De ‘Paquita Salas’ a ‘O Corno’ A facultade de Comunicación de Pontevedra tamén é Feroz

Ofrecido por

Imaxe do público asistente ao maratón da serie Paquita Salas na Facultade de Comunicación de Pontevedra, dentro das actividades previas dos Premios Feroz 2027. © Bea Ciscar

En pouco máis de dous meses Pontevedra acollerá por terceiro ano consecutivo a gran gala de entrega dos Premios Feroz, pero nas últimas semanas a cidade xa está a desenvolver unha coidada programación previa, con proxeccións na facultade de Comunicación abertas a toda a cidadanía. Outubro foi o momento para os maratóns de series premiadas e neste mes de novembro chega o ciclo 'Rompendo o Canon', con películas de directoras que sitúan a muller no centro e enfoques que desafían estereotipos e convencionalismos.
 

Pontevedra é feroz e xa van tres anos. Os bos resultados das dúas primeiras edicións tanto para o Concello de Pontevedra como para a Asociación de Informadores cinematográficos de España propiciaron esta edición extra dos Premios Feroz 2027 en Pontevedra. O 23 de xaneiro será a gala de entrega dos galardóns pero o guión desta película (de amor) prevé antes moitas citas na boa vila. As actividades previas xa están a decorrer en forma de proxeccións cinematográficas na Facultade de Comunicación. “Sinceramente, a min no primeiro ciclo sorprendeume a cantidade de xente que foi”, explica Paulino Pérez, vicedecano de Comunicación da Facultade Comunicación de Pontevedra, que aínda que detalla que non se chegou aos niveis do ano pasado, está gratamente sorprendido pola resposta dun público que quixo pasar, por exemplo, catro horas a ver a primeira temporada de Vida Perfecta no campus un 10 de outubro, cun coloquio coa protagonista, Celia Freijeiro, incluído. 

A actriz viguesa Celia Freijeiro e o xornalista David P. Mingo, en Pontevedra, onde tivo lugar o maratón de 'Vida perfecta'. CC-BY-SA Premios Feroz

“Paréceme que é un éxito e felicito aos Feroz e ao Concello de Pontevedra por querer contar con nós”, afirma o profesor universitario, que subliña que estes pases supoñen tamén un achegamento da propia facultade á cidadanía. “Aos que lles gusta o cinema descobren que a facultade non está tan lonxe, é cruzar o río, que non é como río Limia, o río do esquecemento”, chancea.

O maratón de series e coloquios seguiu cos títulos Autodefensa (Berta Prieto), Paquita Salas, dos Javis – que se converteu nun show con algunhas persoas disfrazadas-, Fácil (creada por Anna R. Costa, cun coloquio coa actriz Coria Castillo) e Cardo, que trouxo a Pontevedra ás súas creadoras, Ana Rujas e Claudia Costafreda. 

“Paréceme que é un éxito e felicito aos Feroz e ao Concello de Pontevedra por querer contar con nós”, afirma o Paulino Pérez, vicedecano de Comunicación, que subliña que estes pases supoñen tamén un achegamento da propia facultade á cidadanía. “Aos que lles gusta o cinema descobren que a facultade non está tan lonxe"

“As series, ao velas en maratón, como que tamén cambian. Hai dúas formas de ver as series: un capítulo á semana, como na televisión tradicional e outra forma é velas como unha película, e as lecturas son distintas. Iso sempre é interesante”, explica Fernando de Luis- Orueta, un dos produtores executivos dos Feroz e director da gala. 

Os Premios Feroz nacen no seo da Asociación de Informadores Cinematográficos de España e, á diferencia dos Premios Goya, recoñecen tamén ás series de televisión ou plataformas de contidos en diferentes categorías. “En xeral o que pasa é que moitos compañeiros informan tanto de cinema como de series, sen distinguir. Entón, para nós, xurdiu dunha forma moi natural incorporar as series como premios dentro da nosa organización”, asegura.

  “En xeral o que pasa é que moitos compañeiros informan tanto de cinema como de series, sen distinguir. Entón, para nós, xurdiu dunha forma moi natural incorporar as series como premios dentro da nosa organización”, indica Fernando de Luis- Orueta, un dos produtores executivos dos Feroz e director da gala

O produtor explica que as series pasaron de ser produtos de segunda, como un aparcadoiro para as estrelas do cinema a ser un auténtico invernadoiro, de onde saen moitas das grandes figuras do cinema actual. “Creo que en tempos modernos, sobre todo coas plataformas, pero non só, as series ocuparon un espazo equivalente ao do cinema. É unha discusión que queda para tempos pasados e non ten ningún sentido facer de menos ás series, senón todo o contrario”, detalla Fernando de Luis.

