Lula Goce: “Os artistas poden achegar moitísimo ao benestar social, a pensar os espazos dunha maneira máis humana”

Coa colaboración de

A artista urbana Lula Goce en Baiona o pasado mes de xuño, co seu mural 'A Doca' de fondo, no espigón. CC-BY-SA Vanesa Vázquez/VINTE

“Sempre me gustou pintar, realmente sempre se me deu ben”. Din que ninguén é profeta na súa terra, mais a artista urbana Lula Goce vén de rematar en Baiona A Doca, o mural máis grande de España, con case 350 metros de longo e uns 1.400 metros cadrados de arte e traballo duro para cambiarlle a face ao espigón da súa vila natal. Asegura que foi unha gran responsabilidade polo propio significado do lugar para a o pobo baionés e para ela mesma, mais fica orgullosa co resultado, que brinda unha homenaxe á xente do mar.

Goce leva feitos máis dun cento de murais por todo o mundo e está agora “moi focalizada” en proxectos de intervención urbana, onde poida traballar en colaboración con outras disciplinas para mellorar os espazos que habitan as persoas, como é o caso do seu próximo reto, a rexeneración do barrio vigués do Rocío. “Paréceme moi interesante poder colaborar con enxeñeiros, arquitectos e pensar o espazo en conxunto, de maneira que a arte se integre no urbanismo”, indica a artista de Baiona. Tras facerse un oco coas medianeiras, o seguinte paso da arte urbana será, polo tanto, que as e os artistas poidan participar na creación de espazos comúns.

 

Unha viaxe a Salamanca cando estudaba un FP para ser administrativa o cambiou todo. Nunca fora boa  estudante, mais cando observou aquel edificio histórico tan fermoso quixo estudar aí e tivo a sorte de contar con profesores que a guiaron para facer Belas Artes, o que encaixaba coa súa vocación artística.  “Sempre me gustou pintar, realmente sempre se me deu ben”, comenta Lula Goce (Baiona, 1976), ao tempo que lembra aqueles anos no colexio, en EXB, cando non conseguía ficar queda nin calada, como había que estar, e pasaba tanto tampo fóra da clase, castigada. “Era mala estudante e teño déficit de atención e hiperactividade; realmente era unha nena complicada”, subliña. Mais nese colexio de Baiona tamén foi a primeira vez que alguén lle recoñeceu o mérito artístico. “Fixeramos un mural para Semana Santa, en cuarto de EXB e eu pintara un Cristo na cruz. A profesora chamou a miña nai para ter unha reunión e eu estaba asustada, porque era moi faladeira pero resulta que chamara para amosarlle a pintura e dicirlle ‘mira que Cristo fixo, é impresionante’. Esa sensación de orgullo non a podo esquecer, foi moi guai”, salienta cun sorriso nos beizos. 

Lula Goce, mentres pinta un dos seus murais de gran formato. CC-BY-SA Cedida

Da escola pasou ao FP de administrativo, onde definitivamente non atopaba o seu sitio. “Grazas aos profes de inglés e galego, Bieito e Carlos, do IES Proval, puiden atreverme a sacar o COU e poder estudar Belas Artes en Salamanca tal e como quería. Eles axudáronme moito”, lembra.  “Eu por aquí xa saía a pintar cos amigos pero non con sprays, porque daquela era difícil conseguilos, iamos cos botes de pintura. Eu sempre levaba os meus botes coas miñas brochas e os meus pinceis”, detalla a artista. 

“Fixeramos un mural para Semana Santa, en cuarto de EXB e eu pintara un Cristo na cruz. A profesora chamou a miña nai para ter unha reunión e eu estaba asustada, porque era moi faladeira ,pero resulta que chamara para amosarlle a pintura e dicirlle ‘mira que Cristo fixo, é impresionante’. Esa sensación de orgullo non a podo esquecer, foi moi guai”, salienta Lula Goce cun sorriso nos beizos

Ao acabar a carreira  marchou a Barcelona coa “escusa” de facer o CAP, que o fixo, e tamén cursou deseño gráfico, traballou de profesora de debuxo técnico nun instituto e formou parte dos e das artistas do taller Caminal, xa desaparecido, no Poble Nou. Pouco a pouco ía facéndose o seu oco e o seu nome, sempre coa idea da intervención mural e foi seleccionada e varios concursos para centros de arte como o CCCB, Santa Mónia ou o festival BAC. “Nos 2000 en Barcelona os meus colegas pertencías á esfera do graffiti, pero eu non facía graffiti. Eu pintaba con pintura e con brochas, ou pegaba papeis. Interesábame máis o tema de intervir o espazo, tomarme o meu tempo, non facer algo rápido. 

