A Lérez Up medra con máis xogos, moda 'lolita' e ata vodas frikis en Pontevedra

Ofrecido por

Detalle dun stand na Lérez Up 2024. CC-BY-SA David Freire

A feira máis friki de Pontevedra, a Lérez Up, chega moi forte á súa cuarta edición con récord de participación para os torneos de videoxogos ou para o concurso de baile K-POP e novas propostas como unha zona dedicada á moda Lolita; un taller de creación web impartido por Wordpress, a posibilidade de probar a disciplina do kendo ou mesmo casar con quen ou co que queiras na túa “voda friki”. Xogos de mesa, cartas, videoxogos, obradoiros do máis variado, charlas didácticas, música, baile e distintas expresións artísticas terán o seu punto de encontro o 13 e 14 de setembro en Pontevedra. 

 

“O noso obxectivo é que a xente saia contenta, porque todos e todas terán que facer, hai actividades para todas as idades”, relata Sonia Piñeiro, do equipo de comunicación da Gaming Troop, entidade que organiza, xunto co Concello de Pontevedra, a Lérez UP, o salón do videoxogo e a cultura friki, que se celebra a fin de semana do 13 e 14 de setembro no Recinto Feiral de Pontevedra. 

A Lérez Up acada xa a súa cuarta edición, cun crecemento constante na oferta e, ao tempo, a asistencia de público, que superou o pasado ano as 5.000 persoas (na súa primeira edición, en 2022, xa rexistrara 3.000). “Tampouco pretendemos chegar ás 6.000 ou 7.000 persoas, pero si que queremos seguir medrando amodo e chegar ás 5.500 este ano”, explica Sonia Piñeiro. 

Para esta edición, tanto a convocatoria de artistas como o concurso de K-POP  pecharon inscricións con récord de participación, segundo explican desde a organización, que salienta tamén o cento de inscritos no torneo do videoxogo Super Smash Bros Ultimate, unha das citas máis populares e que xeran máis comunidade, con xogadores de todas partes de España e Portugal.

Zona de videoxogos na pasada edición da Lérez Up. CC-BY-SA David Freire

Este ano o evento incorpora novas zonas e reforza as novidades da edición anterior que tan ben funcionaron, como é o caso da zona K-POP, da realidade virtual ou do espazo para os amantes de Stars Wars

“Hai actividades para todas idades e para todos os gustos: videoxogos, creación, arte, deseño, xogos de mesa, cartas, baile, charlas… penso que vai ser un fin de semana inesquecible”, relata Sonia Piñeiro.

O salón incorpora zonas e reforza as novidades da edición anterior que tan ben funcionaron, como é o caso da zona K-POP, da realidade virtual ou do espazo para os amantes de Stars Wars

Desde a organización destacan que a Lérez Up converteuse nun punto de encontro interxeracional, reunindo familias, mozos e adultos en torno aos videoxogos, a cultura xaponesa ou coreana, o manga e o anime. Para facer realidade esta evento, a feira conta con 50 persoas entre voluntarias e traballadoras e máis de 20 entidades colaboradoras.

Durante estes dous días de lecer alternativo en Pontevedra non faltará o popular concurso de Cosplay ou a música en directo de Yell0, coas seus remixes das músicas das series anime ou de videoxogos.

Na zona de xogos de mesa destacan os torneos de Catán e Warcrow. Na zona Card Games, volven os torneos de Pokémon TCG, Magic The Gathering e presentarase o Riftbound, o novo xogo de cartas de League of Legends . Haberá tamén un taller de pintura de miniaturas e por primeira vez, creadores independentes poderá amosar, explicar e mesmo xogar co público asistente. 

Na zona Card Games, volven os torneos de Pokémon TCG, Magic The Gathering e presentarase o Riftbound, o novo xogo de cartas de League of Legends

“Para nós é importante non só o entretemento, senón tamén que a xente poida aprender e empaparse do coñecemento dos profesionais e por iso haberá charlas sobre Cosplay, ciberseguridade ou arte”, detalla Rocío Fernández, do equipo de comunicación da Gaming Troop.

Xurado do Cosplay da Lérez Up 2024. CC-BY-SA David Freire

Neste eido, Fernández pon o foco nas dúas mesas redondas previstas, un formato que tamén tivo a súa estrea na edición anterior e que se consolida nesta con dúas temáticas ben interesantes. Na primeira, o sábado ás 16.00 h, o colectivo FemDevs, mostrará de forma didáctica como calquera pode lanzarse a crear videoxogos; e xa no domingo ás 16.30 horas o colectivo El Bertedero, que agrupa artistas galegos, falarán de como crear en comunidade a través do fanzine e o webcómic.

Outra das novidades deste ano é a zona kendo, onde se poderán ver exhibicións desta disciplina con espadas de bambú e mesmo probar a súa práctica, grazas á colaboración do Club de Kendo Fuji Dojo. O kendo súmase así ao jugger, que repite na Lérez Up grazas a Jugger Vigo. Os coruñeses de Escuadrón SAS, pola súa banda, volverán encher a feira de duelos de sabre láser e actividades ambientadas no universo Star Wars. 

