Fer Fraga, Tamar Novás e Judith Fernández, do equipo de 'Rondallas', co público de Pontevedra na pasada edición dos Premios Feroz. CC-BY-SA Premios Feroz/Manuel Fernández Valdés
Os Premios Feroz recuncan por terceira vez en Pontevedra, nunha sorte de edición “extra” que ninguén planeaba pero todos desexaban. Nestes días estamos a coñecer xa as persoas e proxectos cinematográficos preseleccionados, que optarán aos galardóns do 23 de xaneiro no recinto feiral. Alí, e por primeira vez desde que comezou esta estadía dos premios en Pontevedra, haberá sitio tamén para a veciñanza. Arredor de 800 persoas poderán gozar deste evento cheo de glamour desde ao interior, nunhas bancadas colocadas ex profeso no espazo. “Isto complica todo por temas de seguridade e demais, pero cremos que paga a pena. Non queriamos só tripitir, queriamos evolucionar”, asegura Anabel concelleira de Promoción da Cidade.
Entre 700 e 800 persoas da veciñanza de Pontevedra poderán vivir desde dentro a gala de entrega da 14ª edición dos Premios Feroz, que se celebrará no recinto feiral o 23 de xaneiro. “Cando falamos da organización deste terceiro ano, case diría que esa foi a razón de ser do acordo”, detalla en conversa con VINTE Fernando de Luis- Orueta, un dos produtores executivos dos Feroz e director da gala dos premios Feroz, que organiza a Asociación de Informadores Cinematográficos de España (AICE).
“Tanto o Concello coma nós sentiamos que houbera unha gran simbiose coa cidade, unha extraordinaria acollida nos dous anos anteriores. As actividades previas funcionaran moi ben e a xente respondeu acudindo á proxección da gala do auditorio, onde se achegaban os premiados a saudar e sentiamos que quedara un pasiño por dar, que era que o público puidese acceder á gala”, relata Fernando de Luis.
Na pasada edición o Concello habilitara 900 entradas para que o público pontevedrés vivise a festa do cinema desde o auditorio Pazo da Cultura que facilitou e moito o achegamento das celebridades á cidadanía. Ademais de sortear dez entradas dobres para a gala. Pero neste ano sobe a aposta coa colocación de bancadas dentro do recinto feiral que permitirán ver en directo, de preto e de balde o evento.
O número exacto de localidades aínda está por definirse debido aos protocolos de seguridade e evacuación, pero a cifra roldará as 800 persoas. Desde o Concello detallan que están a concretar tamén o procedemento para o reparto. A recollida será na caseta de Turismo, como adoitan facer habitualmente, pero valoran poñer unha parte das entradas tamén online.
“Por primeira vez haberá bancadas para que a xente de Pontevedra poida asistir de balde. Podiamos repetir a fórmula anterior e todo sería máis sinxelo, pero non só queriamos tripitir, queriamos evolucionar. É unha complicación que aceptamos con gusto”, detalla Anabel Gulías, concelleira de Promoción da Cidade. O obxectivo é "dar un paso máis para que a xente sexa partícipe do evento, xa que o éxito destas edicións radica na implicación da veciñanza de Pontevedra", acrecenta Gulías.
As estas persoas sumaranse as 20 máis fieis ás actividades previas e que, polo tanto, teñan máis selos no seu Pasaporte Feroz. Esta fidelidades será premiada co acceso á cea oficial da gala ou acceso directo á bancada VIP. Este venres, 20 de novembro, a programación do ciclo Rompendo o Canon, dentro das actividades previas, ofrece a posibilidade de ver a película galega O Corno, na Facultade de Comunicación con entrada de balde, e coloquio posterior coa directora Jaione Camborda.
Desde a AICE din estar “moi ilusionados” con que este ano haxa público na gala de entrega sobre todo polo ambiente e a calor que se xera. “Os nomeados que está alí sentados moi nerviosos porque é un día moi importante para eles, pero notan a ilusión do público, que se contaxia e iso é precioso. Xérase unha atmosfera incrible”, explica Fernando de Luis- Orueta.