A artista Lula Goce en 2015, diante da obra feita no festival North West Walls, en Bélxica. CC-BY-SA Cedida

O salto á esfera internacional chegaría da man do escultor belga Arne Quinze, responsable do festival de arte urbano North West Walls, que se celebra no propio recinto do Rock Werchter, o histórico festival de música a uns corenta quilómetros de Bruxelas. Lula Goce formou parte do selecto grupo de seis artistas seleccionados para a segunda edición, en 2015. “Eu tiña un blog, un Fotolog, que era o instagram daquela, que era onde puña os meus murais e onde me descubriu este artista. Era a única muller alí”, explica Goce. Alí traballou como o resto, facendo un mural de gran forma no medio dun festival internacional de música e xa nunca deixou de traballar. “Comezaron a chamarme dunha morea de sitios. En España era algo moi novidoso, empezaba daquela. Entón comecei a traballar a nivel nacional e internacional”, detalla. Os seus murais locen en Nova York, Washington, Chicago, Miami, Osaka, Catar, Azerbaiyán, Suecia, Holanda, Francia, Alemania, Portugal, Suiza, Italia, México… cada vez van quedando menos lugares do mundo onde Lula Goce non fixera unha intervención artística. “Gústame que o mural estea vinculado ao lugar, ao territorio, que a xente o faga seu e poida identificarse. Teño que achegar algo co meu traballo. Non todo vale”, subliña. 
 

“Gústame que o mural estea vinculado ao lugar, ao territorio, que a xente o faga seu e poida identificarse. Teño que achegar algo co meu traballo. Non todo vale”, subliña


En moitos destes traballos adoita destacar unha figura feminina por riba de todo. “Ao longo da historia estamos acostumadas a ver as representacións femininas da man dun home porque por desgraza as mulleres artistas foron menos e as que foron están moi silenciadas”, explica Lula Goce. A feminidade, a natureza o ecoloxismo son elementos que se combinan nas súas obras ao longo do mundo. “Para min falar desde unha perspectiva feminina resúltame máis cómodo. Pór unha modelo feminina é algo máis sinxelo, ademais os temas de natureza, de coidar, é algo moi maternal, aínda que os homes tamén o teñen que reivindicar. Pero o xesto de parir, de nutrir, de poder crear vida dentro de ti e algo que está na nosa bioloxía e da que nos deberiamos sentir moi orgullosas”, asegura a artista galega.

Din que ninguén é profeta na súa terra mais Lula Goce vén de rematar o mural máis grande de España e está en Baiona: A Doca.

Sete semanas de duro traballo (con tres de mal tempo) bastaron a Lula Goce e o seu equipo para cambiar a face do espigón de Baiona, un lugar emblemático da zona portuaria onde a veciñanza adoita pasear, tomar o sol ou pescar. “Tiña ganas de facer algo na miña casa, pero non esperaba algo tan grande, con 1.400 metros cadrados, 400 de longo”, asegura. Para ela este proxecto, que acabou o pasado mes de xuño, foi unha gran responsabilidade, porque non era un mural vertical, como acostuma facer, senón é un espazo moi tendido e o relato tiña que ir fraccionado. 

A Doca é lugar emblemático que se albisca desde calquera lugar da vila, o primeiro e o último que ven os mariñeiros ou as embarcacións de recreo cando chegan ou saen. “Ten moitas connotacións, tanto históricas como emocionais e era unha gran responsabilidade unir todo iso”, detalla Goce

Precisamente para axudar neste relato a artista contou co traballo da asociación Zemos 98, desde onde levaron a cabo a investigación histórica do lugar porque é un sitio que fora privado, ao lado do Parador e foi cambiando de usos ao longo dos anos. “Xurdiu como amparo da vila respecto aos temporais, pero a xente, unha vez se puido acceder, comezou a usalo: pasear, tomar o sol, pesca de recreo, facer deporte. Un elemento que tiña un uso urbanístico, funcional, converteuse nun símbolo de uso social do pobo”, explica a artista. Un lugar emblemático que se albisca desde calquera lugar da vila, o primeiro e o último que ven os mariñeiros ou as embarcacións de recreo cando chegan ou saen. “Ten moitas connotacións, tanto históricas como emocionais e era unha gran responsabilidade unir todo iso”, detalla. 

