Martín, Diego, Pepe e Khatrú forman Pastor Eléctrico. CC-BY-SA Pastor Eléctrico
As letras son as protagonistas e a música, unha descarga eléctrica no momento exacto. No primeiro disco de Pastor Eléctrico atopamos historias inspiradas por persoas, lugares, cheiros ou sons reais do rural galego que Diego Guerrero foi atopando no seu percorrido por Galicia co programa Cos pés na terra, da TVG. “Eu non tiven aldea de pequeno como tal e entón atopei agora de maior a miña aldea percorrendo moitos lugares de Galicia e gravando moitas persoas”. Diego Guerrero é o director desta serie documental finalista como Mellor Programa e Mellor Realización nesta edición dos Premios Mestre Mateo. E desa experiencia agroman as dez cancións do primeiro traballo de Pastor Eléctrico.
“Un pastor eléctrico é unha liña eletrificada que se pon nas parcelas onde hai gando para dúas cousas: para que o gando non saia e para que as alimañas ou os estraños non entren. Ás veces eu mesmo ando poñendo pastores eléctricos para que non me molesten, para estar tranquilo na zona de confort, pero ao mesmo tempo ás veces penso que se cadra me estou a perder algo”. Diego Guerrero toca a guitarra, canta e é o artífice das letras que compoñen o primeiro disco de Pastor Eléctrico, de nome homónimo, que vén de publicarse a comezos do ano.
As letras son as protagonistas nun disco onde atopamos historias inspiradas no mundo rural que Guerrero leva percorrendo desde hai quince anos a bordo do programa Cos Pés na Terra (TVG). “Eu non tiven aldea de pequeno como tal e entón atopei agora de maior a miña aldea percorrendo moitos lugares de Galicia e gravando moitas persoas”. Diego Guerrero é o director desta serie documental finalista como Mellor Programa e Mellor Realización nesta edición dos Premios Mestre Mateo, cuxa gala terá lugar en Lugo o 21 de marzo.
O rural está cheo de obreiros e ser obreiro non adoita ser nada doado e menos, antes. Todo isto, dun xeito bastante subxectivo, está no disco”, detalla Guerrero
Nestas 17 temporadas e quince anos o artista lucense estima que entrevistarían a máis de 1.000 persoas, que achegan experiencias “para que a xente da cidade coñeza e a do rural se recoñeza”, segundo indica o director. E moitas desas persoas, lugares e, sons e mesmo cheiros inspiran as letras do disco de Pastor Eléctrico, onde desde logo non hai unha idealización do rural. “Eu imaxinei o tempo narrativo das cancións na época dos meus avós, cando os meus pais eran nenos. O rural está cheo de obreiros e ser obreiro non adoita ser nada doado e menos antes. Todo isto, dun xeito bastante subxectivo, está no disco”, detalla Guerrero.
Destas vivencias saen historias acedas como “A campá de Montefurado”, onde se fala dunha aldea onde case non hai casas con fume, sinónimo de despoboamento, nunha sorte de western galego onde o protagonista acaba facendo unha escopeta co cano da fonte.
O misterio e a retranca van da man no tema titulado “O neno ten un don”, que naceu da curiosa experiencia de Guerrero nunha romaría onde se adoraba a imaxe dun neno, que “curaba” a través da tradicional entrega de exvotos, que vendía un home fóra da capela onde esta a imaxe. “Houbo un momento que a capela estaba tan chea de exvotos que tiveron que pechar para limpar debaixo do neno porque había demasiados. Entón, por estas cousas de ser da tele, eu estaba dentro da capela cando fixeron iso e vin quen era o responsable de quitar os exvotos que non era outro que o mesmo tipo que os estaba vendendo fóra. Dime de conta que aquel neno tiña un don pero para facer cartos. Fíxome gracia todo aquel ambiente. Non é que a canción fale expresamente diso pero si que foi unha sensación que gardei”, detalla Diego Guerrero.
