“A isto xogaba a túa nai con oito anos”. Chega Pixel á feira, con récord de videoxogos galegos e moitos clásicos

Videoxogos clásicos e proxectos galegos. Este son os dous eixes sobre os que pivotan os contidos do primeiro salón galego do videoxogo, baixo o nome de Pixel á feira, que terá lugar este sábado e domingo en Compostela, con entrada de balde.

A feira celebrarase no Pazo de Congresos de Santiago con máis de 50 videoxogos creados en Galicia para probar e unha ampla programación que inclúe concertos, teatro, encontros con profesionais e ata un certame que recoñecerá a calidade e innovación de proxectos creados ou traducidos ao galego, da man da Deputación da Coruña, promotora da feira.

 

“Queremos que sexa un evento atractivo incluso para xente que non está familiarizada co videoxogo e que poida vir, por exemplo, para ver ao Barroquista, que poden coñecelo doutros ámbitos, ou polo concerto de Tiavioli ou polo show de improvisación teatral. A través deste tipo de actividades que vaian á feira e que descubran máis cousas relacionadas co videoxogo”, detalla Iago Gordillo, comisario do salón e fundador de Recuncho Gamer.

“Queremos que sexa un evento atractivo incluso para xente que non está familiarizada co videoxogo e que poida vir, por exemplo, para ver ao Barroquista, que poden coñecelo doutros ámbitos, ou polo concerto de Tiavioli ou polo show de improvisación teatral", detalla Iago Gordillo, comisario do salón e fundador de Recuncho Gamer

O MUVI, Museo do Videoxogo de Galicia traerá 22 pezas emblemáticas da historia do sector, desde The Wall (1986), considerado o primeiro videoxogo galego, pasando por O misterio das 7 pezas, pioneiro na nosa lingua. A mostra inclúe tamén títulos como o Super Woden: Rally Edge, adianto dunha das sagas galegas máis exitosas que verá a luz en 2026, tal e como detallou o creador Vijuda, en conversa con VINTE. Na feira tamén estará o Cybershadow, xogo con máis de 300.000 xogadores no que participa un galego no equipo de desenvolvemento; e Glest (2004), referente do software libre.

Xerme, de Acariño Games, un dos proxectos galegos que se presentará no salón do videoxogo. CC-BY-SA Cedida

O público poderá descubrir e xogar a videoxogos que se están a facer hoxe en Galicia. Estudos como ChusChus Games, con tres propostas propias (Spells & Spices, Toupi e o seu día de merda e Candil), ou a Universidade da Coruña, que presentará demos creadas polo seu alumnado, compartirán espazo con outros proxectos independentes e creadores emerxentes. Entre eles, Xerme, de Acariño Games, Golpes e Broucazos, de Widijou, Die or Die (Ao Norte), Gelantina tiene hambre (Under Castle) ou Mail to the Moon (Michiños Fofiños) son algunhas das propostas que se achegarán ao público. 

O público poderá descubrir e xogar con videoxogos que se están a facer hoxe en Galicia como Xerme, de Acariño Games, Golpes e Broucazos, de Widijou, Die or Die (Ao Norte) ou Super Woden: Rally Edge, de Vijuda

Pixel á feira nace co foco posto nun público familiar e xunto cos videoxogos galegos terá moito peso os clásicos. “Temos xeracións de nenos e nenas dos 80 e 90 que creceron xa co videoxogo e que agora seguramente teñan fillos e fillas ou sobriños e potenciamos esta a parte do videoxogo clásico para que veñan con toda a familia e descubran o xogos e digan, “Mira, a iesto xogaba a túa nai cando tiña oito anos”, relata Gordillo.

As máquinas recreativas ocuparán un lugar protagonista nesta primeira edición de Píxel á Feira. O público poderá xogar en máquinas orixinais de Daytona USA (1993) con ata oito xogadores simultáneos, chegadas da man de Mikado Game Center Europe, referente internacional na preservación e restauración de arcades xaponesas. Desde a organización salientan que estas recreativas son cada vez son máis difíciles de atopar e constitúen verdadeiras xoias da cultura dos anos noventa con clásicos de Capcom, SEGA ou Taito. 

O público de Píxel á feira poderá xogar en máquinas orixinais de Daytona USA (1993) con ata oito xogadores simultáneos CC-BY-SA Cedida

A programación de Píxel á Feira combinará máis de trinta actividades que conectan industria, cultura e entretemento, con encontros profesionais sobre tradución e localización en galego, educación e o selo galego do videoxogo. 

