Caterina Varela, artista, comisaria, creadora, xestora cultural e directora do colectivo RPM. CC-BY-SA Cedida
Asegura que cada vez “pensa, máis que baila, a danza” pero a Caterina bailarina resiste, permanece. A danza sempre está, aínda que non sempre sexa o seu propio corpo o suxeito activo. Artista, comisaria, creadora, xestora cultural e curadora... Ser bailarina e ter unha compañía de danza son cousas ben distintas. Sábeo desde os 25, cando levaba xa anos bailando de forma profesional e fundou a compañía La Macana, xunto co seu compañeiro Alexis Fernández. Caterina Varela dirixe tamén o colectivo RPM, que vén de celebrar os seus 10 anos de Residencias e Encontros Paraíso, todo un éxito e “unha auténtica conquista”, segundo explica a artista.
A súa historia de amor coa danza comeza con cinco anos, nas clases de ballet na escola e, desde entón, non parou. Con 17 aterra na danza contemporánea, que axiña se volveu profesión. Primeiro, coma intérprete e “xa con 25 coa miña propia compañía, La Macana, xunto con Alexis Fernández, que é o meu compañeiro de vida, pero tamén profesional, desde entón”, detalla a artista coruñesa coa raíces na Ulloa.
As propostas de La Macana teñen estado programadas en máis de trinta países con pezas que xeran sempre interese e recoñecemento. “Tivemos moita sorte, penso, porque hai pezas moi boas que non saen adiante, pero creo que se xuntou ese compoñente de sorte cun traballo que resultaba atractivo ou interesante”, explica.
Ser bailarina profesional e dirixir unha compañía de danza, son cousas moi distintas. E Varela aprendeu as coreografías da xestión, do deseño gráfico, das arquitecturas económicas e todo o necesario para sacar os proxectos adiante. “Todos os traballos arredor do que significan as artes vivas, a danza en concreto, están precarizados en España e especialmente en Galicia. Noutros países parece que podes estar mellor. Téñeno máis normalizado, pero aquí si que hai un certo cansazo que ten que ver coas dinámicas sistémicas”, argumenta Varela.
Con 25 anos creou La Macana. Ser bailarina profesional e dirixir unha compañía de danza, son cousas moi distintas. E Varela aprendeu as coreografías da xestión, do deseño gráfico, das arquitecturas económicas e todo o necesario para sacar os proxectos adiante
Neste contexto xorde a aposta polas residencias artísticas desde o colectivo RPM, do que Caterina Varela é fundadora e directora. A Residencias Paraíso nacen en 2017 como un proxecto piloto, no que poder ofrecer espazos aos artistas para a súa creación. “Para un artista de danza, por exemplo, unha sala diáfana e moi ampla non é algo que poida ter na súa casa. Sempre pensamos que había un infrauso destes espazos, que paga a pena aproveitar máis alá das fins de semana polas noites”, detalla.
Coa posta en marcha das residencias tamén buscaban superar a idea de producir, de que cada peza é a única unidade de valor das artistas. “Toda a investigación e todas as prácticas que teñen que ver coa transmisión de coñecemento, con poñer preguntas sobre a mesa non necesariamente dirixilas a un formato/produto vendible teñen moitísima importancia. E coas residencias artísticas colocamos tamén a capa de investigación sobre a mesa e poñela en valor”, argumenta Varela.
"É unha conquista que saia dun equipo artístico que seguimos a facer obra propia, é dicir, que non sae simplemente da figura da xestión cultural como tal, senón dunha xestión cultural e curatorial que vén dun expertise, dun saber facer desde o noso", subliña Caterina Varela
A asociación RPM vén de celebrar na Illa de San Simón a décima edición do Encontro Paraíso e das súas residencias, unha continuidade que supón todo un éxito para o proxecto. “Non o dicimos por botarnos flores porque mañá non estamos como tantos bos proxectos que están e non están; non é que sexamos máis listas ca ninguén, pero é toda unha conquista. Véxoo así”, di a directora de RPM. “É toda unha conquista levar dez anos cun proxecto interinstitucional como este; é unha conquista que saia dun equipo artístico que seguimos a facer obra propia, é dicir, que non sae simplemente da figura da xestión cultural como tal, senón dunha xestión cultural e curatorial que vén dun expertise, dun saber facer desde o noso, e vese como algo de moito valor desde fóra”, detalla, ao tempo que pon de relevo a importancia de gañar e “manter a confianza” das institucións que foron entrando no proxecto, como Agadic.
Falamos con Caterina Varela o luns seguinte ao Encontro Paraíso celebrado este mes de setembro da Illa de San Simón, aínda coa resaca emocional da posta en común de case 50 artistas reunidos durante tres días nese espazo “demasiado excepcional”, relata. “E durísimo porque cada ano parece que vai ser o último, e non pasa nada se o é, pero nos gustaría que fose unha decisión propia”, engade.
“Interésame imaxinar propostas que teñan o concepto de intimidade, que pretendan un xesto menor que non o é, pero que se afasten por completo da cuestión do vento, da cuestión dos festivais, do número", explica Varela
De momento o proxecto continúa moi vivo e a asociación xa ten, desde hai uns meses, casa propia, Espazo RPM, na Coruña, que conta con programación propia de artes vivas. “Interésame imaxinar propostas que teñan o concepto de intimidade, que pretendan un xesto menor que non o é, pero que se afasten por completo da cuestión do vento, da cuestión dos festivais e da cuestión do número; chegar ao xesto radical de empequenecer, de ralentizar, de desacelerar e, ao mesmo tempo, a idea de comensalidade, esa práctica tan antiga de compartir mesa, de saborear, de comer xuntas a través da práctica artística”, detalla.
Aínda que nos últimos anos Varela asegura que “pensa máis a danza” que a baila, tenta combinar os dous mundos, o da xestión cultural e curatorial coa súa profesión de bailarina e intérprete. E o ano pasado formou parte do elenco de Aleksandar Georgiev para a peza Fantastic futures, coa que estiveron en Tenerife e Bulgaria. “Foi unha reconciliación moi bonita coa práctica artística, porque a Catarina bailarina está aí, e foi moi guai”, lembra.
Tamén o ano pasado en La Macana decidiron volver a xirar cunha das súas primeiras pezas, Ven, na que baila xunto con Alexis Fernández e da que fixeran máis de duascentas funcións por todo o mundo. “É unha peza que fixen cando tiña 24 e estou bailando con 42. Entón é como ‘que ben podela facer’, pero claro, é outro corpo”, explica.
Confesa que “ás veces fantasea con que podería deixar de bailar”. “Eu penso, sinto, percibo e manexo a danza, pero non necesariamente ten que ser o meu corpo o que estea dentro. Podo bailar a través dos traballos que acompaño; podo ter unha perspectiva coreográfica no propio traballo curatorial; podo seguir accedendo á danza desde distintos lugares, non necesariamente teño que ser o suxeito activo, non?”, indica. Mais, admite, co adestramento desde tan pequena, a danza, o corpo son lugares “moi confortables”. “Soamente esa conciencia, refírome a pechar os ollos e ir ao corpo para min é como unha casa, entón, si, ás veces si que teño que volver á casa”, salienta.