Iria Silvosa: "Por que parece que a miña vida non é válida para alugar un piso?"

Co patrocinio de

Iria Silvosa no Cadramón (Lugo) © cedida

A cineasta Iria Silvosa comparte a súa experiencia cos alugueiros en Santiago de Compostela desde a acampada pola vivenda do Obradoiro. Entre as múltiples casuísticas que se converteron en dificultades para atopar un alugueiro nos últimos tempos: o racismo, a homofobia, a fobia ás crianzas ou a esixencia de non alugar a traballadoras autónomas, a Silvosa tocoulle a limitación por convivir con animais

 

“Saín de traballar e vin para aquí”, lembra Iria Silvosa sobre a primeira noite da acampada pola vivenda da Praza do Obradoiro. “Estaba desexando que xurdira algo así”, asegura. A esta veciña de Compostela os seus caseiros botárona do piso no que levaba residindo cinco anos –e abonando puntualmente o alugueiro– tras unha persecución para subirlle a cota mensual de maneira ilegal.

Esta situación, contra a que loitou coa axuda dun avogado especializado e mentres vía como tiña que poñer patas arriba toda a súa vida, mantívoa os dous últimos anos en alerta, co conseguinte desgaste da saúde mental.

Iria Silvosa graduouse en Comunicación Audiovisual, é cineasta e traballa nun proxecto cultural do que tamén é socia, que forma parte do tecido de comercios locais de Santiago. Aínda así, vive ao límite e non é quen de aforrar porque o alugueiro lévase unha porcentaxe moi alta do seu salario.

Antes de que o pesadelo cos caseiros comezara, residía nun edificio no que tiña bo trato coas veciñas e estaba a gusto. “Era a miña vida”, lembra. Tamén tiña boa relación inicial co caseiro, con quen despois de moito falar incluso conseguiu varias melloras nas humidades da vivenda. “Cando cheguei a ese piso non pechaban as fiestras e había musgo con DNI”, detalla.

A cineasta Iria Silvosa © Novos Cinemas

Un día o caseiro avisouna de que “quería un 50% máis do que xa pagaba ao mes” e levou o seu fillo como interlocutor. Este berroulle e ameazouna con que se non aceptaba esa suba do alugueiro tiña que marchar. Aí comezou a loita co avogado, que o primeiro que fixo foi explicarlle que esas esixencias eran “totalmente ilegais”.

Logrou aguantar máis dun ano, pero en canto chegou a data de vencemento do contrato sabía que estaba fóra: “Chegou o momento de renovar e, evidentemente, non renovou; entón, eu vinme nunha situación que tiven que coller vacacións porque quedaba sen piso e non podo traballar se non teño unha casa aquí”.

"Creo que estamos normalizando cousas moi fortes, como que as nosas opcións de ter unha vivenda en propiedade pasan por que che morra un familiar"

Entre as múltiples casuísticas que se converteron en dificultades para atopar un alugueiro nos últimos tempos: o racismo, a homofobia, a fobia ás crianzas ou a esixencia de non alugar a traballadoras autónomas, a Iria Silvosa tocoulle a limitación por convivir con animais. En concreto, dúas cadelas.

“Púxenme a buscar inocentemente nos sitios web de Idealista e Fotocasa e as miñas oportunidades eran de ‘-3 casas para ti”, lembra desde a acampada do Obradoiro. Finalmente, e grazas á xente que coñeceu nos diferentes movementos pola vivenda de Santiago, soubo dunha cada que dividiran en dúas partes e que alugaban a de arriba.

“Non me podo poñer de pé no 30% da casa, pero polo menos podo vivir coas cadelas”, asegura. Neste proceso de busca nunca ocultou a súa existencia. “Por que parece que a miña vida non é válida para alugar un piso? Non quería mentir, xa viña de ter moita ansiedade”, conta.

Acampada pola vivenda na Praza do Obradoiro CC-BY-SA Ana G. Liste/VINTE

En 2018 buscara piso en Compostela e afirma que non era así. Agora fixéronlle preguntas sobre se lle gusta o seu traballo, obrigárona a participar en visitas en grupo a vivendas nas que a persoa que decida máis rápido queda co contrato e nas inmobiliarias chegaron a dicirlle que non alugan pisos a “xente con animais”.

