Podcast

Café Derby 21. Tanxugueiras, Eurovisión e as tesoiras do polbo

E chegamos ao último programa do 2021! Dous días atrás era xaneiro e non asomaban nin de lonxe as horas e horas de conversas que nos quedaban por diante. Quizais xa non somos tan novatas.

 

Este ano foi o dos estouridos e fenómenos, de éxitos en moitos ámbitos, por iso queremos pechar o ano acompañadas pola Palabra do Ano segundo unha enquisa da RAG. Bueno, non coa palabra en si mesma. Con Olaia, Aida e Sabela. Vaia, as Tanxugueiras! Que así entendémonos todxs.

 

Virais ata máis non poder polo talento e carisma que liberan, Tanxugueiras é unha das opcións favoritas no Benidorm Fest, preselección para Eurovisión. Con elas tres falamos desta aventura e do proceso, das sensacións e emocións, da posta en escea que pode ter Terra e das súas favoritas (pero non cos rivais, que todas son amigas).

 

Tamén atopamos oco para tratar o tema da música tradicional, da confusión co tema “celta”, do idioma, de barreiras, de problemas de aviación e, sobre todo, para rir. Porque estas tres mestras teñen humor e garra para roubarnos a nós mesmas o programa.

 

Moitísimas grazas por acompañarnos neste ano 2021, sen vós somos pouco menos ca tres laretas ❤️‍

Créditos

O Café Derby é unha sobremesa cultural e virtual. Con Nicolás Carreira, Carme Domínguez, Adrián Lede e un convidado ou convidada cada semana. 

 

Co patrocinio de PuntoGal e Deleite.

Faite de vinte

A partir de 5€ mensuais podes suscribirte a VINTE e colaborar para que sigamos a producir contidos de calidade pagando dignamente as colaboracións de vídeo, fotografía, ilustración, xornalismo e creación de todo tipo.