Paula Pintos, artista sonora e psicóloga "Precisamos abrir espazos onde poidamos parar, respirar, sentirnos e acompañarnos”

Coa colaboración de

Paula Pintos, artista sonora e psicóloga. CC-BY-SA Javi Quiroga

"Non teño conciencia de existir sen ter melodías na cabeza, sen usar a miña voz, sen xogar con ela". A artista sonora e psicóloga coruñesa Paula Pintos protagoniza unha nova entrega do espazo Vinte na rúa. Pintos canta, experimenta coa voz, estúdaa e desenvolve a súa proposta artística ao tempo que tamén defende o seu uso na práctica terapéutica. VINTE estivo no festival Entre Covas, en Seadur (Larouco), para presenciar a estrea da súa nova proposta, Ícaro, e parolar con Paula Pintos.

 

Eu non teño recordos sen cantar. É dicir: non teño conciencia de existir sen ter melodías na cabeza, sen usar a miña voz, sen xogar con ela. Moita xente me pregunta: «E ti, cando aprendiches a cantar, a facer estas cousas?». E non lles sei dicir. "O uso da voz, o son fainos entrar en estados particulares a nivel mental, emocional… É aí onde a voz e o son entroncan directamente coa psicoloxía, a cuestión de como a dimensión sonora inflúe nos estados emocionais e sensoriais humanos", argumenta.

É que a voz, para min, sempre foi un espazo de xogo e un lugar de exploración moi natural.

Pode que esa musicalidade me veña de familia.

Na casa da miña nai cantábase moito: a miña avoa, o meu avó, as miñas tías… Miña nai sempre falaba das melodías que as acompañaban mentres traballaban e tamén das que cantaban nas festas… E eu a ela sempre a recordo cantando mentres facía as tarefas da casa: música popular, habaneras, boleros… E meu pai igual. O seu pai —meu avó— era mariñeiro e, ao volver do mar, a súa afección era escoitar discos. Tamén cantar. Recórdoo nas festas cantando el só, chorando, emocionado.

Son cousas que me marcaron fortemente.

Un momento da actuación de Paula Pintos no festival Entre Covas, en Seadur (Larouco). CC-BY-SA Javi Quiroga

E, paradoxos da vida, as miñas irmás foron ao conservatorio —e deixárono— e a min xa non me meteron por ese motivo. A verdade é que, co tempo, xa non sei se foi unha bendición ou unha maldición, precisamente porque agora sinto certa liberdade creativa, non teño nada de que desprenderme, ningún profesor deses terribles dos que moita xente me fala…, pero é verdade que á vez vivino con certo desazo. Nese momento nin eu mesma sabía ver verdadeiramente a importancia que tiña a música e o son na miña vida.

Igualmente, con vinte e poucos anos, e en paralelo á formación en psicoloxía empecei a interesarme máis en serio pola voz, a percatarme da profundidade que ten para min, e a ir poñendo os medios para explorala, experimentar con ela coma un instrumento, a estudala a través da técnica vocal. Tiña curiosidade tanto pola parte máis puramente física, de como é o proceso fisiolóxico que produce a voz, canto de grave ou de agudo poderei cantar? Ata onde chega o rexistro da voz? Serei quen de imitar esta voz? Ese son? Coma unha tendencia a sacala do rexistro e a explorala coma quen explora calquera outro material artístico. Tamén comezo a interesarme polos estados mentais e emocionais que o uso da voz me traía. Dalgunha maneira de como o uso da voz, o son fainos entrar en estados particulares a nivel mental, emocional… É aí onde a voz e o son entroncan directamente coa psicoloxía, a cuestión de como a dimensión sonora inflúe nos estados emocionais e sensoriais humanos.

Paralelamente a este interese, e ao traballo coma psicóloga - que sempre ocupou a meirande parte do meu tempo- fun poñendo en marcha diferentes proxectos con outros artistas de xeito un tanto intermitente. Fixen música tradicional galega e coral ata a adolescencia, explorando un repertorio popular. Os anos que paso en Compostela foron moi estimulantes tanto na vertente da psicoloxía, onde conecto coas correntes humanistas que tan preto están das artes, coma na parte musical, conectando coa música de autor, incluso o flamenco, o jazz ou a improvisación libre. Empezo a traducir pouco a pouco esa inquedanza en proxectos como La Macorina, que montei con outros tres amigos e grandes músicos e onde levabamos un repertorio de mulleres: Chavela Vargas ou Lhasa de Sela, Susheela Raman a un espazo de improvisación. Tiven un dúo con Risto Vuolanne, un contrabaixista, e no eido das artes escénicas, coa bailarina Cristina Romero – Cía MASAMADRE- e Rut Balbís.