"Non é só o piso, é que sentes que podes perder o teu traballo, a túa vida..."

A tensión provocou que a súa saúde mental se resentise. “Non é só o piso, é que sentes que podes perder o teu traballo, a túa vida... Moita xente da miña rede marchou nos últimos anos a casas familiares pola imposibilidade de alugar. Veste soa a nivel físico, a xente vaise, rompen a túa rede por completo... Non é só quedar sen casa, a casa é o básico, pero é que no meu caso eran a casa, as amizades, a familia elixida e perder o traballo”, razoa.

Outra consecuencia deste contexto de emerxencia é que non hai tempo para a arte. “O traballo creativo precisa tempo, e en realidade a miña creatividade estase dirixindo ao vital porque tiven que pensar moitas opcións para ver de que forma podería seguir encaixando manter o meu traballo aínda que deixase de vivir aquí, ou ver que posibilidades laborais teño, máis alá do o traballo que xa teño e que non o quero deixar, pero por se me vexo me obrigada a deixalo”, argumenta.

Fotograma da curtametraxe de Iria Silvosa 'A Pena' © Iria Silvosa

“Creo que estamos normalizando cousas moi fortes, como que as nosas opcións de ter unha vivenda en propiedade pasan por que che morra un familiar. É moi gore, pero está pasando, e non debera ser unha oportunidade que che morra un familiar”, agrega Silvosa.

O verán que se mudou ao piso no que reside na actualidade foi o que tivo que rodar a curtametraxe A Pena, coa que participa a próxima semana no Festival Internacional de Cine de Xixón. Pedira unha axuda na Agadic e tiña que cumprir cos prazos se quería aproveitala. Recoñece que non puido gozar como lle gustaría, porque o viviu con moita frustración.

"Desde a mirada de quen intenta nomear o mundo por primeira vez, articúlase este caderno de notas audiovisual que explora algunhas das formacións rochosas máis singulares da paisaxe no que medrei, na comarca da Terra Chá"

“Cámara en man, saio á procura da Pena, palabra galega que nomea tanto unha rocha grande e prominente como un sentimento de dor ou angustia. Desde a mirada de quen intenta nomear o mundo por primeira vez, articúlase este caderno de notas audiovisual que explora algunhas das formacións rochosas máis singulares da paisaxe no que medrei, na comarca da Terra Chá”. Así describe Iria Silvosa esta curtametraxe rodada en Super 8 que produce xunto a Sétima e distribúe La Machina.

Iria Silvosa defende que “a base da cultura é crear comunidade”. Considera que vivimos unha transformación para que a cultura se poida ‘consumir’ de maneira solitaria, pero aposta por non esquecer “o que gozamos cando a compartimos con máis xente”. “A esencia da cultura é o comunitario”, salienta. Agora está cansa, leva participando na acampada do Obradoiro máis dun mes, pero asegura que non está derrotada.

Cartaz da curtametraxe 'A Pena', de Iria Silvosa CC-BY-SA Sétima/La Machina
Ana G. Liste

Ana G. Liste

Xornalista viguesa do 90. Traballei en medios como Faro de Vigo, El País e Europa Press. Formo parte da Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e son unha máis en Xornalistas Galegas. Agora estou entre Praza.gal e VINTE.

Tamén che interesa

  • Darío Oliva, 'filmmaker' “Gustaríame estudar cinematografía e aprender de todo: ser foquista, operador de cámara, director…”

    Con 16 anos, Darío Oliva ten moi claro que lle gustaría estudar cinematografía "para aprender a facer eses planos tan pintorescos que vemos" na pantalla e logo traballar en algo relacionado co mundo da imaxe, que leva explorando nos últimos tempos dun xeito moi profesional. Coa súa primeira foto, feita co móbil, xa soubo apreciar a beleza da composición e non tardou en aforrar para mercar unha cámara réflex e poder tomar en serio a fotografía. Estaba en primeiro da ESO e, desde entón, non parou. Como participante do 'Aquí tamén se fala galego', do IES Rafael Dieste, recibiu formación en  gravación e edición de vídeo e vén de pechar un verán cheo de retos e aprendizaxes en eventos como o Festival Viñetas desde o Atlántico ou o FEC (Festival Electrónico Coruñés). "Que feliz me fai isto que fago. Que sorte teño", subliña o estudante de Bacharelato.

