Desde hai un tempo as muiñeiras, as xotas, as polcas ou os pasodobres teñen o seu espazo de aprendizaxe en canles de Youtube. TradiGaita é a do gaiteiro Diego Prieto e Un punto ao día a do bailador Luís Prego. Os dous utilizan o vídeo como linguaxe coa que levar o seu coñecemento a todos os recunchos da rede.
Aprender a tocar a gaita con xeito ou aprender ben o noso baile tradicional son procesos que levan moito tempo, moito esforzo e que, segundo os expertos, requiren de asistencia persoal a clases sobre a materia en cuestión. Pero e cando non nos é posible asistir? Como facemos? Pois para iso o mundo do trad utiliza as ferramentas dixitais coma calquera outro. Gaita por Youtube? Efectivamente. Hai máis pero amosámosvos dous exemplos de youtubers que funcionan moi ben.
'Tradigaita'
Tradigaita é a canle de Youtube do gaiteiro de Castro Caldelas Diego Prieto. Este electricista de profesión é un excelente gaiteiro e cando pode tamén dá clases. Hai uns anos abriu un blog pola inquietude que sentía el de transmitir o seu saber sobre a gaita, pero pouco a pouco foi facendo vídeos ata que en novembro de 2016 decidiu abrir unha canle de Youtube. “Son vídeos informativos, non son titoriais, para aprender a tocar a gaita precisas un profesor, iso é o ideal. Eu dou unhas pinceladas e procuro explicar algo”, relata Diego Prieto.
Agora mesmo en Youtube ten 607 subscritores, en Facebook arredor de 800 e en Instagram 400, pero algúns dos seus vídeos superan os 4000 visionados, como o titulado Malditas palletas 1. O vídeo “A afinación da gaita, por que afinar con celos” é un dos que máis éxito tivo. “É porque é un tema tabú, hai gaiteiros que renegan de utilizar celo para afinar o punteiro e eu explico nese vídeo por que deberiamos facelo así sempre”, conta Diego.
Os vídeos de TradiGaita teñen bastante elaboración, con elementos de grafismo e subtítulos ao castelán. Un traballo que fai todo Diego pero que lle reporta moita satisfacción. Actualmente ten seguidores, ademais de en Galicia, en todo o mundo, especialmente en Madrid, Barcelona, México e Arxentina. Como bo Youtuber Diego tamén ten que lidar coa fama, ou polo menos co feito de que moitas veces o recoñezan. “Unha vez fun a Fene a dar unha clase de gaita e viume unha nena e di súa nai `Mira é Diego de Tradigaita´ e a nena agachouse coa vergonza”, conta Diego Prieto.
A pesar de ser a canle galega de Youtube con máis seguidores no referente á gaita, Diego Prieto non ten sponsors nin patrocinios. En cambio si ten colaboracións, as dos artesáns que lle permiten gravar nos seus obradoiros ou utilizar elementos que alí haxa, e tamén a axuda de moitos gaiteiros do mundo tradicional que se prestan a responder algunhas das súas preguntas nos seus vídeos chamados “5 preguntas a…”. O blog orixinal transformouse nunha web, Tradigaita, na que non só podemos ver recompilados os contidos que xera Prieto nas súas canles, senón que tamén ofrece os seus servizos tanto de mestre gaiteiro como asesorando a terceiros á hora de crear vídeos ou canles de Youtube.
'Un punto ao día'
Un punto ao día é a canle de Youtube do vigués Luís Prego. Este bailador dedícase profesionalmente a dar clases de baile, de canto e de gaita; todo, claro, dentro da música tradicional do noso país. Ademais é unha persoa coñecida para o público galego polo seu traballo como xurado do concurso Vai de baile do Luar da Televisión de Galicia.
Prego empezou coa canle de Youtube grazas a unha alumna de Salvaterra Do Miño. El dáballe clases a ela e a seus pais ata que a rapaza marchou estudar a Santiago. A partir dese momento os pais empezáronlle a mandar os puntos gravados en vídeo para que ela puidese practicar pola semana. Aí foi cando a Luís se lle ocorreu a idea de poñer na rede un punto ao día para que a xente puidese practicar a distancia. Aínda que Prego tamén tivo outra inspiración. “Isidro Vidal fixo unha composición ao día durante un ano enteiro. Unha composición propia para gaita creada por el, fixo 365 en total e pareceume unha idea moi boa”, relata Prego.
Luís grava os seus vídeos el só e sempre que pode faino ao aire libre e tentando que sexa nunha paisaxe bonita. Tenlle pasado de todo nas súas gravacións, desde caerlle o móbil e rompelo, ou que lle veñan falar mentres grava e ter que repetilo todo outra vez. " Unha anécdota moi boa que teño é que hai un tipo que practica os puntos no traballo cos meus vídeos e xa me dixo que a este paso que o ían botar por estar seguido bailando", relata Luís Prego.
Agora mesmo conta con 2500 seguidores no seu Facebook. “Eu teño a canle de Youtube pero onde realmente me ve a xente é no Facebook, aí teño seguidores de todo o mundo, moitísimos da diáspora galega”, describe Prego. Unha das súa seguidoras máis fieis é Noriko Ishizuka, unha xaponesa que está espallando a cultura galega polo Xapón e que xa lle está aprendendo a bailar a un grupo de compatriotas seus.