Paula Rodríguez, doutora en Equidade e Innovación pola Universidade de Vigo, participará no encontro “Videoxogos na educación”, xunto á investigadora vasca Isi Cano, o domingo pola mañá. “Os videoxogos poden ser moi útiles como unha ferramenta igual que o cinema ou un podcast, pero non como o centro da educación”, defende Rodríguez. A investigadora,  profesora na Universitat de les Illes Balears, subliña a necesaria “planificación, organización e formación do profesorado” para utilizar estas ferramentas  nun eido tan cambiante en constante actualización.

Paula Rodríguez, doutora en Equidade e Innovación pola Universidade de Vigo, participará no encontro "Videoxogos na educación" CC-BY-SA Cedida

“Na miña tese doutoral utilizo o videoxogo A normal lost phone, que é unha historia dun telefono perdido que é dunha desarrolladora francesa que se chama Accidental Queens. É un videoxogo considerado alternativo, independente. Eu utiliceino para sensibilizar sobre o colectivo LGTB, concretamente o colectivo transxénero para futuros e futuras educadoras sociais, pero hai un traballo detrás. Non é simplemente que o alumnado xogue e xa está senón que hai un traballo de actividades complementarias de sensibilización, conciencia crítica, etc.”

“Na miña tese doutoral utilizo o videoxogo A normal lost phone, un videoxoego considerado alternativo, independente para sensibilizar sobre o colectivo LGTBI, concretamente o colectivo transxénero", subliña Paula Rodríguez, doutora en Equidade e Innovación pola Universidade de Vigo, que participará no encontro “Videoxogos na educación”

Preguntada sobre algún videoxogo que valla para traballar nas aulas, Paula Rodríguez refire Papers, please, unha proposta “un pouco dura, porque no xogo es como un axente de aduanas e decides quen entra ou non no país” pero quere deixar claro que o videoxogo é “só un elemento que hai que traballalo detrás, cómpre contextualizar”, asegura. 

“Agora mesmo na Universidade de Baleares estamos a desenvolver uns proxectos Relacionados coa posidonia mariña que pretenden sensibilizar o alumnado para a protección da Posidonia. O videoxogo é moi motivador, é fantástico pero hai que traballar. É unha excusa para que o alumnado se motive e podes fomentar a empatía a sensibilización”, destaca a investigadora ourensá.

A Normal Lost Phone, un videoxogo de Accidental Queens. CC-BY-SA Accidental Queens

Violeta Moldes, pola súa banda, investigadora predoutoral do grupo Medium na Universistat Pompeu Fabra e artista 2D na industria indie, participará no encontro “Selo galego do videoxogo” xunto cos creadores Víctor Justo (Vijuda), Sara Cubelos e Víctor Fernández. Moldes lamenta que en Galicia o desenvolvemento do videoxogo non está moi asentado. “Tiñamos unha herdanza da animación que non se soubo aproveitar, non se trasladou aos videoxogos que son un movemento emerxente agora mesmo tanto no Estado como en Europa e no resto do mundo”, asegura Violeta Moldes, que tamén é membro do colectivo artístico Resistència Videolúdica e da Coordinadora Sindical do Videoxogo (CSVI), que promove unha mírada crítica e social dentro do sector.

“Fai moita falta animar a escena do videoxogo en Galicia pero desde unha perspectiva quizais máis artística e cultural non soamente de industria, sempre coa cautela de non replicar dinámicas que non funcionaron anteriormente”, puntualiza Violeta Moldes, artista 2D

“Fai moita falta animar a escena do videoxogo en Galicia pero desde unha perspectiva quizais máis artística e cultural non soamente de industria, sempre coa cautela de non replicar dinámicas que non funcionaron anteriormente”, puntualiza Moldes, en relación á onda de despedimentos que golpeou a industria a nivel global. “Así como queremos que exista  o cinema, o teatro ou a literatura galega, queremos que exista unha escena do videoxogo galego, pero non á costa de prácticas abusivas das industrias”, acrecenta.

Violeta Moldes é unha das creadoras convidadas ao encontro "Selo galego nos videoxogos". CC-BY-SA Cedida

A deseñadora e investigadora coruñesa, que recentamente foi a directora de arte do videoxogo catalán Denshattack! e vén de participar tamén nos deseños de Die or Die (Ao Norte), lamenta que a maioría das traballadoras de videoxogo galegas teñen que ir necesariamente a outras partes do Estado para poder traballar, tal e como fixo ela e reclama axudas para as creadoras galegas , para priorizar a xente emerxente, fóra das lóxicas do mercado, como están a facer en Francia, segundo explica. “Non quero que veñan empresas de fóra a parasitar Galicia, tal e como están a facer grandes corporacións de capital estranxeiro en Barcelona”, salienta.

Na programación de Pixel á feira destaca o concerto de Tiaviolí Gaming -que actuará por primeira vez en Galicia-, a charla sobre Arte & Historia nos Assassin’s Creed de El Barroquista, ou o espectáculo Impro Gamer das Reinas Malas, con Marita Martínez, Lucía Veiga e Ángela Triana, en clave de comedia con estrea exclusiva na feira.

