Gonzalo Pérez e Maribel Tato, fundaron Cartabón o 24 de xullo de 1985. CC-BY-SA Vanesa Vázquez/VINTE
Independencia e liberdade. A libraría Cartabón vén de facer 40 anos ás portas do Calvario en Vigo, centrada na venda do libro en galego. Gonzalo e Maribel, Maribel e Gonzalo, son toda unha institución no seu e non agochan a súa satisfacción polo camiño percorrido, que os sitúa a día de hoxe como unha libraría de barrio totalmente independente. “Non lle debemos nada a ninguén; vivimos sen subvencións e facemos o que cremos que está ben”, defenden.
Para este derradeiro Vinte na rúa do ano buscabamos un perfil dalgunha profesión vinculada co Nadal. Esa ía ser “a percha” e pensamos: que mellor agasallo que un libro? Pois procuramos entón libreiras e libreiros e demos con Maribel Tato e Gonzalo Pérez, libreiros históricos de Vigo, concretamente na chamada “Rusia Chiquita”, no antigo concello de Lavadores.
Ela veu de Bandeira (Silleda), el das Teixugueiras (Cartelle), e xuntos deron en crear o 24 de xullo de 1985 a Libraría Cartabón, na parte alta da rúa Urzaiz, mirando directamente para o Colexio Mariano. Ese mesmo día, hai 40 anos, botaba a andar tamén a TVG. “E mira que camiños máis diferentes seguimos”, apunta Maribel.
Gonzalo sempre quixera ter unha libraría –“igual porque na miña casa non había moitos libros” e aínda que ao comezo Cartabón era tamén papelaría, xa no segundo ano se centraron nos libros. E a partir do ano 90 a deriva foi clara cara ao libro galego, que é o que máis lles presta vender.
Daqueles primeiros anos lembran con moita ledicia a experiencia das feiras. Do 99 ao 2003 eran fixos na Feira do libro de Madrid, co libro galego. “Mira se eramos arroutados”, di Gonzalo. Entón só había cartos para que fose un deles: eran 17 días de feira, 19 en total fóra; un dos dous tiña que quedar coidando da libraría e das nenas, claro, xa que tiñan dúas fillas pequenas. “E se chovía xa perdíamos cartos”, explican. O primeiro ano tocoulles a caseta 478 e o segundo a 300, polo que a xente cando chegaba ao seu posto xa non tiña diñeiro para gastar.
Daqueles primeiros anos lembran con moita ledicia a experiencia das feiras. Do 99 ao 2003 eran fixos na Feira do libro de Madrid, co libro galego. “Mira se eramos arroutados”, di Gonzalo
Daquelas experiencias quedan lembranzas imborrables como as visitas das mozas e mozos que estaban a estudar en Madrid e ían saudalos a propósito; ou cando unha señora española quería mercar o libro A Toupiña que quería saber quen lle fixera aquilo na cabeza para un neno ruso que tiña con ela, duns oito anos, pero non o quería en galego, senón en castelán. Ata que viu como o rapaz se esmendrellaba de risa co libro galego nas mans. E xa non tivo máis preguntas.
Libraría Cartabón
“Sempre tivemos inquedanzas no mundo cultural”, explican. Desde Cartabón foron impulsores da RedeLibros, con autopublicacións de autores independentes, e mesmo editaron os seus propios proxectos como foi Minirelatos, unha idea xurdida xunto con Fran Alonso nunha viaxe a Madrid e que daría nunha poderorosa escolma das grandes e dos grandes escritores do país: alí estaban Anxo Angueira, Xavier Queipo, Luísa Villalta, Olga Novo, Cid Cabido ou Rosa Aneiros, por poñer algúns exemplos.
Hai tempo que Cartabón conta cunha clientela moi fiel e moitas e moitos xa son amigos. “Temos clientes de segunda e terceira xeración”, subliñan
Os anos foron pasando e a aposta polo libro galego saíu ben. Hai tempo que Cartabón conta cunha clientela moi fiel e moitas e moitos xa son amigos. “Temos clientes de segunda e terceira xeración”, subliña Gonzalo Pérez. Arredor dos 85% dos libros que venden nesta libraría están en galego, grazas en gran medida ás recomendacións. “Nós sempre recomendamos libros en galego, algo que supón unha responsabilidade engadida, porque se alguén que non estea acostumado a ler en galego non lle gusta a recomendación, igual non repite”, explican.
“A nosa independencia depende de ti”, reza un dos selos de lacre con que Gonzalo e Maribel estampan os libros envoltos para agasallo. Noutro selo vai o antigo escudo do Concello de Lavadores coa coroa substituída por unha estrela. Toda unha declaración de intencións. E hai máis.
“Somos unha pequena libraría de barrio. Temos a sorte de que o noso público se fía moito das nosas recomendacións. Vivimos sen subvencións e somos independentes. Non lle debemos nada a ninguén e facemos o que cremos que está ben”, resume Gonzalo.
Un balance destes 40 anos? “Houbo moi esforzo, moito traballo e moita satisfacción”, asegura Pérez, que confesa que podía sentirse “máis libreiro” antes, cando traballaba co lapis na orella e os prezos na cabeza, pero cos ordenadores e burocracia obrigada cambiou o traballo.
Con todo, Maribel e Gonzalo subliñan que están a gozar do feito nestes anos. “A nosa creación e o noso orgullo”, din. E mesmo veñen de recoller un recoñecemento polo seu traballo de mans da Asociación Galega de Editoras, que lles concedeu o Premio Editio á promoción do libro galego na súa primeira edición. Lonxe quedan os anos cando había que vender de todo para sacar adiante a familia. E hai libros que en Cartabón, simplemente, non van estar, como o bestseller do rei emérito, por exemplo.
Nestes últimos anos na libraría Cartabón multiplicáronse as presentacións de libros, que supoñen un esforzo extra que compensa, só, alén do económico, segundo subliñan. “Vivimos tempos fríos e mercantilizados, mais nós queremos seguir facendo país”, explica a libreira Maribel Tato.
En 2013 Cartabón experimentou a súa primeira e única reforma nestes 40 anos e desde aquela levan feitas máis de 400 presentacións de libros, que se poden ver na súa canle de Youtube. Unha das últimas, destacan os fundadores da libraría, foi a de José Goulão, coa súa obra Genocídio na Terra Santa. “Un libro que non quería presentar ninguén en Portugal e aquí o fixemos”, detalla Maribel.
Nesa mesma canle pódese ver tamén o vídeo do que foi a gran festa do 40 aniversario da librería con pasarrúas incluído por conta de Xurxo Souto e a Orquestra Bravú Xangai, que revolucionou e emocionou o barrio –e acabou no pub Radar de Churruca- o pasado 17 de xullo para homenaxer "a casa grande do libro galego”.