Realizáronse talleres,  houbo charlas coas asociacións de redeiras, mariñeiros, asociacións, veciños da vila ou colexios e con ese conxunto de ideas e mais a súa propia vivencia persoal do lugar, Lula Goce ideou o deseño da Doca de Baiona. “Eu viña aquí a tomar o sol e bañarme cos meus colegas, e cando tiven nenos, pois tamén a pasear”, lembra.

Na súa intervención mural, Lula Goce quixo darlle continuidade ao proxecto anterior, dos anos 90, e reproduciu o debuxo do chan polas paredes, con tres tonos de azuis diferentes, de maneira que “espella e integra ese debuxo anterior no actual” .
A flora e fauna mariña e unha estrela dos catro ventos marcan o camiño de inicio para dar paso ás figuras infantís, un neno e unha nena, que descansan tranquilamente. A actividade pesqueira foi o motor económico desta vila e da súa propia familia, polo que na Doca hai tamén hai unha persoa a atar as nasas e un barco chamado “Zulemita”, como o de seu pai, patrón de pesca. Na parte final do mural, un kraken, unha especie de polbo aperta e enróscase no faro, na zona máis salvaxe e divertida do deseño. 

Paseando pola nova Doca de Baiona, chama a atención as cores empregadas, cun baixo impacto visual, que se explican polo tipo de pintura empregada: un sol silicato de Kleim, que ademais é especialmente duradeiro nunha zona tan exposta ao mar. “É unha pintura ecolóxica, non plástica, cunha estrutura moi aberta, polo que a auga entra e sae. As cores son moi estables porque son cores minerais non son sintéticas nin creadas nun laboratorio e teñen como este ton pastel que penso que funcionaba moi ben aquí, neste lugar”, detalla a artista urbana.

Entre os motivos do mural da Doca atópase o barco pesqueiro "Zulemita", en homenanaxe ao propio pai da artista. Lula Goce. CC-BY-SA Vanesa Vázquez/VINTE

“Para min foi duro a nivel físico e psicolóxico porque foron xornadas de 10 ou 12 horas baixo o sol, e estás como illada pintando. Son moitas hora mirando a parede”, relata. Mais o resultado pagou a pena, asegura. “Para min foi todo un honor e estou súper contenta. Isto agora é dos baioneses, para este pobo tan marabilloso e para a xente do mar, que merece todos os recoñecementos. Grazas a xente do mar, ao seu traballo duro, moitos e moitas puidemos estudar unha carreira”, destaca Lula Goce. 

 “Para min foi todo un honor e estou súper contenta. Isto agora é dos baioneses, para este pobo tan marabilloso e para a xente do mar, que merece todos os recoñecementos. Grazas a xente do mar, ao seu traballo duro, moitos e moitas puidemos estudar unha carreira”, destaca Lula Goce

A artista de Baiona vén de participar tamén no festival Viladomar, en Rianxo, que organizan os artistas Nove Noel e Lara Torres e en setembro xa ten novos proxectos en Estados Unidos. Ademais, xa no final do ano estará traballando na rexeneración do barrio do Rocío, en Vigo, un proxecto moi ilusionante, segundo asegura. “Estou moi focalizada na intervención urbana. En proxectos colaborativos, onde hai un traballo máis interdisciplinar. Paréceme moi interesante poder colaborar con enxeñeiros, arquitectos e pensar o espazo en conxunto, de maneira que a arte se integre no urbanismo”, indica. 

Lula Goce, diante do seu mural A Doca, no espigón de Baiona, con case 350 metros de longo. CC-BY-SA Vanesa Vázquez/VINTE

Tras facerse un oco coas medianeiras, o seguinte paso da arte urbana sería que as e os artistas poidan estar na creación de espazos comúns. “Poden achegar moitísimo ao benestar social, a pensar os espazos dunha maneira máis humana”, explica.

“Paréceme moi interesante poder colaborar con enxeñeiros, arquitectos e pensar o espazo en conxunto, de maneira que a arte se integre no urbanismo”, defende

Como persoa curiosa e artista que é, asegura que lle gustaría mesmo facer intervención escultórica. “Todo o que sexa intervención urbanística, pensar os espazos, traballar conxuntamente e aprender máis sobre materiais, sobre maneiras de debuxar o espazo, pero non única ou necesariamente a través da pintura; pode ser a través da escultura, do debuxo, de todo combinado. Apetéceme moito traballar neste aspecto da intervención dos espazos desde o xermolo, non só tratar de arranxar os que quedaron, senón poder crear os espazos desde abaixo”, argumenta.

Vanesa Vázquez

Vanesa Vázquez

Viguesa do Calvario. Comecei e aprendín en Atlántico Diario, Radio Vigo e Expansión. Cada día conta e agora contámolo en VINTE e Praza.gal. 

