Noites Abertas. Para que tanto titorial de Youtube, podendo aprender en directo?

© Arquivo Noites Abertas

Volven as Noites Abertas a Pontevedra, e veñen cargadas de actividades e eventos ben interesantes. Unha programación que convida a botarse fóra da casa e ir ata a cidade do Lérez a gozar e, sobre todo, aprender. Dámoslle un repaso a esta iniciativa no seu VINTE aniversario. 

Neste tipo de xornadas feitas desde os concellos é habitual atopar deporte, teatro ou música. Nas Noites Abertas de Pontevedra tamén, pero sempre cunha vontade de risco e de facer cousas diferentes. Desde o Concello din que todas as propostas están moi pegadas á realidade porque veñen directamente da xuventude. O director de Noites Abertas, Nacho Márquez, tamén indicou na presentación o carácter inclusivo e non sexista das actividades.

O caso é que como todo é diferente nas Noites Abertas, nas actividades deportivas apostaron por deportes pouco coñecidos como a esgrima, o fútbol gaélico, a billarda, ou o roller derby, que xa coñecemos en VINTE da man das Brigantias. Noites Abertas ten canle de Youtube, Facebook e Instagram, e fan contidos propios para apoiar as actividades que van programando. Neste vídeo animan a acudir, precisamente, a roller derby.

Noutros campos sucede o mesmo, propostas diferentes, variadas, e moi do noso tempo. Por exemplo, na música haberá pandeireta e baile tradicional, pero tamén un obradoiro para aprender a utilizar aplicacións novas coas que facer música no ordenador ou un curso de iniciación á batería.

Haikus ilustrados, teatro feminista, cociña vegana, meditación, sexualidade, cócteles sen alcol, ioga, DIY de roupa e decoración, graffiti, mecánica de bicicletas, break dance, habilidades caninas, obradoiro de rastas, e ata un obradoiro de ligue e sedución, todas estas actividades orientadas á xuventude entre 15 e 30 anos. Neste vídeo explican en que consiste o obradoiro de cibersexualidade, para que os máis novos poidan ligar pola rede sen perigo.

As Noites Abertas naceron en 1999 cando o Concello de Pontevedra puxo en marcha unha programación de lecer e ocio nocturno para o primeiro semestre do ano, todos os venres e sábados. 20 anos despois, Noites Abertas está plenamente consolidado como un dos ciclos máis interesantes que se celebran nas cidades galegas e nesta XIX edición, e tal e como ven sendo habitual, hai de todo e para todos os públicos.

O cartel deste ano é dunha deseñadora de Poio, María Montes, que plasmou nel o significado de porta aberta para todo o que se queira achegar a Pontevedra neses días.

© Arquivo Noites Abertas

Entre o 25 de xaneiro e o 6 de abril Noites Abertas desenvolverá un programa no que haberá 96 propostas diferentes, dirixidas por 161 monitores e organizadas en 14 espazos da cidade. Todas as actividades son de balde, e teñen un compromiso coa igualdade no referido a monitoras e monitores. Pode consultarse toda a programación na súa web.

Faite de vinte

A partir de 5€ mensuais podes suscribirte a VINTE e colaborar para que sigamos a producir contidos de calidade pagando dignamente as colaboracións de vídeo, fotografía, ilustración, xornalismo e creación de todo tipo.