Na primavera de 2024, cando se fixo público que os galardóns, considerados a antesala dos Premios Goya, recalarían en Pontevedra por dous anos, o alcalde salientaba que un evento así transcende a cidade e abundaría no obxectivo da desestacionalización ao unir cultura e turismo. E os resultados destes dous anos danlle a razón. No balance feito a finais de xaneiro deste ano, referido á segunda edición, Miguel Anxo Fernández Lores e a voceira dos hoteleiros de Pontevedra, Cecilia Sierra, falaban de que a ocupación hoteleira foi do 95% xa desde as semanas previas ao evento de xaneiro. Ademais, a gala de 2026, retransmitida en directo pola RTVE, tivo un seguimento de 2,5 millóns de espectadores únicos e unha audiencia media de 438.000 espectadores, o que supón un 4,4% de cota de pantalla. Ao presentar o datos o director de produción dos Premios Feroz, David Carrón, subliñou que esta cifra é “moi superior ao que adoita ter un sábado pola noite coa súa programación habitual”.
A gala de 2026, retransmitida en directo pola RTVE, tivo un seguimento de 2,5 millóns de espectadores únicos e unha audiencia media de 438.000 espectadores, "unha cifra moi superiro a que adoita ter coa súa programación habitural", segundo o director de produción dos Premios Feroz
A aposta polos grandes eventos está dentro da estratexia do Concello dentro da área de Promoción da Cidade pero estivera ata o momento máis vinculada a fitos deportivos como o Mundial de Tríatlon, segundo explica Anabel Gulías. “Queríamos probar coa área de Cultura, pero con dúas premisas: non podiamos facer un investimento tan grande para un evento de un só día e tería que servir tamén como plataforma para a cultura galega, no ámbito audiovisual neste caso”, salienta.
Por estes motivos o acordo contempla unha cumprida programación previa que xa comezou en outubro e que durará ata xaneiro. “Queremos sacar o máximo rendemento, queremos retorno”, subliña Guías. E neste proceso xorden “alianzas inesperadas” como un acordo para as perruqueiras da Asociación Provincial de Salón de peiteado e Beleza de Pontevedra peiteen e maquillen as celebridades no día da gala.
Na primeira edición calculouse un retorno para a promoción da cidade de 33,5 millóns de euros
O convenio de Patrocinio do Concello de Pontevedra para os Premios Feroz ascende este ano a 1,1 millóns de euros máis IVE pero o obxectivo, segundo explican desde o concello, é obter un rendemento moi superior. Na primeira edición calculouse un retorno para a promoción da cidade de 33,5 millóns de euros, incluíndo publicacións en medios de comunicación, campañas publicitarias e redes sociais. “A propia marca dos Feroz tamén se revalorizou grazas a Pontevedra”, subliña a concelleira de Promoción da Cidade. “As portas están abertas para que máis adiante poidan volver a Pontevedra”, asevera.
“Nós fixemos dous anos en Zaragoza e a idea sempre era tamén os dous anos en Pontevedra. Entendemos que é o ciclo axeitado. Pero a verdade é que os Feroz en Pontevedra superaron as nosas expectativas no que atinxe á conexión co público, o cariño, a implicación...”, acrecenta Fernando de Luis-Orueta.
"A verdade é que os Feroz en Pontevedra superaron as nosas expectativas no que atinxe á conexión co público, o cariño, a implicación...”, subliñan desde a organización
Nese contexto xurdiu esta terceira edición en Pontevedra. “Realmente achegamos moito á cidade e sentiamos que tamén a cidade nos achega moito a nós e como nos quedara a espiniña do público, xurdiu a posibilidade de facer un ano máis. Cadrounos moitísimo porque estabamos moi a gusto e non queriamos marchar”, salienta, ao tempo que lembra esta excepcionalidade nuns premios que teñen un marcado carácter itinerante.