Tanxugueiras. A falta de poderen saír de xira, triunfan creando contido para internet

Co patrocinio de

© Captura do Youtube de Tanxugueiras

Veñen de acadar o milleiro de subscricións en Youtube e de abrir unha conta en TikTok, ademais de manter unha intensa actividade nas stories de Instagram. Tamén remataron unha serie de entrevistas en directo con diversas persoas da cultura e da comunicación. Olaia Maneiro, Sabela Maneiro e Aida Tarrío fixeron das redes sociais o lugar onde manter a conexión co mundo e sobre todo co público. 

 

Ás Tanxugueiras a crise do coronavirus colleunas ao pouco de comezar a xira de presentación do seu último disco, Contrapunto. Xusto a fin de semana que pechou todo tiñan citas previstas en Vilalba e en Monterroso, e na súa axenda prevían para esta primavera viaxar a Bélxica e ao Reino Unido. O verán prometía ser movido en canto a concertos e festivais, pero o estado de alarma truncou os seus plans, como os de moita outra xente. 

Mais elas, xa moi activas nas redes sociais, decidiron non deixar de estar en contacto co seu público. E ademais de dominar as stories e os directos de Instagram, como fixeron ao comezo desta crise moitos artistas, quixeron ir máis alá cunha estratexia de contido na rede un pouco máis planificada. Así naceron os Tanxuvermús, unha cita diaria durante dúas semanas con 15 persoas do mundo da arte e da comunicación. Virtual, claro, usando videoconferencia pero retransmitida en directo en Youtube cada día ás 13h. 

Ao longo destes encontros, de media hora de duración, as pandereteiras e o seus convidados comentaban como están a vivir estes días, á vez que realizaban xogos con letras tradicionais, propuñan actuacións ao vivo ou respondían preguntas do público. Dese xeito Olaia, Sabela e Aida reveláronse como unhas grandísimas comunicadoras e véselles moi cómodas neste formato de entrevistas desde a casa. Estas son algunhas das conversas e momentos que máis recomendamos:

O 3 de abril puidemos gozar en exclusiva dunha versión acústica do éxito “Rebolando por ti” de Verto, un dos grupos revelación deste ano. Neste encontro as Tanxugueiras tamén fixeron unha versión do seu tema “Pa’ impresionar”. Haberá próxima colaboración á vista?  

 

Como adoita acontecer sempre que se conversa con Rodrigo Cuevas, o Tanxuvermú con el foi do máis interesante. E dalgún xeito o feito de ter o músico asturiano tocando na casa para elas “Muerte en Motilleja” foi como se estivese tocando para nós. 

 

Con Sabela Ramil falan de Operación Triunfo, do seu disco Despedida, da xira que tiña prevista para setembro e seguramente teña que adiala… a cantante de Bravos tamén pasou con éxito o xogo que as Tanxugueiras lles propoñen aos seus convidados: completar letras de coplas tradicionais. 

 

Polos Tanxuvermús pasaron tamén Guadi Galego, Carlos Blanco, Xosé Ramón Gayoso, X.A. Touriñán, Rubén Lino de Poetarras, Rubén Sierra de La Pegatina, , as xornalistas Teresa Cuiñas e Pilar García Rego, a banda Monoulious DOP, a música Anusha Ramasubramoney (que se atopa na India e acompañou as Tanxugueiras cando estiveron de xira por aquel país), Pepe Cunha, do portal Ábrete de orellas, Alex Hohmann (técnico de son  que agora percorre o mundo en bicicleta cun fin solidario) ou os youtubers Aquele e Olaxonmario. Con eles mantiveron unha interesante charla sobre a precariedade no sector cultural. 

 

Nesta conversa preguntáronlles a Aquele e Olaxonmario quen eran os youtubers en galego con máis de 1000 subscritores, e concluíron que eran tres: eles dous canda Brais Doval, (coñecido agora como colaborador do programa da TVG Malicia Noticias). Pois ben, agora son catro, porque a canle das Tanxugueiras acaba de superar tamén o milleiro na súa canle. Estamos diante dunhas novas youtubeiras-pandereteiras?  Pois preparádevos porque tamén acaban de chegar a TikTok

@tanxugueiras

Estreamos Tiktok!!! Todo era malotada ata que... 😎🤯😱 Estrenamos Tiktok todo era malotada hasta que.. #mú#sica #ga#licia #tr#adición #to#mafalsa

♬ sonido original - tanxugueiras

Máis cousas das Tanxugueiras

Faite de vinte

A partir de 5€ mensuais podes suscribirte a VINTE e colaborar para que sigamos a producir contidos de calidade pagando dignamente as colaboracións de vídeo, fotografía, ilustración, xornalismo e creación de todo tipo.