De rapaz Iago Galego (Coruxo – Vigo-, 1996) era punki. Como vigués creceu escoitando a Siniestro e vendo o Xabarín na televisión. A música sempre formou parte da súa vida: estivo na banda de música de Coruxo, estudou no Conservatorio e con 15 anos xa quixo montar o seu grupo de punk, na contorna de Coruxo, con rapaces da zona. Estudou Enxeñería Informática en Santiago e, tras dez anos vivindo alí, considérase xa máis de Compostela ca de Vigo.
Foi en Compostela onde adoptou o alcume de Filloas e formou parte de grupos que tocaban por locais, aínda de xeito amateur, como Bakarrá, do máis auténtico garage punk. Entón chegou a pandemia, xa non se podían facer concertos, pero houbo tempo para pensar, compoñer e crear o seu proxecto musical máis persoal, Filloas .
Temas como a saúde mental ou a precariedade laboral que vive a súa xeración marcan unha proposta musical moi recoñecible, pensada para escoitar mais tamén para bailar. Filloas vén de gañar o premio de Novos Talentos do Festigal –onde actuará o 24 de xullo- e este martes tocará no escenario do Atlantic Pride, na Coruña, un pouco antes que Lontreira.
Por que Filloas?
É o meu alcume da universidade. Eu estaba nun colexio maior e alí levábase moitísimo o de pór alcumes. Como tocaba moito na guitarra a Filloa de Terbutalina, sempre fun Filloas para todos os colegas da Universidade, entón, pareceume súper lóxico ao facer un proxecto moito máis persoal poñerlle Filloas. E tamén dá a casualidade que é a miña sobremesa favorita.
No inverno de 2021 non se podían dar concertos e nacía entón o proxecto de Filloas. Como foi?
Daquela compartía piso cun colega que naquel momento non estaba e aburríame tanto que comecei a preguntarme como conseguían o seus sons os artistas que escoitaba eu, como Bad Bunny ou Duki. Era un ir probando. Aprendía a facer unha canción ao xeito que quería e a subía. E obviamente, Boyanka Kostova para min foi un antes e un despois para cambiar o punk polo urbano. Sendo de Vigo, comezamos moi punkis, pois moito Siniestro Total escoitamos de pequenos. Pero logo deume máis pola música urbana e agora electrónica.
Dicía non hai moito Noel Feáns sobre Filloas que «o futuro da música galega era isto. E mola mil». Filloas é un gran exemplo desta nova escena galega. Como ves ti o momento actual e os grandes compañeiros de viaxe que tes?
A verdade é que está sendo precioso. Cando empecei con Filloas para min non houbo unha razón de ser de facer música en galego. Era como eu me expresaba e simplemente escribía. Foi a posteriori, cando comecei a profesionalizarme cando descubrín que había unha nova escena. E, claro, ao comezar a ver o que estaba a facer Mondra e cando naceu todo o fenómeno Fillas...logo daste de conta de que todos tivemos a mesmas inquedanzas e moitas cousas en común. E a xente que logo levou isto ao neotradi xa é unha mestura cultural xenial.
«Aínda que eu non o queira nin me vexa así, os músicos acabamos sendo referentes para a normalización do idioma como foi o Xabarín para min»
Igual que para a rapazada dos 90 o Xabarín Club foi un axente normalizador da lingua galega pode cumprir esa misión a música actual en galego?
Si, nós que vimos de gañar o Novos Valores, do Festigal, unha cousa que nos premiaron foi un pouco ese espírito normalizador da lingua, que non é algo que eu perseguise, pero é certo. Se hai grupos que molan facendo música en galego, motivan que haxa máis grupos en galego. Se o fan por moda ou porque o sintan, a min dáme igual. Mentres máis xente fale o idioma e queira animar a cultura e que se faga no noso idioma, xenial. Estamos vivindo un momento no que aínda que eu non o queira nin me vexa así, os músicos acabamos sendo referentes para a normalización do idioma como foi o Xabarín no seu día para min.
Premio Novos Valores do Festigal e a axenda repleta de concertos para este verán. Este martes, 9 de xullo, no Atlantic Pride da Coruña e o 24 en Compostela. Veñen curvas para Filloas nos vindeiros meses.
Si, a verdade é que este ano se están a dar ben as cousas. Creo que estamos a recoller o que sementamos o ano pasado. O proxecto creceu moitísimo e todas as ideas que tiña na cabeza agora se poden materializar. Agora estamos traballando nun novo EP e a proxección é moi boa para facer chegar a máis xente a mensaxe.