Coloquio coas creadoras de 'Cardo', Ana Rujas e Claudia Costafreda, moderado por Raquel Piñeiro. © Bea Ciscar

Tras as series, é o momento das películas. Un selección de catro títulos configuran o segundo ciclo de proxeccións previas que se poden ver na Facultade de Comunicación, baixo o lema Rompendo o canon: Cerdita, de Carlota Pereda (6 de novembro), Creatura, de Elena Martín, (9 de novembro), O Corno, de Jaione Camborda (20 de novembro) e Destello Bravío, de Ainhoa Rodríguez (23 de novembro). Desde a organización sinalan que se trata de películas creadas por mulleres que acaban cos estereotipos da vítima perfecta, a boa nai ou a muller compracente a través do thriller, o terror ou o  esperpento. “Nós compartimos co Concello de Pontevedra unha gran sensibilidade en torno ás celebracións de novembro, á loita pola igualdade da muller. A loita feminista está no noso ADN e desde a primeira edición coincidimos, igual que o Concello fai outras actividades en torno a esta cuestión, pois nós tamén nos sumamos”, apunta o produtor e director da gala dos Premios Feroz. Todas as proxeccións rematan cun coloquio coas creadoras.

O ciclo 'Rompendo o canon' comezou con 'Cerdita', dirixida por Carlota Pereda. Na imaxe, coloquio moderado por Paula Cons. © Bea Ciscar

As entradas para todas as sesións son gratuítas, pero hai que retirar o convite na Oficina de Turismo da Praza de España de Pontevedra, desde sete días antes da actividade. Tamén vos podedes anotar na web https://apuntate.pontevedra.gal

Por outra banda, cómpre apuntar na axenda das actividades previas dos Feroz a visita de Clara Bilbao, gañadora de tres Goyas e cunha traxectoria de máis de 30 anos no deseño e vestiario. O luns ,16, Impartirá unha clase maxistral sobre o oficio de figurinista en colaboración co máster en Dirección Creativa e Deseño en Moda que se imparte en Pontevedra. Será na facultade de Deseño.

Para premiar a  fidelidade na asistencia a estas actividades previas o Concello de Pontevedra puxo en marcha o Pasaporte Feroz, que permitirá asistir á cea oficial ou á bancada VIP o 23 de xaneiro


Para premiar a  fidelidade na asistencia a estas actividades previas o Concello de Pontevedra puxo en marcha o Pasaporte Feroz, unha iniciativa para “recoñecer e agradecer a participación constante” nas proxeccións, segundo din desde o propio Concello.  Os pasaportes comezaron a se repartir o pasado día 6, coincidindo coa proxección de Cerdita e funcionan cun sistema de selado por cada actividade á que se asista. Anabel Gulías, concelleira de Promoción da cidade pon en valor “a resposta e implicación do público pontevedrés” netas actividades previas que considera “un feito diferencial e o verdadeiro segredo do éxito da celebración dos premios na cidade”. Os premios do “pasaporte Feroz” consisten en 10 pases dobres para a cea oficial dos Premios Feroz para as dez persoas que máis selos teñan acumulados. E 10 pases dobres para a bancada VIP que se instalará na gala no Pazo da Cultura para as dez persoas seguintes con maior número de selos.

Participación do alumnado, futuros organizadores

Ademais de acoller e promocionar estas actividades previas dos Premios Feroz en Pontevedra, a Facultade de Comunicación está a ultimar a ampliación do convenio que permite ao alumnado de Comunicación Audiovisual e de Publicidade e Relacións Públicas poida  participar como persoal voluntario nos días previos e durante a gala prevista para o 23 de xaneiro do Pazo da Cultura.

O alumnado de Comunicación, voluntario para a gala de xaneiro: “Está claro que dentro duns anos serán moitos deles os que organicen este tipo de actos e eventos”

“É unha forma de coñecer como se organiza un evento deste tipo desde dentro e unha forma de poñer en valor tanto o que eles saben como o que está a facer neste caso a organización dos Feroz e o Concello de Pontevedra”, destaca Paulino Pérez. “Está claro que dentro duns anos serán moitos deles os que organicen este tipo de actos e eventos”, acrecenta. En concreto, a rapazada colaborará nos departamentos de comunicación, prensa, vídeo e comunicación audiovisual, así como en temas de relacións públicas . “Isto vai en función das necesidades que teñan os Feroz. O ano pasado funcionou moi ben. Todos quedamos moi contentos, polo que supoño que seguiremos pola mesma liña”, conclúe o vicedecano de Comunicación da Facultade de Comunicación.

