Vinte celebrando o ascenso do Dépor CC-BY-SA Javier González
O Deportivo, dende hai máis dun século, é moito máis ca un equipo de fútbol. É, entre outras moitas cousas, unha porta de entrada á cidade, unha linguaxe compartida e unha forma de pertenza. Para moitos coruñeses (e coruñeses de adopción), seguir ao Dépor significa atopar unha comunidade, establecer amizades e comprender mellor o lugar no que decidiron construír a súa vida.
Nunha cidade onde o fútbol forma parte da conversa cotiá, vestir a camiseta branquiazul ou compartir a bancada de Riazor converteuse, para moitos, nun xeito de sentirse na casa.
Pero o deportivismo tamén é unha historia de vínculos familiares. De pais que levaron os seus fillos por primeira vez ao estadio no que agora desfrutan cos seus netos. De netos que herdaron unha paixón que nunca lles foi imposta, senón transmitida a través dos recordos, dos desprazamentos, das vitorias e das derrotas compartidas.
Agora, o Depor, despois de oito anos, volve á categoría máxima do fútbol español, e en VINTE facémoslle esta pequena homenaxe, con cinco historias de cinco Coruñeses, de aquí e de aló, que nos falan de fútbol, si, pero sobre todo de afectos, de identidade e de pertenza.
Adam Hickey
Son de Irlanda, dun pobo do sur que se chama Clonmel. Vin á Coruña por primeira vez en 2018 e xa me gustaran a xente e a cidade, pero daquela era profesor de inglés nun colexio e só tiña un contrato de verán, así que tiven que marchar.
Despois diso vivín en Málaga coa que hoxe é a miña muller, que é de alí. Volvín a Irlanda durante a pandemia da COVID e ela acompañoume. En xaneiro de 2024 decidimos vir vivir a España. A idea inicial era volver a Málaga, pero fixemos o Camiño de Santiago e acabamos decidíndonos por Galicia. Gustábannos o clima, a xente e a paisaxe, que se parece bastante á do meu país.
Chegamos en 2024 e nin eu nin ela coñeciamos a ninguén na cidade. O primeiro que fixemos, xa a noite na que nos mudamos, foi baixar ver o Dépor. Fomos a un bar que se chama Chiquitín, pola zona de Riazor. O razoamento foi: aquí non coñecemos a ninguén, así que imos baixar, tomar unhas cervexas e falar coa xente que atopemos.
O plan era, directamente, facer amizades.
Seguimos indo durante meses ao mesmo bar nos días de partido e, máis adiante, empezamos a ir pola rúa San Xoán. Nese tempo coñecemos a Minia, Roberto, Roque, Javi, Pablo e moita máis xente. A maior parte dos amigos que temos hoxe, a nosa cuadrilla, coñecémola grazas ao Dépor.
O Dépor deunos a vida.
Agora, ademais, conseguimos os carnés de socios e estamos na grada de peñas. Hai un ano fixen unhas bandeiras do meu país co escudo do Dépor e xa te podes imaxinar que a xente se me achega para preguntar por elas. Xa son “o irlandés”.
"Hai un ano fixen unhas bandeiras do meu país co escudo do Dépor e xa te podes imaxinar que a xente se me achega para preguntar por elas. Xa son 'o irlandés'", di Adam Hickey
Alí tamén fixemos moi bos amigos. Para min e para a miña muller foi unha forma de integrarnos na cidade. E iso que a ela non lle gustaba o fútbol! Agora é unha ultrafÁn do Dépor e a súa familia malagueña non o entende.
O Dépor, para A Coruña, é a vida. Nunca vin a afección dun equipo tan unida. Se o Dépor xoga un domingo ás dúas da tarde, ás dez da mañá xa ves a todo o mundo coas camisolas e as bufandas, quedando para verse e comer algo antes do partido.
E para min… para min o Dépor xa é casa. É o meu fogar.
É curioso porque, cando vou a Irlanda de visita e me preguntan onde vivo, dígolles que na Coruña e moitas veces non saben onde queda. Pero despois dïgolles se lles soa o Deportivo da Coruña e aí xa saben perfectamente de que lles estou falando.
Se o pensas, é unha pasada.
Antón Lezcano
O ascenso, para min, foi unha liberación física e mental, e unha alegría enorme polos nenos —pola rapazada, sobre todo— que levaban metidos na lama dende había anos.
Teño dous fillos, un de dezaoito e outro de dezasete anos, que son socios dende a barriga da súa nai e que foron a Riazor dende o seu primeiro mes de vida. Nunca viran ao Dépor facer algo grande. Eses nenos e esas nenas —e non só os meus— celebraron, por fin, algo que era seu. Seu, porque foron eles quen colleron a testemuña que nós lles deixamos e que, podendo escoller calquera outro equipo, escolleron Dépor.
