Na Utopía. Obradoiros en liña para aprender fotografía, gancho ou pandeireta

Co patrocinio de

© Na Utopía

Os talleres online que ofrecen formación en vídeo previo pagamento dunha tarifa levan anos existinto en internet, mais aínda estaba por crear unha plataforma que ofrecese este servizo en galego. Na Utopía nace con este propósito e supón un chanzo máis cara á profesionalización do contido dixital na nosa lingua. Falamos con Lorena García, a súa promotora. 

Lorena García Álvarez (Aguiño, 1992) levaba catro anos traballando como deseñadora gráfica nunha axencia de Madrid cando necesitou un cambio de aires e regresou para poñer en marcha Na Utopía, que presenta como «a primeira plataforma de obradoiros online integramente en galego». Desde o primeiro momento tiña claro que quería «darlle espazo e presenza a todas esas persoas tan interesantes que temos no país a través do seu traballo e coñecemento. Tamén, no persoal, de xuntar moitas cousas importantes para min: por un lado, a miña profesión nas súas diferentes vertentes e como poder aplicala a un proxecto que poida achegar algo á sociedade. Por outro, xuntar isto con loitas tan importantes para min como a do idioma», explica. 

«Que sexa en galego non é algo arbitrario, é algo intencionado. Temos que tomar as rendas e facer contido por e para nós, porque non temos por qué recorrer sempre a outras alternativas por non termos contido propio».

Isto quizais sexa, para ela, o punto máis diferenciador de outras plataformas como Domestika, «que é un claro referente e na que aprendín moito ao longo do tempo con distintos cursos. Para nós o foco está no contido, si, mais tamén en como o comunicamos. Que sexa en galego non é algo arbitrario, é algo intencionado. Temos que tomar as rendas e facer contido por e para nós, porque non temos por qué recorrer sempre a outras alternativas por non termos contido propio».

E para iso botou man de varias creadoras e creadores a quen xa seguía pola súa traxectoria ou que atopou buscando na rede, e tras meses de dedicación, planificación, gravacións e traballo, hai uns días comezou a andar esta plataforma, que«o único que pretende é que poidamos aprender online e en galego». Vexamos os cinco primeiros obradoiros que podemos atopar, todos cun prezo de entre 25 e 30€.  

Comezamos por 'Técnica básica de pandeireta', da man do músico Gabi Reboredo, que é mestre en diferentes asociacións culturais e a quen coñecemos por proxectos como Paraíso Canto ou colaborando con músicas como Sheila Patricia ou Najla Shami. En catro aulas de arredor de 20 minutos podemos adquirir a técnica necesaria para tocar os ritmos máis básicos. Só falta botarlle práctica para poder arrinarnos a tocar na vindeira foliada. 

Seguindo coa música, temos un obradoiro de 'Introdución á gravación e mestura de cancións' co compositor ribeirense Nando Pérez aka Chamaquito Pistolas, que hai un ano puxo en marcha o proxecto Canción Desastre, no que compón música orixinal por encarga. Neste taller Nando guíanos nos primeiros pasos para dotarmos as nosas gravacións caseiras de máis calidade. Pola súa parte, a creadora audiovisual Claudia Berro, da cooperativa Mala Herba Producións, ofrece un obradoiro de iniciación á fotografía desde cero, co obxectivo de ofrecer claves técnicas e bos consellos para ter unha boa base e quedar con ganas de aprender máis. 

Outras docentes nestes obradoiros tamén as coñecemos pola súa presenza en redes. A tiktoker Sara Couselo ofrécenos nun taller a '’Técnica básica do labor de gancho ou crochet’ en nove leccións, e a poeta, recitadora e youtuber Nuria Vil apréndenos a falar en público no obradoiro 'Do papel á voz'

Lorena García destaca destas primeira persoas que se animaron a facer obradoiros online que «fixeron un traballo incrible e confiaron en min para un proxecto que aínda non vira a luz. Creo que cando se valora o traballo polas dúas bandas créase un ambiente e unha relación e dinámica incribles». Á hora de escoller o ‘equipo docente’, explica que «teño tamén moi en conta unha visión feminista para o proxecto e respetuosa en xeral con outros colectivos oprimidos. Intentarei sempre telo en conta e dar espazo a todas as persoas ás que non sempre se lles facilita un espazo ou un espazo seguro».

 

© Na Utopía

Supón isto xa certa madurez na creación de contidos en galego e un avance cara á profesionalización? Na opinión de Lorena, «creo que cada vez se está animando máis xente a crear na rede en galego e creo que ese é o primeiro paso para que cada vez haxa proxectos máis ambiciosos en galego», mais «se queremos que este tipo de proxectos sigan a existir, precisamos apoialos e que haxa un compromiso polas dúas bandas. As que creamos e as que consumimos». Ela confía en que hai un público disposto a pagar polo valor engadido que ofrecen estes obradoiros, no medio de tanta oferta de formación gratuíta na rede: «Hai moito traballo detrás tanto pola nosa parte como por parte de quen prepara e dá o obradoiro, e penso que si hai un público que sabe valorar isto e que vai agradecer poder aprender por fin na súa lingua á parte de descubrir as persoas tan talentosas que temos no país.»

 «Cada vez se está animando máis xente a crear na rede en galego e creo que ese é o primeiro paso para que cada vez haxa proxectos máis ambiciosos en galego»

A idea é ir sacando novos obradoiros cada pouco e antes de que remate o verán está previsto o lanzamento de un ou dous novos cursos: «entre obradoiros que esperamos ter proximamente están algúns sobre escrita, ilustración, programación ou edición de foto e vídeo». Comenta que «a cantidade de persoas con propostas interesantes coas que estamos dando é abraiante», pero non só reciben ofretas de xente que quere dar obradoiros: «contamos tamén na web cunha caixa de suxestións para que calquera persoa que entre nos poida escribir contándonos que lle gustaría aprender ou con quen». A creación de comunidade é un dos obxectivos máis importantes deste espazo de creación e intercambio de coñecemento, o que a fai singular fronte a outras plataformas. Só queda afrouxar o peto e participar de forma activa para axudar a que medre e a que o ecosistema de creación de contido en galego sexa cada vez máis sustentable. 

 

Tamén che interesa

Faite de vinte

A partir de 5€ mensuais podes suscribirte a VINTE e colaborar para que sigamos a producir contidos de calidade pagando dignamente as colaboracións de vídeo, fotografía, ilustración, xornalismo e creación de todo tipo.