Diego Currás, canteiro “A pedra fai parte da nosa cultura, namora, sempre tiven esa paixón”

Coa colaboración de

O canteiro Diego Currás comezou con catorce anos a tallar a pedra. © Miguel Souto

Din os vellos que antes en todas as casas había un canteiro, pero agora en toda Galicia deben quedar uns 200. Diego Currás é canteiro. Co seu primeiro salario aos 14 anos mercou un disco para a rebarbadora e comezou a facer cousiñas na pedra, nun pendello da súa casa, en Taboadela, e desde entón non parou de aprender o oficio de tallar a pedra, un coñecemento que o levou a participar mesmo nos labores de restauración da Catedral de Santiago. Non quedan moitos, pero os que están teñen encargos abondos. “Os canteiros que imos quedando temos traballo; é raro a semana que non rexeito unha obra”, asegura. 

 

Confesa Diego Currás que de pequeno era “moi macarra” e seu pai decidiu metelo a traballar o antes posible para evitar problemas. “Efectivamente, acabáronseme todos os males co traballo”. A empresa familiar era de escavación e alí comezou, nas gabias sacando niveis ou colocando tubaxes, mais de sempre estudou as posibilidades da pedra e co seu primeiro soldo tiña moi claro o que ía comprar, aos 14 anos: “Eu quería un disco de rebarbadora porque sempre tiven esa paixón de tallar a pedra e fíxome falta o soldo enteiro. Daquela facía cousas nun galponciño ao lado da casa e ata hoxe”, explica. 

Esa paixón foise labrando nas viaxes familiares desde a súa casa de Taboadela a Ourense, Baiona, Santiago. “Meus pais tiñan moito amor polo patrimonio e eu vía aquelas construcións e, coitado de min, quería facer esas cousas, pero esas obras desapareceron hai séculos”, detalla Currás. Por sorte, cos anos, traballaría na restauración de símbolos como a Catedral de Ourense ou a de Santiago.

Diego Currás durante os traballos na catedral San Martiño de Ourense CC-BY-SA Cedida

Antes, pasou pola Escola de Canteiros de Poio e alí coñeceu o que sería o seu gran compañeiro de traballo e amigo, Javier Hita. Mais a enfermidade do seu pai levouno de volta para Ourense apensas uns meses despois. Deixou a escola, que non o oficio, e dedicouse á pedra. Montou daquela, no ano 2010, unha exposición nunha área de servizo da A-52 e eses hórreos, cruceiros, churrasqueiras e ata un Moai de dúas toneladas captaron a atención dun enxeñeiro da empresa PECSA, encargada das labores de restauración na Catedral de Santiago, que quixo contar con el. Iso foi un salto moi importante para a empresa que hoxe se chama Riela e ten oito traballadores. Daquela traballaba baixo o nome de Diego Currás xunto con Hita, que logo tería un problema no ombreiro, deixarando a canteiría para acabar fundando o espazo Cultural Nigraponte, en Lalín. 

“O máis bonito que fixemos na Catedral foi o tema da pilastra, porque era un traballo bastante complexo de montar, con sete metros de altura. Despois, os pináculos, unhas pezas de cantería que fixen para o remate dos templetes, que son como unhas cúpulas que hai á media altura, a non sei, a corenta ou cincuenta metros de altura, que están nos laterais. E cando traballamos no Ciborio, porque dentro hai unhas escaleiras de caracol. Eu desmontei o último tramo das escaleiras, puxen os pasos en altura e fixen un tramo novo de escaleiras, dous ou tres escalos novos. Tamén abrimos unha porta, onde está o Botafumeiro, que levaba dous séculos pechada. E iso foi moi bonito”, subliña Diego Currás. 

Currás participou nos traballos de restauración da Catedral de Santiago, entre 2016 e 2018. CC-BY-SA Cedida

“Aí saíronme a canas. Tiña trinta e pico anos e púxoseme unha barba branca de todo”, lembra o canteiro, que aínda se emociona ao pensar neses momentos de calma, cando paraba o ruído dos peregrinos, á hora de comer, e só se escoitaban os canteiros picando á man. “Iso foi como saltar tres séculos para atrás. Só oes o “cla, cla”, as macetas dos punteiros”, asegura Diego Currás.