O tradi tamén salpica algunha peza como no caso de “Morren as flores”, onde contan coa colaboración d’As Teimas, actrices que fan improvisación teatral que tamén cantan e tocan a pandeireta.
“Hai moitos sintetizadores analóxicos, que crean un dos sons que temos, que no grupo chamamos ‘O pastor eléctrico’ porque soa como a descarga eléctrica”, indica Diego Guerrero
“O meu instrumento é a guitarra e toda a vida fixen as cancións desde a guitarra, pero desta vez decidimos facelo desde o baixo”, explica Guerrero. Desta forma, asegura, conseguiron darlle un carácter ao disco, cunha base rítmica moi sólida, que mesmo os levou a prescindir na gravación moito das guitarras. “Hai moitos sintetizadores analóxicos, que fan un dos sons que temos, que no grupo chamamos ‘O pastor eléctrico’ porque soa como a descarga eléctrica”, indica. “A música está pensada para darlle moito espazo as letras, que sexan protagonistas. Digamos que as estruturas son moi circulares de xeito que unha vez que as asimilas quedan un pouco de fondo para que o que teña presenza e forza sexan as letras”, incide. Algunhas cancións, segundo di, mesmo funcionan como unha gaita, cunha nota pedal que sostén toda a canción e ao redor desa nota sucede todo, como é caso d’A espiña cravada.
Mención á parte merece a historia de “Quero”, especialmente do seu videoclip, onde vemos imaxes de “El Día Grande”, un documental gravado no ano 68 sobre as festas da parroquia de Papucín, no concello de Frades (A Coruña).
O documental foi artellado por Manuel Castiñeiras, un veciño de Papucín que fixo vida en Madrid e tivo unha vida profesional moi interesante, segundo relata Diego Guerrero. “Manuel foi dobre de acción de Charlton Heston na película O Cid. El estaba rodeado de xente do cinema, abriu restaurantes onde iba moita xente do sector, e nese contexto fixo un pequeno comando e foi gravar as festas grandes da súa parroquia. Fixo un documental que se titula El Día Grande, con voz en off de Fernando Rey”, indica.
Guerrero subliña que o material pareceulle moi fermoso e déronlle permiso para utilizalo no videoclip, algo polo que está moi agradecido. O realizador foi o 15 de agosto do pasado ano, 57 anos despois do documental, gravar a mesma festa e inseriu tamén algún plano actual no videoclip de “Quero”. “Unha curiosidade é que o cura que oficiaba a misa de Papucín no 68 segue sendo o mesmo”, relata. “Hai un plano que está o cura todo molón, de mozo con gafas de sol e no seguinte plano xa é un ancián, pois é o mesmo home”, asegura Guerrero, que quixo gravar eses planos dende o mesmo sitio que o fixeran no 68, “como un acto de respecto cara a esas persoas que tomaron a decisión daquela”, explica.
Entre Islabikini e Holywater
Os membros de Pastor Eléctrico acumulan anos sobre os escenarios e teñen proxectos paralelos que compaxinan co novo grupo. Xunto a Diego Guerrero (que estivera en Islabikini) está Martín, tamén de Lugo, que é guitarrista en Holywater -onde tamén colaborou Guerrero- desde hai dúas décadas; en Pastor Eléctrico Martín toca a guitarra e os sintetizadores.
O baixo en Pastor Eléctrico é responsabilidade de Khatrú, arxentino de Tucumán, que tamén estivo de xira con Holywater antes de marchar para Londres, onde tocou con The Cursors e Those Three.
O cuarto integrante de Pastor Eléctrico é Pepe, que toca a batería. O de Ribeira formou en Compostela a banda Maltine, na que ademáis de compoñer os temas toca a guitarra eléctrica.
“Eu tiña as maquetas na casa e xa estaba un pouco aburrido de escoitalas. A verdade é que todos xuntos fixemos un bo traballo. Estou moi contento de que as cancións quedaran gravadas como quedaron e non sei que vai pasar, se tocaremos máis ou menos, claro que estarei encantado de tocar moito, pero estou moi contento de que quedara así o disco”, conclúe Diego Guerrero.