"Non somos tan diferentes" O restaurante Ceibe e o bar Pepinillo intercambian cociñas por un día en Ourense

Coa colaboración de

Andrés Fernández e Xosé Magalhães, dos restaurantes Pepinillo e Ceibe. Vinte na rúa. CC-BY-SA Iván Iglesias_OUKÉ

Un restaurante Estrela Michelin e un establecemento mítico da cidade das Burgas aceptan o reto de abandonar a súa zona de confort e elaborar unha receita na casa do outro. Literalmente pasan "ata a cociña" mentras nos contan a súa historia e afirman: "Non somos tan diferentes"
 

Sepáranos pouco máis de 200 metros. Dende a Rúa San Miguel que baixa da Praza do Ferro ata o Paseo e posteriormente atravesando Progreso para chegar á Rúa de Reza. Trazar esa liña no mapa de Ourense é debuxar tamén unha ruta gastronómica que non só implica aos restaurantes cos que falamos desta vez. Para non abrir (demasiado) o apetito imos quedar con estes dous: O Ceibe e o Pepinillo.

Detrás dos fogóns do Ceibe hai unha parella, Lydia del Olmo (Valladolid, 1989) e Xosé Magalhães (Xinzo de Limia, 1989), que antes de lanzarse ao seu propio proxecto bregaron en Casa Solla. En 2020, en plena pandemia, abriron o Ceibe e tiveron a aguda idea de facer menús que a xente podía pedir dende as súas casas. Un callos en corentena sempre prestan. En marzo de 2022 chegou o primeiro Sol Repsol e, poucos meses despois, a Estrela Michelin. Dous anos escasos desde que abriran a porta. Os escabeches, os encurtidos e os adobos convertéronse na súa sinatura, eses que hoxe se poden probar nos seus menús.

 O Ceibe abriu en 2020, en plena pandemia,e tiveron a aguda idea de facer menús que a xente podía pedir dende as súas casas. Un callos en corentena sempre prestan. En marzo de 2022 chegou o primeiro Sol Repsol e, poucos meses despois, a Estrela Michelin. Dous anos escasos desde que abriran a porta. Os escabeches, os encurtidos e os adobos convertéronse na súa sinatura

Xosé Magalhães, chef no restaurante Ceibe, que abriu as súas porta en 2020 en Ourense. CC-BY-SA Iván Iglesias_OUKÉ

A pouco máis de dous minutos andando, na Rúa de Reza, o reloxo detense noutra época. O Pepinillo abriu en xaneiro de 1946 e é un dos bares máis vellos da cidade, aínda que daquela nin sequera se chamaba así: era O Laurel, e nel despachábase viño a granel (o nome viña da rama de loureiro que se penduraba na porta para anunciar a nova colleita, coma nos furanchos). 

O Pepinillo abriu en 1946 e é un dos bares máis vellos da cidade. Gastan arredor de 700 quilos de pepinillos ao ano, traídos dunha fábrica familiar de Benavente, que despois maceran nun vinagre caseiro "para que collan máis forza, máis sabor"

Se cadra pasaches mil veces por diante sen reparar en que aí dentro empezou todo cara aos anos 50, cando trouxeron os primeiros pepinillos e se puxeron a preparar bocadillos. O encurtido acabou dándolle nome ao local, primeiro na boca da xente e logo xa por escrito. Hoxe manda a terceira xeración da familia, con Andrés Fernández (Ourense, 1983), neto dun dos fundadores. E que ninguén subestime a cifra: gastan arredor de 700 quilos de pepinillos ao ano, traídos dunha fábrica familiar de Benavente, que despois maceran nun vinagre caseiro "para que collan máis forza, máis sabor".

Andrés Fernández do histórico Bar Pepinillo (Ourense). CC-BY-SA Iván Iglesias_OUKÉ

A carta xunta preto de medio cento de bocadillos —o de Arzúa con anchoas e pepinillos en frío, o de panceta con queixo e pepinillo en quente— a uns prezos que aínda hoxe se moven entre os 2 e os 5,30 euros. E despois están os detalles que non se tocan: unha caixa rexistradora de mediados do século pasado, ou unha picadora que lembra á vella pero que adquiriu hai pouco. "Quero que todo siga igual", resume Andrés, pero algunha cousa ten que substituír de cando en vez. E cando acontece pénsao moito: "paguei moito máis do normal por unha máquina para cortar a carne, para que se parecese á orixinal". 