Din os vellos que en todas as casas había un canteiro mais actualmente o oficio está a desaparecer. Currás aínda coñeceu a verdadeiros canteiros, que empregaban o verbo (o arxina, idioma dos canteiros) pero actualmente han quedar 200, como moito en Galicia. “En obras como o templo da Veracruz traballaban cuadrillas de 200 ou 300 persoas colocando pedras, pero hoxe é impensable”, di.

“A pedra fai parte da nosa cultura, está nos montes, está nas rúas. A min pásame que vou por unha zona de rebolos, e penso que debeu ser unha zona de culto sagrado. Namora ver esas pedras e eses carballos, a min polo menos pásame iso e quero coller unha pedra e darlle unha forma. Facer algo con ela”, detalla Currás. 

Detalle dos traballos do canteiro: a maceta pega no punteiro, que traballa a pedra. © Miguel Souto

Este amor pola pedra salta á vista nas casas sinxelas dos labregos, nos valados das aldeas, nos muros de pedra seca ou nos petos de ánima. “Hai auténticas obras de arte en cantería, na colocación da pedra ves o amor da xente ao facer as cousas; e nunha pedra que estaba tirada no monte danlle catro toques de maceta e punteiro e queda precioso”, salienta, mais agora a tendencia, lamenta, en Occidente é facer grandes explanadas con escavadoras, botar placas de formigón e que veñan todas as pezas prefabricadas. A construción vai camiño diso porque non queda oficio”, indica.

“Os canteiros, os que vamos quedando, temos traballo e é raro a semana que non digo que non a unha obra”, asegura Diego Curras

Con todo, aos canteiros non lles faltan encargos. “Os canteiros, os que vamos quedando, temos traballo e é raro a semana que non digo que non a unha obra”, asegura Diego Curras. A meirande parte dos encargos proceden das vilas, onde hai que arranxar as casas e, segundo explica, sempre sae máis económico facer unha casiña na aldea que pagarte un piso en Vigo ou na Coruña. “Penso que é máis bonita a opción de poder facer unha casa ou un chalé, xa sexa de restauración como novo, que meterte nun polígono con 5.000 vivendas, pero para gustos cores e, ao final, o que manda, é a carteira”, sentencia Currás.

Traballos do canteiro Diego Currás para a reparación dun peto de ánimas que colapsara completamente nun accidente de coche. CC-BY-SA Cedida

Pedra (granito do país), madeira e barro. En cada zona deberíase traballar co material que haxa para evitar o feísmo e a pegada ecolóxica das importacións, defende. “En Galicia temos poboados castrexos de 3.000 anos de antigüidade, feitos de granito, de barro, que seguen aí en pé. Pois se ese material dá por que te vas meter noutro que vende China, que son polímeros inchados, que contaminan?”, cuestiona. 

No caso das esculturas adoita empregar barro para modelar, bronce, escaiola e algo de madeira. É o caso da escultura d’O Migrante, que recrea a historia dun rapaz de Malí que morreu no gran naufraxio de Lampedusa e, segundo transcendeu na prensa, levaba as súasnotas cosidas na roupa porque era moi bo estudante e quería vir a Europa. “É unha homenaxe tanto os inmigrantes que veñen de fóra buscando a vida e recibimos con pelotas de goma e concertinas,  como os que se foron, porque aquí había fame e a xente marchaba”, detalla Diego Currás, que espera poder colocar o conxunto escultórico nun espazo público da costa do litoral. 

Diego Curras sempre foi autodidacta, aínda que chancee dicindo que máis ben é como un “vampiro”. “Tiven a sorte de traballar con grandes canteiros e de todos vou sacando algo, mirando que podo aprender”, conclúe.