Agora estou nunha busca moi persoal, cun proxecto en solitario chamado Ícaro. Ícaro ten certo matiz performativo, no sentido de que non busco facer un concerto como tal, senón que a idea é poñer máis en diálogo a proposta sonora co público, co territorio, coa escoita. A voz é o que sostén a proposta traballando con loops e sintetizadores creando atmosferas e xerando ambientes sonoros.

"Estou nunha busca moi persoal, cun proxecto en solitario chamado Ícaro, con certo matiz performativo, no sentido de que non busco facer un concerto como tal, senón que a idea é poñer máis en diálogo a proposta sonora co público, co territorio, coa escoita", detalla Paula Pintos

A estrea foi este verán no festival das covas de Valdeorras. Tiven tamén a sorte de facer outra mostra no Mosteiro de Montederramo no marco do festival Habitar Drados. No primeiro traballei sobre os relatos e coplas que trataban o contexto da vendima. En Montederramo experimentei cun tipo de canto, chamado aleilar, que me mostrou con moita xenerosidade Xabier Garaloces. Trátase dun canto que empregaban os pastores para comunicarse entre vales por algunhas zonas de Galicia e Portugal.

E estes son os mundos que tento xuntar agora mesmo: voz, son, territorio e escoita.

E dalgunha maneira vexo que neste proxecto xúntanse estes ámbitos que están a dialogar constantemente na miña práctica: voz, canto e psicoloxía.

Un instante da actuación de Paula Pintos no festival Entre Covas de Valdeorras. CC-BY-SA Javi Quiroga

Sempre digo que o meu traballo coma psicóloga é un traballo basicamente de escoita, escoita dos relatos, das voces, dos corpos e o que fago a través desa escoita é axudar á persoa a “parar”, a parar e cara á escoita propia, e discernir a propia voz… E diso mesmo vai a miña proposta artística actual: a de abrir espazos de escoita onde poidamos parar e entrar en contacto con nós mesmas.

Este paradigma no que vivimos pode levarnos moi facilmente á desconexión. E ocorre que basicamente, se non paramos non sentimos. Precisamente “parar” non é fácil, moitas veces tocamos con cousas complexas de soster. Penso que precisamos abrir espazos onde poidamos parar, respirar, sentirnos e acompañarnos nese proceso, tanto no ámbito individual coma no colectivo.


"Vexo que empregar a voz nun contexto terapéutico ten moito sentido", asegura Pintos

Por outra banda, vexo que empregar a voz nun contexto terapéutico ten moito sentido. Mesmo o propio traballo da técnica vocal vaiche fomentando unha conciencia do teu corpo, e podes chegar, a partir da propia voz, a describir e tocar con bloqueos emocionais e a utilizar a mesma voz para alivialos.

E é que a voz é respiración. Unha respiración que soa, e como tal tamén se vai neurotizando ou interrompendo, e que moitas veces bloqueamos sen darnos conta.

Como che digo, eu cada vez a utilizo máis na miña práctica terapéutica profesional, porque sempre vexo un resultado positivo. Nun caso de dó, por exemplo, cando puido ser chorado, expresado coa palabra, cando xa non hai moito máis que dicir, nese momento, o feito, simplemente, de emitir son… de resoar xuntas —porque eu aí tamén acompaño— entrar no terreo do son e, de repente, algo cambia. É algo case primordial, ritual. Acougar, arrolar o corazón a través da voz.

Son espazos aos que chega a voz, o son, e se cadra non tanto a palabra falada. Espazos espirituais, se queres - pese a que ás veces non me gusta moito usar esa palabra, polo manida ou estanco do significado-. Lugares internos nos que unha pode sentirse “parte” de algo máis, parte do misterio que é a vida. O momento no que conectas con algo que non sabes describir ben, pero que che fai sentir presente e tranquila.

Paula Pintos presenta un proxecto en solitario chamado Ícaro. CC-BY-SA Javi Quiroga

Tenme pasado ao cantar. O loop station que uso permíteme gravar e traballar dunha maneira moi directa, case sen pensar ou coa dose xusta de pensamento. Moitas veces xogo a partir dunha capa de voz sen ter unha dirección premeditada, e vou sumando outras capas nesa exploración improvisada, e de repente sinto que a voz sae doutro lugar, case como se non me pertencese, e moitas veces entro nunha especie de sensación de “ser cantada”, de entrar en algo fóra do que eu chamaría a “miña vontade”, que me leva fortemente, que me emociona, e que ás veces me fai pensar: «Deus meu, de onde sae esta voz?».

