora ou autor homenaxeado é un exercicio tradicional de memoria nestas datas, que permite poñer o seu traballo de novo no primeiro plano e recordar que eses libros, clásicos xa da nosa literatura, merecen ser lidos e estudados hoxe. Que pasa coa obra dunha autora tan distinta como Begoña Caamaño? A Real Academia Galega quixo reivindicar tamén nestas Letras de Begoña o seu traballo como xornalista (nalgunha entrevista deixou claro que era máis xornalista que escritora). Os seus artigos en revistas e prensa forman parte tamén da súa obra. E se nos atrevemos a abrir as orellas, descubriremos que, en realidade, a súa obra fundamental está na radio. 

Con Rosa Martínez no programa ¡¡Trécolas!! da Radio Galega. En Vigo, a comezos dos anos 90. CC-BY-SA Arquivo de Begoña Caamaño

As emisoras viguesas Radio Noroeste e Radio Popular foron a súa descuberta do oficio e a súa escola a mediados dos anos 80. Xa en 1988 comezaría a traballar na Radio Galega, a que sería a súa casa o resto da súa vida profesional. Os medios públicos botaban a andar e buscaban ser a voz do país. Begoña, completamente prendida dese medio, fai da linguaxe radiofónica a súa ferramenta de traballo. É a obra á que máis tempo dedicou e, paradoxalmente, a que menos coñecemos. 

Unha sonoridade propia

Desde que empeza na radio, Begoña escribe, porque escribe para a radio. Sería inxusto e incorrecto dicir que comeza tarde a escribir (45 anos cando publica Circe). No seu caso, os seus programas son a súa obra; nos guións que elabora, nos borradores das entrevistas e reportaxes hai un substrato literario, unha forma de escritura que deberiamos ser quen de preservar e mesmo poder ler, analizar e estudar. Unha escritura coa que tamén crear coñecemento. Ana Romaní, xornalista, poeta e académica da RAG, asegurou nalgunha ocasión que “non se trata só de reeditar a súa narrativa, senón tamén poñer en circulación a sua obra xornalistica. En tanto non teñamos acceso a esa obra, realmente as Letras non están cumprindo a súa función”. 

Pero cal é esa obra exactamente? Nos anos 90 Begoña traballou fundamentalmente nos servizos informativos da Radio Galega, ocupándose das cuestións da actualidade. Xa en 2001 comeza a traballar no Diario Cultural que dirixía Romaní. Durante varios anos e en diferentes etapas, Begoña alimenta ese ser vivo que é o Diario. Un dos seus traballos máis recordados e queridos pola audiencia. Nese espazo de liberdade, desprega as súas dotes como entrevistadora perspicaz, atenta e inconformista. Repasa a actualidade cultural galega e entrevista a persoeiros de talle mundial como a primatóloga Jane Goodall, o escritor Mia Couto ou a cantante Cesária Évora. 

Xa no 2010, Begoña presenta e dirixe tres espazos na radio nos que converxen todos os seus intereses e que se poden escoitar hoxe como unha fiestra ao seu modo de traballar e de ver o mundo. Andando a terra, Club cultura e Expreso de medianoite. “Nada nos ha ser alleo nin nada ficará fóra das nosas rutas (...) Non temos límites, todo é parte de nós”, anunciaba na presentación deste último programa. Unha declaración de intencións sobre o que quería facer con esas horas de radio; trascender o medio, ser o máis semellante á vida. 

Na plataforma AGalegaAudio.gal podemos atopar algúns destes programas, non todos; e desde logo non todo o seu traballo nesta radio. 

