(S8). O festival de cinema analóxico programa tamén en dixital

Co patrocinio de

Fotograma de 'Tengan cuidado ahí fuera' © Alberto Gracia

Van doce edicións do (S8) Mostra de Cinema Periférico, dúas delas en pandemia, e este festival nacido na Coruña para reivindicar as distintas formas do cinema experimental, con especial atención ao analóxico, parece ser un dos que mellor surfea a necesaria expansión ao terreo dixital, que lle permite sobrepasar fronteiras e experimentar con contidos nativos da rede. 

Durante esta edición, que arrancou o 29 de maio e remata o 6 de xuño, podemos seguir case toda a súa programación sen saír da casa, aínda que tamén terá proxeccións e encontros presenciais en distintos espazos da cidade da Coruña como a Filmoteca de Galicia, Palexco, Domus ou a Fundación Luís Seoane, escenarios clásicos da Mostra. Mais o que nos interesa neste VINTE NA REDE son os contidos expresamente creados para ver online, e que só estarán dispoñibles nos días do festival. Sobre todo aqueles que protagonizan cineastas locais, como Sol Mussa, Marta Valverde, Xacio Baño, Eloy Domínguez Serén, Alberto Gracia ou Samuel Delgado e Elena Girón

Aínda que os programas especiais dedicados a estes creadores están colgados en Vimeo ata o domingo 6, ao comezo de cada un xa se dan instrucións para non velos de calquera maneira: 

Aviso que se ve ao comezo de cada programa do S8 emitido online. © S8

No programa podemos atopar as obras dalgúns dos cineastas internacionais que protagonizan esta edición do (S8) como Juan Sebastián Bollaín, David Domingo, Jodie Mack ou Pablo Marín, que poderemos coñecer nun formato audiovisusal titulado Camera Obscura, inspirado no mítico programa Screening Room da televisión pública de Boston, que conduciu Robert Gardner entre o 1972 e o 1981 e polo que pasaron os cineastas de vangarda máis relevantes do seu tempo. Ademais poderemos ver un programa especial dedicado á reflexión arredor da cámara do cine e á exposición na pantalla dos seus mecanismos e posibilidades, titulado A mecánica da luz, con traballos do cineasta austríaco Dietmar Brehm, do catalán Yonay Boix e da australiana Dianna Barrie

Mais imos deternos no apartado Sinais, que é que cada ano o festival dedica á ollada de cineastas galegos. Haberá ocasión para velos en pantalla grande a vindeira fin de semana no Palexco, mais para que non poida desprazarse, ou non dese pillado as entradas, máis escasas do habitual polas limitacións de aforo, ofrecemos esta grella para velos na casa. 

 

Helena Girón e  Samuel Delgado

© Cedida S8

No seu traballo conxunto, este dúo formado por unha galega e un canario combina a investigación coa asociación de materiais e ideas en películas que dan conta dun fío subterráneo de subversión. O estudo dos mitos e do oculto -xunto ás implicacións políticas que isto agocha-, ou a relectura da historia partindo doutros prismas menos habituais son temas frecuentes na súa obra. Nesta edición do festival adícanlle un especial online no que coñeceremos os seus procesos creativos e veremos as películas Sin Dios ni Santa María, Montañas ardientes que vomitan fuego y Plus Ultra.  Ademais os dous cineastas estarán presentes na Coruña durante a celebración da Mostra para levar a cabo unha performance e asistir ao programa que se lle adicará en sala de cine, cun posterior encontro co público conducido pola produtora das súas últimas pezas, Beli Martínez. Aproveitarán a ocasión para amosar tamén as primeiras imaxes da que será a súa primeira e esperada longametraxe, Eles transportan a morte.

 

Sol Mussa

© Cedida S8

Esta viguesa do 1996 é unha artista sen etiquetas: formada en Belas Artes, especialízase en pintura e recala no cinema como un medio de expresión máis co que experimentar. Os seus traballos audiovisuais son un híbrido entre este interese plástico e unha vocación etnográfica en primeira persoa, dende a que se produce un achegamento a temas como a migración e a precariedade laboral. Neste programa coñeceremos as inquedanzas detrás da súa obra, e veremos as súas pezas Ratatouille e Stockroom.

