Álbum de voda de Norma, de Porto de Espasante. CC-BY-SA Cedida
“Iamos e viñamos a pé, pasábalo mellor polo camiño que na festa”. Dez mulleres con dez historias que CRU Producións vén de investigar e poñer en valor a través do proxecto 'Cerimonias? que inclúe podcast, fotografías e reels, para recuperar a memoria oral e a xenealoxía propia das mulleres do rural galego fóra do relato máis idealizado. Maruja, Norma, Digna, Carmen, Mariví... abren as portas das súas lembranzas nun diálogo interxeracional onde o pasado e presente se atopan na rede, nunha sorte de democratización do acceso á historia social de Galicia. Cómpre pensar como se vivía ata hai ben pouco, poñer en valor os avances do conseguido e contrastalo co presente.
Desde este martes e durante as próximas semanas VINTE dará a coñecer historias de mulleres do rural, recollidas por CRU Producións baixo o paraugas do proxecto Cerimonias. Cos seus relatos podemos explorar como o sistema patriarcal atravesou os ritos de paso, a institución do matrimonio, a dote, o traballo invisibilizado e a autonomía sobre os propios corpos e decisións, poñendo en valor as súas resistencias e os avances conquistados cara á liberdade ata hoxe.
"Unha parella soa non saía porque non estaba ben visto", conta Maruja, de San Sadurniño, na primeira historia que daremos a coñecer. Logo virá Norma e mais Amparo, Nina, Digna ou Mariví. En total unha decena de testemuños con historias que van máis alá da curiosidade e constitúen auténticos relatos antropolóxicos na nosa historia (recente), fóra dos grandes relatos históricos androcéntricos. “Un obxectivo fundamental é analizar se a estética actual por estas tradicións ignora as loitas sociais que no seu día buscaron superar ese status. O fin último é xerar un arquivo interactivo que funcione como espazo de descubrimento e reflexión sobre como o privilexio reemerxe na nosa cultura visual”, explican desde a produtora galega.
Cerimonias é un proxecto transmedia (serie pódcast, reels e fotografías) desenvolvido por CRU Producións para a Deputación da Coruña, que recupera a memoria oral e a xenealoxía propia das mulleres do rural galego fóra do relato idealizado. Segundo explican desde a produtora, o destinatario clave é o público novo interesado na cultura visual actual e no xeito en que as tradicións reemerxen no mainstream. Esta audiencia moza atopará no proxecto un espazo para cuestionar a fascinación polas estéticas do sagrado e o privilexio, xerando un diálogo interxeracional sobre como o pasado e a identidade actual se atopan na rede, democratizando o acceso á historia social de Galicia.
A iniciativa xorde despois de varios anos traballando con entidades e servizos municipais dedicados á igualdade e á atención á muller, así como desenvolvendo proxectos sobre a muller rural tanto para institucións como outras entidades. O proxecto foi posible ao abeiro da convocatoria do Fondo de apoio a proxectos Culturais Singulares para a Mellora Social da Deputación da Coruña.
Moitas veces, explican, as realidades destas mulleres quedaban fóra do foco ou tratábanse de pasada, e parecía necesario darlles espazo para contalas: pensar como se vivía ata hai ben pouco, poñer en valor os avances e o conseguido e contrastalo co presente. A convocatoria de Proxectos Singulares foi o impulso definitivo para facelo desde CRU Producións.
Moitas veces, explican, as realidades destas mulleres quedaban fóra do foco ou tratábanse de pasada, e parecía necesario darlles espazo para contalas: pensar como se vivía ata hai ben pouco, poñer en valor os avances e o conseguido e contrastalo co presente
Todo o material irá saíndo nas redes de VINTE a través dunha serie de reels e carruseis fotográficos que funcionan como adianto e como arquivo visual e audiovisual das mulleres e dos seus espazos.
Toda esa peza de arquivo enlaza coa saída completa da serie de pódcast a finais de decembro, conducida por Rosalía Macías Tarrío e Sofía Camaño Deus, que integran e dan contexto ás entrevistas das mulleres protagonistas.
Á fronte do equipo de traballo está Iris Justo, que se encarga da realización do proxecto e leva a cabo o labor de produción xunto a Zoe Mera, percorrendo distintos puntos da provincia da Coruña para recoller estes testemuños: desde a comarca de Ortegal ata a Costa da Morte, pasando polo interior como Arzúa e Vedra.
O deseño gráfico e a identidade visual, pola súa banda, corresponden a Alba Cantalapiedra.