VINTE na rede

Vinte contas de arte galega para seguir no Instagram

VINTE

Algunhas voces xa proclaman a decadencia de Instagram como rede social para influencers, coa imparable impulso de TikTok no último ano. Mais segue a ser a mellor plataforma popular para a difusión das artes visuais, para coñecer a novos artistas ou para redescubrir o traballo dalgúns veteranos, que exploran nesta rede maneiras de achegar a súa obra ao público. Hai ducias de propostas interesantes en Galicia: sirva esta escolla de vinte só para empezar a tirar do fío. 

Co patrocinio de

Algunhas voces xa proclaman a decadencia de Instagram como rede social para influencers, coa imparable impulso de TikTok no último ano. Mais segue a ser a mellor plataforma popular para a difusión das artes visuais, para coñecer a novos artistas ou para redescubrir o traballo dalgúns veteranos, que exploran nesta rede maneiras de achegar a súa obra ao público. Hai ducias de propostas interesantes en Galicia: sirva esta escolla de vinte só para empezar a tirar do fío. 

  • 01

    AGPI

    Comezamos pola Asociación Galega de Profesionais da Ilustración, que difunde o traballo de máis dun cento de asociados e que ademais este 30 de xaneiro celebra o Día da Ilustración, dedicándollo por primeira vez a unha muller: Lolita Díaz Baliño, artista coruñesa que despuntou nos anos 20 do século XX. Varias ilustradoras galegas homenaxéana con traballos propios que podemos ver no perfil da AGPI

  • 06

    Galería Solaina

    A galería de arte máis nova e transgresora témola en Lugo e tamén no Instagram. Solaina é un proxecto de Antía Carreira e Sergio Marey (non perdades os seus IG) con propostas como Vaginal, a súa última exposición, comisariada por Luisa Galbán e que rende homenaxe á artista drag Vaginal Davis, con obras de Amalia Ambroa, Alejandro Fuertes, Daniela Somoza, Francisco Rico aka Paca la Marrana, Horacio Vega, Irene Sánchez, Naiara Gómez, Tamara Goberna, Visceral, Xoana/Pascual Pousa e Xoel Gómez aka Ariezzz.

  • 07

    Galería Nordés

    Aberta en 2018 na zona vella de Santiago, a galería que comanda Chus Villar vénnos presentando a obra de artistas locais e peninsulares como Pablo Barreiro, Dalila Gonçalves, Manolo Eirís ou Julia Huete, e agora acolle a súa primeira mostra colectiva: OCULTO EN LA SOMBRA. SUCEDIENDO EN EL MARGEN. DISOLVIENDO LA FORMA, comisariada por Marta Ramos-Yzquierdo, con obras de Gabriel Alonso, Elena Asíns, Taxio Ardanaz, Nicolás Combarro, Esther Gatón e Carla Souto. No seu Instagram a galería non só nos mostra a obra senón tamén os procesos de montaxe das exposicións, cunha fotografía moi coidada. 

  • 08

    Carlota Cobas

    Esta coruñesa defínese como artista de trazo fino e o seu soporte principal é o corpo humano. No seu Instagram podemos ver os últimos tatoos que deseñou, na pel dos seus propietarios, e tamén probas de debuxos en papel para quen queira ideas para unha próxima tatuaxe, ou traballos noutros soportes como a serigrafía. 

  • 09

    Berio Molina

    O artista da Fonsagrada usa o Instagram para mostrar non só o seu traballo ou o proceso senón tamén as notas de investigación dos seus proxectos. Podemos ver algunhas no seu perfil persoal, mais o mellor exemplo disto é a conta Arquivo para sonas, que define como “Notas de traballo arredor da escritura acusmática. Citas, pezas, apuntes…” e, efectivamente, nela atopamos libros subliñados, fragmentos de filmes, imaxes, podcasts… un xeito de compartir connosco os nutrintes da súa obra. 

  • 10

    Lara Pintos

    A obra desta pintora achéganos a espazos arquitectónicos e domésticos tan íntimos e recoñecibles en calquera vivenda de barrio obreiro, que contemplalas é toda unha viaxe ao noso universo máis íntimo e familiar, iso si, sen xente, só con mobles e elementos decorativos tirando a austeros e pasados de moda. Na súa conta tamén vemos o seu estudio da Coruña, onde gusta de levar músicos a tocar: esta mesma semana estivo Félix Arias nun concerto que se retransmitiu por Youtube en directo. Non quedou colgado por agora pero podedes ver anacos doutra actuación recente no propio Instagram de Lara Pintos.  

  • 11

    Lúa Gándara

    Nunha época anterior a pintora compostelá mostrábase no seu Instagram diva e icónica como é ela soa (lembremos cando facía cabaré con Rodrigo Cuevas ou o espectacular vídeo que protagonizou cantando a súa versión de “Beat it” de Michael Jackson no barrio de Vite), mais dun tempo a esta parte deixa que sexa a súa obra, arte abstracta en acrílico con gran colorido e títulos xeniais, quen protagonice a súa conta. 