Por iso, eu aquel día estoupei.
Tiñamos que ir a Valladolid, claro, pero o problema eran as entradas; nin no mercado negro aparecían. E nós eramos catro: miña muller -ainda que decidiu quedar fóra do estadio-, os meus fillos e máis eu. Conseguín só dúas entradas, así que me tocaba tamén quedar fóra. O importante era que o vivisen os rapaces.
O incrible foi que estando por alí xa, coñecemos xente de Valladolid que resultaron ser auténticos anxos da garda que, non sei como, me conseguiron unha entrada.
"Non me doen prendas por ter vivido o que vivimos. Impórtame un carallo ter perdido contra o Celta B, o Fortuna ou como se chame. Era algo que tiñamos que pasar. O que temos que aprender diso é que, na vida, un está para as boas e para as malas. Que, se tes un amigo morrendo na UVI, non o deixas só en plan: 'Ala, se sobrevives xa nos veremos'", subliña Antón Lezcano
Vímolo en bancadas diferentes, os meus fillos e mais eu -tocoume na bancada do Valladolid, claro, pero alí eramos todos do Dépor-, pero ao acabar foi…incrible, foi…unha explosión de alegría. Eu non podía parar de chorar. Os meus fillos non podían parar de berrar, de cantar, de abrazarse, de abrazarnos. Abrazámonos todos e… bua, emociónome só con recordalo.
(Humedécense os ollos).
Foi algo incrible.
Eu vivín dous ascensos antes. O do 91, despois de vinte anos en Segunda, foi moi forte. Aínda así, non o sentín con tanta intensidade coma este. Foi por eles.
E penso que aí hai unha lección importante para eles tamén. Non me doen prendas por ter vivido o que vivimos. Impórtame un carallo ter perdido contra o Celta B, o Fortuna ou como se chame. Era algo que tiñamos que pasar. O que temos que aprender diso é que, na vida, un está para as boas e para as malas. Que, se tes un amigo morrendo na UVI, non o deixas só en plan: “Ala, se sobrevives xa nos veremos”.
Minia Bermúdez
Son de Vilagarcía. Levo tres anos vivindo na Coruña, pero sigo ao Depor dende que era pequecha de todo. Con 19 anos, meu irmán regaloume o meu primeiro abono e, dende ese momento, aínda vivindo lonxe, viña a todos os partidos que podía. Todos eramos do Superdépor.
Agora levo tres anos vivindo na Coruña. Estudei en Santiago, pero empecei a tecer fíos de amizade aquí grazas ao Dépor. Non sabía onde asentarme, pero ao final, falándoo coa miña parella, pensamos que, xa que cada dúa fins de semana estabamos por aquí e que a pandilla xa estaba feita, este era o lugar onde mellor iamos estar. A culpa foi do club. Para nós, poder chegar a unha cidade e ter xa creada unha rede social bonita foi unha marabilla.
O Depor dá moitísima vida.
O Dépor é o motor da Coruña e a clave da vida social de moita xente da cidade. Sen dúbida, éo da miña. Vas pola rúa e párate a xente para preguntarche: «Oes, sabes a que hora xoga o Dépor?». Xente maior, xente pequena… A min ver os nenos coas camisetas do club paréceme algo alucinante. Pequenos que ata agora non puideron ver nada bonito, que só sufriron os peores momentos, e aínda así…
É algo especial o que ten este club.
"Vas pola rúa e párate a xente para preguntarche: «Oes, sabes a que hora xoga o Dépor?». Xente maior, xente pequena… A min ver os nenos coas camisetas do club paréceme algo alucinante. Pequenos que ata agora non puideron ver nada bonito, que só sufriron os peores momentos, e aínda así…", subliña Minia Bermúdez
E agora, pois a seguir apoiando. O descenso foi duro, pero daquela polo menos gañabamos. Tomábannos como un equipo que non tiña que estar aí. Agora vai ser complicado. Do primeiro ao sexto hai apenas vinte puntos. Está todo moi apertado e vainos custar moito, pero somos o Dépor. Nada é fácil nunca para nós.
Javi González
Nos primeiros recordos que teño do Dépor sempre está meu pai.
El é da Coruña, pero marchou para Sarria, de onde son eu. A maior parte dos nenos de alí, da miña xeración, eran do Dépor. Daquela era o equipo gañador, pero a min veume pola familia. Sobre o 2002 foi cando me enganchei a tope —pero a tope—, diso de chorar cos partidos e todo. Recordo perfectamente o meu primeiro encontro en Riazor: un empate a un co Numancia. E tamén o primeiro gol que vin ese día, un de Pandiani de cabeza.