Marita Martínez, Lucía Veiga e Ángela Triana estrearán o espectáculo "Impro-gamer" en Píxel á Feira. CC-BY-SA Cedida

Mención á parte merece a palestra “Modelando Galicia”, con Andrés Armesto, modelador 3D responsable de que no videoxogo Cities: Skylines aparezan edificios emblemáticos como a Casa do Concello de Ourense, o Pazo de Raxoi de Santiago ou a Catedral de Lugo.

Tamén estarán presentes o podcast en directo Recuncho Gamer e do Exército Mekemeke, o Gamesong Trivial Musical, o músico Filloas para falar de Videoxogos na música mainstream e o encontro "SEGA fíxoo antes" co divulgador Marc Rollán “El Funs”, que repasará os fitos da compañía no seu 65 aniversario.

Podes ver a programación completa aquí

Vanesa Vázquez

Vanesa Vázquez

Viguesa do Calvario. Comecei e aprendín en Atlántico Diario, Radio Vigo e Expansión. Cada día conta e agora contámolo en VINTE e Praza.gal. 

Tamén che interesa

  • Víctor Justo, creador de videoxogos: “Poder vivir do teu ‘hobby’ é o soño de calquera persoa”

    Tiña un grupo punk en Vigo chamado Woden e estudou soldadura, mais hai xa anos que Víctor Justo Dacruz gaña a vida como creador de videoxogos. No medio da pandemia montou a súa empresa, coas súa iniciais Vijuda, e colocou no mercado un xogo de condución estilo arcade con estética retro que leva a súa antiga banda no nome. Vijuda está a piques de facer público o cuarto videoxogo da saga Super Woden, coa que busca exaltar os coches clásicos, unha das súas grandes afeccións, xunto cos videoxogos, claro. “A día de hoxe o Súper Woden GP 2 é o videoxogo indie con máis coches e máis circuítos que existe, con 200 vehículos modelados”, asegura Víctor Justo.

    VINTE na rúa

    Coa colaboración de

  • Recuncho Gamer. «O videoxogo é o produto cultural máis completo»

    Guión, música, ilustración, deseño. Todo isto está nos videoxogos, onde, ademais, hai unha compoñente interactiva que permite cambiar a historia segundo a destreza de quen xogue. No Recuncho Gamer que vén de facer catro anos e recibir distincións como o premio Youtubeiras e o Mil Primaveras da CTNL, falan de videoxogos desde Galicia e en galego, claro. «Hai videoxogos que poden ter uns valores máis ricos e outros que poden ser máis de consumo fácil, pero iso pasa tamén no cine e na literatura, pasa en todo», explica o fundador do Recuncho Gamer.

    Iago Gordillo pon en valor o traballo que están a facer os estudios indies, con historias máis diversas e representativas en xénero ou raza. Se esperan detalles do Call of Duty ou o Fifa, este non é o lugar.

    Videoxogos
  • Entrevista | Filloas: «A miña música é máis xeracional do que eu pensaba»

    De rapaz Iago Galego (Coruxo – Vigo-, 1996) era punki. Como vigués creceu escoitando a Siniestro e vendo o Xabarín na televisión. A música sempre formou parte da súa vida: estivo na banda de música de Coruxo, estudou no Conservatorio e con 15 anos xa quixo montar o seu grupo de punk, na contorna de Coruxo, con rapaces da zona. Estudou Enxeñería Informática en Santiago, e tras dez anos vivindo alí, considérase xa máis de Compostela ca de Vigo.

    Temas como a saúde mental ou a precariedade laboral que vive a súa xeración marcan unha proposta musical moi recoñecible, pensada para escoitar mais tamén para bailar. Filloas vén de gañar o premio de Novos Talentos do Festigal –onde actuará o 24 de xullo- e este martes tocará no escenario do Atlantic Pride, na Coruña.

    Música
  • Exército Mekemeke. Destripando a dobraxe con Antón Rubal

    Sempre é un auténtico pracer escoitar de novo a voz de Antón Rubal a través dos micros do mekerocho. Regresa un dos primeiros mekemekes que pasou polo programa para repasarmos a súa carreira como actor e director de dobraxe. 

    Ademais, poñémolo a proba para ver se é capaz de recoñecer a personaxes míticos da xabaxeración aos cales el lle puxo voz.

    Exército Mekemeke

Faite de vinte

A partir de 5€ mensuais podes suscribirte a VINTE e colaborar para que sigamos a producir contidos de calidade pagando dignamente as colaboracións de vídeo, fotografía, ilustración, xornalismo e creación de todo tipo.