Pero sen dúbida, Andando a terra era o seu programa máis querido e no que máis se implicou. Ana Romaní dá boa fe disto en cada referencia que fai ao programa. O nome dános unha pista; estamos ante un espazo de viaxes que percorre o mundo todo: Angola, China, Albania, Bolivia, Australia, Canadá, Corea, Bulgaria, Azerbaidján, Chipre… “Un programa para chegar a todos os lugares e todas as xentes”, porque a vocación de Begoña era mergullarnos na cultura dun país, nas súas circunstancias políticas e sociais, falar con xente de alí ou que coñecese ben o lugar. Escapando de guías turísticas e tópicos, a terra no seu transcorrer cotiá, coa súa historia, xeografía, etnografía, saberes, pobos e linguas. 120 minutos que abrían cunha canción de Berrogüeto para, nese andar a terra, fuxir de lugares comúns.

Verba manent

Podemos dar por perdidos os arquivos daquelas radios dos 80. Xosé María Palmeiro, que fora xefe de informativos naquela Radio Popular, confesoume que intentou acceder ao pequeno arquivo da emisora estando xa xubilado, pero reutilizaran as cintas para gravar por riba outros contidos. Ata hai ben pouco, a memoria sonora non valía nada. Hoxe, a tecnoloxía é outra. Contamos con servidores e soportes para conservar o son e plataformas dixitais para acceder a el. Falta vontade. Falta aínda ter acceso público ao arquivo da nosa radio pública, para escoitar a obra de Begoña Caamaño e con ela a historia do noso país. 

Porque cando os romanos dixeron aquilo de verba volant, scripta manent, non descubriran aínda os podcasts nin os arquivos sonoros. Nós si, e nestas Letras Galegas queremos volver escoitar as verbas de Begoña na súa voz. Con esa intención, creamos desde o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia o podcast ‘Poñer a voz’, onde a gran xornalista que foi Begoña volve ser protagonista. 

A súa figura deberíanos permitir reflexionar sobre ata que punto estamos construíndo a historia, ignorando algo fundamental como é a escoita; e ignorando unha historia escrita a través do son. O propio Homero, do que Begoña bebeu e se inspirou para escribir a súa primeira novela (para levarlle a contraria), transmitía os seus poemas épicos, o que hoxe coñecemos como Iliada e Odisea, a través da voz. A oralidade está na mesma orixe da tradición literaria occidental e Begoña é o rapsodo do noso tempo. 

Lucía Junquera

Lucía Junquera

Nacín na Baña en 1997. Graduada en Xornalismo pola USC e en Fotoxornalismo pola UAB. Comunico desde os micros da Radio Galega desde o 2020, nas seccións de cultura e deportes. Son vogal do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia.

Tamén che interesa

  • 17 de maio. Así se vive en Youtube o Día das Letras Galegas

    Vídeos institucionais, manifestos sobre (ou contra) as palabras máis bonitas do galego, cancións, bailes, animacións e todo tipo de homenaxes escolares a Antonio Fraguas. Cada ano por estas datas Youtube galego énchese de boas palabras e de imaxes para celebrar as nosas letras. Aquí facemos unha escolma do mellor e tamén de algún aaargh que debería poñernos en alerta sobre que entenden por “galego” as novas xeracións. 

    Pantallas
  • Vinte na vila

    O primeiro Ouvinte na vila defende o “xornalismo de corredoiras” e que non veñan os de fóra falar por nós

    O xornalismo de corredoiras, a necesidade de ir ao lugar e contar o que alí sucede por nós mesmas e mesmos. Esta foi unha das ideas que puxeron en valor as participantes no primeiro episodio do podcast Ouvinte na vila, a edición sonora da serie de reportaxes que a revista VINTE desenvolve coa colaboración da Caixa Rural Galega para coñecermos mellor as vilas e cabeceiras de comarca galega a través das voces das persoas e o achegamento ao territorio. 

    Podcast

    Coa colaboración de

Faite de vinte

A partir de 5€ mensuais podes suscribirte a VINTE e colaborar para que sigamos a producir contidos de calidade pagando dignamente as colaboracións de vídeo, fotografía, ilustración, xornalismo e creación de todo tipo.