Andrés Fernández cociñando no Ceibe xunto a Xosé Magalhães. CC-BY-SA Iván Iglesias_OUKÉ

Xosé e Lydia viviron durante anos xusto enriba do Pepinillo, e desa convivencia de porta con porta naceu unha amizade. Por iso a ambos lles fixo tanta ilusión esta reportaxe: a de descubrir, diante dos fogóns do outro, que se cadra non están tan lonxe. "Non vexo tanta diferenza entre nós e o Pepinillo,o respecto polo produto de calidade e a identidade están aí", resume Xosé. E baixa á terra calquera prexuízo de guía vermella: "Nós, fóra de prexuízos da alta cociña, cociñamos para os nosos clientes e para vivir disto. Non hai máis", indica.
 

Chegados a este punto, tocaba pórnos as mans na masa (e nunca mellor dito): cada un métese na cociña do outro. Andrés terá que bordar un bolo de cocido baixo os focos dunha Estrela Michelin, e Xosé porá no Pepinillo o bocata máis seu, o de tenreira, panceta, queixo de arzúa e pepinillo, un clásico entre os clásicos. Xosé quítalle ferro ao trance do compañeiro: "Andrés pode estar tranquilo, que isto xa o fixo mil veces", solta entre risas. Andrés dubida e pensa que Xosé vaino ter máis doado, ben veces papou ese bocata!

Andrés terá que bordar un bolo de cocido baixo os focos dunha Estrela Michelin, e Xosé porá no Pepinillo o bocata máis seu, o de tenreira, panceta, queixo de arzúa e pepinillo, un clásico entre os clásicos. Xosé quítalle ferro ao trance do compañeiro: "Andrés pode estar tranquilo, que isto xa o fixo mil veces", solta entre risas

Douscentos metros, dúas casas, dúas historias diferentes. E, ao cabo, a mesma teima: cociñar con respecto ao produto e á xente que cada día empurra a porta. Que despois de todo, coma di Xosé, "non somos tan diferentes".

Iván Iglesias

Iván Iglesias

Iván Iglesias é comunicador e creador de contidos audiovisuais. Gústalle poñerlles nomes ás cousas, preferiblemente en galego, e dálle algo de grima falar de si mesmo en terceira persoa. Dirixe o medio de comunicación OU ké! Vive en Ourense.

Tamén che interesa

  • Paula Domínguez, 'Pauleta', futbolista "Xogo con Portugal porque foi quen me deu a oportunidade, pero sendo galega, a conexión é máis forte"

    Sendo unha nena, posaba cunha camisola de Portugal que seus pais lle mercaran en Valença do Minho co número do futbolista de quen collera prestado o alcume: Pauleta. Máis de vinte anos despois, aquela pequena de Redondela, Paula Domínguez, debutaba coa selecção lusa camiño dun Mundial. Pauleta leva oito anos no Benfica, onde é capitá e estrela dun dos equipos máis grandes do mundo. Rematou a licenciatura de Químicas en Lisboa, fixo un posgrao en programación científica en Python e ten un máster en intelixencia artificial aplicada á saúde. "Sempre me gustou aprender, estudar e ter un plan B máis aló do fútbol", asegura, quen xunto á súa parella tamén montou un restaurante de comida saudable. 

    VINTE na rúa

    Coa colaboración de

  • Román Rojo, gaiteiro e percusionista “Encantaríame seguir sempre no tradi, pero a vida dá moitas voltas e sei que non vai ser fácil”

    Román Rojo comezou co tambor e logo chegou a gaita. Con 12 anos saíu de Camariñas e foi á Coruña para estudar a ESO, onde entrou na asociación cultural Xacarandaina. Alí descubriu tamén o mundo das cantigas populares, lanzouse a escribir e mantivo a súa lingua en contextos non sempre doados. “Cando eu cheguei aquí, con 12 anos, no meu instituto era o único galegofalante monolingüe. O único. Foi un cambio enorme. Na Costa da Morte, onde eu me criei, ninguén fala castelán”, explica Rojo. O mozo, de 17 anos, defende que o tradi tamén “pode ter un papel positivo na percepción que temos da nosa lingua. Ao final é unha maneira de revitalizar a nosa cultura. E o primeiro piar desa cultura é o idioma”, di.

    VINTE na rúa

    Coa colaboración de

  • Libraría Cartabón: “Nós sempre recomendamos libros en galego”

    Independencia e liberdade. A libraría Cartabón vén de facer 40 anos ás portas do Calvario en Vigo, centrada na venda do libro en galego. Gonzalo e Maribel, Maribel e Gonzalo, son toda unha institución no seu e non agochan a súa satisfacción polo camiño percorrido, que os sitúa a día de hoxe como unha libraría de barrio totalmente independente. “Non lle debemos nada a ninguén; vivimos sen subvencións e facemos o que cremos que está ben”, defenden. 

    VINTE na rúa

    Coa colaboración de

Faite de vinte

A partir de 5€ mensuais podes suscribirte a VINTE e colaborar para que sigamos a producir contidos de calidade pagando dignamente as colaboracións de vídeo, fotografía, ilustración, xornalismo e creación de todo tipo.