Tamén che interesa

  • "Non somos tan diferentes" O restaurante Ceibe e o bar Pepinillo intercambian cociñas por un día en Ourense

    Un restaurante Estrela Michelin e un establecemento mítico da cidade das Burgas aceptan o reto de abandonar a súa zona de confort e elaborar unha receita na casa do outro. Literalmente pasan "ata a cociña" mentras nos contan a súa historia e afirman: "Non somos tan diferentes"

    Sepáranos pouco máis de 200 metros. Dende a Rúa San Miguel que baixa da Praza do Ferro ata o Paseo e posteriormente atravesando Progreso para chegar á Rúa de Reza. Trazar esa liña no mapa de Ourense é debuxar tamén unha ruta gastronómica que non só implica aos restaurantes cos que falamos desta vez. Para non abrir (demasiado) o apetito imos quedar con estes dous: o Ceibe e o Pepinillo.

    VINTE na rúa

    Coa colaboración de

  • Pío, pío, Averío “O travestismo traslada liberdade. Ás veces esquecemos que podemos facer o que nos dea a gana”

    Non se trata de chegar ao mainstream, porque o travestismo sempre viviu e ha de seguir, nas marxes. Mais, como disciplina artística, necesita unha escena, infraestrutura e que a industria cultural tamén conte con este colectivo á hora de programar máis alá do mes do orgullo.

    Cos movementos reaccionarios en auxe, semella máis necesario que nunca apelar á liberdade e ao libre albedrío de cada quen. E disto hai moito nos espectáculos de Averío. Un misterio, unha cea de empresa, un casting ou a busca dun disco de Averío mix artellan o argumento nestas comedias de enredo, algo caóticas e sempre con contido para escoitar, pensar e rir, claro. Hai un ano naceu Averío como grupo de artistas travestis, unha plataforma de acción que busca crear unha escena drag en Vigo. Quere, en definitiva, poder actuar na súa cidade.

    VINTE na rúa

    Coa colaboración de

  • Libraría Cartabón: “Nós sempre recomendamos libros en galego”

    Independencia e liberdade. A libraría Cartabón vén de facer 40 anos ás portas do Calvario en Vigo, centrada na venda do libro en galego. Gonzalo e Maribel, Maribel e Gonzalo, son toda unha institución no seu e non agochan a súa satisfacción polo camiño percorrido, que os sitúa a día de hoxe como unha libraría de barrio totalmente independente. “Non lle debemos nada a ninguén; vivimos sen subvencións e facemos o que cremos que está ben”, defenden. 

    VINTE na rúa

    Coa colaboración de

  • Noelia Mato, bailarina: “Falar galego é algo político hoxe en día. Escoitar música en galego, tamén”

    Noelia Mato (Ponteceso, 2000) é bailarina e creadora na compañía D'elas, mestra de danza e neofalante. No seu traballo fin de grao en Socioloxía analiza a relación entre a lingua, a identidade e a música en galego, algo que para ela non está a ser valorado como merece. “É algo importantísimo, sobre todo tendo en conta todo o que vén arrastrando a lingua historicamente dende a ditadura”, asegura. Para ela o cambio ao galego chegou na universidade e resultou máis natural do que pensaba. “Para min foi das mellores decisións que tomei na vida. Ata penso que me mudou a personalidade e todo. É como que sinto que esta si son eu de verdade”, subliña.

    VINTE na rúa

    Coa colaboración de

  • Bibí Bouza, presidenta do Emevé “En Lugo o voleibol deixou de ser un deporte minoritario hai tempo”

    “Din que o vólei é un dos deportes mellor asimilados polas mulleres. E o certo que é un deporte moi técnico e as mulleres somos moi metódicas. O voleibol feminino é moi vistoso”. Dicir Bibí Bouza é sinónimo de voleibol en Lugo. A presidenta e fundadora do Club voleibol Emevé de Lugo xogou ata os 51 anos e relata e aínda que o 80% dos integrantes do club son mulleres, cada vez son máis os nenos que proban e quedan neste deporte, e por primeira vez teñen rapaces, ademais de rapazas, na lista de espera para formar parte dos diferentes equipos.

    VINTE na rúa

    Coa colaboración de

Faite de vinte

A partir de 5€ mensuais podes suscribirte a VINTE e colaborar para que sigamos a producir contidos de calidade pagando dignamente as colaboracións de vídeo, fotografía, ilustración, xornalismo e creación de todo tipo.