Cans, Play-Doc, S8 e Curtocircuíto. Guía para asistir virtualmente aos festivais de cinema que veñen

Co patrocinio de

A pandemia provocou que este ano a maioría dos festivais de cinema galegos se vaian celebrar nunha mesma franxa de tempo e de maneira case consecutiva. Algúns foron adiados da primavera para acó, outros fanse no seu tempo pero case todos apostan por un modelo híbrido que nos permite seguilos na rede sen desprazanos a cada evento. Aquí vai unha guía de como ser público dixital do mellor cine no vindeiro mes.

 

1. Festival de Cans, dos galpóns á web. 17-20 de setembro

A aldea do Porriño, que adoita cadrar con festival de Cannes en maio, moveu a data do seu festival para a primeira semana de setembro e acolleu proxeccións, conferencias e concertos dun xeito moi acoutando, reducindo aforos e actividades. E aproveitou a ocasión para poñer en marcha un modelo expandido que reforzase a visibilidade das curtas o máximo posible, levándoas a salas de cine, a un autocine e tamén a internet. 

No dixital a primeira acción foi a proxección en aberto das curtas da sección Novas camadas Deleite en VINTE a semana pasada. E agora comeza a proxección das curtas da sección oficial na web do festival previo pagamento. Estarán dispoñibles desde o xoves 17 ás 18h ata o domingo 20 á medianoite. Nesta primeira edición en liña do Festival de Cans, as películas organizaranse en tres bloques de aproximadamente 50 minutos cada un. Cada bloque poderá ser visionado a un prezo de 2 euros, pero tamén se pode mercar un abono para visionar todas as curtas a un prezo de 5 euros. 

Non hai moita excusa, pois, para que poidamos ver a premiada Xoves de Comadres, de Noemí Chantada, a gran vencedora do certame con catro galardóns (os do xurado, o público, e o do xurado dos veciños e veciñas á Mellor Curtametraxe e o premio ao Mellor Guión), que viña de recibir outros dous premios na sección oficial do Festival de Málaga, e que xa é unha das curtas imprescindibles da temporada. Tamén poderemos ver 16 de decembro, de Álvaro Gago, a curta que obtivo os premios á Mellor Dirección e á Mellor Fotografía,  El Gran Corelli, de Abel Carbajal, Mellor Curta de Animación; Todo el mundo se parece de lejos, de Rafa de los Arcos, pola que levou o premio á Mellor Interpretación a catalá Bruna Cusí (premio Goya no seu día por Verán 1993). 

Completan a relación de películas que se poderán visionar na primeira edición en liña do Festival de Cans a animación Reality, de David Fidalgo Omil, finalista nos Goya en 2019 por Homomaquia e que tivo no certame porriñés a súa estrea absoluta, ou Season, a cinta de animación da realizadora italiana afincada na Coruña Giovanna Lopalco que obtivo o Premio Animario Praza Río de Matadero Madrid. Tamén estarán disponibles obras coma Mare de Guille Vázquez, un filme que tamén foi seleccionado para a competición oficial da máis recente edición do Festival de Málaga; Blacks or Whites de Anita Pico, creadora seleccionada no programa de novos talentos New Creatives da BBC ; Mentres iso pasa, dirixida por Nacho Ozores e que se fixo en Cans co Premio ao Mellor Actor para Denís Gómez; e Conte Trencat, de Miguel Gago, a curta que obtivo na edición máis recente do Festival o galardón á Mellor Banda Sonora, composta por Mario G. Cortizo.

Fotograma de 'Xoves de comadres', de Noemí Chantada. © Islandia Producciones

 

2. Play-Doc, entre Tui e Filmin. Do 18 ao 27 de setembro

O Festival Internacional de Documentais de Tui aposta polo modelo híbrido, para compensar a redución de aforo nos espazos habituais da vila, ofrecendo todas as as películas da súa programación na plataforma Filmin, que tanto está a facer polos festivais neste ano de confinamento e consumo audiovisual na casa. 

Así, non só poderemos ver algúns dos documentais a competición como Nunca subí el Provincia, do recoñecido cineasta chileno Ignacio Agüero, que terá a súa estrea española no festival, senón tamén unha selección das películas más representativas que teñen pasado polo Play-Doc, como a mítica On the Bowery (1956, Lionel Rogosin) nominada ao Premio Oscar ao mellor documental en 1956 ou And When I Die I Won’t Stay Dead (2015, Billy Woodberry) sobre a vida de Bob Kaufman, considerado o Rimbaud americano.

Será ademais a ocasión ideal para ver algunhas pezas moi agardadas do cinema galego como De barrio, de Xurxo Chirro,  Those that, at a distance resemble another, de Jessica Sarah Rinland, Unidade veciñal, de Tono Mejuto, Carne, de Camila Kater e Notas sobre a habitabilidade da Barca, do Colectivo Semente.  A programación complétase con retrospectivas de cineastas de referencia no mundo documental coma os brasileiros Aloysio Raulino e Ozualdo Candeias, o canadense Dominic Gagnon ou os norteamericanos Les Blank, Lech Kowalski e Ross McElwee.

