A última moda editorial é o audiolibro: ler escoitando —e vía servizo de streaming— os libros. O mercado medrou de forma notable nos últimos anos, pero a oferta en galego é mínima. Por que as editoras non se lanzaron aínda en masa á súa conquista? A resposta está nos custes e na propia natureza do mercado. O audiolibro é un espello, en realidade, de moitos máis problemas do libro galego.
Alá polos comezos da internet comercial, tamén empezaron os podcasts. Foron un absoluto fracaso. Primeiro, producir contidos cunha mínima calidade sonora non estaba ao alcance de todo o mundo. Despois, porque o ancho de banda necesario para descargalos rápido estaba bastante lonxe do que a xente podía dispoñer. Non foi ata que internet foi moi rápida, que se asentaron os smartphones (e poder ir escoitando en movemento) e que a produción de audio se volveu accesible que os podcasts tiveron o seu momento de gloria.
Agora, son un deses tipos de contidos que moita xente escoita e que as grandes empresas de medios queren producir para facer caixa. Está chamado o audiolibro a ter unha vida paralela?
Os audiolibros —en resumidas contas, lecturas en alto gravadas dos libros— non son en esencia unha novidade tan nova. Consumir libros lidos en voz alta é algo vellísimo, un ubicuo ritual de lectura do pasado. Mercar libros en audio non é, tampouco, unha cousa que antes non se fixera. Moitas persoas criadas nos 80 e nos 90 recordarán as casetes de contos infantís que non eran tan raras nas casas e nos coches.
En Estados Unidos o mercado move xa cifras milmillonarias e os lanzamentos das edicións audio dos libros de moda son coidadas ata o extremo. Por haber ata hai xa voces estrela entre quen narra as historias
Os do século XXI non chegan en cintas, senón que son consumidos en streaming. Igual que se ven series en Netflix ou Disney+, escóitanse libros a demanda en Nextory, Storytel ou Audible. En Estados Unidos, o mercado move xa cifras milmillonarias e os lanzamentos das edicións audio dos libros de moda son coidadas ata o extremo. Por haber ata hai xa voces estrela entre quen narran as historias.
A España, o formato chegou un pouco máis tarde, como tamén pasou co boom dos podcasts. Secasí, nos últimos anos, as notas de prensa insisten en falar do éxito do formato e en dar porcentaxes do seu potencial crecemento. Audible —a plataforma de Amazon— chegou no arranque de 2021 e aos poucos meses xa falaba de que os audiolibros estaban a conquistar a audiencia española.
Está o mercado receptivo a esta novidade do mundo do libro? «España ten unha gran tradición no que a escoita se refire», apuntan agora dende Audible. «As radionovelas formaron parte da rutina dunha morea de familias ao longo das últimas décadas», suman. Isto é, escoitar historias non é algo tan raro e, por iso, o público está preparado para acceder aos contidos en formato audio. E si, nos últimos anos, houbo un crecemento tanto das escoitas como dos audiolibros dispoñibles, confirman.
Os datos do estudio Audible Compass falan de que o 77% dos españois escoitou un libro ou un podcast en 2023, un 4% máis que no ano precedente. «E un 51% son oíntes frecuentes, é dicir, escoitan contidos de audio polo menos unha vez ao mes», dinme. Son cifras moi elevadas e a voz xornalística empuxa a matizalas (non falan só de audiolibros) e a contrastalas. Aínda así, o máis aséptico Barómetro de Hábitos de Lectura y Compra de Libros en España, que elabora a Federación de Gremio de Editores de España, fala de que entre 2018 e 2023 triplicouse o consumo de audiolibros. Un 6,9% de toda a poboación maior de 15 anos escóitaos. Entre os 25 e os 34, son o 12,7%.
E, aínda que existe a tentación de facer do audiolibro un inimigo do libro —como tanto se fixo entre o libro de papel e o ebook hai uns anos—, a industria ve os formatos como compañeiros. Dende Audible dinme que son «un formato complementario á lectura tradicional». Lese en múltiples formatos e o audio abre novas ventás para facelo. «Os datos confírmannos que o audio chegou para quedar e que é unha industria que está en auxe», dinme dende Audible. «Escoitamos cada vez máis e queremos seguir facéndoo», apuntan.
Que pasa con audiolibro galego?
Por suposto, este é o pulso xeral do Estado. Se facemos unha radiografía do audiolibro galego, os datos son distintos. Xa lle pasou ao libro electrónico, que tivo un comezo moi modesto.
