Cora Velasco: “A miña formación escénica serviume moito máis na música que no teatro”

Mergullámonos no traballo de Cora Velasco (Pontevedra, 1991) para descubrir as súas influencias musicais, a súa evolución artística, a paixón que amosa pola música dos 80 e, sobre todo, para deixarnos enfeitizar por Sortilegios, o seu último álbum. 

O seu nome escrito nos carteis dos festivais pode levar a confusión. Non é Concha Velasco, aínda que dende pequena, ao igual que a cantante da Chica ye-ye, tamén quixera ser artista. Ela é Cora Velasco, unha moza pontevedresa que sempre fantaseou con ser bailarina de ballet, que marchou a Madrid estudar teatro no estudio de Juan Carlos Corazza e que, finalmente, acabou seducida polos encantos do mundo da música, no que se está labrando un futuro do máis prometedor. 

Os seus primeiros pasos no sector musical foron de busca. Primeiro, como corista e cantante principal de varios bandas de blues, pop e funk. Posteriormente, en solitario co pseudónimo artístico de Cora Sayers, baixo o cal publicou tres dos seus catro traballos: Origen  (EP, 2014), I´m home  (LP, 2016) e Sandoval, 4 (EP, 2017). No 2018 chegou o descubrimento da súa verdadeira identidade musical, un camiño cara á madurez artística e persoal no que apostou polo castelán como idioma de creación e polo seu apelido paterno, Velasco. Actualmente, mentras imaxina futuros proxectos creativos, atópase inmersa na xira do seu último álbum Sortilegios (2018), que publicou da man do productor Javier Abreu. Un disco de cancións pop moi persoal e onde nos deixa unha mensaxe clara: isto de perseguir os seus soños non era Algo provisional.

Formácheste como actriz en Madrid e tamén practicaches ballet, que propiciou que decidiras dar o salto á música?

Eu estaba en Madrid estudando interpretación e non acababa de estar de todo contenta coa miña elección. Un día presentouse a oportunidade de facer un exercicio na clase que se chamaba “O momento íntimo” e tiña que facer algo que non fixera diante de ninguén. Decidín cantar e tocar unha canción. Lembro sentirme moito mellor nese momento concreto, ao cantar esa canción, que nas horas de exercicios e de práctica de interpretación, así que me dixen: ui, aquí hai algo!

As disciplinas artísticas tenden a retroalimentarse, serviuche de algo a túa formación teatral á hora de explorar a túa faceta musical? 

Si, de feito eu sempre digo que a miña formación escénica serviume moito máis na música que no teatro. As veces sorpréndome empregando na música recursos e ensinanzas non tan só de técnica interpretativa senón tamén de técnica de traballo, de constancia e de esforzo que me inculcaron na escola de teatro… Hai un punto no que conflúen, no que si que podes mesturar as dúas ensinanzas e a min páseme por completo.

No 2018 Cora Sayers dálle paso a Cora Velasco, un cambio de nome e, tamén, de todo o teu traballo anterior. A que se debeu esta ruptura? Creo que o feito de ser teloneira no 2018 nun concerto de Jorge Drexler tivo algo de culpa, non si?

En primeiro lugar, o de Jorge Drexler foi unha revelación porque eu nese momento, nese concerto, decateime de que se quería polo menos tentar chegar ao seu nivel ou a algo similar tiña que facer moitos máis esforzos dos que estaba a facer. Por outra parte, ao compoñer en castelán e sendo galega sentinme super ridícula cun apelido inglés dun filme que me gustaba moito de adolescente e que agora xa non me gusta tanto. Trátase de Black Swan, onde a personaxe que interpreta Natalie Portman chámase Nina Sayers. Decidín entón que tiña que adoptar o meu propio apelido, aínda que mediteino bastante porque hai unha similitude moi grande con Concha Velasco (comenta entre risas).

Se tiveses que citar algún referente musical, cal sería?

Os meus dos grandes referentes son Antonio Vega e PJ Harvey. Gústame tamén moitísimo a música dos anos 80 en España. De feito todas as versións que fago son de esa época. Ademais gústame facer versións de grupos que non sexan tan coñecidos. Agora estoume adentrando no mundo do grupo de rock Triana. Non sei, creo que coa idade fun facéndome máis aperturista, escoitando un pouco de todo. Cando es adolescente céntraste nun tipo de música, por exemplo no punk, no rock... logo cos anos vas descubrindo que mesmo hai cancións de reguetón que che poden gustar, non pasa nada, fóra complexos!

A que se debe o nome do teu último álbum, Sortilegios? Cres na maxia e na adiviñación? Es supersticiosa? 

A verdade é que non o son. A historia é simple, eu estaba de viaxe a San Francisco coa miña irmá. A min dame moito medo voar e o voo era longúisimo, unhas 12 ou 13 horas, así que decidín que tiña que levar un libro que xa lera moitas veces e que me servira de bálsamo para estar tranquila. Era o libro de Harry Potter, que a min encántame incluso a día de hoxe. No libro hai unha parte na que os irmáns Weasley abren unha tenda chamada Sortilegios Weasley. A palabra `sortilegios´ pareceume súper bonita porque case nunca se emprega. Así que me dixen que se ese ano gravaba un disco chamaríase Sortilegios, e así foi. 