Todos estes filmes estarán dispoñibles do 18 ao 27 de setembro, que é o prazo durante o que se desenvolve o festival, e para acceder será necesario ser subscritor de Filmin, aínda que o visionado das pezas do festival non terá custe engadido. Ademais a través das redes do festival poderemos seguir en directo algúns dos encontros e actividades presenciais. 

© Captura de Filmin.com

 

3. S8, edición dual. Do 27 de setembro ao 3 de outubro

Se algo caracteriza o festival S8 da Coruña é o seu amor militante polo cinema analóxico. Mais iso non impediu a súa adaptación este ano ao mundo online: é máis, é un dos festivais que máis reforzou a súa presenza na rede preparando contidos especiais que se poderán ver en streaming nos días e horarios que marcará o evento, ademais dos filmes de seccións xa coñecidas como Xerme, Sinais ou Desbordamientos. A emisión será sempre en directo aínda que na última fin de semana, do 3 ao 4 de outubro, poderemos ver todos os contidos baixo demanda na súa web.

O máis destacado desa programación especial en liña é Camera Obscura, un novo espazo na rede que nace tomando como referencia o coñecido programa de cine experimental Screening Room. Por este programa, presentado por Robert Gardner de 1972 a 1981 na televisión pública de Boston, pasaron os máis relevantes cineastas de vangarda do seu tempo, a quen o conductor entrevistaba en profundidade ofrecendo tamén aos televidentes a oportunidade de coñecer a súa obra emitindo algunhas das súas pezas. Neste 2020 e pensando en novos xeitos de difundir o cinema experimental, o (S8) recolle o ‘testigo’ de Screening Room para crear este programa emitido en streaming e cun formato renovado que contará cunha estética peculiar e unha clara vocación creativa. 

Neste Camera Obscura o público poderá coñecer a fondo os procesos de traballo de cineastas como Amy Halpern, Tomonari Nishikawa, Alexandre Larose e Valentina Alvarado, repasando a súa obra a través do visionado online dalgunhas das súas películas. Ademais, nesta sección tamén haberá oco para lembrar a traxectoria dunha das personalidades máis especiais que pasaron polo festival: o recentemente falecido Luther Price.

Outro dos programas en streaming creados para esta ocasión é A flor do día, que se chama así en honor ao tema desta edición: “o xardín segredo e a primavera que non vivimos, pero que recuperamos nesta edición de outono”. En cada sesión d’A flor do día veremos un pequeno ramallete de pezas de diversos cineastas que traballan ao redor das cores e o mundo vexetal, precedido dunha presentación rodada en distintos recantos da Coruña. 

Fragmeno da cabeceira que fixo Elena Duque para o programa 'A flor do día' do (S8). © (S8)

 

4. Curtocircuíto amplía a súa colaboración con Filmin e sortea unha subscrición. Do 3 ao 11 de outubro.

A xente do festival Curtocircuíto de Compostela declárase “moi fans de Filmin” e levan desde 2017 colaborando coa plataforma mantendo un Canal Curtocircuíto no que cada edición, durante un mes, compartían unha seleción das películas favoritas que pasan polo festival. Neste 2020, “dadas as circunstancias, ampliar a nosa colaboración era inevitable e por iso Filmin convértese na nosa sede online”, explican na súa web. 

Dese xeito, durante a celebración do festival atoparemos nesta plataforma varias das seccións habituais de Curtocircuíto, entre elas as seccións oficiais Explora e Radar, cuxa programación está aínda sen desvelar, ou Penínsulas, na que participan filmes do ámbito estatal coma como Reserve, de Gerard Ortin; Gorria, de Maddi Barber; O arrais do mar, de Elisa Celda; La sangre es blanca, de Oscar Vincentelli; Los Páramos, de Jaime Puertas; Lonely rivers, do ganador do Goya (Mellor Fotografía por O que arde) Mauro Herce; e Profecía, de Julieta Juncadella que amosarán características comúns cercanas á etnografía experimental e ao realismo máxico. O ensaio fílmico tamén terá protagonismo con Correspondencias dirixida pola ganadora do Goya Carla Simón e a cineasta chilena Dominga Sotomayor; e a coprodución española-estadounidense Autoficción, dirixida por Laida Lertxundi. Ráfagas de vida Salvaje de Jorge Cantos e Panteres de Èrika Sánchez, dúas ficcións que transitan maxicamente cerca do cinema do real, completan a selección xunto ao retrato xeracional dirixido por Rafa Alberola, Arenal, filme sobre a amizade que usa as redes sociais como principal dispositivo e fío narrativo. 

Mentres quedan por desvelar os filmes que comporá o resto da competición de Curtocircuito, e tamén as retrospectivas que poderemos ver en Filmin, desde o festival sortean un ano de subscrición básica a Filmin entre todas as persoas que estean subscritas á newsletter do festival antes do 21 de setembro. Así que vos quedan aínda uns días para intentalo. 

© Curtocircuíto

Faite de vinte

A partir de 5€ mensuais podes suscribirte a VINTE e colaborar para que sigamos a producir contidos de calidade pagando dignamente as colaboracións de vídeo, fotografía, ilustración, xornalismo e creación de todo tipo.