Darío Oliva, videocreador de 16 anos. CC-BY-SA Javi Quiroga
Con 16 anos, Darío Oliva ten moi claro que lle gustaría estudar cinematografía "para aprender a facer eses planos tan pintorescos que vemos" na pantalla e logo traballar en algo relacionado co mundo da imaxe, que leva explorando nos últimos tempos dun xeito moi profesional. Coa súa primeira foto, feita co móbil, xa soubo apreciar a beleza da composición e non tardou en aforrar para mercar unha cámara réflex e poder tomar en serio a fotografía. Estaba en primeiro da ESO e, desde entón, non parou. Como participante do 'Aquí tamén se fala galego', do IES Rafael Dieste, recibiu formación en gravación e edición de vídeo e vén de pechar un verán cheo de retos e aprendizaxes en eventos como o Festival Viñetas desde o Atlántico ou o FEC (Festival Electrónica Coruñés). "Que feliz me fai isto que fago. Que sorte teño", subliña o estudante de Bacharelato.
Demasiadas cousas e pouco tempo.
Son unha persoa… non sei como dicilo. Digamos que teño moitas curiosidades e moitos intereses. O malo é que ás veces empezo cousas novas sen rematar as que xa estaba facendo. Pásame agora coa guitarra, por exemplo. Levo un tempo aprendendo —aínda non son Brian May—, pero xa estou pensando en poñerme co piano, coa batería ou con calquera outra cousa. Na casa sempre se escoitou moita música e se viu moito cinema, e unhas cousas van alimentando as outras. Ver clásicos como Rocky tamén contribuíu a que me entrase o gusanillo do boxeo.
Moitas destas cousas veñen do meu pai, que sempre foi un referente cultural para min. Grazas a el tamén comecei a interesarme pola fotografía, aínda que foi por casualidade, non porque el me dixese nunca: «Proba isto». O meu primeiro teléfono foi un Redmi 9, e lembro a primeira vez que fixen unha foto e pensei: «Que guapo». Estabamos toda a familia dando un paseo pola praia de Sabón. Eu ía detrás deles e saqueilles unha foto mentres camiñaban co cadelo. Aos lados aparecían as varandas da ponte pola que pasaban e, no medio, estaba o can. Era unha imaxe moi simétrica e moi, moi estética.
Pouco despois, estando na casa, meu pai sacou unha caixa con varias cámaras, digicams das de hai anos: unha del, outra da comuñón da miña irmá… Había catro ou cinco en total. Encantoume comprobar que cada unha parecía ter un rollo diferente: as cores cambiaban, o bokeh era distinto… Cada cámara tiña a súa propia personalidade. Empecei a facer fotos con elas e tamén a levalas ás veladas de boxeo en Azteca Box.
Unha vez máis, as distintas inquedanzas foron alimentándose entre si. Nunha desas veladas presentáronme a Mero, un fotógrafo deportivo fantástico que comezou a darme consellos. Díxome, por exemplo, que, se quería tomarme en serio a fotografía, tentase conseguir unha cámara réflex. Aforrei como puiden e, xusto o día da miña festa de graduación de primeiro da ESO, estreeina. Era unha cámara normal, unha Canon EOS 650 coa lente de kit, pero resultoume xenial para poder aprender por fin en condicións. Fixen moitísimas fotos con ela.
O curso seguinte tamén foi moi importante na miña aprendizaxe, porque comecei a colaborar coa iniciativa de inmersión lingüística do meu insti, Aquí tamén se fala galego, do IES Rafael Dieste. Os que participabamos recibíamos formación en gravación de audio e vídeo, en entrevistas… Formábannos tanto profesores do centro, como Alberto Pombo, como profesionais externos. Tivemos a Nuno Pico, de Grande Amore, impartindo un curso de produción musical durante dous anos, e tamén a Alberto Castaño, un filmmaker xenial que nos ensinou gravación e edición de vídeo.
Ao principio puxéronme a gravar audio, pero en canto se decataron de que tiña unha cámara, xa me deixaron pasarme ao vídeo. Enseguida descubrín que a fotografía consiste en saber captar un instante, pero que o vídeo ofrece moitas máis posibilidades: abrangue máis cousas e dáche máis marxe para expresarte e ser creativo.
