Vinte artistas que saíron da facultade de Belas Artes de Pontevedra
En 2020 a única facultade de Belas Artes de Galicia fixo 30 anos e varios proxectos expositivos tiveron que agardar ata este 2021 para poder chegar ao público, entre eles o que podemos ver no CGAC ata o 23 de maio, ‘Cultivar incertezas’ comisariado por Ángel Cerviño. En VINTE tampouco quixemos deixar pasar esta celebración para darlle un repaso a 20 talentos que saíron destas aulas e que, desde as disciplinas máis diversas, converteron Pontevedra nunha incubadora de artistas que triunfan internacionalmente.
Na imaxe, "Second monument to the unknown artists" (2012), escultura de Suso Fandiño en letras de neón azul.
En 2020 a única facultade de Belas Artes de Galicia fixo 30 anos e varios proxectos expositivos tiveron que agardar ata este 2021 para poder chegar ao público, entre eles o que podemos ver no CGAC ata o 23 de maio, ‘Cultivar incertezas’ comisariado por Ángel Cerviño. En VINTE tampouco quixemos deixar pasar esta celebración para darlle un repaso a 20 talentos que saíron destas aulas e que, desde as disciplinas máis diversas, converteron Pontevedra nunha incubadora de artistas que triunfan internacionalmente.
Na imaxe, "Second monument to the unknown artists" (2012), escultura de Suso Fandiño en letras de neón azul.
- 01
Vicente Blanco
Vicente Blanco Mosquera rematou a licenciatura en 1997, con especialidade en escultura, mais agora dedícase a utilizar diferentes técnicas, como vídeocreación, ilustración ou fotografía, para construír unha única narrativa. Con orixe en Cee, durante moitos anos afincou o seu estudio no artístico barrio de Kreuzberg, en Berlín. O seu traballo estivo exposto en museos e feiras de toda Europa e tamén de Pequín, Toquio ou Nova York, o que o convirte nun dos nosos artistas máis internacionais. Na imaxe, unha vista de Lo que se espera de nosotros, a súa primeira exposición individual no CGAC (2003).
- 02
Mar Vicente
Nacida no Valadouro en 1979, Mar Vicente vive en Austria e Albania e traballa nos ámbitos da pintura e escultura, desafiando a fronteira entre ambas disciplinas. Licenciouse no 2004 e unha parte característica da creadora é a súa escolla reiterada das mesmas cores, como se ve na súa obra, así como a utilización das distintas formas de percibir o volume, valéndose da iluminación e a situación na que se atopa o espectador. Agora mesmo podemos ver a súa obra tanto na exposición colectiva do CGAC como en 4 Proxectos, a nova proposta do MARCO de Vigo para que catro artistas galegos, entre eles Mar Vicente, traballen a partir do espazo do museo.
- 03
Victoria Diehl
Á fotógrafa Victoria Diehl (A Coruña, 1978) gústalle desafíar as ideas establecidas e convencionais. Co corpo humano como protagonista, as súas fotografías mesturan o real e a estatua. Comeza a súa carreira profesional no ano 2003 tras licenciarse e a súa obra chegoua ser portada no 2014 do anuario cultural do The New York Times. A súa última exposición individual, En el nudo gordiano, estivo en 2016 na galería Moret Art da Coruña.
- 04
Enrique Lista
Na forma de traballar do artista plástico e fotógrafo Enrique Lista (Malpica, 1977) abunda a ironía e a perspicacia. Licenciado no ano 2000 e doutorado no 2015, dando un paseo pola súa web podemos ver un petisco dos seus últimos traballos como a a exposición Mirador de aves ou o fotolibro Síntomas, onde o autor fotografou medicamentos, envases e outros obxevtos de uso médico, desbotados ou perdidos nas rúas da Coruña. No seu traballo Lista sempre nos anima a reflexionar máis alá do que parecen ser imaxes definidas e pensar naquilo ao que diriximos a mirada cada día.
- 05
Mar Ramón
Graduada no 2015, á ourensá Mar Ramón gústalle xogar coa idea do corpo como refuxio e reivindica o uso da cerámica e o téxtil, técnicas tradicionais realizadas convencionalmente por mulleres e relegadas ao ámbito do doméstico. Combina formas do corpo humano con obxectos da vida cotiá como «teas, vendas, cazolas, tampóns, lápices, bonecos ou pinzas da roupa», tal como explica na súa web, e o seu traballo foi seleccionado en varias ocasións por revistas como AD Spain. Podemos seguila tamén en Instagram.