Vanesa Vázquez

Vanesa Vázquez

Viguesa do Calvario. Comecei e aprendín en Atlántico Diario, Radio Vigo e Expansión. Cada día conta e agora contámolo en VINTE e Praza.gal. 

Tamén che interesa

  • Caterina Varela “Levar dez anos cun proxecto como as Residencias Paraíso é toda unha conquista”

    Asegura que cada vez “pensa, máis que baila, a danza”, mais a Caterina bailarina resiste, permanece. A danza sempre está, aínda que non sempre sexa o seu propio corpo o suxeito activo. Artista, comisaria, creadora, xestora cultural e curadora... Ser bailarina e ter unha compañía de danza son cousas ben distintas. Sábeo desde os 25, cando levaba xa anos bailando de forma profesional e fundou a compañía La Macana, xunto co seu compañeiro Alexis Fernández. Caterina Varela dirixe tamén o colectivo RPM, que vén de celebrar os seus 10 anos de Residencias e Encontros Paraíso, todo un éxito e “unha auténtica conquista”, segundo explica a artista.

    VINTE na rúa

    Coa colaboración de

  • Paula Pintos, artista sonora e psicóloga "Precisamos abrir espazos onde poidamos parar, respirar, sentirnos e acompañarnos”

    "Non teño conciencia de existir sen ter melodías na cabeza, sen usar a miña voz, sen xogar con ela". A artista sonora e psicóloga coruñesa Paula Pintos protagoniza unha nova entrega do espazo Vinte na rúa. Pintos canta, experimenta coa voz, estúdaa e desenvolve a súa proposta artística ao tempo que tamén defende o seu uso na práctica terapéutica. VINTE estivo no festival Entre Covas, en Seadur (Larouco), para presenciar a estrea da súa nova proposta, Ícaro, e parolar con Paula Pintos.

    VINTE na rúa

    Coa colaboración de

  • Lula Goce: “Os artistas poden achegar moitísimo ao benestar social, a pensar os espazos dunha maneira máis humana”

    “Sempre me gustou pintar, realmente sempre se me deu ben”. Din que ninguén é profeta na súa terra, mais a artista urbana Lula Goce vén de rematar en Baiona A Doca, o mural máis grande de España, con case 350 metros de longo e uns 1.400 metros cadrados de arte e traballo duro para cambiarlle a face ao espigón da súa vila natal. Asegura que foi unha gran responsabilidade polo propio significado do lugar para a o pobo baionés e para ela mesma, mais fica orgullosa co resultado, que brinda unha homenaxe á xente do mar.

    Goce leva feitos máis dun cento de murais por todo o mundo e está agora “moi focalizada” en proxectos de intervención urbana, onde poida traballar en colaboración con outras disciplinas para mellorar os espazos que habitan as persoas.

    VINTE na rúa

    Coa colaboración de

  • Román Rojo, gaiteiro e percusionista “Encantaríame seguir sempre no tradi, pero a vida dá moitas voltas e sei que non vai ser fácil”

    Román Rojo comezou co tambor e logo chegou a gaita. Con 12 anos saíu de Camariñas e foi á Coruña para estudar a ESO, onde entrou na asociación cultural Xacarandaina. Alí descubriu tamén o mundo das cantigas populares, lanzouse a escribir e mantivo a súa lingua en contextos non sempre doados. “Cando eu cheguei aquí, con 12 anos, no meu instituto era o único galegofalante monolingüe. O único. Foi un cambio enorme. Na Costa da Morte, onde eu me criei, ninguén fala castelán”, explica Rojo. O mozo, de 17 anos, defende que o tradi tamén “pode ter un papel positivo na percepción que temos da nosa lingua. Ao final é unha maneira de revitalizar a nosa cultura. E o primeiro piar desa cultura é o idioma”, di.

    VINTE na rúa

    Coa colaboración de

Faite de vinte

A partir de 5€ mensuais podes suscribirte a VINTE e colaborar para que sigamos a producir contidos de calidade pagando dignamente as colaboracións de vídeo, fotografía, ilustración, xornalismo e creación de todo tipo.