Do Magic ao Catán: Na Lérez Up a diversión tamén está sobre a mesa

Ofrecido por

Francisco J. Delgado, amosa cartas de Pokémon na pasada edición da Lérez Up. CC-BY-SA David Freire

Frikis, K-Pop, cosplay, videoxogos, arte, moda… e tamén xogos de mesa e de cartas, pero de cartas coleccionables e intercambiables como é o Magic, Pokémon ou Riftbound, o novo xogo baseado no League of Legends que sairá ao mercado en outubro, pero que xa terá a súa presentación en Pontevedra. Na Lérez Up, que chega esta fin de semana, haberá moita diversión sobre a mesa grazas a Percalandia, que coordina a Card Games, e á asociación Rotting Pizza, que organiza a zona de Xogos de Mesa, onde tamén haberá espazo para os novos creadores, que explicarán e xogarán alí mesmo co público asistente.

 

“Cando descubrín o Magic dixen: ‘eu neste xogo só vou poñer 20 euros…’ e non foi así”. Alberto Quintá comezou a xogar ao Magic na Universidade, en 2014, cando tiña 19 anos e axiña frecuentou as quedadas na tenda especializada Midgar de Pontevedra. Hoxe en día en día a tenda pechou mail e é todo un experto no Magic: The Gathering, o Pokemon TCG e xa pode ensinar tamén o Riftbound, o novo xogo de cartas de League of Legends, que se lanzará oficialmente en outubro. 

Nos últimos anos Alberto Quintá coma centos de afeccionados da zona ás cartas, quedan en Percalandia, a tenda especializada de Pontevedra e auténtico fervedoiro dos chamados xogos TCG (Trading Card Game, xogo de cartas coleccionables) como é o Magic. “O xogo gustoume porque é o TCG máis completo, con moitas mecánicas e dinámicas. É moi diverso, podes personalizalo e ademais, a nivel de deseño, é un luxo”, subliña Quintá, que salienta a cantidade de artistas gráficos que traballan no xogo e a relevancia das historias de cada edición, que sempre espertan moito interese mediante os distintos spoilers que van lanzando. 

Alberto Quintá (primeiro pola esquerda) durante un torneo de cartas Magic. CC-BY-SA Cedida

Segundo explica Quintá para obter as cartas e facer o teu mazo, podes ir ás tendas especializadas e comprar os teus sobre e logo “é imprescindible” que coñezas a plataforma online cardmarket, que valora as cartas e axuda a establecer un prezo á túa carta para negociar no caso de compra venda. 

Quintá relata que ao comezo, en Pontevedra, non eran máis de 30 os que quedaban para xogar ao Magic. Crearon un grupo de WhatsApp (que el moderaba) e co nacemento da Lérez Up en 2022 duplicouse o número de xogadores cada ano e agora son máis de 300 os “frikis” deste TCG e tamén do Pokémon no grupo. “Este ano na Lérez Up estarei como voluntario de Percalandia, ensinando Magic, Pokémon e Riftbound e, se podo, tamén participarei nalgún torneo”, conta Alberto Quintá. 

A zona de Card Games, na Lérez Up. CC-BY-SA David Freire

Desde Percalandia, o seu fundador, Rubén Vázquez, salienta que na Lérez Up van organizar os torneos de Magic, Pokemon e o Riftbound. “Nós somos tenda oficial dos tres xogos e na Lérez Up organizamos os torneos, desde que comezou. Organizamos, por exemplo, o RCQ, torneo clasificable a nivel europeo do Magic, onde participa xente de toda España e Portugal que busca a súa presenza na final da Regional Championship, en Turín”, detalla. 

Hai tempo que a súa tenda reúne ducias de frikis a xogar ao Magic ou Pokemon. “Son xogos cun amplo compoñente social, onde intercambias cartas e montas o teu propio mazo, co que podes xogar e competir”, indica Rubén Vázquez. 

Ademais dos torneos, na zona de Card Games da Lérez Up hai moito xogo libre e como cada ano estará a Commander Party, que o ano pasado reuniu ata setenta persoas a xogar de forma simultánea en distintos niveis. 

“O ano pasado participaron arredor de 500 persoas na nosa zona de Card Games e agardo que este ano sexan máis porque ampliamos o espazo. Estamos moi contentos de colaborar un ano máis coa Gaming Troop, xa con ganas de comezar a Lérez Up!, subliña Rubén Vázquez. 

A asociación lúdica Rotting Pizza é a encargada de coordinar a zona de Xogos de Mesa na feira máis friki de Pontevedra e en concreto este ano o encargado da súa posta en marcha é Pelayo Alonso, quen se considera “moi fanático dos xogos de mesas desde mozo”. Alonso salienta que hai xogos máis sinxelos como o Monopoly ou o Catan e logo outros máis complexos. “É un mundo moi extenso e depende do carácter da persoa, se lle gusta a estratexia, analizar riscos, pensar…” asegura. “Para min é unha maneira de desconectar e obter diversión, pero tamén para espremer o cerebro. En moitas escolas aplican a ABX, a aprendizaxe baseada en xogos, para aprender inglés, cifras ou familias léxicas e por algo será”, acrecenta.