Fun co meu pai, claro.
E é que eu, cando penso no Dépor, penso nel. É algo que nos conecta moi forte. Agora vivo na Coruña e el segue en Sarria, pero chámoo todos os días. Ao final, botamos media hora falando de fútbol e do Dépor. Sempre é a primeira persoa a quen chamo cando gañamos.
É que, ao final, foi el quen me transmitiu este legado. Ademais, sinto que foi un legado moi nobre, porque hai moita xente que pode ser do Dépor, pero que simpatiza tamén co Madrid ou co Barça, porque así cobre esa parte de gañar Champions, ligas, torneos e demais. E aqueles nenos dos que che falaba, que seguían o Depor, na súa maior parte desapareceron nos momentos malos.
Meu pai non, e non é algo tan común. Pensa que el é do 65, da xeración que sufriu a “longa noite de pedra”. Xente que non desfrutou dun Dépor en Primeira ata o 91. Xente que ía ao estadio sufrir cun equipo que levaba máis de vinte anos entre Segunda e Segunda B, na época na que lle pasaban desgrazas todo o tempo.
El forxou o seu deportivismo aí e, por iso, para min é un referente.
"Cando penso no Dépor, penso no meu pai. É algo que nos conecta moi forte. Agora vivo na Coruña e el segue en Sarria, pero chámoo todos os días. Ao final, botamos media hora falando de fútbol e do Dépor. Sempre é a primeira persoa a quen chamo cando gañamos", asegura Javi González
E eu, claro, tamén seguín apoiando o equipo durante todos estes anos nas ligas inferiores. Mesmo che direi que o apoiei máis. Hai momentos de pasalo mal. Fastidia ver o equipo en Primeira Federación, xogando en campos que, con todos os respectos, son horribles. E contra equipos de cidades moi pequenas cos que nunca contaches ter que xogar. Pero, ao final, vívese con intensidade.
De feito, botando a vista atrás, direiche que fun máis feliz en anos de Terceira e de Segunda categoría que en moitos de Primeira nos que estabamos acomodados. Esas tempadas irrelevantes de estar polo medio da táboa e rematar novenos ou décimos.
E tamén é un tópico, pero penso que é verdade iso de que sufrir xuntos une moito. Eu vou seguir vivíndoo co meu pai.
Víctor Rama
O Dépor, a min —a nós— vénnos de familia: o meu pai ten o carné setecentos e pico. E meu irmán e máis eu, claro, empezamos a ir ao estadio con el xa de nenos e a viaxar por toda España coas peñas. Foi sempre algo noso.
Agora, co bar, coa Creedence, tócame estar aquí e non podo ir aos partidos, así que é meu pai quen leva ao meu fillo a Riazor, que ten doce anos e vai dende os dous. E van eles sós, sen interferencias. Sen outra xente nin amigos. É unha cousa deles.
E eu pásoos aquí, ao carón do estadio.
Foi meu irmán quen comezou hai anos cun local aquí atrás. Chamábase o “21”, por Juan Carlos Valerón, que foi o noso padriño cando inauguramos. Dende que abrimos, como meu pai tiña tanta relación coas peñas, os días de partido eran unha tolemia.
Ao tempo soubemos de que a Creedence se traspasaba e nin o pensamos. Estamos meu irmán e máis eu, que somos socios, con Tolare e Zayuri, dúas bestas da hostalaría, e con reforzos os días de partido. Temos un equipazo.
Hai uns anos, de feito, podías ter un día co estadio cheo —vinte e cinco mil persoas dentro— e nós estabamos os catro sentados vendo o partido. Agora iso é impensable. A xente achégase aos bares da zona do estadio e iso era algo que non pasaba.
"Meu irmán e máis eu temos a broma de que nin sequera temos que ver os partidos. Somos capaces de dicir como quedou o Depor só con ver a caixa un par de horas despois do partido", di Víctor Rama
Agora, en Primeira, a ver que sucede. Non creo que a cousa vaia cambiar moito para nós, pero vai depender dos resultados. A previa ao partido sempre vai ser boa, dá igual quen xogue. O postpartido… ese xa depende do resultado. Se ganas, tomas un cubata e dúas cervexas; se empatas, tomas unha cervexa e marchas para a casa; e se perdes, vas cabreado costa arriba pola Rolda de Nelle.
Meu irmán e máis eu temos a broma de que nin sequera temos que ver os partidos. Somos capaces de dicir como quedou o Depor só con ver a caixa un par de horas despois do partido.