Quixen atopar o número exacto, o censo de cantos audiolibros existen en galego, para poder sustentar esta conclusión con cifras. Non foi posible. O mercado está fragmentado en múltiples plataformas nas que non sempre é doado segmentar por idiomas o que ofrecen. Mesmo preguntando directamente, facer estatísticas non é sinxelo. Dende Audible confírmanme que non poden dar porcentaxes concretos, pero si que teñen audiolibros en galego (están, por exemplo, nos seus propios libros, Audible Original, nos que me sinalan que publicaron en audio A revolta dos animais e Sibarís). Con todo, as editoriais coas que falei directamente confirman que non se están facendo edicións en audio de forma masiva. Máis ben, poderíase dicir o contrario.
Falar de audiolibros con Rinoceronte parece obrigado, porque foron a editorial pioneira no tema. Antes de que fose mainstream, xa facían audiolibros que publicaban en soportes físicos. «En 2011 publicamos a nosa primeira quenda, porque considerabamos unha posibilidade interesante para poder usalos durante os desprazamentos (especialmente ao volante) ou para o público invidente (pola nosa dificultade de publicar en braille)», apúntanme a dúas voces o director de Rinoceronte, Moisés Barcia, e a editora Anxa Correa. Ademais, vían nesta edición un xeito de «afacer o oído a unha fonética propia galega», xa que estaban locutados por actores profesionais de dobraxe.
«O público agora é máis receptivo a escoitar un audiolibro, do mesmo xeito que escoita un podcast, pero non sabemos ata que punto isto pode ser unha moda ou tenderá a converterse en algo común», apuntan desde Rinoceronte
Hai dez anos publicaron a súa última quenda. En Europa, dinme, había unha tradición de escoita de libros que aínda non existía en Galicia, ao que suman que a tecnoloxía de entón e a de agora son distintas. «O público agora é máis receptivo a escoitar un audiolibro, do mesmo xeito que escoita un podcast, pero non sabemos ata que punto isto pode ser unha moda ou tenderá a converterse en algo común», apuntan Barcia e Correa.
Aí está a cuestión fundamental en todo isto. Ten mercado en Galicia o audiolibro? Dende unha das editoriais preguntábanse se o formato podería ter sentido en lugares nos que hai que facer desprazamentos ao traballo que implican moito tempo pero menos en lugares nos que iso é menos habitual. O certo é que, segundo Audible Compass, si son Madrid e Barcelona quen lideran o consumo deste tipo de contidos.
E mesmo se volvemos á comparación co libro electrónico, anos despois —e cando as editoriais xa están facendo moito máis do que facían en ebook nos inicios do formato— esta lectura non ten tanto peso en galego. Galaxia non publica todos os seus libros en ebook, só unha escolma (e non en Amazon), pero o electrónico é algo residual nas súas cifras de lectura. Dende Xerais confirman que a facturación en electrónico non pasa do 5% (aínda que, en castelán, tampouco se falan de cifras moito máis elevadas). O ebook, dime o seu director, Fran Alonso, funciona ben en préstamos na plataforma das bibliotecas, GaliciaLe.
De volta ao audiolibro, Rinoceronte está recuperando algúns dos que xa tiña gravados e editados e subíndoos a plataformas como Odilo. «Cando vexamos que realmente paga a pena, poderemos retomalo en consideración, pero agora mesmo non estamos nesas», dinme Correa e Barcia.
Galaxia quere lanzar unha liña para o público infantil, con obras de teatro e obras literarias curtas. E Xerais probou a experiencia cun libro, un dos de Astérix. «Fixemos un», explica Alonso. «Foi complicado», resume. A experiencia mostroulles que os custos son altísimos e que resulta moi difícil amortizar investimento. Precisas as voces, o estudio, a produción e posprodución ou a dirección de arte. En resumidas contas, non é sentarse diante do micrófono e poñerse a ler. Recuperar o investido e obter beneficios «é o problema real».
Para as editoriais galegas resulta moi difícil amortizar investimento. Precisas as voces, o estudio, a produción e posprodución ou a dirección de arte. En resumidas contas, non é sentarse diante do micrófono e poñerse a ler
Para os grandes xigantes do mercado editorial español, as cousas son distintas. Xa non só porque teñen un mercado moito máis amplo, senón tamén porque contan cos seus propios estudios. E Amazon, por suposto, xoga con normas e razóns propias.
A cuestión do custe é, así, un dos elementos fundamentais, mesmo se a Xunta acaba de anunciar unha liña de axudas específica. E é especialmente importante porque as editoriais tamén se preguntan se os audiolibros terán ou non o seu público. É o que me di o director de Edicións de Editorial Galaxia, Marcos Calveiro, cando me fala de por que comezar coa literatura infantil: un audiolibro para adultos ten custes moito máis elevados que un infantil —son, en xeral, máis longos e máis complexos a nivel sonoro— e non saben si haberá un público receptivo para el. «Parecíanos máis difícil», apunta.