Que ides ofrecer esta noite no Atlactic Pride?
Unha festa. Tivemos a inmensa sorte de que nos programaran o mesmo día que Lontreira, que son marabillosos e moi raveiros. Filloas por sorte ou por desgraza é un proxecto onde ten moita importancia o tema das letras. Entón hai que pórse a escoitar, aínda que sempre vai acompañado dunha música de festa, moi animada. Eu creo que nós imos animar a festa cunha serie de sorpresas e temos ganas de ver a cara da xente na Coruña.
«Realmente somos dous nenos xogando no escenario e a xente recibe algo moi cordial de nós»
Que papel ten Paula Ferraz no actual proxecto?
Paula é a razón de que todo funcione, de que se xunten todas as pezas e funcione a engrenaxe. A nivel de produción e composición o proxecto é totalmente persoal pero Paula entrou na parte dos directos. Ameniza todo, toca os instrumentos: a guitarra, o sintetizador… Se eu son músico de formación, ela é por dous. É unha rapaza de Marbella que temos adoptada aquí en Galicia que fala galego moito mellor que todos nós. É espectacular. Descargoume de moitísima responsabilidade e a xente di que somos unha dupla que transmitimos moi bo rollo. Realmente somos dous nenos xogando no escenario e a xente recibe algo moi cordial de nós.
Escoitado as letras si que dimana un certo pesimismo xeracional, mais hai tamén algo de espazo para a ilusión en temas como “Game Over”, no que se di que “hai que baixar a difilcultade deste xogo” pero sen renunciar a volver xogar. A xeración Z teno aínda máis complicado ca os Millenials?
No primeiro disco tiña un discurso moito máis pesimista, e logo, a raíz de facer o segundo e ver que me escoitaba alguén máis ca miña nai comecei a deixar un pouso de optimismo nas cancións, dun seguir para adiante. De feito, “Game Over” paréceme un exemplo brutal para iso. Todas as xeracións teñen o seu e eu, que ando un pouco entre a Xeración Z e os Millenials sempre vexo que na Xeración Z a xente fala moito máis das súas cousas, de saúde mental. Agora a xente diche máis abertamente que está mal. Estar fastidiado non é unha cousa que se leva a casa e se poida facer bóla. Non é que desaparezan os problemas nin que se vaian a solucionar, pero desde logo, se hai unha vía de que algo poida ir a mellor é como está a facer agora a rapazada, que é exteriorizar todo tipo de cousas que lle pasan negativas e positivas.
«No primeiro disco tiña un discurso moito máis pesimista, e logo, a raíz de facer o segundo e ver que me escoitaba alguén máis ca miña nai comecei a deixar un pouso de optimismo nas cancións, dun seguir para adiante»
E Filloas reflicte todo iso nas cancións, dando voz a moitas persoas da súa xeración.
-As miñas letras son súper persoais e eu escribo en prosa. Sempre fago como un ensaio antes de darlle forma de canción. Pero sempre desde a miña perspectiva. Desde que o proxecto foi crecendo o que pasa é que se me achega máis xente e dime que verbalizo o que sente entón non me queda máis remedio que dicir que si, que é un discurso xeracional. Creo que moita xente da miña idade está vivindo estas problemáticas sobre temas de saúde mental ou precariedade en xeral, como pode verse na canción de “Mediocre” e entón si, doume de conta de que é máis plural e máis xeracional do que eu pensaba.
Que esperas do futuro, cara a onde queres ir?
Agora mesmo son moi continuísta. Eu non esperaba que un proxecto como o de Filoas tivera calquera tipo de alcance mediático ou que alguén alleo a min puidera verter unha opinión sobre o meu proxecto. Eu creo que ten unha mensaxe moi boa, moi positiva, pero nunca tiven pretensións con isto. O que mola é que agora a xente está a fixarse en min, están apoiándome, teño máis xente detrás do proxecto que me consulta sobre o que quero falar ou como quero facer un lanzamento. Hai unha forza detrás de todo este traballo e só quero que siga sendo así, que teña unha liberdade creativa para poder explorar unha sonoridade moderna que me estea apetecendo escoitar en Galicia e en galego, e facela propia. Nese sentido agora estamos vivindo unha bonanza que flipas e só quero que por favor continúe. Agora estamos traballando nun novo EP , que xa está moi avanzado e que non vai deixar indiferente a ninguén.