Así como acontece na voz, acontece na nosa personalidade, temos moito territorio dentro que explorar.

Javi Quiroga

Javi Quiroga

Javi Quiroga conta historias da xente e failles fotos. Despois compárteas en VINTE, en O Novo Normal, ou onde lle cadre. Vive na Coruña.

Tamén che interesa

  • Lula Goce: “Os artistas poden achegar moitísimo ao benestar social, a pensar os espazos dunha maneira máis humana”

    “Sempre me gustou pintar, realmente sempre se me deu ben”. Din que ninguén é profeta na súa terra, mais a artista urbana Lula Goce vén de rematar en Baiona A Doca, o mural máis grande de España, con case 350 metros de longo e uns 1.400 metros cadrados de arte e traballo duro para cambiarlle a face ao espigón da súa vila natal. Asegura que foi unha gran responsabilidade polo propio significado do lugar para a o pobo baionés e para ela mesma, mais fica orgullosa co resultado, que brinda unha homenaxe á xente do mar.

    Goce leva feitos máis dun cento de murais por todo o mundo e está agora “moi focalizada” en proxectos de intervención urbana, onde poida traballar en colaboración con outras disciplinas para mellorar os espazos que habitan as persoas.

    VINTE na rúa

    Coa colaboración de

  • "Non somos tan diferentes" O restaurante Ceibe e o bar Pepinillo intercambian cociñas por un día en Ourense

    Un restaurante Estrela Michelin e un establecemento mítico da cidade das Burgas aceptan o reto de abandonar a súa zona de confort e elaborar unha receita na casa do outro. Literalmente pasan "ata a cociña" mentras nos contan a súa historia e afirman: "Non somos tan diferentes"

    Sepáranos pouco máis de 200 metros. Dende a Rúa San Miguel que baixa da Praza do Ferro ata o Paseo e posteriormente atravesando Progreso para chegar á Rúa de Reza. Trazar esa liña no mapa de Ourense é debuxar tamén unha ruta gastronómica que non só implica aos restaurantes cos que falamos desta vez. Para non abrir (demasiado) o apetito imos quedar con estes dous: o Ceibe e o Pepinillo.

    VINTE na rúa

    Coa colaboración de

  • Paula Domínguez, 'Pauleta', futbolista "Xogo con Portugal porque foi quen me deu a oportunidade, pero sendo galega, a conexión é máis forte"

    Sendo unha nena, posaba cunha camisola de Portugal que seus pais lle mercaran en Valença do Minho co número do futbolista de quen collera prestado o alcume: Pauleta. Máis de vinte anos despois, aquela pequena de Redondela, Paula Domínguez, debutaba coa selecção lusa camiño dun Mundial. Pauleta leva oito anos no Benfica, onde é capitá e estrela dun dos equipos máis grandes do mundo. Rematou a licenciatura de Químicas en Lisboa, fixo un posgrao en programación científica en Python e ten un máster en intelixencia artificial aplicada á saúde. "Sempre me gustou aprender, estudar e ter un plan B máis aló do fútbol", asegura, quen xunto á súa parella tamén montou un restaurante de comida saudable. 

    VINTE na rúa

    Coa colaboración de

  • Román Rojo, gaiteiro e percusionista “Encantaríame seguir sempre no tradi, pero a vida dá moitas voltas e sei que non vai ser fácil”

    Román Rojo comezou co tambor e logo chegou a gaita. Con 12 anos saíu de Camariñas e foi á Coruña para estudar a ESO, onde entrou na asociación cultural Xacarandaina. Alí descubriu tamén o mundo das cantigas populares, lanzouse a escribir e mantivo a súa lingua en contextos non sempre doados. “Cando eu cheguei aquí, con 12 anos, no meu instituto era o único galegofalante monolingüe. O único. Foi un cambio enorme. Na Costa da Morte, onde eu me criei, ninguén fala castelán”, explica Rojo. O mozo, de 17 anos, defende que o tradi tamén “pode ter un papel positivo na percepción que temos da nosa lingua. Ao final é unha maneira de revitalizar a nosa cultura. E o primeiro piar desa cultura é o idioma”, di.

    VINTE na rúa

    Coa colaboración de

Faite de vinte

A partir de 5€ mensuais podes suscribirte a VINTE e colaborar para que sigamos a producir contidos de calidade pagando dignamente as colaboracións de vídeo, fotografía, ilustración, xornalismo e creación de todo tipo.