Xoga o mercado do libro galego con malas cartas xusto pola súa propia natureza, ser pequeno e aínda precario? «Toda innovación supón un risco e a febleza do sistema editorial galego tende a ser conservador por este motivo», dinme Barcia e Correa. Con todo, eles intentan estar á vangarda, cóntanme.
O problema de base
Ao final, para falar da cuestión dos audiolibros hai que ir á esencia. Preguntáballe a Alonso se antes de lanzarse a abordar a cuestión do audio habería que pensar en cousas máis básicas. «Dende logo», concede, e recorda os datos do Barómetro da Lectura. O 62% da poboación galega é lectora, unha cifra bastante positiva, pero, en realidade, só o 0,7% o é en lingua galega (como lectora habitual, se sumamos tamén a lectura ocasional a porcentaxe sobe ao 3,9%). Como apunta á súa vez Calveiro, o grave problema está en que se le pouco. A masa crítica de lectores da lingua galega está envellecendo e non se incorporan novos, suma. Pero isto é «un problema social», algo que non só está afectando ao libro galego senón á lingua galega en termos máis xerais.
O 62% da poboación galega é lectora, unha cifra bastante positiva, pero, en realidade, só o 0,7% o é en lingua galega como lectora habitual. Se sumamos tamén a lectura ocasional a porcentaxe sobe ao 3,9%
E pode que, como me di Alonso, a literatura galega estea nun momento de excelencia, pero iso «non ten un reflexo nas vendas». «É moi difícil competir nas librarías e nos medios de comunicación», explica.
A industria do libro é crítica co que se está a facer a un nivel macro. Calveiro lembra que existe unha Lei do Libro e da Lectura que «quedou en papel» e non se está aplicando. Alonso sinala que a Xunta non ten políticas activas, que non hai un plan potente e ambicioso de dinamización da lectura.
Estas ausencias teñen ademais moitas máis ramificacións das que se pode pensar dende fóra do mundo do libro, algunhas un tanto inesperadas. Véxase o que me conta Calveiro cando lle falo por unha das miñas obsesións, a de preguntar por que non se importan best-sellers ao galego. «É moi complicado», dime. «Mando un correo para mercar os dereitos en galego e estou á cola na oficina de dereitos», explica. Tardan tempo en chegar ata as editoras galegas (tempo que, nun mercado do inmediato, é un problema extra) e, mesmo se hai unhas condicións de publicación asumibles dende o galego, é probable que cando lle toque saír a ese libro xa o teña feito en castelán e estea o mercado papado.
En todo este proceso, as editoriais teñen que facer ademais un certo evanxelismo. Deben explicar fóra que é iso da lingua galega e a súa situación. «Non teñen ningunha referencia», apunta Calveiro. E aquí o papel institucional é crucial. Outras linguas con cifras de falantes similares ou máis baixas non o teñen porque hai un traballo previo de explicar á industria quen son e de onde veñen. Os seus organismos públicos traballan iso. O editor sinala que sería o que debería facer un Instituto Rosalía de Castro (que non é unha quimera, está na lei do libro) ou que xa existen lectorados de galego polo mundo que non se están aproveitando como embaixadores da lingua. «É moi complicado traer os dereitos dun libro de fóra por iso», resume.
E, despois, na cuestión dos best-sellers e os xéneros que aínda non se publican en galego hai outros factores. Sempre me pregunto por que non se publica novela romántica. Se non podemos ler os Bridgerton non é só por todo este complexo mundo dos dereitos e pola cuestión de se queda mercado cando en castelán xa se arrasou en ventas, a industria tamén se fai outras preguntas.
Calveiro cóntame que, nesa liña, pensaron algunha vez nos títulos de fantasía (o romantsy é, xustamente, un dos xéneros que máis se venden agora mesmo). Preguntáronse se quen le ese xénero tamén o faría en galego. E unha reflexión que tamén se fai Alonso cando falamos da romántica para adultos, a de se serían capaces ou non de chegar a ese público. E algo que pasa tamén con outros xéneros moi populares entre o público adolescente e o que agora se chama novos adultos, a de como facer esa oferta e entrar nese circuíto dende o galego. O director de Xerais dime que faltan redes.
Eles van publicar despois do verán a moi popular serie de novelas gráficas Heartstopper. Foi «un esforzo brutal e queremos facelo», dime. «Temos que estar aí», sinala. A adolescencia é, xustamente, o momento no que se perden lectores, pero si o castelán os recupera (algúns) logo como adultos para o galego é un perda xa para sempre.