Co Aquí tamén se fala fixen de todo: gravei a Leo Middea, Lucía Aldao, Grande Amore, Xabier Díaz, Amancio Prada, César Morán… Tamén fixen os vídeos resumo dos festivais de música que organiza o centro e duns pequenos concertos que celebramos nas previas de Riazor, dentro da campaña O Dépor é da Coruña. Ademais, gravei a cerimonia dun premio que nos concedeu a Real Academia Galega. Foi unha oportunidade xenial.
Comecei sobre todo facendo reels. É algo que lle gusta moito á xente da miña idade e, ademais, resulta relativamente sinxelo. Colles uns cantos planos, escolles un tema musical molón, xogas con todo, engades uns efectos e listo. Creo que xa empezo a ter un estilo persoal. Eu diría que é bastante frenético.
Ao rematar o curso pasado, Alberto Castaño, o noso profe de vídeo, comentou que tiña por diante un verán duro, con moito traballo, e pediume o número de teléfono. Unhas semanas despois escribiume para dicirme que precisaba axuda para cubrir un día do Viñetas, o festival de banda deseñada da Coruña, ao que veñen autores de todo o mundo. Tamén me preguntou se podía ir os dous días seguintes ao FEC, o festival de electrónica coruñés que organiza a escola Fanzine.
No Viñetas tratábase sobre todo de gravar, pero no FEC tamén quería que montase o vídeo resumo do evento. Teño que recoñecer que sentín medo. Decateime de que é algo que me pasa a miúdo. Ao Viñetas, por exemplo, fun sen saber moi ben que ambiente me ía atopar nin como sería coñecer a xente de comunicación. Serían moi serios? Aceptaríanme? Sería un ambiente de «traballo, traballo», no que cada un fai o que ten que facer e nada máis?
Eran medos infundados. Tratáronme desde o primeiro momento como un máis e fixéronme sentir incluído.
Co FEC pasou algo parecido. Foi un traballo duro, de moitas horas e bastante complicado, pero aprendín moito. Ao final, non só tiña que gravar planos coa cámara para o vídeo resumo, senón que tamén debía coller o móbil, gravar cada artista e montar rapidamente un vídeo para subilo ás redes. Foi moi frenético, porque cada hora e media cambiaba o DJ e eu necesitaba conseguir planos para as dúas cousas.
Unha vez máis apareceron os meus medos. Cando filmaba a xente, sobre todo os asistentes, tiña a sensación de que alguén se podía enfadar. Era un festival de música electrónica e podía haber xente con algunha copiña de máis… Cheguei a ter medo de que alguén me quitase a cámara. Pero, ao final, volveu pasar todo o contrario: a xente sorríame, poñíase a facer o paspán e mesmo había quen me daba as grazas por gravalo.
Saín destes dous traballos pensando: «Que feliz me fai isto que fago. Que sorte teño».
A verdade é que a experiencia deste verán foi incrible. Penso no afortunado que son por estar empezando desde tan arriba, con eventos deste tipo e traballando con profesionais como os que me atopei. Con dezaseis anos acabados de cumprir, creo que non me podo queixar.
Tamén che digo que, por unha banda, síntome afortunado, pero, pola outra, ás veces entranme as dúbidas. Cústame aceptar que haxa xente que valore o meu traballo e queira contar comigo. Sempre fun unha persoa moi esixente, desas que necesitan que os demais valoren o que fai para poder crer tamén nel. É curioso, e é algo que me gustaría ir cambiando.
Polo demais, vexo o futuro con ilusión. Meus pais están orgullosos, pero tamén son firmes. Din que me van seguir apoiando sempre e cando eu continúe estudando. Aínda estou no Bacharelato, pero despois virá a PAU e, ao rematar, gustaríame estudar cinematografía para aprender como se fan eses planos tan pintorescos que vemos no cinema. Gustaríame aprender de todo: ser foquista, operador de cámara, director… E, unha vez que estea traballando, explorar tamén todas as posibilidades que poida: traballar na televisión, en eventos, no cinema ou para youtubers.
É o que che dicía: sempre quero aprender máis e máis. Penso que esta vai ser unha constante na miña vida, aínda que tamén ten a súa parte negativa, claro. O tempo é o que é, e sei que moitas cousas van quedar polo camiño, intereses que non vou poder explorar.