Portada do álbum ‘Sortilegios’ deseñada por Nati Umpiérrez. © Nati Umpiérrez

Moi acorde ao nome do disco é a portada deseñada por Nati Umpiérrez , como xurdíu a idea do deseño e que quere simbolizar?

Miña prima, Noela Covelo, encargouse de recompilar os conceptos clave do disco, imaxes e palabras nas que eu non tiña reparado pero que conforman a súa esencia. A partir desas ideas Nati realizou o deseño e conseguiu crear esa marabilla. A man de seis dedos foi unha licenza que Noela se quixo permitir por meter algo místico, máxico e diferente, que chamase a atención. O anel que ten nos dedos é o anel da miña avoa e que levo eu sempre; a gata é esta (amosa a unha gatiña negra a través da cámara do ordenador), e logo aparecen referencias á natureza, eu son moi urbanita pero síntome moi conectada coa natureza. Tamén aparece o meu ollo e a cor vermella, que é algo que se menciona no disco na canción Algo provisional… As fotografías do disco son de Jaime Olmedo

Sortilegios é o teu traballo máis personal ata o de agora, qué podemos atopar nel? 

É un disco, como todo o que eu fago, cen por cen persoal. Fala, sobre todo, dese momento complicado que eu pasei durante a súa creación. Notaba que tiña que dar un paso, que facer un cambio con todo o que iso conleva: as inseguridades, os medos, a ganas de facer algo e non saber como, as ganas de explorar. Foi un disco no que depositei moitas horas de traballo nas cancións e reflexa o que foi ese momento de ganas e de medo ao mesmo tempo. 

Non podo deixar de mencionar a versión da canción dos 80 Arponera de Esclarecidos. Cristina Lliso, a que fora vocalista do grupo, deuche a noraboa mediante unha chamada sorpresa durante o programa Disco Grande de Radio 3. Por que esta canción? Que simboliza para ti?

Eu quería facer unha versión, pero non tiña claro de que canción. Estiven un tempo escoitando as miñas listas de Spotify e, finalmente, apareceu esta e pareceume impresionante. Ademais, como me dixo Cristina Lliso durante a nosa conversa en Radio 3, son a primeira persoa que fai unha versión recoñecida dunha canción do grupo…. Para min foi incrible que a propia persoa que cantaba esa canción me felicitase, foi flipante!

Esta canción é un clásico dos 80 e, como xa comentaches, decláraste fan da música desta época. Que teñen as cancións dos 80 que tanto te atrapan?

Creo que é unha herdanza dos meus pais. Eles viviron os 80 plenamente e encántalles a música. Miña nai é super fan de Antonio Vega. De feito, cando morreu, miña nai e mais eu collemos un autobús dende Pontevedra a Madrid para deixarlle flores na SGAE. Eu estaba en plenos exames en segundo de bacharelato e saín en todas as televisións. Cando volvín ao instituto os profesores comezáronme a chamar ´la chica de ayer´. Creo que me gusta esta música porque a escoitaba na casa e porque me traslada a un lugar seguro, querido. É algo que me remove bastante. Gústame moito tamén a música dos 50 e 60 dos EEUU, dos 70 en Gran Bretaña, pero para min como a dos 80 en España non hai outra.

Falando de Antonio Vega, refíreste a el na canción “La delicadeza”.

Si, en “La delicadeza” fago mención a “El alpinista de los sueños“, que é o nome co que o alcumaron cando lle fixeron o disco homenaxe.

Comentaches nalgunha entrevista que Javier Abreu, produtor de Sortilegios, sacoute da túa zona de confort. Como foi traballar con el?

Eu non traballara nunca cun produtor e el foi o que encauzou os temas e o que me axudou a darlles unha terceira dimensión. Foi o que me empurrou a probar outras cousas, a traballar doutro xeito, a traballar máis. Penso que a figura dun produtor é fundamental no plano musical.

Agora estás coa xira de Sortilegios. Como é vivir unha xira en medio dunha pandemia mundial?

Dende o punto de vista do artista ves á xente sentada e a sensación é extraña...a xente ten medo, sobre todo cando os concertos son en sitios pechados coma nos concertos nos que estiven eu ata o de agora. É complicado, pero xa tiña tantas ganas de volver… aínda que asistan dúas persoas soas eu entrégolles todo. 


Próximos concertos: 8 de agosto no ciclo de concertos acústicos `Terrasón 2020´ , na Praza de Andrés de Prada (O Barco, ás 23:00); e 09 de agosto nas Festas da Peregrina, na Praza da Ferrería (Pontevedra, ás 22:00).

 

Cora Velasco participa no ciclo ‘En3vistas’ organizado pola Concellaría de Normalización Lingüística de Pontevedra. O venres 24 de xullo estará na Ponte do Burgo desta cidade ás 20h conversando sobre lingua con outro músico pontevedrés: Marcelo DoBode.


 

© En3vistas
Adela Bértolo

Adela Bértolo

Adela Bértolo (1985, Pontevedra) é xornalista especializada en cultura, reporteira de TV e actriz. Compaxina a súa paixón polo xornalismo coa súa faceta de improvisadora teatral e monologuista de Stand Up Comedy.

Faite de vinte

A partir de 5€ mensuais podes suscribirte a VINTE e colaborar para que sigamos a producir contidos de calidade pagando dignamente as colaboracións de vídeo, fotografía, ilustración, xornalismo e creación de todo tipo.