 

Marta Valverde

© Cedida S8

A fluidez á hora de moverse entre disciplinas anima o traballo de Marta Valverde: ademais de asinar pezas audiovisuais monocanle (Blanco y fucsia e El tiempo suspendido), achégase ao traballo multipantalla, o live cinema, a fotografía, a instalación e os visuais para teatro e representacións escénicas. Como ela mesma sinala, os seus intereses diríxense cara á intimidade, a memoria e a autobiografía en obras que se expanden, tal e como ocorre en Blanco y fucsia, alén da pantalla. 

 

Eloy Domínguez Serén

Toda a filmografía deste director está atravesada por unha ollada curiosa a través da cal se relaciona cos lugares que habita, xa se trate de Suecia, Sahara ou Galicia. Na web do festival poderemos ver dúas pezas que parten de derivas que desbordan o real de varios xeitos: a ficción oblicua que propón Rust a través dunha apocalíptica localización sueca; e o retrato sensorial que fai en Os corpos do transo do entroido galego, unha tradición pagá exaltada e delirante. 

 

Alberto Gracia

© Alberto Gracia

Partindo dunha sorte de desconcerto posmoderno, Alberto Gracia construíu unha filmografía que se podería describir como unha amálgama alucinatoria fabricada cos produtos e refugallos dunha sociedade saturada de imaxes. O desasosego, un peculiar sentido do humor e un radicalismo irredento percorren a súa obra, dende El quinto evangelio de Gaspar Hauser a La estrella errante, ata chegar a  obra que terá a súa estrea en Galicia no marco do festival, Tengan cuidado ahí fuera, e que é a que podemos ver no seu programa.

 

Xacio Baño

Tratando o cine como unha materia de infinitas posibilidades, este cineasta móvese libremente entre a ficción, a non ficción e a experimentación. Tendo a memoria como materia prima, o seu traballo procura todos os xeitos posibles de explorala, dende o familiar ata o colectivo. No marco do festival poderemos ver algunhas como Ser e voltar, que comeza como un retrato dos seus avós para tornar en intelixente ficción, e Augas abisais, onde o testemuño da súa avoa abre a porta a unha exploración heterodoxa e asociativa da memoria histórica. O seu programa estará dispoñible na web só o domingo 6 de xuño. 

 

Poucos festivais de cinema fan tan accesible a súa programación para que a poida ver o público da rede así que aproveitade e organizade a vosa sesión de cineastas galegos na casa. Xa sabedes, luz tenue e ambiente tranquilo. Mesmo vos podedes permitir unhas pipocas, que ninguén vos vai mirar mal. 🍿 😉

Tamén che interesa

  • Dez momentos que desbordan unha década de (S8)

    O (S8) Mostra de Cinema Periférico arrinca unha nova edición, a décima xa, desde que en 2010 abrollase na Coruña un festival que quería celebrar o cinema analóxico, o raro, o experimental, o recuperado. Desde aqueles comezos, que tiveron por sede o vello cárcere da Coruña,  foron ducias de artistas internacionais os que pasaron pola mostra a ofrecer proxeccións, charlas, performances e obradoiros, e tamén moitos galegos que puideron presentar os seus traballos menos convencionais. Dez anos de cheiro a celuloide que queremos repasar destacando dez dos momentos máis especiais do (S8).

    Cinema
  • Cans, Play-Doc, S8 e Curtocircuíto. Guía para asistir virtualmente aos festivais de cinema que veñen

    A pandemia provocou que este ano a maioría dos festivais de cinema galegos se vaian celebrar nunha mesma franxa de tempo e de maneira case consecutiva. Algúns foron adiados da primavera para acó, outros fanse no seu tempo pero case todos apostan por un modelo híbrido que nos permite seguilos na rede sen desprazanos a cada evento. Aquí vai unha guía de como ser público dixital destes festivais. 

    VINTE na rede

    Co patrocinio de

Faite de vinte

A partir de 5€ mensuais podes suscribirte a VINTE e colaborar para que sigamos a producir contidos de calidade pagando dignamente as colaboracións de vídeo, fotografía, ilustración, xornalismo e creación de todo tipo.