Algúns dos xogos de mesa que estarán nesta edición da Lérez Up. CC-BY-SA Cedida

Para a Lérez Up desde Rotting Pizza traerán xogos pensados para todos os públicos , que lles ceden compañías como Braco Ideas ou Panda Games. En concreto nesta edición estarán entre outros: As ruinas perdidas de Arnak, Skull King, ⁠Heat, ⁠Mal Trago, ⁠Lava House, ⁠Shikoku,⁠Icon, ⁠Res Publica, ⁠Pigeon Punch, ⁠AVIO, ⁠El bosque de los susurros, ⁠La cuenta ou⁠Mesos. 

Ademais, por vez primeira na zona de Xogos de Mesa haberá un espazo para prototipos con editoriais emerxentes como La hoguerita e Croqueta games; Jesús Cortés presentará o xogo R.E.S.E.T, baseado na novela do mesmo nome de David Gago, veciño de Marín; e Curruncho Galego, pola súa banda, traerá xogos de mariscadoras. Tamén os irmáns marinenses José Luis e Miguel Trassierra presentarán os seus xogos de rol e os asistentes poderán xogar e conversar cos creadores.

“Haberá tamén unha mesa de xogo de rol, con diferentes opcións, dirixida por membros da Rotting Pizza e ata un obradoiro de pintura de miniaturas que impartirá Carlota Vidal, da tenda Mononoke de Marín”, salienta Pelayo Alonso. En concreto as miniaturas serán do filme A viaxe de Chihiro e Final Fantasy.

Cartel Lérez Up 2025 CC-BY-SA Lérez Up
Vanesa Vázquez

Vanesa Vázquez

Viguesa do Calvario. Comecei e aprendín en Atlántico Diario, Radio Vigo e Expansión. Cada día conta e agora contámolo en VINTE e Praza.gal. 

Tamén che interesa

  • A Lérez Up medra con máis xogos, moda 'lolita' e ata vodas frikis en Pontevedra

    A feira máis friki de Pontevedra, a Lérez UP, chega moi forte á súa cuarta edición con récord de participación para os torneos de videoxogos ou para o concurso de baile K-POP e novas propostas como unha zona dedicada á moda Lolita; un taller de creación web impartido por Wordpress, a posibilidade de probar a disciplina do kendo ou mesmo casar con quen ou co que queiras na túa “voda friki”. Xogos de mesa, cartas, videoxogos, obradoiros do máis variado, charlas didácticas, música, baile e distintas expresións artísticas terán o seu punto de encontro o 13 e 14 de setembro en Pontevedra.

    Ofrecido por

  • Máis de 5.000 persoas na Lérez Up. «Antes ríanse dos frikis e agora queren ser os nosos amigos»

    Non sabemos se ser friki está de moda, pero o que está claro é que mola. Toda unha cultura nun sentido amplo que vai máis alá dos videoxogos é que abrangue expresións artísticas a mans cheas, tal e como puidemos comprobar na terceira edición da Lérez Up, Salón do ideoxogo e da cultura friki que se desenvolveu en Pontevedra a pasada fin de semana. 

    Vinte pasou pola feira para parolar cos asistentes e comprobar in situ que se movía por alá, e abofé que era moito: desde a zona K-POP ata os desfiles do Cosplay, xogadoras e xogadores de Valorant, Smash ou Pokémon, pasando polos stands ou a zona de Star Wars e os do Idol Games non paraban de bailar… Máis de 5.000 persoas asistiron á Lérez UP, récord absoluto que achega novos folgos á Gaming Troop e ao Concello de Pontevedra cara a preparar a seguinte edición.

    Creación

    Coa colaboración de

  • Lérez Up. Cultura friki: moito para crear… e tamén facturar

    Apenas quedan horas para que abra as súas portas a terceira edición da Lérez Up, salón do videoxogo e a cultura friki, que se celebra esta fin de semana no Recinto Feiral de Pontevedra, e este resulta un momento perfecto para profundar nisto da cultura friki e as súas expresións artísticas.

    Sabres de luz, bixutería en origami, retrato a bolígrafo, creación de monicreques, caligrafía xaponesa... Estas son algunhas das técnicas que protagonizan os obradoiros aos que se pode asistir na feira, que se complementan con charlas sobre o día a día do traballo na creación artística, con consellos moi prácticos, porque os frikis tamén facturan.

    Creación

    Ofrecido por

  • Lérez Up. Claves para o teu primeiro cosplay: creatividade, paciencia e, sobre todo, pasalo ben

    Hai dez anos as persoas que facían cosplay eran poucas ou non tiñan moito palco onde exhibir o seus modelos e, polo tanto, darse a coñecer. Co auxe das redes sociais, e especialmente do TikTok durante a pandemia, esta forma de expresión artística que consiste en caracterizarse como un personaxe de ficción xa sexa dun videoxogo, anime ou serie, colleu pulo e hoxe en día vive o seu boom con congresos internacionais e unha comunidade en redes nunca vista. 

    Na Lérez UP, que se celebrará en Pontevedra a fin de semana do 28 e 29 de setembro, tamén terá moito protagonismo o cosplay, cunha prometedora pasarela aberta ao público e charlas didácticas para avanzar no desenvolvemento desta arte. Falamos con MeryNyan, Kaisiwiwi e Akurin, recoñecidas cosplayers e membros do xurado neste Salón do videoxogo e da cultura friki.

    Ofrecido por

Faite de vinte

A partir de 5€ mensuais podes suscribirte a VINTE e colaborar para que sigamos a producir contidos de calidade pagando dignamente as colaboracións de vídeo, fotografía, ilustración, xornalismo e creación de todo tipo.