Quen pode resistirse a un bo bolero? Carlangas e Russiad Red tampouco puideron e veñen de asinar esta pequena pero intensa historia de amor en galego, que reinterpreta o clásico composto hai un século polo artista cubano Pedro Junco.
Quen fora líder de Novedades Carminha e a icona madrileña do indie presentan Nosoutros, unha peza cariñosa, fugaz e frontal; romántica e leve, urxente e reflexiva á vez, para pasarse as mans polos ombreiros e as cadeiras, pero tamén para versar sobre amores imposibles e noites que rematan.
Nosoutros chega case como unha sorte de BSO do peche da discoteca. Este sinxelo é unha peza para bailar agarrados e apertados, para despedir a noite como merece. Pero tamén é o último avance do imaxinario bailable que conterá o segundo exercicio discográfico en solitario de Carlangas, Bailódromo, Vol. 1.