    VINTE na rúa

    Coa colaboración de

  • Diego Currás, canteiro “A pedra fai parte da nosa cultura, namora, sempre tiven esa paixón”

    Din os vellos que antes en todas as casas había un canteiro, pero agora en toda Galicia deben quedar uns 200. Diego Currás é canteiro. Co seu primeiro salario aos 14 anos mercou un disco para a rebarbadora e comezou a facer cousiñas na pedra, nun pendello da súa casa, en Taboadela, e desde entón non parou de aprender o oficio de tallar a pedra, un coñecemento que o levou a participar mesmo nos labores de restauración da Catedral de Santiago. Non quedan moitos, pero os que están teñen encargos abondos. “Os canteiros que imos quedando temos traballo; é raro a semana que non rexeito unha obra”, asegura. 

    VINTE na rúa

    Coa colaboración de

  • Caterina Varela “Levar dez anos cun proxecto como as Residencias Paraíso é toda unha conquista”

    Asegura que cada vez “pensa, máis que baila, a danza”, mais a Caterina bailarina resiste, permanece. A danza sempre está, aínda que non sempre sexa o seu propio corpo o suxeito activo. Artista, comisaria, creadora, xestora cultural e curadora... Ser bailarina e ter unha compañía de danza son cousas ben distintas. Sábeo desde os 25, cando levaba xa anos bailando de forma profesional e fundou a compañía La Macana, xunto co seu compañeiro Alexis Fernández. Caterina Varela dirixe tamén o colectivo RPM, que vén de celebrar os seus 10 anos de Residencias e Encontros Paraíso, todo un éxito e “unha auténtica conquista”, segundo explica a artista.

    VINTE na rúa

    Coa colaboración de

  • Paula Pintos, artista sonora e psicóloga "Precisamos abrir espazos onde poidamos parar, respirar, sentirnos e acompañarnos”

    "Non teño conciencia de existir sen ter melodías na cabeza, sen usar a miña voz, sen xogar con ela". A artista sonora e psicóloga coruñesa Paula Pintos protagoniza unha nova entrega do espazo Vinte na rúa. Pintos canta, experimenta coa voz, estúdaa e desenvolve a súa proposta artística ao tempo que tamén defende o seu uso na práctica terapéutica. VINTE estivo no festival Entre Covas, en Seadur (Larouco), para presenciar a estrea da súa nova proposta, Ícaro, e parolar con Paula Pintos.

    VINTE na rúa

    Coa colaboración de

  • Lula Goce: “Os artistas poden achegar moitísimo ao benestar social, a pensar os espazos dunha maneira máis humana”

    “Sempre me gustou pintar, realmente sempre se me deu ben”. Din que ninguén é profeta na súa terra, mais a artista urbana Lula Goce vén de rematar en Baiona A Doca, o mural máis grande de España, con case 350 metros de longo e uns 1.400 metros cadrados de arte e traballo duro para cambiarlle a face ao espigón da súa vila natal. Asegura que foi unha gran responsabilidade polo propio significado do lugar para a o pobo baionés e para ela mesma, mais fica orgullosa co resultado, que brinda unha homenaxe á xente do mar.

    Goce leva feitos máis dun cento de murais por todo o mundo e está agora “moi focalizada” en proxectos de intervención urbana, onde poida traballar en colaboración con outras disciplinas para mellorar os espazos que habitan as persoas.

    VINTE na rúa

    Coa colaboración de

Faite de vinte

A partir de 5€ mensuais podes suscribirte a VINTE e colaborar para que sigamos a producir contidos de calidade pagando dignamente as colaboracións de vídeo, fotografía, ilustración, xornalismo e creación de todo tipo.