Novas Camadas. 5 curtas que veremos en Cans e para a semana en VINTE

VINTE

Comeza o Festival de Cans na súa edición máis estraña (e proclaman que tamén “a máis segura”), proxectando as curtas dos creadores máis novos que participan este ano no festival. A sección Novas Camadas mostra este mércores traballos de Pablo Aguilar, Cristina Yáñez, Daniel Arana, Daniel Cornes e Alejandro Rodríguez, que se disputan o Premio Deleite e que durante a semana que vén poderemos ver en exclusiva en VINTE.  Imos darlles un repaso.  

Co patrocinio de

Comeza o Festival de Cans na súa edición máis estraña (e proclaman que tamén “a máis segura”), proxectando as curtas dos creadores máis novos que participan este ano no festival. A sección Novas Camadas mostra este mércores traballos de Pablo Aguilar, Cristina Yáñez, Daniel Arana, Daniel Cornes e Alejandro Rodríguez, que se disputan o Premio Deleite e que durante a semana que vén poderemos ver en exclusiva en VINTE.  Imos darlles un repaso.  

  • 01

    'Trala porta', de Alejandro Rodríguez

    Lázaro e Chloé afrontan unha realidade común a moitas persoas na que, tanto por influencia familiar como pola presión social, vense subxugados a vivir unha vida que non lles pertence. Pero ata onde chega a súa liberdade?   Lidia Veiga e Fran Nogueira protagonizan esta curta de suspense dirixida por Alejandro Rodríguez (Tomiño, 1995) que xa participou en varios festivais e que sae das vizosas aulas da Facultade de Comunicación Audiovisual de Pontevedra. 

  • 02

    'Na memoria da túa esposa', de Cristina Yáñez

    Adela é unha muller de setenta e un años que vive nun pobo abandonado do rural galego. A maxia do lugar envolve a poboación vella, que se atopa illada por completo do mundo exterior. 'Na memoria da túa esposa', primeira curta que dirixe Cristina Yáñez (O Barco de Valdeorras, 1996), é unha reflexión sobre o despoboamento, o envellecemento e a soidade e está protagonizada por Mela Casal. 

  • 03

    'Onde dormen as gaivotas', de Dani Cornes

    Nun futuro afectado polo cambio climático, a bióloga Amelia chega a un arquipélago nunha tarefa de recoñecemento. Illada do mundo, a súa única compaña é a voz de Control no seu oído. Todo vai ben, pero o tempo pasa, as tensións medran e comezan as discusións. O músico e realizador Dani Cornes (O Grove, 1997) adentrouse nas Cíes para rodar esta curta que gañou o Desafío Audiovisual do Concello de Vigo para promocionar estas illas como Patrimonio de Humanidade. 

  • 04

    'Toda aspereza', de Pablo Aguilar

    Un mozo entra nunha estación de tranvía abandonada e percorre un camiño polos seus recordos e emocións, enfrontándose ao tempo e a perda. Unha busca do eu dentro da ruína: unha historia de negación, ira, dor e aceptación. 'Toda aspereza' é a primeira curta de Pablo Aguilar, un vigués do 1997 que se está a formar como cineasta en Berlín.

  • 05

    'Norte', de Daniel Arana

    Unha muller atopa un home desorientado e lévao a unha abadía. Entre soños e sucesos, o home descubrirá misterios acerca de si mesmo e do que o rodea. 'Norte' é a primeira curta de Daniel Arana, cineasta de Pontecaldelas nacido en Colombia no 96, como director e guionista, e foi o seu traballo de fin do Grao de Comunicación Audiovisual en Pontevedra. 

Faite de vinte

A partir de 5€ mensuais podes suscribirte a VINTE e colaborar para que sigamos a producir contidos de calidade pagando dignamente as colaboracións de vídeo, fotografía, ilustración, xornalismo e creación de todo tipo.