- 06
Borja Santomé
Borja Santomé (Vigo, 1992), graduado do ano 2016, optou pola animación stop-motion como medio de expresión e xa ten varias curtas que percorreron festivais como El reloj, que gañlou en 2018 o premio ao mellor cortometraxe de animación no Festival de Cans. Tamén asinou o videoclip de “Ángeles fósiles” para Amaro Ferreiro e outros traballos que podemos verna súa canle de Vimeo.
- 07
Teresa Búa
A deseñadora téxtil e fotógrafa Teresa Búa, da quenda do 2013, atopa inspiración para a súas prendas na súa Muxía natal, ao que lle engade unha perspectiva feminista. A día de hoxe continua traballando no eido da moda, mais agora dende Mulhouse, Francia, como deseñadora de estampados en 3D. Hai uns meses a galería Solaina de Lugo, acolleu a súa exposición Caderno vermello, un diario íntimo sobre a menstruación. Hai uns anos puxo á venda unha edición limitada de pendentes con forma de clítoris, que podemos ainda ver no seu Instagram, e seguir os seus novos proxectos artísticos.
- 08
Yoseba MP
Non moitos artistas poden dicir que unha gran parte de Galicia mira a diario a súa obra, pero Yoseba MP é un deles. Joseba Muruzabal, nacido en Cambre en 1984 e afincado en Compostela, é o creador das superavoas, recoñecibles grafittis que podemos observar nas fachadas de varios edificios por diferentes vilas e cidades galegas, coma esta de Vigo, unha das últimas. No seu perfil de Instagram aparecen estas obras e moito máis.
- 09
Sol Mussa
Tras graduarse no 2018 Sol Mussa (Vigo, 1996) desprazouse a Londres para seguir estudando e explorar as posibilidades da linguaxe audiovisual. Alí fixo a súa curta Stockroom, coa que gañou na MICE de 2019, na que combina imaxes collidas cunha cámara de man do exterior londinense co ambiente que se vive nun almacén de traballo. Este ano está a presentar dúas pezas audiovisuais que fixo durante a pandemia: Ratatuille e Work in progress, esta última canda Noa Rodríguez. Ningunha delas está por agora dispoñible online, mais de Stockroom si que podemos ver un teaser. No próximo festival S8 poderemos ver parte do seu traballo.
- 10
Jorge Perianes
Este artista plástico de Ourense, licenciado no ano 2000, constrúe ideas profundas a partir de elementos sinxelos. É outro dos nosos artistas máis internacionais e a súa obra estivo presente en máis de 150 exposicións colectivas en varios países, ademais de facer unha vintena de mostra individuais. Unha das últimas intervencións súas que puidemos ver en Galicia foi a instalación que presentou en Dobre Quadratura, exposta na Casa do Cabido de Santiago de Compostela a principios deste ano (na imaxe), onde convivía cunha videoinstalación de Lois Patiño. Nela Perianes reflexiona sobre o paso do tempo, afastándose do carpe diem. Podemos ver máis da súa obra na web da galería Max Estrella.
- 11
Marta Verde
Seguindo a traxectoria de Marta Verde Baqueiro (Pontevedra, 1985), por exemplo na súa web, quédanos claro que estamos ante unha artista todoterreo que, tras licenciarse no ano 2009, se especializou na arte interactivo e multimedia e maisna programación creativa. Un dos ámbitos nos que aplica estas tecnoloxías é nas artes escénicas, e as súas instalacións e performances en directo puidéronse ver en festivais coma o Primavera Sound, MIRA Festival, LEV Matadero, Curtocircuíto ou WOS.
- 12
Suso Fandiño
Un dos artistas máis transgresores da súa xeración, non en balde estivo á fronte de bandas punk e hardcore dos 90 como Fame Neghra, e é dos que renovaron a arte plástica galega despois do Atlantismo. Licenciouse no ano 2000 pola especialidade de escultura e dedícase sobre todo á arte conceptual, na que o uso dos textos e a apropiación cultural se serve para cuestionar o contexto político e social. Da súa primeira exposición individual hai xa vinte anos, e é na súa web onde podemos darnos un paseo pola súa extensa obra.
- 13
Almudena Fernández Fariña
A pintora Almudena Fernández Fariña licenciouse en 1995 e actualmente é profesora asociada na facultade. A pintura desta viguesa caracterízase por ser altamente abstracta e sobria, e require dun impulso imaxinativo por parte do público. É unha das licenciadas máis veteranas e ten tres décadas de traballo ás súas costas, e a súa obra atópase en coleccións privadas e públicas como a do Museo de Arte Contemporáneo de Madrid, Museo de Pontevedra, Consello de Contas de Galicia, Fundación Caja Madrid ou Deputación da Coruña. Na imaxe vemos unha das súas obras baseadas en nós do ano 2001, o acrílico Enredado.
