Participantes na zona do K-POP na pasada edición da Lérez Up CC-BY-SA David Freire
Igual que Son Goku nos achegou a cultura xaponesa, o K-POP está a popularizar a cultura coreana, a súa estética , gastronomía e mesmo cosmética. O furor pola música que vén de Corea do Sur levou a incorporar unha zona específica na Lérez Up na súa edición de 2024 e este ano a área medra, cun gran concurso de baile ateigado de participantes e premios e moitas propostas de lecer alternativo esta fin de semana no recinto feiral de Pontevedra.
Todo comezou co “Ganmam Style”, de PSY. Ritmo e coreografía inesquecible que xurdiu en 2012. Foi o primeiro vídeo da plataforma Youtube en chegar aos mil millóns de visitas e, a día de hoxe, esta canción, que é unha crítica contra o sistema de clases e os estereotipos de xénero, aínda está entre os dez vídeos máis vistos da historia da canle, con 5.649 millóns de visitas. Isto pasaba en 2012 e ao ano seguinte comezaban os BTS, que pronto resultaron un furor desde Corea do Sur para o mundo enteiro. O K-POP está de moda e con el vai moito máis que a música, xa que se converteu na plataforma para exportar a nivel mundial a cultura coreana, no seu sentido máis amplo.
“O Gangnam Style abriu a mentalidade e logo chegou BTS, que rachou todo; eses serían os dous grandes fitos”, explica Mai, creadora de Korean Events Galicia e coordinadora da zona K-POP na edición deste ano da Lérez Up, que comeza este sábado en Pontevedra.
Mai aplaude o éxito dos BTS, coas súas letras “cheas de valores”. “Foi moi inspirador para moita xente en aspectos como a loita contra o bullyng”, asegura. Xunto a eles, agora mesmo é o momento de Stray Kids, Black Pink ou Ateez.
O K-POP non tiña un evento como tal para si mesmo e desde hai uns anos adoita incluirse nas feiras de anime, manga e cultura xaponesa, aínda que en realidade son culturas totalmente diferentes. E mesmo o K-POP non só é pop, senón que abrangue rock, rap e mesmo funky, explica a coordinadora da zona na Lérez Up.
“Igual que Son Goku popularizou a cultura xaponesa, o K-POP abriu a cultura coreana ao resto do mundo e iso tamén inclúe gastronomía ou cosmética”, explica Mai. A tamén dj, detalla que hai tempo que se poden observar certos cambios no estándar estético da mocidade. “Vemos homes máis afeminados, que coidan da súa imaxe, e iso tamén está dentro do furor do K-POP. Está de moda”, indica.
Aínda que non sexan a mesma cultura, si que habería un patrón de coñecemento do K-POP a través do anime e o manga, polos menos nos seus inicios. “Eu son otaku, e escoitando a música do anime, descubrín o K-POP. Agora vexo menos anime e máis K-dramas, que xa chegaron a nós”, argumeta Mai. Os K-dramas serían as series audiovisuais que chegan de Corea do Sur, que poden ser de aventuras, fantasía ou mesmo zombis. Forman parte dos coñecidos como doradramas, nome xenérico para todas as series televisivas asiáticas.
O gusto pola cultura asiática e, máis en concreto pola sucoreana, levou a Mai a comezar a organizar festas e eventos con esta música e estética como protagonista, ao tempo que tamén coordina as zonas do K-POP en ferias como a Kokoro de Vigo e este ano estará na Lérez Up.
En Pontevedra na zona K-POP unha cita imprescindible chegará o domingo co concurso de baile, que sempre resulta moi vistoso pola cantidade de xente que agrupa. Na mesma semana de abriren os prazos xa se cubriron as incricións para os grupos e pouco despois para os participantes individuais. “A xente baila moi ben, son autodidactas e moitas veces quedan na rúa para ensaiar porque non teñen outro lugar”, subliña a coordinadora da zona.
Os alicientes para participar este ano, ademais da visibilidade no evento, son os premios, que contan con apoio de WordPress. Os gañadores da proba grupal levarán 220 euros, merchandising K-pop, trofeos, regalos sorpresa WordPress e un Plan premium WordPress.com para facer una páxina profesional cun dominio gratuito durante un ano. Na categoría individual, pola súa banda os agasallos son os mesmos, salvo na parte económica, con 100 euros. O xurado estará formado pola artista Tamarindo Conde, a xornalista Iani Osgueritchian e a dj e cosplayer, Mai.
Na zona K-POP as persoas asistentes poden participar na Random Dance e amosar o seu coñecemento das coreografías, unha cita que sempre chama e gusta moito ás kpopers. Haberá tamén proxeccións de concertos dos Stray Kids ou de August-D, membro de BTS.
Poderase xogar ao kahoot - unha especie de trivial musical- desde o móbil; ao xogo do pepero ou mikado, que consiste en comer entre dúas persoas, amodiño, este pau, cada unha por un extremo, ata deixar un cm ou menos entre as bocas; non faltará o karaoke; un bingo musical, e tamén se incoporarán dinámicas de O xogo do calamar. “Haberá disfraces de boneco e soldado para recrear os xogos da peli, pero sen matar a ninguén, claro”, chancea Mai.
Podes ver aquí o programa completo da Lérez Up, salón de videoxogo e a cultura friki, que se celebra en Pontevedra esta próxima fin de semana.