  • 12

    Jose Perozo

    Levar a escultura a Instagram supón un reto tridimensional que ten que ver coa fotografía, o deseño, as maneiras de mirar. Jose Perozo sae ben airoso deste desafío mostrando obra rematada exposta pero tamén as pezas fóra dese contexto expositivo, sen fondo, saíndo das caixas, sen acabar de montar, en proceso… algo que nos axuda a entender mellor a idea e a materialidade do seu traballo. 

  • 13

    Arte do País

    Non hai moitos proxectos curatoriais de arte galega feitos especificamente para Instagram, e este é un deles. A súa intención, máis que dar a coñecer artistas novos (que tamén o fan), é ofrecernos un percorrido pola historia da arte plástica en Galicia, seleccionando obras dos nosos mellores pintores, escultores ou fotógrafos. O seu uso das stories fai desta conta unha das máis dinámicas e participativas, con vontade de facer comunidade en torno á divulgación da arte galega, e parece que o están a conseguir con esta caste de museo online. 

  • 14

    Helena Salgueiro

    Levar as artes performativas a Instagram tampouco é a idea máis obvia (non está para iso Tiktok?) pero Helena Salgueiro resólveo con nota valéndose das imaxes coa axuda de fotógrafos como Óscar Corral ou Alberto Peiteável. Nas stories bota man da fragmentación audiovisual no proxecto Arké, que nos mostra imaxes repetidas do seu corpo, mentres nos mostra coreografías na cotiandade doméstica común nestes tempos. As pantallas dos móbiles, mediadoras necesarias da poesía escénica, e tamén soportes para a exploración. 

  • 15

    Verónica Moar

    A cerámica é outra das artes plásticas que máis medrou nos últimos anos. Hai ganas de facer cousas coas mans, traballar os volumes e tamén ofrecer novas miradas e creacións ás artes decorativas. E Instagram é un escaparate perfecto, cando non directamente un punto de venda. No caso de Verónica Moar as fotografías captan a alma das súas creacións: “ese lugar no que a cerámica dialoga co corpo e coa palabra”, como expresa na súa bio. E móstranos o mellor do seu catálogo tanto de cerámica artística como de cerámica funcional, que podemos explorar e mesmo mercar na súa tenda online. 

  • 16

    Cristian F. Caruncho

    Achegámonos ao mundo do cómic, que atopou en Instagram un soporte non só expositivo senón tamén ás veces narrativo, xogando cos posts como viñetas, tiras cómicas, probas de personaxes, etc. Na súa conta Cristian F. Caruncho comparte imaxes do universo rural dos montes de Ortigueira que tan ben retratou en Grandarroiba (Demo Editorial, 2020) cunha ollada desde dentro que non estamos moi afeitos a ver, se cadra pola influencia do western, ou polo achegamento nada folclorizante. 

  • 17

    Iria Prol

    O mundo da ilustración lévanos de novo a soportes moi diversos que conflúen co muralismo, co deseño gráfico, mesmo co packaging e a publicidade, e o traballo de Iria Prol é un gran exemplo disto. Podemos ver os seus deseños en camisetas, en cuncas, en carteis, en bolsos, en tarros de mel ou en cartóns de leite. Son moi interesantes os seus traballos con bodegóns de ingredientes para  o libro de receitas dunha conserveira, e dá gusto ver como estas empresas galegas de conservas seguen apostando, coma nos seus inicios no século XIX, polo deseño de calidade e do país. 

  • 18

    Twee Muizen

    Denís Galocha e Cristina Barrientos son dous artistas de Teo que viven e traballan en Barcelona e desde que se xuntaron forman co nome de Twee Muizen (dous ratos, en neerlandés), unha parella artística na que Denís debuxa e pinta (os seus murais chegaron a cidades de toda Europa) e Cris deseña bonecos e máscaras con material téxtil, todo formando parte dun mesmo universo visual que xoga coas cores, os volumes e as texturas e que podemos observar no seu Instagram, que é unha prolongación do seu estudio-galería en Barcelona.   

  • 19

    Afra Torrado

    Debuxante e poeta nacida en Bamio en 1997, tuiteira e youtuber co nome de Pepa Tixolo, coordinadora do fanzine Infumable, da “non-editorial” Leite Edicións… realmente non é só en Instagram onde Afra Torrado comparte a súa creación visual, mais é un bo punto de partida para seguir a súa obra, que non se conforma cun só formato e atopa na espontaneidade dos fanzines e das redes o seu lugar natural de expresión.  

  • 20

    Caleidoscópica Magazine

    Pechamos a lista abrindo o camiño para outra nova. Se aquí nos centramos nas artes plásticas, e deixamos fóra a fotografía foi adrede, porque aí hai outro mundo enorme que tamén ten en Instagram un dos seus maiores escaparates. Aí contamos co traballo curatorial de editoras como Dispara ou Banco Editorial, festivais como FFoco ou revistas como a que traemos aquí, Caleidoscópica, que se pode ler de balde na web e tamén usa Instagram para ir compartindo e dando a coñecer autoras. Todo un universo de múltiples olladas na rede que exploraremos nunha vindeira entrega. 

Faite de vinte

A partir de 5€ mensuais podes suscribirte a VINTE e colaborar para que sigamos a producir contidos de calidade pagando dignamente as colaboracións de vídeo, fotografía, ilustración, xornalismo e creación de todo tipo.