Pauleta celebra un título co Benfica © SL Benfica
Sendo unha nena, posaba cunha camisola de Portugal que seus pais lle mercaran en Valença do Minho co número do futbolista de quen collera prestado o alcume: Pauleta. Máis de vinte anos despois, aquela pequena de Redondela debutaba coa selecção lusa camiño dun Mundial.
Como se dunha mensaxe do destino se tratase, a rapariga de Redondela posaba orgullosa coa camiseta de Portugal que seus pais lle mercaran en Valença do Minho, lugar habitual de visita coa familia. Lucía o número 9 de Pauleta, dianteiro luso que triunfaba en Francia tras gañar a Liga co Deportivo; o futbolista que xa daba o alcume a aquela pequena que despuntaba no fútbol. Dúas décadas despois, Paula Domínguez —coñecida de sempre como Pauleta— era convocada por primeira vez pola selecção portuguesa, a quen aspira representar no vindeiro Mundial de 2027.
"Tiña seis anos e no equipo onde xogaba había outra Paula; había que diferenciarse e a min non me gustaba que me chamasen Paulita, así que quedou Pauleta, que era un dianteiro moi coñecido", conta agora daqueles inicios no fútbol en Zamora, onde traballaban seus pais e viviu até os oito anos. Aló deu os primeiros pasos como futbolista, primeiro na escola e logo no equipo feminino Amigos del Duero. Máis de vinte anos despois, en 2023, nacionalizouse portuguesa tras unha década no país veciño, pero dúas graves lesións afastárona da Copa do Mundo primeiro e da Eurocopa despois.
Ata hai tres meses, cando debutou por fin coa selecção. "Escollín xogar por Portugal porque foi quen me deu a oportunidade de ser profesional, quen me fixo crecer. A Federación, a Liga e os dous clubs polos que pasei déronmo todo e a mellor forma de agradecelo é achegar o meu traballo para que a selección siga medrando", di Pauleta sobre unha decisión —a de optar polo combinado luso—que "todo o mundo entendeu".
"Portugal foi quen me deu a oportunidade de ser profesional, quen me fixo crecer. A mellor forma de agradecelo é achegar o meu traballo para que a 'selecção' siga medrando"
Máis, se cadra, pola súa vinculación. "Sendo galega a conexión é máis forte; a casa de miña avoa está a media hora de Valença e sempre fixemos moita vida en Portugal, de visita ou indo á praia", explica Pauleta. Alí mercáronlle aquela camiseta que, moito tempo despois, loce de xeito oficial, como futbolista profesional, representando a un país ao que, cre, "deberíase ollar máis". "Desde Galicia para aquí, pero tamén desde aquí a Galicia, para aproveitar toda esa riqueza que nos proporciona estar tan perto, tan xuntos", reivindica. En todos os sentidos.
"Obviamente, co idioma todo é máis doado, non só porque o galego sexa moi parecido ao portugués, senón pola facilidade que para aprender me deu falar máis dunha lingua", engade Pauleta, que leva oito anos no Benfica, onde é capitá e estrela. Nun dos equipos máis grandes do mundo. "Só quen pasa por este club ou ten relación con el acaba entendendo a súa grandeza e o que representa, é difícil de explicar", conta quen acumula títulos coas encarnadas.
O camiño até alí foi longo e non sempre doado. De pequena, xa de volta en Redondela, destacou no Casa Paco e no Choco ata que fichou por El Olivo, referente equipo feminino de Vigo, o primeiro galego en chegar á elite. "De nena só quería xogar e competir, pero non pensaba en chegar a ser profesional, sendo ademais consciente como era de que para as rapazas era todo máis difícil", explica quen sufriu, como todas, comentarios machistas xogando en equipos mixtos. "Vivín cousas duras, si; agora mudou algo a historia e, aínda que segue a haber xente que non respecta, hai moita máis apertura, moita máis normalidade", di.
El Olivo acabou desaparecendo en 2018 e Pauleta buscaba novos horizontes na época de expansión do fútbol feminino en España. "Mirouse moi pouco para Galicia nese momento de boom; había equipos importantes, como o Sárdoma, o Friol ou o Victoria, pero non había unha aposta clara por un equipo galego que fixese a diferenza", reflexiona quen di que daquela teríalle gustado "quedar na casa" se houbese un proxecto importante. "O que eu quería era competir coas mellores e se non podía ser en Galicia faríao fóra", lembra.
O Deportivo, que arrincaba daquela o seu proxecto feminino, aínda non chegara á elite na que se asentaría pouco despois. Tería xogado Pauleta no Dépor? Celtista declarada, responde con franqueza: "Non quero ser hipócrita nin para un lado nin para o outro. Naquela altura, se non tivese tido a oportunidade do Braga, se cadra si que tería xogado no Deportivo. Non digo que fose o meu desexo, porque eu medrei na rivalidade, nesas picardías boas, pero é así. O Celta daquela nin tan sequera tiña equipo feminino", explica.
"Mirouse pouco para Galicia no momento de expansión do fútbol feminino en España"
Pero apareceu o Braga, onde Pauleta destacou dous anos antes de encabezar o gran proxecto que formou o Benfica, que acumula trofeos e participacións na Champions. En Portugal fixo a súa vida, persoal e deportiva, e di estar "moi a gusto". "Son moitos anos e este país acabou sendo a miña casa", explica a redondelá, que rematou a licenciatura de Químicas en Lisboa, fixo un posgrao en programación científica en Python e ten un máster en intelixencia artificial aplicada á saúde. "Sempre me gustou aprender, estudar e ter un plan B máis aló do fútbol", engade quen xunto á súa parella montou un restaurante de comida saudable.
E acabar xogando algún día nas Celtas? "Non agocho que son celtista e nunca sabes que traerá o futuro, non o podemos controlar, pero estou moi ben en Portugal e agora mesmo non vexo a necesidade de saír", remata.