As actividades previas dos Premios Feroz en Pontevedra continuarán nas vindeiras semanas con aínda máis proxeccións e propostas para a cidadanía, unha vez se coñezan as persoas e proxectos culturais nomeados nesta edición 2027.

Vanesa Vázquez

Vanesa Vázquez

Viguesa do Calvario. Comecei e aprendín en Atlántico Diario, Radio Vigo e Expansión. Cada día conta e agora contámolo en VINTE e Praza.gal. 

Tamén che interesa

  • Filmika Galaika volve ás súas orixes con 'Krakatoa': “É máis ca unha película”

    O filme Krakatoa vén de vivir a súa estrea no festival de cinema de Rotterdam. Alí os pases estiveron cheos para presenciar un produto cinematográfico diferente, que nace como live cinema e performance artística coas miras postas en centros de arte. En Krakatoa acompañamos a un pescador de Indonesia na súa actividade ata que chega a erupción do volcán, a destrución e o son máis forte xamais ouvido. Para Beli Martínez, produtora executiva con Filmika Galaika, é unha película “superauténtica e radical” que lles permitiu volver ás orixes.

    Cinema
  • Entrevista | Afioco Gnecco "Esta é a peli que eu necesitaría ver con 15 anos, cando case non había narrativas de persoas trans"

    "Non hai maior acto de amor propio que unha transición", escoita como consolo nun momento de caída emocional o protagonista do documental Este cuerpo mío. A película acompaña a Rafael neses primeiros anos de proceso de transición de xénero. Un camiño complicado pero cheo de luz. E niso quixeron centrarse o cineasta Afioco Gnecco (nombre artístico de Rafael) e a actriz Carolina Yuste (gañadora de dous premios Goya) na súa primeira longametraxe detrás da cámara. Niso, e na súa propia amizade. "É unha unha peli que fala dunha historia de amor e de amizade que está atravesada por unha transición", explica o cineasta italochileno.
    Este cuerpo mío pode verse en Movistar e está a xirar por cinemas, centros culturais e mesmo algún cárcere de España con moi boa acollida por parte do público. Este venres estará nos Multicines Norte de Vigo e o sábado e o domingo nos Númax de Santiago, nuns pases especiais con coloquio xunto a Afioco Gnecco. 

    Cinema
  • 'Fomos ficando sós' Canoura singra o mar dos afectos perdidos na súa primeira longametraxe

    Inabarcable. A inmensidade do mar e unha deliciosa música protagonizan as primeiras imaxes e acompañan o espectador ao longo desta viaxe. Adrián Canoura embarca ao Gran Sol, por fin, xunto ao seu pai, patrón de pesca de altura, no barco familiar “Raúl Primeiro”. Alí grava o día a día dun barco pesqueiro e fai realidade a súa primeira longametraxe. Inspirado polos versos de Manuel Antonio executa unha peza documental de carácter experimental coa que pecha as feridas da distancia entre pai e fillo e cumpre o soño –compartido- de levar o temón do barco. 

    Cinema
  • Entrevista | Iván Castiñeiras: “A película é unha oda á xente do rural, a eses deuses que resisten como as pedras”

    Un recoñemento inesperado. Así cualifica Iván Castiñeiras o que está a acontecer con Deuses de Pedra, a súa primeira longametraxe como director. Trátase dunha “película pequena feita con moito cariño”, segundo el mesmo indica, onde empregou material gravado ao longo de quince anos e está a percorrer festivais internacionais con varios premios xa acadados. Un éxito inesperado, mais non inmerecido para un proxecto de gran beleza que homenaxea as súas terras da infancia, na frontera entre Galicia e Portugal; e, sobre todo, recoñece a súa veciñanza, eses "deuses de pedra" que resisten alí, aínda que cada vez sexa máis difícil manterse en pé.

    Cinema
  • Entrevista | Zeltia Outeiriño: «Grazas a este filme puiden escoitar a miña nai, coñecela, mirala e admirala»

    Este venres, 31 de xaneiro, chega aos cinemas de Galicia a película Filmei paxaros voando, primeira longametraxe que asina a directora galega Zeltia Outeiriño. 

    A crise dos 40 moveu a realizadora a subir un chanzo creativo e lanzarse a facer unha película para falar de desarraigo familiar e interpelar a sociedade sobre os coidados, a atención sociosanitaria e os nesgos de xénero, o idadismo ou os silencios da homofobia nos felices anos 80.

    Cinema

Faite de vinte

A partir de 5€ mensuais podes suscribirte a VINTE e colaborar para que sigamos a producir contidos de calidade pagando dignamente as colaboracións de vídeo, fotografía, ilustración, xornalismo e creación de todo tipo.