Nesta entrevista faltou Ana Álvarez, a terceira das artesás que dan vida ao proxecto. Amodo comezou como unha tenda efémera e quedou porque o público pediulles que quedaran. En Ourense cumpría un recuncho coma este, e deron o paso. "A xente estaba vindo aquí coa emoción de poder sentir unha pertenza".
A rúa Santo Domingo conecta os viños de Ourense co Parque San Lázaro e é paralela a Rúa do Paseo. Por se fose pouco cruza con Concordia, que sobe e baixa transeúntes dende Progreso ata as Mercedes. Se non coñeces moito Ourense só precisas saber que por Santo Domingo pasan todos os días centos, se non milleiros, de persoas. E non poucas son as que quedan fitando o escaparate de Amodo Tenda, cheo sempre de produtos dunha morea de artesás que cumpren cunha única condición: "O noso principio raíz é que todo ten que estar feito en Galicia.". Pero só tres desas profesionais gobernan a facenda.
Lora González é modista e ten dúas marcas de moda e serigrafía artesanal, Boro e Salsa Gaucha. Traballa con produtos e materiais de produción local e tecidos sostibles como o algodón orgánico ou liño. Ela naceu na contorna rural da cidade das Burgas e ao igual que moitos outros profesionais do sector en Ourense, tivo que formarse e estudar fóra. A súa formación permítelle hoxe en día dar clases de bordado todos os sábados en Amodo, ademais de organizar obradoiros de formación para que o público aprenda e valore os procesos artesanais. Antes de fundar Amodo o seu traballo como artesá independente levouna a participar en feiras e mercados de artesanía por toda Galicia, o que espertou a necesidade de buscar un espazo estable para evitar ter que viaxar permanentemente.
Elena Prada é deseñadora de moda e conta coa súa propia marca (Bioco) onde fusiona as novas tecnoloxías coa artesanía. Na súa firma, desenvolve xoiaría mediante impresión 3D con polímeros biodegradables e realiza estampación téxtil en serigrafía sobre algodón orgánico. Despois de estudar catro anos en Madrid e especializarse en accesorios, voltou a Ourense. Onde tivo que adaptarse de novo e buscar sinerxías con outros profesionais logo de terse formado fóra da súa cidade. Foi así como deu con Lora e Ana.
Ana é, precisamente, a terceira pata da mesa (non está coxa, é unha mesa diferente, coma os produtos desta xentiña). Ana Álvarez traballa a cosmética natural con conciencia rural na súa marca Alloa. Isto é empregar receitas tradicionais para o coidado da pel e o cabelo, estudando cultivos locais para converter as súas propiedades en ingredientes activos. Comezou en Amodo como dependenta: "Parecíanos un valor imprescindible para nós daquela e despois funcionamos tan ben xuntas que decidiu quedar e ser parte do proxecto", conta Lora.
"Vimos que crearamos algo que ía máis alá dunha tenda, que a xente estaba vindo aquí coa emoción de poder sentir unha pertenza." relata Lora González
O proxecto era unha tenda concepto temporal, unha "pop-up" que ía durar unhas semanas no Nadal e comezo do ano 2025. Foi un éxito rotundo e ao pouco de comezar xa estaban formulando a idea de quedar nese local da antiga xoiaría Espino. Para o público que conseguiran atraer en cuestión de días o que aí vendían seguían sendo xoias (moitas en sentido literal, por certo). Elena fala de que noutras cidades de Galicia "si que había un lugar no que podías mercar produto local. Pero aquí en Ourense, non". Produtos e historias para que a xente marchase pensando que levaba un anaco de algo especial. "Vimos que crearamos algo que ía máis alá dunha tenda, que a xente estaba vindo aquí coa emoción de poder sentir unha pertenza." relata Lora.
E decidiron quedar, non sen algo de medo. E ao quedar xermolou a posibilidade de crear un lugar en Ourense no que as artesás e os artesáns tiveran un escaparate. Apareceron os obradoiros, o crowdfunding para converter unha vella caixa forte nunha pequena sala de exposicións... E fiárono todo ás historias dos produtos, porque axudan a valorar o seu proceso e orixe: "Gústanos tamén que a xente aprenda como se fan as cousas, porque valoran todo o que hai detrás do produto final." di Elena, e Lora engade: "Sempre nos interesa quen hai detrás do produto porque tamén é o que vendemos: as persoas que estamos detrás dos procesos."
"Igual un 70% das vendas son para agasallos... a xente vai co obsequio como con orgullo de dicir: fano neste sitio" , comenta Elena Prada
Aínda coas dificultades que presenta soster un comercio local, e particular coma este, véselles orgullosas e felices de facelo. Hai algo lindo no feito de crear un espazo ideal en Ourense para buscar agasallos: "Igual un 70% das vendas son para agasallos... a xente vai co obsequio como con orgullo de dicir: fano neste sitio", comenta Elena. Buscar na artesanía un presente único para quen queiras é grande parte da razón de ser da tenda. A este respecto Lora despídenos dicindo que "o que atopan en Amodo non o van atopar en ningún outro sitio de Ourense". Con esta necesaria ousadía convídannos sempre a voltar, pois sempre terán unha historia nova que contar. Unha desas feita coas maos, amodiño.