- 14
Rubén Ramos Balsa
Este artista plástico experimentalista mestura ciencia e arte na súa obra, dúas disciplinas aparentemente opostas pero que na realidade teñen moita relación entre sí. Nativo compostelán, terminou a carreira no 2001 e dende entón as súas exposicións chegaron a lugares como Venecia, São Paulo ou Singapur. Podemos observar a súa obra e máis no seu perfil de Instagram.
- 15
Elena Fernández Prada
A leonesa residente en Vigo Elena Fernández Prada foi parte dunha das primeiras xeracións en lincenciarse en Belas Artes. Esta pintora e debuxante di representar as cousas tal e como se describen, non como se ven. Complexos e profundos, os seus cadros mesturan diferentes cores, coa superposición de imaxes illadas como un dos elementos principais que podemos atopar na súa obra, exposta no seu sitio persoal. Na imaxe, un detalle do seu óleo Viaje a Surinam (2012).
- 16
Berio Molina
O artísta sonoro e plástico e tamén cineasta Berio Molina é da quenda dos licenciados no 2003. Criado na Fonsagrada, as súas exposicións pisaron o chan de Estambul, Cidade de México, Teherán, Irán ou Valparaíso, Chile, entre outras cidades. No ano 2019 codirixiu con Alexandre Cancelo a longametraxe 7 limbos, definida polo el mesmo como unha viaxe sonora polas veladuras do espectral. Na actualidade prepara Radio Cu Cu, unha nova peza audiovisual na que unha emisora de radio recolle imaxes de cámaras de videovixianza de internet sobre as que superpón o seu propio audio. Na imaxe vemos a Berio Molina na época na que estudaba en Pontevedra.
- 17
Iria Vázquez
A artista multidisciplinar de Vigo Iria Vázquez doutorouse no ano 2015 e dedícase tanto a fotografía como á interpretación e a dirección, así como á escultura, a performance ou o canto. Inspirada polo mundo artístico parisino, que coñece grazas ás súas estancias predoutorais nos museos do Louvre e d’Orsay, tamén se dedica á educación artística e a mediación cultural en espazos como o Festival SinSal. O seu traballo de videocreación máis recente puido verse no festival Intersección da Coruña e tamén colaborou como cantante e realizadora nalgúns dos videoclips de Marco Maril (Apenino) correspondentes a 15.11.18, o seu novo álbum que verá a luz o vindeiro 21 de maio.
- 18
Erik Balbuena
Cando se graduou no 2016, Erik Balbuena xa levaba dez anos no mundo do graffiti deixando a súa marca nas rúas viguesas baixo o pseudónimo Rade. A súa obra, que para os seus seguidores en Instagram e que atopamos nas principais cidades galegas, recolle elementos do ámbito urbano creando unha conexión con el e traballa en en diversos medios, como pintura, vídeo ou fotografía. Traballa cos conceptos da abstracción e do efémero e utiliza para expresarse formas propias de comunicación da contemporaneidade. No vídeo vemos o proceso de montaxe da peza que preparou para a exposición colectiva Cultivar incertezas, que celebra o 30 aniversario da facultade de Belas Artes de Pontevedra.
- 19
Julia Huete
Unha das máximas expoñentes da pintura abstracta en Galicia, Julia Huete difumina os límites entre esta e a ilustración, apoiándose en materiales téxtiles. A base do que fai é a investigación e comparación entre as claves do discurso pictórico e poético, e os recursos lingüísticos mestúranse con aqueles da pintura e o debuxo. Esta ourensá gradouse no 2013 e realizou estancias no Porto e Jalisco (México) e podemos ver unha escolma da súa obra na web da galería que a representa, a Galería Nordés de Santiago. No seu Instagram podemos seguir a súa obra incluíndo un dos seus últimos proxectos, a publicación dixital Asimetri.co, que fai man a man con Silvia Ferpal.
- 20
Román Corbato
O arquitecto e artista asturiano Román Corbato, que vive e traballa entre Pontevedra e Xixón, centrou a súa investigación do doutoramento nas relacións entre a paisaxe e o lugar na arte contemporánea da súa natal Asturias e de Galicia. Utiliza materiais recuperados da terra, xoga con eles e preséntaos mediante instalacións, fotografías e esculturas. Tanto este ámbito do seu traballo como as súas exposicións podemos observalas no seu Instagram.