Anxo Suárez, creador de Suárez Cake: “Con este cambio no laboral sinto que son mellor persoa que antes”

Coa colaboración de

Anxo Suárez, creador de Suárez Cake en Ourense © Suárez Cake

Anxo Suárez deixou a informática para buscar a receita da que para el é a mellor torta de queixo. Dous anos despois, moita xente coincide con el e pode celebrar o éxito do seu local en Ourense e pensar xa en expandirse a outras cidades galegas

 

Anxo Suárez apostouno todo ás tortas de queixo, e saíulle ben; pero ollo, non o volvería facer igual: “Facelo a pesar do medo foi a mellor decisión da miña vida, pero a quen me pregunta agora dígolle que é preciso ter cousas en conta e non facer coma min, que metín nisto case todos os cartos que tiña”.

Este ourensán conta que coa pandemia foi consciente “de que todo é efémero” e que non se vía traballando no sector da informática ata a xubilación. “As tortas de queixo sempre foron a miña sobremesa preferida, gústame moito pedila nos restaurantes, e decidín probar a facelas eu para ver se era quen de atopar a textura que a min me gusta”, explica. Máis de 700 probas despois, Anxo deu coa receita do éxito e decidiu compartir todo isto nunha conta de Instagram.

A resposta foi positiva e numerosa, e case sen darse conta estaba alugando un local de trinta metros cadrados no centro de Ourense. Era 23 de decembro de 2023 cando Suárez Cake abría as súas portas e axiña comezaron a moverse polas redes fotos e vídeos das súas tortas de queixo cremosas, mais tamén das colas de xente agardando para facerse cun pedazo.

Tortas de queixo de Suárez Cake © Suárez Cake

“Creo que o segredo do éxito é o traballo e as ganas de ofrecer á xente algo de calidade, algo novo. E facelo con moito cariño tamén, porque a primeira torta que saquei levoume moito tempo, máis de setecentas probas, e penso que é o mellor indicador de que o que queremos ofrecer é algo que a xente probe e case non teña que dicir nada, que xa se lle vexa na cara”, argumenta Suárez.

"A primeira torta que saquei levoume máis de setecentas probas, penso que é o mellor indicador de que o que queremos ofrecer é algo que a xente probe e case non teña que dicir nada, que xa se lle vexa na cara"

A materia prima é importante, e tras probar con moitos queixos, Anxo apostou por un queixo crema galego. Catro meses despois de poñer á venda a súa versión da torta de queixo a empresa Quescrem, situada en Castro Ribeiras de Lea, distinguiuno como un dos seus mestres reposteiros de referencia. “Xuntarnos con marcas galegas que garanten unha calidade extraordinaria e que aos poucos meses de abrir o local eles tamén nos recoñezan o bo traballo alegrounos moito”, lembra.

Anxo Suárez foi distinguido como Maestro Quescrem pola empresa galega especializada en queixo crema © Suárez Cake

Como tiña que ser esta torta de queixo perfecta? “Pois tiña que levar unha base de galleta para darlle un contraste e ser cremosa, porque hai moitos tipos de tortas de queixo pero buscaba esa textura que non é fluída, non se desfai no prato, pero tampouco está moi cocida. Entón tiven que dar coa textura cremosa que buscaba, sumarlle o contraste da galleta e despois un remate por enriba tostado, xusto un punto de caramelizado, para obter as tres texturas distintas”, debulla o ourensán.

"A chave está en comunicar con total honestidade cando metemos a zoca e cando nos vai ben. Penso que iso axuda a que a xente conecte connosco”

O boca a boca levou a xente de Asturias, Madrid ou León a pasar polo seu local en Ourense ao pouco de abrilo. Pero foi grazas ás redes sociais como logrou que a xente comezara a falar de Suárez Cake, e que axiña a sona das súas porcións de torta chegasen máis alá de Galicia.

“Hoxe en día, coa competencia que existe, hai que comunicar moi ben para que a xente te coñeza. Máis que algo buscado, é un pouco orgánico porque a min gustábame e dinme conta de que traballar para min mesmo, cumprir o meu soño, tamén é algo que quería compartir. Agora, despois de dous anos nos que me vai relativamente ben, tamén me escribe xente que se quere lanzar a emprender algún negocio e se ve reflectida na miña experiencia. A chave está en comunicar con total honestidade cando metemos a zoca e cando nos vai ben. Penso que iso axuda a que a xente conecte connosco”, salienta Anxo Suárez.

“A día de hoxe cústame crelo porque aínda o outro día veu unha parella portuguesa, que me dixeron que viñeran do Porto para ir ás termas e probar Suárez Cake. Para min que nos poñan á altura das termas é moi heavy! Se mañá temos que pechar, xa quedo tranquilo por toda a xente que me dixo que a nosa era a mellor torta de queixo que probara na súa vida”, celebra Suárez.

“Iremos onde a xente máis queira que esteamos”

O reto é seguir medrando, “replicar o éxito”. “Iremos onde a xente máis queira que esteamos”, avisa Anxo Suárez, que xa está a facer enquisas a través das redes sociais, atento á reacción da xente. Ten a vista posta noutras cidades galegas, pero aínda non se define por ningunha. En Ourense recibe a moita xente de Vigo, como é natural polo vínculo entre ambas urbes, mais tamén ten demanda de composteláns e coruñeses.

Novo local de Suárez Cake en Ourense, na rúa do Concello © Suárez Cake

De momento, xa tivo que cambiar de local en Ourense para ampliar o espazo de traballo e mais o equipo. “Estou moi orgulloso de que tanta xente quixera vir traballar comigo, agora xa conto cun equipo de dúas ou tres persoas que controlan o mesmo ca min ou máis, e que xa se encargan de formar ás novas incorporacións”, sinala Anxo Suárez, quen confesa que “sempre me considerei unha persoa moi introvertida, pero decateime de que sobre as cousas que me apaixonan sáenme moito mellor as palabras”.

