«Non tiñamos nin un mórfido para que marchasen tranquilos». «Tusían polo baixo porque tiñan medo a que os levasen». Os testemuños das traballadoras dan conta do horror vivido durante a pandemia nas residencias de maiores. E catro anos despois, as feridas non están pechadas.
O director Juanjo Castro vén de estrear en Cineuropa 7.291, un documental onde debulla o acontecido na comunidade de Madrid durante o pico da pandemia, cando se aplicaron os coñecidos como «protocolos da vergoña» -que na práctica impedían trasladar os maiores a hospitais- e morreu case o 20% dos anciáns que estaban en residencias. Dese total, que superou as 9.000 persoas, 7.291 corresponde co número de persoas falecidas nas residencias da comundidade gobernada por Isabel Díaz Ayuso que non foron derivadas a hospitais entre marzo e abril de 2020.
«Algo que descubrín é que este tipo de documentais removen a conciencia social. Eu non pretendo que a xente pense coma min, senón achegar o maior número de datos e de información e que despois cada persoa saque as súas propias conclusións», explica Juanjo Castro.
O documental, de dúas horas de duración, é unha sorte de crónica audiovisual do acontecido tecida a través dos testemuños de familiares de falecidos, residentes, traballadoras, responsables políticos, colectivos sociais ou xornalistas que investigaron os feitos. Combina entrevistas feitas para este traballo coas propias gravacións da comisión de investigación, que tras as eleccións se pechou sen a presenza dos máximos responsables políticos e sen resultado ningún; ou a comision cidadá, que conseguiu deitar algo de luz, catro anos despois, sobre as decisións tomadas naqueles días de marzo e abril de 2020.
O proxecto naceu no verán do ano pasado tras ler o libro “Morirán de forma indigna”, onde Alberto Reyero, ex conselleiro de Políticas Sociais (Ciudadanos) durante a pandemia, relata os feitos desde a súa experiencia antes de dimitir en outubro de 2020. «Eu sei que me ían criticar de todos os xeitos e, no canto de facer un documental ao uso, decidín facer este formato baseado nos datos e con testemuñas veraces», relata Castro.
O documental, de dúas horas de duración, é unha sorte de crónica audiovisual do acontecido tecida a través dos testemuños de familiares de falecidos, residentes, traballadoras, responsables políticos, colectivos sociais ou xornalistas que investigaron os feitos
O director explica que as circunstancias eran parecidas en todas as residencias do Estado, pero en Madrid coñecen en detalle os datos polo libro do ex conselleiro e porque o xornalista Manuel Rico obtivo os números oficiais de falecidos vía procedemento de Transparencia. Do mesmo xeito que xa o fixeran en Praza.gal, no caso galego, con publicacións en 2021 e 2022.
Complicado non conmoverse ao presenciar os testemuños de familiares e residentes contidos para sempre no documental que imploran explicacións sobre o que xa non ten remedio pero que podería evitarse no futuro, se melloran, por exemplo, as condicións das residencias, que son similares en todo o Estado.
Complicado non conmoverse ao presenciar os testemuños de familiares e residentes contidos para sempre no documental que imploran explicacións sobre o que xa non ten remedio pero que podería evitarse no futuro, se melloran, por exemplo, as condicións das residencias, que son similares en todo o Estado
«A meu pai matárono. Non tiña síntomas pero déronlle paliativos»; «Morrían sós porque non había persoal para acompañalos e darlle a man». Estas son algunhas das declaracións de familiares, que durante aqueles días reclamaban sen éxito un traslado hospitalario que nunca chegou. «O triste de todo isto é que non aprendemos nada e todo segue exactamente igual. Vivimos nunha sociedade enferma que non coida os seus maiores», alerta unha traballadora de residencia.
«Podemos entender que moitas persoas maiores polas condicións que teñen tanto físicas como psicolóxicas, ao mellor derivalas a un hospital pode ser incluso pero para iso debería ter habido unha valoración personalizada, que non houbo», subliña o director.
A día de hoxe este documental pretende que non se esqueza o acontecido e axudar á reparación. «Xa non se poden recuperar as vidas pero ten que haber un peche, acabar con isto», argumenta Juanjo Castro.
A día de hoxe este documental pretende que non se esqueza o acontecido e axudar á reparación. «Xa non se poden recuperar as vidas pero ten que haber un peche, acabar con isto», argumenta Juanjo Castro. «O que non pode ser é que a presidenta da Comunidade de Madrid non tivese nin un acto coas familias, con tantos falecidos. Iso por unha banda, pero, ademais, o resto da cidadanía ten que aprender algo do que ten pasado porque polo que estou a ver, a cousa sigue igual. Vén unha pandemia ou algo similiar e pasará o mesmo, haberá unha cantidade enorme de falecidos. Temos que aprender do pasado para non cometer os mesmos erros», explica.
7291 tivo a súa estrea pública este pasado domingo dentro do festival Cineuropa de Santiago e este mércores terá a súa premiere nos cines Verdi de Madrid coas entradas esgotadas nas datas anunciadas. Trátase dun proxecto autofinanciado e distribuído polo propio director, que vai sumando pases pouco a pouco, «como no fútbol» -segundo di el mesmo-: a medida que o boca orella pon o foco na seu traballo, son cada vez máis a salas do Estado que apostan pola exhibición do documental.