Haberá tamén nesta edición por vez primeira unha zona dedicada á moda lolita, dan man da asociación Alén das Avelaíñas, que amosarán os seus coidados deseños a través dun desfile, ademais de preparar unha exposición sobre esta moda e un coidado photocall coa temática de Alicia no país das marabillas

Wordpress impartirá un taller sobre a creación de páxinas web baixo o nome Lanza o teu propio reino web, sen ser vasalo de plataformas como Instagram ou TikTok

Esta edición o evento conta tamén coa colaboración de Wordpress, que patrocinará a zona K-POP, co seu concurso de baile, karaoke, random dance, o kahoot e ata un bingo musical. Ademais desde a plataforma impartirán unha charla sobre identidade dixital e un atractivo taller sobre a creación de páxinas web baixo o nome Lanza o teu propio reino web, sen ser vasalo de plataformas como Instagram ou TikTok. “Non sabemos se de aquí a tres anos haberá redes sociais ou cales, por iso é importante contar con teu propio espazo na web”, argumenta Rocío Fernández.

K-POP na Lérez Up 2024 CC-BY-SA David Freire

Mención á parte merecen as propostas do colectivo coruñés Idol Games, que disporán dunha divertida zona onde xogar ao bingotaku, con nomes de personaxes de anime, un audiotrivial para adiviñar as cancións máis frikis, ou o just dance non stop, con torneo para que o desexe. Ademais, este ano o colectivo ofrece a posibilidade de organizar a túa propia voda friki para casar con quen o ou co que queiras. Valen parellas monógamas, poliamorosas… o importante é o amor, aseguran desde a organización.

As entradas están dispoñibles na web do evento cun prezo reducido ata o venres 12 de setembro ás 12:00h: seis euros por un día e nove para os dous días. A partir desa data, poderán adquirirse tamén na billeteira durante o evento cun incremento de 1 euro.

Podedes consultar a programación e toda a información da Lérez U na súa web e nas redes sociais da Lérez Up.

Vanesa Vázquez

Vanesa Vázquez

Viguesa do Calvario. Comecei e aprendín en Atlántico Diario, Radio Vigo e Expansión. Cada día conta e agora contámolo en VINTE e Praza.gal. 

Tamén che interesa

  • Lérez UP. Frikis e ‘gamers’ de todas as idades encherán Pontevedra de lecer alternativo o 28 e 29 de setembro

    Un Chewbacca de dous metros, espadas de luz, Tetris e Jenga xigantes; ducias de ordenadores e consolas para xogar e competir; condución con realidade virtual, obradoiros de debuxo, bailes de KPOP e Naruto desfilando grazas ao Cosplay. Todo isto e moito máis terá lugar en Pontevedra o 28 e 29 de setembro na Lérez Up, Salón do videoxogo e a cultura friki que acada xa a súa terceira edición. 

    Ofrecido por

  • Lérez Up. Cultura friki: moito para crear… e tamén facturar

    Apenas quedan horas para que abra as súas portas a terceira edición da Lérez Up, salón do videoxogo e a cultura friki, que se celebra esta fin de semana no Recinto Feiral de Pontevedra, e este resulta un momento perfecto para profundar nisto da cultura friki e as súas expresións artísticas.

    Sabres de luz, bixutería en origami, retrato a bolígrafo, creación de monicreques, caligrafía xaponesa... Estas son algunhas das técnicas que protagonizan os obradoiros aos que se pode asistir na feira, que se complementan con charlas sobre o día a día do traballo na creación artística, con consellos moi prácticos, porque os frikis tamén facturan.

    Creación

    Ofrecido por

  • Máis de 5.000 persoas na Lérez Up. «Antes ríanse dos frikis e agora queren ser os nosos amigos»

    Non sabemos se ser friki está de moda, pero o que está claro é que mola. Toda unha cultura nun sentido amplo que vai máis alá dos videoxogos é que abrangue expresións artísticas a mans cheas, tal e como puidemos comprobar na terceira edición da Lérez Up, Salón do ideoxogo e da cultura friki que se desenvolveu en Pontevedra a pasada fin de semana. 

    Vinte pasou pola feira para parolar cos asistentes e comprobar in situ que se movía por alá, e abofé que era moito: desde a zona K-POP ata os desfiles do Cosplay, xogadoras e xogadores de Valorant, Smash ou Pokémon, pasando polos stands ou a zona de Star Wars e os do Idol Games non paraban de bailar… Máis de 5.000 persoas asistiron á Lérez UP, récord absoluto que achega novos folgos á Gaming Troop e ao Concello de Pontevedra cara a preparar a seguinte edición.

    Creación

    Coa colaboración de

  • Lérez Up. Claves para o teu primeiro cosplay: creatividade, paciencia e, sobre todo, pasalo ben

    Hai dez anos as persoas que facían cosplay eran poucas ou non tiñan moito palco onde exhibir o seus modelos e, polo tanto, darse a coñecer. Co auxe das redes sociais, e especialmente do TikTok durante a pandemia, esta forma de expresión artística que consiste en caracterizarse como un personaxe de ficción xa sexa dun videoxogo, anime ou serie, colleu pulo e hoxe en día vive o seu boom con congresos internacionais e unha comunidade en redes nunca vista. 

    Na Lérez UP, que se celebrará en Pontevedra a fin de semana do 28 e 29 de setembro, tamén terá moito protagonismo o cosplay, cunha prometedora pasarela aberta ao público e charlas didácticas para avanzar no desenvolvemento desta arte. Falamos con MeryNyan, Kaisiwiwi e Akurin, recoñecidas cosplayers e membros do xurado neste Salón do videoxogo e da cultura friki.

    Ofrecido por

Faite de vinte

A partir de 5€ mensuais podes suscribirte a VINTE e colaborar para que sigamos a producir contidos de calidade pagando dignamente as colaboracións de vídeo, fotografía, ilustración, xornalismo e creación de todo tipo.