“Estou moi orgulloso de que tanta xente quixera vir traballar comigo"

No novo espazo segue a incorporar novos retos, incluíndo os cafés de especialidade para acompañar as tortas, das que presenta unha receita nova cada mes. O vindeiro 7 de novembro probará a celebrar un afterwork en colaboración cunha academia de música para propoñer tortas e café, acompañados dunha sesión musical, para rematar a semana laboral; e xa está en contacto con artistas locais para que poidan vender as súas creacións en Suárez Cake.

“Agora son o rapaz das tortas!”, ri. Traballa moitas máis horas que antes, pero sente que lle cambiaron o humor e o estado de ánimo. “Con este cambio no laboral sinto que son mellor persoa que antes”, asegura.

Ana G. Liste

Ana G. Liste

Xornalista viguesa do 90. Traballei en medios como Faro de Vigo, El País e Europa Press. Formo parte da Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e son unha máis en Xornalistas Galegas. Agora estou entre Praza.gal e VINTE.

Tamén che interesa

  • IagoRaw, fotógrafo de natureza “Prefiro mostrar un paporrubio que un 'puffin' de Islandia”

    O final do día é un bo momento para fotografar animais, cando o bosque cobra vida. A meirando parte dos bechos son seres crepusculares e é entón cando Iago Rois Abel –IagoRaw- se adentra na natureza. Xa ía ao monte de moi pequeno, cos seus pais, e pronto comezou a identificar especies. Di que a fotografía lle serve para capturar e recordar sentimentos. “Se, agora mesmo, aquí aparecese unha lontra en estado salvaxe, o que sentiría sería tan intenso que me deixaría renovado por un mes”. 

    Hai cousa dun ano que ten en marcha nas redes sociais Poemas da Natureza, onde divulga as marabillas que atopa. “Non precisamos ir á Antártida nin a Alaska para ver grandes animais e paisaxes: témolos aquí ao lado”, asegura.

    VINTE na rúa

    Coa colaboración de

  • Víctor Justo, creador de videoxogos: “Poder vivir do teu ‘hobby’ é o soño de calquera persoa”

    Tiña un grupo punk en Vigo chamado Woden e estudou soldadura, mais hai xa anos que Víctor Justo Dacruz gaña a vida como creador de videoxogos. No medio da pandemia montou a súa empresa, coas súa iniciais Vijuda, e colocou no mercado un xogo de condución estilo arcade con estética retro que leva a súa antiga banda no nome. Vijuda está a piques de facer público o cuarto videoxogo da saga Super Woden, coa que busca exaltar os coches clásicos, unha das súas grandes afeccións, xunto cos videoxogos, claro. “A día de hoxe o Súper Woden GP 2 é o videoxogo indie con máis coches e máis circuítos que existe, con 200 vehículos modelados”, asegura Víctor Justo.

    VINTE na rúa

    Coa colaboración de

  • Margó Gayoso, tocadora e mestra de pandeireta e canto "Ser de aldea e tocar a pandeireta é un orgullo”

    Primeiro foi o baile, con apenas cinco anos, no cole como actividade extraescolar. Despois chegaría a gaita, o acordeón, a pandeireta, a percusión doméstica coas cunchas, tixolas, sachos ou latas de pemento … e o canto, claro, porque todo está relacionado. Nesta nova entrega do Vinte na rúa coñecemos a Margó Gayoso, unha rapaza de Saiáns (parroquia de Vigo con moita entidade de seu) e unha recoñecida tocadora e mestra de pandeireta e canto.

    Hoxe en día mantén a súa actividade como docente en Saiáns, mais tamén imparte aulas no Fiadeiro de Vigo, en Moaña ou en Coruxo, onde tamén forma parte do histórico grupo de pandeireteiras A Buxaina. A súa traxectoria inclúe tres discos gravados coas Tanxedoras e numerosas recollidas para se formar e poder ensinar a música tradicional galega con toda a súa riqueza e espontaneidade.

    VINTE na rúa

    Coa colaboración de

  • Pablo Agrafojo, vocalista na Orquestra Capitol: “Comecei como chofer e levo 30 anos cantando"

    Estudou música de cativo, da man do fundador de Los Tamara, mais pronto comezou a traballar de mecánico, logo como condutor e un pouco por casualidade xurdiu a súa relación co mundo das orquestras. “Eu comecei como chofer, sen idea de nada máis. Pero claro, parabamos en karaokes, en bares, e a min sempre me gustara cantar e animábame e… non se me daba mal. Entón, os meus compañeiros empezaron a subirme ao escenario no medio das actuacións: " Vai subir hoxe o noso chofer cantar un tema. Dádelle un aplauso!”, lembra Pablo Agrafojo.

    Neste novo Vinte na rúa conversamos con Agrafojo, cantante na Orquestra Capitol, a quen vimos actuar nas festas de Francelos (Ribadavia), este pasado mes de agosto. “O verán é unha tolemia, con vinte concertos ao mes desde finais de maio. E aínda así sempre pode aparecer algún bolo sorpresa máis de ultima hora”, asegura.

    VINTE na rúa

    Coa colaboración de

Faite de vinte

A partir de 5€ mensuais podes suscribirte a VINTE e colaborar para que sigamos a producir contidos de calidade pagando dignamente as colaboracións de vídeo, fotografía, ilustración, xornalismo e creación de todo tipo.